Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio

A AGG organiza unha nova edición das Xornadas de gaita

xgaita 2023_webA gaita na emigración, os lugares e as músicas de Rosalía ou o gaita no ensino regrado serán os temas protagonistas dunhas novas xornadas culturais organizadas pola Asociación de Gaiteiras Galegas (AGG) ao abeiro das axudas para actividades culturais da Deputación de A Coruña, e coa participación da Casa de Rosalía.

A AGG organiza o vindeiro domingo 5 de novembro, en colaboración coa área de cultura da Deputación de A Coruña e coa participación da Casa de Rosalía, a cuarta edición das Xornadas de gaita, cun relatorio de investigación sobre a gaita na emigración, un roteiro músico-literario e unha mesa redonda. Nesta edición, contaremos co músico e investigador Chema Cebeiro, quen nos achegará á gaita e os seus intérpretes nos tempos da emigración no relatorio "Unha gaita na maleta". Tamén contaremos con Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía, con quen percorreremos, na compañía do grupo Airiños da Casa da Matanza, os camiños e roteiros rosalianos nun roteiro músico-literario pola vila de Padrón. E para pechar, será tempo para o debate, ¿cales son as cuestións arredor do ensino da gaita nos estudos regrados? Xaime Estévez, Rebeca Carrera, Marina Vigo e Xiana Teixeiro contarannos as súas impresións sobre como é o ensino da gaita nos conservatorios galegos, nun coloquio moderado por Julio Alonso.

PROGRAMA:

10.45 – Apertura

11.00 – Relatorio : “Unha gaita na maleta”. Chema Cebeiro

               11.50     Quenda de preguntas

12.15 – Roteiro músico-literario “Camiños e roteiros rosalianos en Padrón”. Anxo Angueira e os Airiños da Casa da Matanza - *Saída dende a Casa de Rosalía

14.00 – Xantar

16.30 – Mesa redonda “A gaita no ensino regrado”. Interveñen: Xaime Estévez, Rebeca Carrera, Marina Vigo e Xiana Teixeiro. Modera Julio Alonso

LUGAR: Casa de Rosalía (A Matanza, s/n. Padrón)
DATA: Domingo 5 de novembro de 2023

INFORMACIÓN E INSCRICIÓNS (*): Deberán facerse nos teléfonos 986 84 70 74 ou 982 22 99 66 ou enviando un correo electrónico a  Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo  indicando nome, apelidos, un teléfono de contacto e mail. 

(*) A participación nas xornadas será de balde, previa reserva e ata completar aforo, tendo preferencia @s soci@s da AGG.

Para máis información: AGG – 986 847 074 / Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

 

"Gaiteiros ao Piano", 18 pezas de mestres de gaita galega para piano elemental, novo traballo editado por Xaime Estévez

portada pezas gaita e piano b page-0001Proximamente verá a luz un novo traballo, un álbum de pezas para piano "Gaiteiros ao Piano", editado por Xaime Estévez. Unha obra que pretende difundir o repertorio tradicional, a gaita galega e a compositores e compositoras de referencia dun xeito diferente a través da literatura pianística pedagóxica inicial.

Podes ler o limiar e atopar mais información sobre @s gaiteir@s e as obras que recolle o traballo no seguinte enlace: http://educafolk.blogspot.com/2023/09/gaiteiros-ao-piano.html

E se queres pedir máis información ou reservar un exemplar -xa que non vai ser unha edición comercial- ou inclusive solicitar unha presentación do traballo, podes enviarlle un mail ao autor a  Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

Xaime Estévez

Profesor de música, Catedrático de Secundaria e Doutor en Ciencias da Educación especializado na música galega. Dende o ano 1983 impartiu clases e foi directivo en conservatorios, escolas de música, ensino secundario, universidade e centros culturais, en canto á gaita galega dende a data aludida imparte clases e publicou dúas metodoloxías para nenos e adultos. É membro da xunta directiva da AGG e forma parte activa de grupos como Os Terribles de Donas, banda de gaitas Raigames de Vigo ou Coro Galego e Son do Abrente de Mos, ten colaborado en máis de 20 discos da música galega. Na actualidade tamén forma parte do Consello Técnico Asesor do Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega.

O Serán desta aldea, xornadas do baile comunal

oserandestaaldea 2023_webOs vindeiros domingo 29 e martes 31 de outubro a Asociación de Gaiteiras Galegas organizamos a terceira edición de O SERÁN DESTA ALDEA, xornadas do baile comunal, coa colaboración do Concello de Mondariz, a Xunta de Galicia e o Cear Castromao, adicadas este ano á aldea de Aboal (Mondariz). Dúas xornadas onde compartiremos tradición, tocando, cantando, bailando e homenaxeando ás tocadoras e beilladoras da aldea protagonista, de xeito que poidamos reivindicar ás nosas grandes mestras da tradición e colaborar a consolidalas como o referente vivo que teñen que ser.

Nesta edición, que ampliamos a dous días, homenaxeamos ao barrio de Aboal (Mondariz) e as súas tocadeiras e beilladeiras Benedicta Carballo Suárez, Emérita Alfaia Seoane, Laurinda Ventín Portela, Marina Pedreira Alfaro, Orlando Garrido Barral e Raimunda Alfaia Seoane. (No cartel de ezquerda a dereita; Marina, Raimunda e Benedicta. Fotografía de Guillerme Ignacio)

O obradoiro monográfico sobre a pandeireta en Aboal será impartido por Xandre Outeiro, e o de baile nesa aldea por Miguel Souto. O antropólogo Rafael Quintía falaranos sobre o BIC A Foliada, e a seguir teremos un coloquio participativo, moderado por Guillerme Ignacio e no que contaremos con Rafael Quintía e mais con Xulia Feixoo, dous dos redactores do informe técnico para a declaración da foliada como BIC.

DOMINGO 29

10.30h. Inauguración

10.45h. Obradoiro “A pandeireta nos seráns de Aboal”. Xandre Outeiro

13.00h. Relatorio “BIC a foliada”. Rafael Quintía

13.45h. Coloquio “A Foliada, un patrimonio a debate” . Con Rafael Quintía, Xulia Feixoo e guiada por Guillerme Ignacio.

14.30h. Xantar de confraternización 

17.30h. Obradoiro “O baile nos seráns de Aboal”. Miguel Souto

MARTES 31

20.00h. Homenaxe ás pandeireteiras de Aboal (Mondariz).

20.30h. Serán 

A asistencia é de balde previa inscrición. Asimesmo, para asistir ao xantar de confraternización é preciso inscribirse antes do día 25 de outubro.

Podes realizar a inscrición a través do correo electrónico  Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo  ou a través de teléfono nos números 986 847 074 – 982 229 966.

Agardámoste!!!

XXV edición da Mostra de Música Tradicional do Domingo das Mozas

carteldomingomozas2023 - pqA Asociación de Gaiteir@s Galeg@s organiza de novo co patrocinio da area de Cultura do Concello de Lugo a que será a XXV edición da Mostra de Música Tradicional do Domingo das Mozas, mostra que contará coas actuacións de máis dunha docena de grupos de música tradicional galega, chegados dende distintos puntos da xeografía galega, e con distintas formacións (grupos de gaitas, pandeireteir@s, grupos de baile, murgas, etc... ) que encherán da nosa música o casco vello da cidade no día máis emblemático das festas.

Os grupos participantes na mostra actuarán en horario de mañá e de tarde no casco histórico da cidade, facendo pasarrúas por distintas prazas e rúas, de tal maneira que toda a xente que entre na cidade, sexa recibido co son da nosa musica tradicional.

Os Grupos participantes nesta edición son:  

Rebulir Cultura Tradicional – Ramirás

Souto Xímaro – Lourenzá

Río de Anxo – Rianxo

Os Faiscas de Solobeira – Cambados

Abertal – A Rúa

Tumba e Dalle – A Mariña Lucense

Charanga Traspés - Vigo

Grupo de baile Traspés – Vigo

Pandeireteiras e pandeireteiros Traspés – Vigo

Par de Par – Ourense

Os Mecos de Ogrobe – O Grove

Axeigo – Lugo

E no esceario da Praza de Santa María contaremos cos grupos:

Bouba pandeireteiras

Tanto nos Ten

Pola mañá os grupos sairán dende a Mosqueira ás 11.30 horas facendo un pasarrúas polas distintas rúas do centro urbán amurallado, ata as 14:00h.

Pola tarde repetiranse as actuacións de rúa a partir das 17.00 horas, para logo rematar ás 18.00 horas, e a esa hora, poderemos desfrutar na Praza de Santa María dos Concertos de Bouba Pandeireteiras e Tanto nos Ten!!!

Esta mostra, na que a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s  xunta ano tras ano aos mellores grupos de música tradicional de Galicia, ten como finalidade a exaltación da música tradicional galega servindo como medio de difusión para que a nosa música chegue ao maior número de xente posible. É a única mostra deste tipo que se fai nunhas festas patronais e consegue que Lugo sexa referencia en toda Galicia, pois demostra que a nosa música tradicional pode ser a protagonista da festa na rúa.

Fondo pesar polo pasamento de Gabi, gaiteiro referente en grupos imprescindibles dos anos 90.

376636943 10226882846048917_4302284917888952876_nUnha triste nova para o noso colectivo, finou "Gabi, gaiteiro referente en grupos imprescindibles na evolución e na actualización na música de gaita nos anos 90 do pasado século, Gabi formou parte da agrupación folclórica Brisas da Terra, e deixanos a súa interpretación en discos como o de "Durindaina" e os de "Pallamallada"; lembramos o seu paso amenizando o "Domingo das mozas en Lugo", pero sobor de todo temos presente a súa labor como mestre en asociacións e que formou a moitos nenos e nenas que hoxe son gaiteiros.
Temos moito pesar pola súa perda, compartimos a dor da súa familia e choramos a súa ausencia, levarémolo na memoria sempre, como un referente que sempre foi para todos nós.
*Fotografía de Carlos Peixoto

Páxina 3 de 486