Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio

FINALISTAS DO IX CERTAME DE DEBUXO PARA ESCOLARES SOBRE OS INSTRUMENTOS DE MÚSICA TRADICIONAL “A ZANFONA” - ORGANIZADO POLA TRADESCOLA

tradescola-logo-pequeXa temos os finalistas do IX Certame de Debuxo para escolares organizado pola Tradescola. Nesta edición participaron mais de 200 debuxos realizados polas nenas e nenos de primeiro, segundo e terceiro curso de primaria dos centros de ensino da Provincia de Lugo que ademais dunhas grandes dotes artísticas tamén nos amosaron os seus amplos coñecementos sobre a nosa música.

Esta iniciativa organizada pola Tradescola en colaboración coa Área de Cultura da Deputación e que acadou este ano a súa novena edición, ten a finalidade de potenciar e difundir entre os máis pequenos a música tradicional galega, e axudar a que coñezan os nosos instrumentos e o noso baile tradicional

A todos @s participantes queremos darlles os parabéns polos fantásticos debuxos que nos achegaron, e en especial aos 10 finalistas que recibirán como agasallo un lote de material didáctico relacionado coa nosa música tradicional!!!!!!

Os finalistas son:

Julia Vázquez Aneiros – CEIP Illa Verde de Lugo - 9anos

Lois Valcarcel Perez – CEIP Ricardo Gasset do Íncio - 7anos

Rocío Olcese González – CEIP O Cantel – Foz- 9 anos

Carlota Couto Lombán –CEIP O Cantel – Foz- 6 anos

Irea Magdaleno Vilariño – CEIP Plurilingüe Antas de Ulla - 7 anos

Mateo Alba Mosquera - CEIP Plurilingüe Antas de Ulla - 7 anos

Vera Abel Corral – CPI Dr. López Suarez - Friol - 8anos

Joel Penín Pérez – CPI Dr. López Suarez - Friol – 7 anos

Daniela Basanta Meitín – CEIP Península da Paz – San Cibrao – Cervo – 7 anos

Iria Baltar Canoura - CEIP Península da Paz – San Cibrao – Cervo – 7 anos

E o debuxo gañador do IX Certame de debuxo da Tradescola, foi o de:

Irea Magdaleno Vilariño – CEIP Plurilingüe Antas de Ulla - 7 anos

Nos vindeiros días dende a Tradescola poñerémonos en contacto con todas e todos os finalistas para concretar a entrega dos agasallos.

Dende a Tradescola queremos darlles os parabéns a todas e todos os participantes e moitas grazas por participar. Neste enlace podedes ver os debuxos finalistas desta edición  

https://www.facebook.com/tradescola

 

Fondo pesar polo pasamento de Xosé Suárez Rodríguez "O Bombeiro Pepe",

morenosDende a AGG queremos manifestar o noso fondo pesar polo pasamento de Xosé Suárez Rodríguez "O Bombeiro Pepe", o derradeiro membro dos históricos Morenos de Lavadores, percusionista do grupo dende os anos 50 ata que se disolveu no 73. Unha persoa comprometida coa nosa cultura, que sempre defendeu a nosa música e a nosa tradición. 

Dende a AGG compartimos a dor e lamentamos fondamente a súa perda. Que a Terra lle sexa leve.


Audición de Nadal na Tradescola

nadal tradescola 22 pqAchegase o Nadal, e o vindeiro xoves dia 15 de decembro a Tradescola fará o primeiro dos actos que temos previstos para estas datas. 

Teremos unha audicion de Nadal na capela de Santa María de Lugo ás 19.30 horas, na que contaremos con alumnado de Zanfona, de Acordeón, de Canto e pandeireta, de Pandeira e tamen con alumnado de baile, que nos achegarán unha escolma de pezas tradicionais destas datas, e a maiores contaremos coa maravillosa colaboración do grupo Tundal!!!
Esperámosvos a todas e a todos alí, a entrada é de balde e as prazas son limitadas ata que se complete o aforo!!!

Fondo pesar polo pasamento de Manuel Miramontes Fandiño (Mestre Bartolo)

mestre bartoloHoxe temos que informar dunha triste nova para o colectivo da música tradicional.Dende a AGG queremos manifestar o noso fondo pesar polo pasamento de Manuel Miramontes Fandiño (Mestre Bartolo). Un dos portadores da música patrimonial, namorado da súa terra, e que sempre traballou pola nosa música tradicional tocando e formando a numerosos gaiteiros.

Nacido no 1934 no barrio de San Lázaro, tocou a gaita en Cantigas e Agarimos durante 30 años e no ano1970 fíxose cargo da escola de gaitas no colexio La Salle. Tamén fabricaba gaitas no seu taller á vez que dirixía a banda de Maruxía de Laxe.

Dende a AGG compartimos a dor e lamentamos fondamente a súa perda. Que a Terra lle sexa leve.

 (Fotografía  EC - El Correo Gallego)

 

Xornadas de Baile tradicional en Vedra - AGG

cartaz xbailedeco_2022 - copiaA AGG organiza o domingo 11 de decembro, unha nova edición de xornadas de baile tradicional. Nelas contaremos con relatorios-obradoiros guiados por Mercedes Prieto, Cristina Canosa e Miguel Sotelo.

Os obradoiros destas xornadas, subvencionadas pola Deputación de A Coruña e coa colaboración do Concello de Vedra, están pensadas tanto para os profesionais do mundo da danza, como para todos aqueles interesados no baile tradicional, para que poidan completar os seus coñecementos e participar de xeito activo na mellora e dinamización da nosa tradición. 

PROGRAMA:

XORNADAS DE BAILE

(11 DE DECEMBRO) - Vedra

11.45 - Apertura

12.00 – Relatorio - Obradoiro I

“Bailes raianos” - Mercedes Prieto.

13.30 – Remate sesión da mañá

16.00 - Relatorio – Obradoiro II

“Corte arriba: Recursos para seguir creando. (A Baña)” - Cristina Canosa.

17.30 – Descanso

17.45 - Relatorio – Obradoiro III

“Os bailes en roda: Beariz” - Miguel Sotelo

 DATA: Domingo 11 de decembro

LUGAR: Nave da Estación do Tren de Santa Cruz de Ribadulla, en Vedra.

INSCRICIÓNS (*): Deberán facerse nos teléfonos 986 84 70 74 ou 982 22 99 66 ou enviando un correo electrónico a   Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo  indicando nome, apelidos, un teléfono de contacto e mail. 

* Os obradoiros son de balde e as prazas limitadas, tendo preferencia @s soci@s da AGG, que disporán ata o mércores 7 de decembro para inscribirse, e partir desa data si quedan prazas dispoñibles, cubriranse coas solicitudes de inscrición de non soci@s, por orde de chegada.

A través de actividades como esta, pretendemos non só difundir a cultura tradicional, senón que ademais queremos fomentar este tipo de encontros, que consideramos imprescindibles, xa que se amosa a riqueza cultural dunha maneira aberta, chea de contidos e na que se pode participar de xeito activo, contribuíndo e potenciando deste xeito a divulgación da cultura e a súa conservación.

Páxina 6 de 486