Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Axenda / Detalles - X Festival Retrouso en Cela (Bueu)

EMAIL Imprimir

Axenda

Evento 

Título:
X Festival Retrouso en Cela (Bueu)
Cando:
28.08.2011 19.00 h
Onde:
Bueu
Categoría:
Festival

Descrición

Retrouso celebra este domingo o seu décimo festival folclórico

Intervirán, ademais do grupo anfitrión, o grupo de baile Trébede (Marín), as pandeireteiras Tarambainas (Vigo) e a charanga Abóbriga (Baiona)

A Asociación Cultural Retrouso ultima para este domingo, 28 de agosto, a décima edición do Festival Retrouso, no eirado de Cela, en Bueu. Arrincará ás 20h, con entrada de balde.

O primeiro grupo en intervir será o grupo de gaitas Retrouso, quen, ensaiados polo gaiteiro e artesán Cristóbal Prieto (O Hío, Cangas), interpretarán cinco pezas de autor e tradicionais, entre as  cales están Polca para Pucho ou a Mazurca dos Areeiras.

Despois será a quenda do grupo Trébede, una formación recenté froito da cooperación entre as asociación Trepia (Pontevedra) e Loaira (Marín). A pesar da súa pouca historia conta con bailadores e músicos de moito nivel, o que os levou a acadar o terceiro premio no concurso de baile tradicional Azaloira, un dos máis prestixiosos de Galicia, neste 2011.

No terceiro lugar actuará o grupo de baile Retrouso, dirixido neste último ano por Miguel Sotelo (Cangas). Retrouso conta con 15 anos de experiencia e porá en escena dous corpos de baile, un de adultos e outro de rapaces máis novos. Estreará diante do público de Cela o seu novo repertorio, que cambia nun 75% respecto ao ano anterior, una forte renovación, con pezas chamativas como o Baile do Ramo de Lordelo (Mondariz), o Maneo de Imende (Carballo) e a Carballesa do Incio (O Incio-Lugo).

No eido musical, tocarán primeiro as pandeireteiras Tarambainas de Vigo, un grupo con seis anos de historia pero que baixo a batuta de Tamara Costas logrou un altísimo nivel de interpretación tanto nas cantareiras máis maiores como nunha fructífera escola infantil.

E para rematar a festa, estrearanse diante do público do Morrazo os once instrumentistas da charanga Abóbriga, que collen o seu nome da versión latina da actual Baiona, de onde son orixinarios a maioría. Trátase una vez máis dun grupo con só tres anos  tocando xuntos, pero longas traxectorias artísticas nas súas filas. Mesturan gaitas e percusión, con pandeitera e voces e instrumentos como clarinete, saxofón, acordeón e requinta, nun espectáculo sobre todo distendido e festeiro, de música animada e bailable.

Antes, as Vivas

O X Festival Retrouso ía celebrarse inicialmente o 9 de xullo de 2011, pero tivo que adiarse por causa do mal tempo daquela fin de semana. O último domingo de agosto celébrase tradicionalmente en cela a Festa dos Mozos. Ao non haber este ano Comisión organizadora, Retrouso asume en parte a celebración ao poner o Festival como a contribución musical e, antes, celebrará tamén a parte máis significativa da festa: as Vivas de irmanamento entre a mocidade de Ardán e Cela.

De antigo, era tradición que os máis novos de Ardán viñesen a Cela a andar. Os mozos de Cela recibíanos a una breve distancia do eirado e tocando e botando foguetes subían xuntos ata a festa, onde se repartía viño Tinta femia (a modalidade de viño tradicional de Cela, con moita zona) entre os asistentes e se proclamaban de xeito cruzado Vivas á xuventude, á unión, á comisión organizadora…

Esta tradición manterase este domingo e terá lugar ás 19h, por suposto cun chisco de viño Tinta Femia de balde para os asistentes.

Dez anos de festival

Con esta edición Retrouso acada dez anos de celebración do seu festival máis coñecido, celebrado ano tras ano desde o 2000, cunha única pausa de dous anos (2003 e 2004).

Como festival, sempre mantivo unha estrutura semellante: dous ou tres grupos de baile (galego, portugués e tamén viñeron grupos de Aragón, Castela e León e Estremadura); e un ou dous grupos de música.

Polo festival Retrouso pasaron grupos moi coñecidos do folk galego, como Os Carunchos (2002), Xochilmica (2005), Ardentía (2006) e outros proxectos  mais puntuais e de tendencia, como O Tear de Llerena (2001), Sachadiço (2006), Saramaganta (2007), O tamboril furado (2008) ou Os Cochenos (2010).

Adoita celebrarse no segundo sábado de xullo, aínda que tivo épocas nas que se moveu á terceira fin de semana, e mesmo se cambiou de lugar, organizándose en Chans, enmarcado nunha xornada máis completa de actividades e xogos, coñecidos como Chanscontro.

Sobre Retrouso

O grupo folclórico Retrouso naceu a finais de 1996, na escola de Cela (Bueu), na provincia de Pontevedra, como grupo de baile galego. Constitúese en asociación cultural no 99 e desde o 2000 emprende a creación dunha rede de escolas de baile e música tradicional nas parroquias dos arredores, como estratexia para tratar de superar o habitual localismo deste tipo de grupos e cunha clara aposta pola formación de calidade.

Ademais de participar en festas e festivais de todos os concellos da comarca do Morrazo, Retrouso actuou en varios puntos de Vigo, Pontevedra, Santiago de Compostela e outras vilas luguesas e coruñesas, como A Estrada, Caldas de Reis ou Cedeira ou Lugo. Tamén saíu ao exterior, a Portugal, Aragón e Estremadura.

Desde o 2000 no verán un festival folc coñecido como Festival Retrouso, ao que acoden grupos de baile e grupos de música folc galega, ademais de ter participado na recuperación dos cantares do Ciclo de Nadal de Cela e en numerosas recollidas de campo.

Na actualidade ofrece durante todo o ano actividades de baile tradicional, gaita, percusión, canto e pandeireta, acordeón e canto coral, cunha forte aposta por Mestres de recoñecido prestixio, capacitación docente e proxecto de futuro. Os membros das súas escolas superan os 70 compoñentes.

Os directores de cada área son:

Acordeón: Andrea Navarrete (Buenos Aires, profesora de educación musical, con fondo coñecemento da cultura tradicional galega, acordeonista en grupos de música galega como As Cantareiras do Berbés).

Baile tradicional: Miguel Sotelo (Cangas, bailador profesional, profesor de dilatada experiencia a pesar da súa xuventude, en grupos como Lembranzas, Trébede, ou cursos internacionais da Xunta de Galicia).

Canto e pandeireta: Guillerme Ignacio (Bueu, mestre de educación musical, gaiteiro e cantante de Quempallou).

Canto coral: Carme Pereira (Pontevedra, profesora no IES Johan Carballeira de Bueu, directora de corais históricas como Quodlibet de Bueu ou a Coral polifónica de Beluso).

Gaita: Cristóbal Prieto (Cangas, gaiteiro e artesán de gaitas do Hío, con amplísima experiencia docete e musical en grupos como Tebras do Hío, Saramaganta ou o dúo Pumar e Prieto).

Percusión: Alberto Costas (Vigo, percusionista profesional, con ampla experiencia  docente en grupos como O Fiadeiro de Vigo e percusionista de grupos como Os Carunchos).

http://www.gaiteirosgalegos.com/index.php?option=com_content&view=article&id=1715:x-festival-retrouso-en-cela-bueu-&catid=24:festivais-foliadas-romarias&Itemid=18

Ubicación

Ubicación
Cela
Cidade:
Bueu
Estado / Provincia:
Pontevedra

Descrición

Sentímolo, pero non hai unha descrición dispoñible