Asociacion de Gaiteiros Galegos

Gaiteiros galegos
Inicio / Discografía / ASOCIACIÓN DE GAITEIROS GALEGOS

ASOCIACIÓN DE GAITEIROS GALEGOS

O QUIQUIRIQUÍ

Xénero:
Música infantil
Ano:
2006
Discográfica:
Pai Música

Descrición

O Quiquiriquí é un traballo dirixido maiormente aos rapaces máis novos para que coñezan e valoricen a súa cultura tradicional, particularmente as manifestacións relacionadas co Nadal Galego. Pese a esta orientación, é un disco interesante para todo tipo de público polo seu contido e valor como traballo de documentación dunha fonda tradición cultural.

O Quiquiriquí está producido pola Asociación de Gaiteiros Galegos en colaboración cos estudios Casa de Tolos e o selo discográfico PAI Música, está subvencionado pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural e a dirección artística correspondeu a Paulo Nogueira, Magoia Bodega e Segundo Grandío.

O Quiquiriquí é un completo traballo multimedia que contén tres soportes físicos:
Un CD.

No CD poderemos escoitar un total de trece fermosos temas. A maior parte foron extraídos directamente da nosa tradición oral, unha tradición viva que florece nos nosos novos intérpretes, feito do que quixemos deixar constancia incluíndo tamén algúns temas de nova creación.
As cantigas recollidas da tradición oral recibiron un tratamento completamente actual e respectuoso coas nosas raíces, resultando especialmente atractivas para os rapaces. E non só iso, foron interpretadas por algúns dos máis importantes músicos de Galicia: Pandereteiras de Ultreia, Pablo Carpintero, Pilocha, Tino Baz, Guadi Galego, Mini, Mero, Murga de O Fiadeiro, Uxía Senlle, Serxio Cobos, Ugia Pedreira, Orfeón Treixadura, Malvela, Pancho Álvarez, Cástor Castro, Alfonso Franco, Miguel Costas, Segundo Grandío, Paulo Nogueira, Magoia Bodega, Toniño López, César Longa e Xaquín Xesteira.

Ademais de todos os temas, no CD inclúese unha pista interactiva con: partituras e letras das cantigas, un xogo, arranxos para frauta doce e instrumental Orff e Play Backs en mp3 de todas as cantigas. Todo o repertorio está adaptado melódica e ritmicamente ao público infantil.

Un DVD.
No DVD inclúese un "Docufilm explicativo" das principais tradicións de nadal: panxoliñas, nadais, aguinaldos, cantos de reis, danzas de reis, rondallas de reis, o tizón de nadal, as pedras do sal... Xoán e Iolanda, xunto co seu avó, serán os nenos que guíen esta viaxe imaxinaria polas "festas do nadal". Un "Como se fixo" a gravación, na que os nenos e neas poderán ver, escoitar e coñecer a todos os músicos participantes deste traballo, instrumentos utilizados e como é o proceso da gravación dun cd. Ademáis tamén inclúe un videoclip, unha entrevista a Xosé Luis Rivas (Mini) con dous informantes, o audio e o playback de todos os temas.


Un libro.
64 páxinas de información sobre as tradicións do Nadal. Na primeira parte do libro atópase a información de cada unha das cantigas incluidas no CD. Na segunda parte aparecen textos explicativos cunha ampla información sobre as tradicións do Nadal en Galiza. Os textos foron elaborados por Carlos Rey, Xosé Luis Rivas (Mini) e Baldomero Iglesias (Mero).

Pezas

  1. Aguinaldo entrada. TRADICIONAL.
  2. Buscando unha estrela. PAULO NOGUEIRA.
  3. Da rosa, rosiña. TRADICIONAL.
  4. O pelo roxiño. TRADICIONAL.
  5. Ovos e torresmos. TRADICIONAL.
  6. Señora iama da casa. TRADICIONAL.
  7. Noite de tanta alegría. TRADICIONAL.
  8. Ano novo. TRADICIONAL.
  9. Unha pouca roupiña. TRADICIONAL.
  10. Metido nun ovo. TRADICIONAL.
  11. Marchemos alegres. TRADICIONAL.
  12. A campá que resoa. XOSÉ CASAL.
  13. Aguinaldo despedida. TRADICIONAL.

PELOGATO 24

Xénero:
Música infantil
Ano:
2007
Discográfica:
Pai Música

Descrición

Este novo traballo está impulsado e producido pola Asociación de Gaiteiros Galegos, trátase dun libro, un CD e un DVD co que AGG segue a apostar pola divulgación da música tradicional entre os nosos cativos e 'PeloGato24' preséntase como un bo xeito de materializar este obxectivo. O CD de audio consta de 13 cantigas tradicionais para nenos, interpretadas por cantantes e músicos do prestixio de Leilía, Fuxan os Ventos, Migallas, Xabier Díaz, Mercedes Arribe, Sonia Lebedynski, Sra. Carmen, Xurxo Souto, César Longa, Begoña Riobó, Pancho Álvarez, Segundo Grandío, Xosé Liz e a charanga 'Vai de Baile'. O DVD está formado por un docufilm dirixido por Pablo Carpintero e Gustavo Couto sobre os xogos tradicionais, ademais dun 'cómo se fixo' e os videoclips e playbacks das cantigas. Se queredes obter mais información, non deixedes de visitar a páxina web.

Pezas

  1. Dígame se fai favor
  2. Arao
  3. 25 mentiras
  4. A vaca marela
  5. O señor Don Gato
  6. Xan de Outeiro
  7. A pita podeira
  8. O conde cego
  9. O paraugas do Xosé
  10. Madrugaba
  11. Media volta
  12. Pequeniño é
  13. Debaixo da figueira
  14. Conto da Muiñeira de Chantada

TRECE LÚAS

Xénero:
Música infantil
Ano:
2009
Discográfica:
AGG

Descrición

A Asociación de Gaiteiros Galegos preséntavos un novo traballo audiovisual que leva por nome Trece Lúas. As lúas que compoñen o ciclo do ano, ou os doce meses do calendario; as lúas que dende tempos ancestrais foron guía da vida; as lúas que puxeron data aos traballos e tamén ás festas; as lúas que levan aparelladas unha fonda tradición cultural que chega ate os nosos días e agora queremos lembrar. Convidámosvos a facer unha viaxe no tempo, unha viaxe de doce meses con cadansúa canción, co ciclo do ano como fondo da escena.

Trece Lúas é unha proposta de lecer, para gustar da nosa música, aquela que sempre estivo aí e que neste disco presentamos dun xeito actualizado. Pero esta proposta vai moito máis alá. Como continuación da liña seguida en traballos editados anteriormente (“O Quiquiriquí” e “Pelo Gato 24”), trátase dun material didáctico que pretendemos axude en boa medida á difusión da nosa cultura. Unha ferramenta pensada para facer chegar, sobre todo aos máis novos, un anaco do que somos e do que queremos seguir sendo.

Desde a Asociación de Gaiteiros Galegos temos a convicción de que o futuro das nosas tradicións, o garante da súa supervivencia, está na xuventude. Debemos achar a maneira de que a liña de transmisión cultural se adapte aos tempos para seguir sendo efectiva. Así elaboramos Trece Lúas, dun xeito respectuoso coas nosas tradicións e ao mesmo tempo atractivo, aplicando as novas tecnoloxías das que dispoñemos. Agardamos que poida ser utilizado como elemento educativo en calquera dos ámbitos, xa sexa escolar ou familiar, e supoña un paso máis de cara á normalización da nosa música tradicional.

Pezas

  1. Marzo 'Pascua'
  2. Abril 'O cuco'
  3. Maio 'Maíño'
  4. Xuño 'A flor da iauga'
  5. Xullo 'A palmeira'
  6. Agosto 'Danza de Betanzos'
  7. Setembro 'Vendima'
  8. Outubro 'Magosto'
  9. Novembro 'San Andrés'
  10. Decembro 'O loureiro'
  11. Xaneiro 'Reis'
  12. Febreiro 'Cabalgata de Entroido'