Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas

Novas

Gaideón na Casa do Coto

Concertos / 14.03.06

O vindeiro venres 17 de marzo de 2006, a partir das 23:00 horas o grupo Gaideón (Coral Lago e Carlos Peixoto) realizará un concerto na Casa do Coto en Tomeza, Pontevedra (Subida a San Cibrán).

Gaideón, nace como grupo na primavera do ano 2003, da man de dúas persoas experimentadas en diferentes formacións tradicionais galegas e, co compromiso único, de interpretar Música Tradicional de Galiza.

Como xeito expresivo, escollen a formación de “dúo”, coa intención de traballar nun dos xeitos de agrupación de músicos tradicionais galegos, que na actualidade vai a menos; pero tamén por ser unha formación que permite a interpretación musical dun xeito esencial, prescindindo conscientemente de máis ornamento instrumental.

Cursiño de Técnica de Percusión

Cursos / 13.03.06

Despois do éxito acadado coas aulas sobre técnicas de interpretación de gaita galega impartidas por Daniel Bellón, esta fin de semana, 18 e 19 de marzo, terá lugar o Cursiño de Técnica de Percusión dentro ciclo que a Asociación Cultural Saíñas, Lugo, organiza, en colaboración co Concello de Xove e a Asociación de Gaiteiros Galegos.

Nesta ocasión será Xaquín Xesteira “Xocas” o encargado de impartir as aulas. O lugar de celebración será o Colexio de Palmeiro (Urbanización de Palmeiro) e o prezo da matrícula será de 15 € (inclúe o xantar do sábado).


Mais información.

Os gaiteiros de Alcobendas mobilízanse a favor da música tradicional galega.

Reunións, actos, ... / 10.03.06

Para todos aqueles que aínda non teñades plan para a ponte do 1 de maio a asociación ‘Xuntanza de Galegos’ de Alcobendas invítavos a participar nunha concentración de músicos tradicionais en contra das falsificacións da tradición musical galega e a favor dunha interpretación responsable da mesma.

A devandita concentración terá lugar a fin de semana do 29 e 30 de abril na vila madrileña. Os actos comezarán o día 29 de abril cun pasacorredoiras polas rúas de Alcobendas, para rematar cunha xuntanza no feiral, onde cada grupo realizará unha actuación de entre 15 e 20 minutos. Os recorridos e a festa non cesarán ata luns día 1 que é festivo.



Mais información.

Informe de puntuacións outorgadas

Deput. Pontevedra / 08.03.06

Aínda que de forma lenta, os trámites realizados pola AGG na Deputación de Pontevedra para esclarecer os pormenores da adxudicación da escola de gaitas á AGBGPPP, van dando algún que outro resultado.
Hoxe mesmo chegou a notificación da institución provincial comunicándonos a resolución do concurso e o informe que solicitaramos para coñecer as puntuacións outorgadas. Só proporciona as puntuacións da AGG e máis da AGBGPPP, non as do resto de concursantes, polo que os animamos e ofrecemos apoio ao resto de concursantes para presentaren solicitudes de informes similares aos que solicitou a AGG.


Mais información.

Curso de palletas de Sito Carracedo ... en Lisboa!

Cursos / 08.03.06

Os días 8 e 9 de abril de 2006, a Associação Gaita-de-foles organiza unha "Oficina de Afinação de Gaita," coa presenza de Sito Carracedo.

Esta "Oficina de Afinação de Gaita" está orientada a todos os gaiteiros interesados en profundizar nos seus coñecementos sobre a afinación da Gaita de Fol, fundamental para quen toca este instrumento e que esixe moita experiencia, pericia e coñecementos prácticos.

Local:
A oficina terá lugar na Casa da Comarca da Sertã (Rua da Madalena, 171, 3.º - Baixa Pombalina: a 2 minutos da Praça da Figueira, no centro de Lisboa).

Toda a información en http://gaitadefoles.net/noticias/palhetamaldita.htm

100 novas partituras na sección de descargas para todos os nosos socios

Publicacións / 05.03.06




O traballo que veñen a facer os compañeiros da Comisión de Partituras da Asociación de Gaiteiros Galegos, liderado desta volta por Eduardo Méndez Baamonde (Dubi) e Ricardo Santos, ven de dar como resultado a revisión exhaustiva dun cento de partituras que estarán ao dispór de todos os nosos socios na sección de descargas (apartado partituras, subapartado pdfs).

Co obxecto de facilitar a súa lectura foron publicadas tanto para en "dó" como en "re". Polo de agora están incluídas todas as partituras de "re" e nos vindeiros días irán aparecendo as partituras de "dó".

Trátase dun traballo que vai moito máis alá da concienzuda transcrición de todas estas melodías. Inclúense en todas elas notas e referencias históricas e, de ser o caso, as correspondentes letras.

Como mostra do excelente traballo coordinado por estes dous compañeiros, inclúese para descarga de calquera internauta a partitura (tanto en "dó" como en "re") da "Danza de Santa María de Torás" do repertorio da Sección Femenina, recompilada en Laracha, por Pedro Echevarría o 1 de Decembro 1954.

Deste xeito, unha vez subidas as partituras de dó teremos máis de 600 descargas para os nosos socios.


Mais información.

O Obradoiro de Gaitas da familia Seivane recolle en Barcelona o Percebe de Prata

Reunións, actos, ... / 02.03.06




O pasado 25 de febreiro tivo lugar a ‘Gran Noite de Galicia en Barcelona 2006’, unha gala á que acudiron varios cargos da Xunta e mesmo o alcalde da Cidade Condal, Joan Clos.

Os galardóns entrégaos dende hai 24 anos a ‘Enxebre Xuntanza do Percebe da Asociación de Empresarios Galegos en Cataluña’ que quixo facer este ano un recoñecemento á gaita. Os membros do obradoiro de gaitas da familia Seivane foron agasallados co Percebe de Prata. O pai de Susana Seivane foi o encargado de levar a Cambre o merecido crustáceo.

Carlos Núñez tamén fora invitado a recoller o seu premio en forma de prezado marisco, mais no último momento anunciou que non podería acudir deixando totalmente desconcertada á organización do evento.

Texo e imaxe extraídos de La Voz de Galicia.

Nova publicación para gaita galega

Publicacións / 23.02.06



O Gaitero Xosé Luís Miguélez acaba de sacar ó mercado o libro “Estudios Volume I: Nivel Iniciación”, dentro dos “Cadernos de Gaita Galega” da editorial Dos Acordes.

O “Estudio” é o paso intermedio entre o exercicio técnico e a peza, unha especie de exercicio con forma musical. Con estas publicacións preténdese aportar unha ferramenta máis, fundamental no estudio de calquera outro instrumento musical, ó ensino da gaita.

Os contidos deste primeiro volume son adecuados para iniciarse, dunha forma amena e progresiva, na aprendizaxe do instrumento, así como para o seu posterior perfeccionamento; dividido en catro niveis, correspóndese cos catro cursos oficiais do Grao Elemental de Gaita Galega que se imparte nos conservatorios públicos de Galicia. Cada nivel consta de dez estudios e unha peza, o que conforma corenta estudios e catro obras en total.


Mais información.

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

Anuncios, subvencións, oposicións... / 23.02.06

Co fin de potenciar o funcionamento das escolas de música a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convoca axudas.

A orde do 6 de febreiro de 2006 está destinada a subvencionar o funcionamento, no desenvolvemento das súas actividades docentes, das escolas de música das asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro que teñan entre os seus obxectivos a formación en ensinanzas de música e radiquen na Comunidade Autónoma de Galicia, desde o 1 de xaneiro de 2006 ata o prazo límite de xustificación de gastos. A cantidade concedida poderá acadar unha contía máxima por beneficiario de 4.000 euros.

Tamén foron publicadas sendas axudas para conservatorios e escolas de música de titularidade pública.


Mais información.

Crónica dunha adxudicación anunciada

Deput. Pontevedra / 21.02.06

A Deputación adxudícalle á Asociación Galega de Bandas de Gaitas a asistencia técnica para crear e xestionar unha escola provincial.

Hai máis de dous meses que a AGG advertiu do traxe feito á medida que levaba o concurso público convocado pola Deputación de Pontevedra para a creación dunha escola de gaitas e percusión na nosa provincia, á medida de Hipólito Cabezas, presidente da Asociación Galega de Bandas de Gaitas da Provincia de Pontevedra.

As nosas sospeitas confírmanse agora coa adxudicación do concurso. Dito fallo non supón ningunha sorpresa se temos en conta os criterios de avaliación tomados como referencia (nos que se primaba co 50% da nota un criterio tan subxectivo como é a orixinalidade dun proxecto, e tan só cun 15% da nota o profesorado incluído no proxecto…), así como a un xurado tan coñecedor e versado na música tradicional como o é o formado por D. Rafael Louzán e José Juan Durán, entre outros expertos…


Mais información.

Páxina 422 de 438