Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas

Novas

Resultados do concurso de gaitas de Ponteareas

Concursos e Certames / 24.09.06




Esta fin de semana (23-24 de setembro de 2006) ivo lugar unha nova edición do Concurso de Gaitas de Ponteareas. O sábado 23 tiveron lugar as eliminatorias, decidindo 10 finalistas para a fase final do domingo 24:

Anacos de Buxo de Nigrán
Os Fontesuairas da Coruña
Laghareu de Santa Uxía de Ribeira
Abelente de Ourense
Os estrobos de Ferrol
Rédea solta de Poio
Picuiña de Marín
As ferriñas de Vigo
Albízara de Vigo
Alxibe de Ponteareas



Mais información.

Deixa o posto o vicepresidente

AGG / 23.09.06

Na reunión da Xunta Directiva da Asociación de Gaiteiros Galegos, o vicepresidente da AGG presentou a súa demisión por motivos laborais.

Aínda que lamentando esta obrigada marcha, sabemos que o noso compañeiro seguirá ofrecendo sempre traballo e disposición para coa nosa asociación, e contribuíndo á dignificación e normalización da música tradicional galega na sociedade actual.

Desde a Xunta Directiva queremos agradecer a Iván Area o seu intenso e fructífero traballo durante o seu tempo como membro da Xunta Directiva.

XVIII XUNTANZA DE GAITEIROS (Airiños de Fene)

Concertos / 21.09.06

Reproducimos o convite que nos chegou da Banda de Gaitas tradicional

O vindeiro sábado día 30 de Setembro de 2006 a partir das 19.00 horas na praza do Concello de Fene, a Banda de Gaitas Tradicional “Airiños de Fene” celebrará a XVIII Xuntanza de Gaiteiros, actividade que organizamos tódolos anos dende o 1988. Nestas xuntanzas, ademais da participación de distintas bandas, grupos ou músicos, aproveitamos a ocasión para realizar unha homenaxe a algunha persoa, grupo ou entidade que se caracterizou por gardar, recoller, recuperar e dar a coñecer a nosa música.

Este ano a nosa homenaxe vai dedicada a Xosé Luís Rivas e Baldomero Iglesias máis coñecidos como Mini e Mero.

Mini e Mero son dúas persoas imprescindibles non so no rexurdir da nosa música tradicional, fundadores e compoñentes durante moitos anos de dous grupos básicos no noso País “Fuxan os Ventos” e “A Quenlla”, se non que tamén na súa faceta de recolleita da memoria popular de Galicia. Recolleita que abrangue a todo tipo de actividades que teñen que ver coa nosa tradición: cántigas de cego, de Nadal, refráns, contos, lendas, romances...

O traballo de recolleita feito por estes dous artesáns da palabra e da música é de gran importancia, non so pola inmensa cantidade de material recuperado, senón tamén polo tempo dedicado, cerca de 40 anos. Podemos dicir que hoxe en día Mini e Mero son memoria viva da tradición deste País.

Nesta XVIII Xuntanza de Gaiteiros contaremos coa participación de Raúl Galego, Quempallou, Mine e Mero e a Banda de Gaitas Tradicional “Airiños de Fene”. A Xuntanza será presentada por Xesús Mato.

Gustaríanos contar coa túa presenza, o sábado día 30 de Setembro as 19.00 horas na praza do Concello de Fene, para que todos xuntos poidamos participar e disfrutar nesta festa na defensa da nosa música, así como na merecida homenaxe a Mini e Mero.

Curso de técnica vocal e linguaxe musical para intérpretes de folclore

Cursos / 20.09.06

O Conservatorio Mayeusis, de Vigo, vai iniciar un curso de tres anos de duración : “Curso de técnica vocal e linguaxe musical para intérpretes de folclore (cantareiros e cantareiras)”.

Contidos do curso: linguaxe musical aplicada ó folclore, técnica vocal básica: coñecemento do aparato fonador; a respiración diafragmática; resoadores; emisión do son; timbres da voz; afinación; práctica de homo e polifonía; práctica da transcrición de documentos sonoros e arranxos a varias voces (estas dúas no último ano)

Outorgarase un diploma acreditativo a todos aqueles que rematen os tres cursos. A secuenciación será de 1 hora semanal, con grupos de 15 persoas como máximo, entre outubro e xuño.

O prezo será de 30 euros ó mes. O centro comprométese a non encarecer esta cuota durante os tres anos que dura o curso. As franxas horarias serán entre as oito e as dez da noite, (de oito a nove ou de nove a dez) e o día estaría en función dos grupos de alumnos que se podan formar. En caso de se formar un grupo con, alomenos, dez persoas que podan estar de acordo, estudaríase a apertura dun horario e día específico para eles.

O mestre encargado de impartir esta disciplina será Ernesto Campos, se queredes ampliar información, este é o seu enderezo electrónico: Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo ou ben podédesvos informar directamente no conservatorio Mayeusis (tel. 986 226 378).

III ENCONTRO DE PANDEIRETA INTERNACIONAL. Galiza e Italia.

CMTFL / 15.09.06

III ENCONTRO DE PANDEIRETA INTERNACIONAL. Galiza e Italia.
Non teñas medo que rache!

O vindeiro 24 de setembro terá lugar en Pontevedra o III Encontro de Pandeireta Internacional que organiza o CMTF de Lalín. Este ano contarán coa presencia de dous mestres de luxo: Carlos Rizzo e Fransy González.

Ademais proxectarase no Teatro Principal da Boa Vila un filme de excepción: “Lomax. The Songhunter”, baseada no traballo de recollida deAlan Lomax por todo o mundo e tamén en Galiza (imaxes de Corcubión e A Cañiza) Este filme foi proxectado unicamente en Barcelona e A Coruña.


Mais información.

Novo comunicado do Colectivo en Defensa da Gaita

CDG / 12.09.06

Dende os seus inicios en 2001, o CDG ten como principal obxectivo INFORMAR e CONCIENCIAR á opinión pública e, ó mesmo tempo, REACCIONAR ante a cada vez máis grave situación que dende hai máis de 15 anos está a atravesa-la gaita galega como instrumento tradicional e popular, tendo na actualidade como principal ameaza a implantación do MODELO CULTURAL ESCOCÉS nas bandas de gaitas (referente ás gaitas, percusión, vestimenta, estética, pezas que se interpretan, estilo musical, etc.) suplantando ós nosos propios e autóctonos rasgos de identidade como país e cultura.


Mais información.

Comunicado do Colectivo en Defensa da Gaita

CDG / 06.09.06

O engano político das gaitas

Recentemente a banda de gaitas Nova Fronteira & Cartelle (Ourense) foi proclamada a mellor banda de gaitas de Galicia. Vivimos nun país cheo de contradiccións e curiosidades que o Colectivo en Defensa da Gaita (CDG) nunca poderá comprender. Unha banda que desfila con gaitas marciais, percusión de alta tensión e faldas (elementos inspirados e copiados das bandas escocesas) non pode representar ós galegos. Algúns políticos desta terra (do novo goberno PSOE-BNG) presumen de defende-los valores musicais e culturais galegos, sen percatarse do que verdadeiramente está a acontecer no noso país no tocante ás bandas de gaitas. Outros, como a alcaldesa de Vigo Dona Corina Porro, incumplen promesas de facer respeta-la nosa música. Na TVG continúan retransmitindo encontros multitudinarios de gaiteiros, que semellan máis escoceses que galegos, co beneplácito gubernamental e financiados con cartos públicos de todos nós. Nas fases desa Liga de Bandas de Gaitas continúan asistindo representantes do IGAEM (dependente da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia) para facerse a foto de costume. En Pontevedra xurde unha rede de escolas, financiada pola Deputación Provincial, que fomenta a creación de bandas de gaitas pro-escocesas. E isto semella non importarlle a ninguén. Aparentar normalidade para conseguir votos é enganar á xente. E é unha vergoña que os representantes políticos do noso país non teñan a suficiente convicción para facer o que realmente teñen que facer. Son moitas as palabras pero poucos os feitos. E a esperanza do cambio político para o cambio musical é sinónimo do desánimo que actualmente sinte o CDG coas cousas que están a acontecer. Ir máis aló deste problema non é sinxelo, pero tampouco é tan complicado. Vontade e espírito de loita. Sen isto nunca faremos nada. E se nós mesmos non somos capaces de apreciar a riqueza cultural que temos sen recurrir a modelos musicais foráneos nunca poderemos dignifica-la nosa música como se merece. E tódalas bandas de gaitas que copian directamente elementos importados de Escocia nunca poderán ser galegas nin representar a Galicia. Por moito que nos queiran convencer algúns iluminados. Só pedimos unha cousa: respeto. Para a nosa música e para a nosa terra.

Colectivo en Defensa da Gaita. A Coruña

En representación do CDG:

RICARDO CASÁS SALGADO D.N.I. 53.162.745 - Q
LUIS GARCÍA CORRAL D.N.I. 53.163.859 – A
RAMÓN RODRÍGUEZ PALLEIRO D.N.I. 47.368.388 - A

**ESTUDIOS PARA GAITA GALEGA** - VOL I - Nivel Iniciación

Publicacións / 02.09.06

A editorial Dos Acordes vén de publicar o primeiro volume dunha serie de obras da autoría de Xosé Lois Miguélez Saínza.

Eis a publicidade da propia editora:

Comeza o curso cunha nova publicación que che axudará na aprendizaxe do instrumento dun xeito ameno e progresivo.

Dispoñible nas librerías, tendas de música ou directamente na web www.dosacordes.com na sección -publicaciones- dentro da serie "Cadernos de Gaita Galega".

Podes elixir o teu sistema de escritura máis familiar Do ou Re, actualizar os estudios e descargarte gravacións dos mesmos na web do autor www.xlmiguelez.com (a partires de outubro 06)

O mestre de Gaita atopará neste libro unha útil ferramenta para complementar as súas aulas.

MERCAO XA!!

**O VOLUME II - Nivel medio, estará á venta a partires do mes de novembro de 2006**

Atentamente, Editorial Dos Acordes www.dosacordes.com

Resultados do XVI Contantino Bellón 2006

Concursos e Certames / 01.09.06

O renovado Teatro Jofre de Ferrol foi escenario onte, 31 de agosto, do XVI Constantino Bellón que foi conquistado, por terceira vez xa, por Daniel Bellón, igualando, deste xeito o record de Pepe Vaamonde. Os dous accesits de 600 euros cada un foron para o ourensan Pablo Devigo e para o lugués Bruno Villamor malia ter, este último, que cambiar de pallón na metade da súa actuación.
A mención especial 'Gaita de ouro' foi entregada a Alvaro Seivane Magide. A de prata, que estaba concedida a Milladoiro, non foi recollida no acto dado que o grupo atópase de xira. Concedeuse unha medalla de prata, a título póstumo, a Manuel García Pereira 'Lolete', que foi recollida e agradecida polos seus fillos.
A peza 'Amencer en Fisterra' acadou o premio de composición que recolleu o seu autor Ernesto Campos.
Resultou, coma sempre, unha velada plena de gaita e reencontros que demostrou que o do Teatro Jofre é o esceario ideal para este evento.

Programa Constantino Bellón 2006

Concursos e Certames / 29.08.06

PROGRAMA A DESENVOLVER CON MOTIVO DA CELEBRACIÓN DO XVI CONCURSO DE GAITA GALEGA “CONSTANTINO BELLÓN”

DÍAS 30 e 31 de AGOSTO de 2006
no TEATRO JOFRE ás 20,30 horas



Mais información.

Páxina 413 de 438