Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas

Novas

Enquisa para base de datos de artistas de música tradicional

AGG / 11.02.07

Mini e Mero en Laxe

Concertos / 09.02.07

A Asociación de Gaiteiros Galegos colabora co Concello de Laxe na celebración de actividades para os maiores. Serán dous concertos de Mini e Mero, os ben coñecidos compoñentes do grupo A Quenlla, os días 12 de Febreiro no Centro Social de Traba (Laxe) e 13 de Febreiro na Propia capitalidade do Concello. As actuacións celebraranse a partires das 19:00 horas e serán o prólogo dun entroido que tamén quere facer partícipes aos nosos maiores.

VENRESPIRAR EN OURENSE

Varios / 07.02.07







Este mes de febreiro comezan os VENRESPIRAR! !!, en Ourense, coñecidas festas itinerantes de Música e Baile, organizados pola Asociación cultural Algaravía e a Aula de Música Tradicional "Gomes Mouro".




Faranse o segundo venres de cada mes agás o último, (no mes de Xullo), que é no primeiro venres, nun local diferente da cidade de Ourense. A Primeira das festas tivo lugar o venres 9 de febreiro no "LICEO" Ourensán, (Lamas Carvajal, 9 - Cerca da Catedral). Tendes toda a información no espacio da AOFT co cartaz onde aparecen todas as datas locales, (o horario das festas é sempre o mesmo, de 22:00 a 01:30).



MANUEL VIQUEIRA, O GAITEIRO DE VILAVERDE

ALALA / 06.02.07

No programa Alalá do martes 6 de Febreiro, coñecimos un dos mellores gaiteiros de Galicia, Manuel Viqueira, o gaiteiro de Vilaverde, coñecido en toda a comarca de Ordes desde que, con 11 anos, comezara a percorrer as romarías levando a maxia e a alegría da súa música.

Manuel ten agora 77 anos e segue cheo de forza e de proxectos: acaba de mudarse a unha casa nova, é capaz de tocar horas e horas sen cansar, mentres ve como se van esgotando os músicos e os bailadores e, o que nunca soñara, acaba de gravar un disco. Din os que saben disto que Manuel é único porque ten un xeito de tocar, o que se coñece como “tocar pechado”, que antes era moi frecuente pero que agora xa ninguén domina. E que ademais conserva moi ben o repertorio propio da súa zona e que fai uns picados e uns trilos que distinguen a súa música da de calquera outro gaiteiro.

Ante todo, esta é a vida dun gran gaiteiro, orgulloso de selo e apreciado por todos os que o coñecen desde mozo, que ven chegar a Manuel e ven chegar a festa e as mellores lembranzas da súa mocidade, cando segundo el a xente o pasaba mellor que agora. E ademais de bo gaiteiro, Manuel é un home simpático e falador, a quen lle encanta contar os centos de anécdotas atesouradas ao longo de toda unha vida tocando de festa en festa; anos de diversión, pero moi duros, nos que chegaba a camiñar ata 40 quilómetros para ir tocar e cando case non lle quedaba tempo para o descanso; tempos nos que volvía de facer a función ás catro da mañá e ás oito tiña que estar amasando cemento como peón da construción, ou encofrando, gañando un salario escaso que a gaita axudaba a facer un pouco maior e que facía boa falla para criar os catro fillos que tivo con Carme, a súa compañeira de toda unha vida.

PREMIO "RECUNCHO DA PALLETA 2006"

Lume na Palleira / 05.02.07

O sábado, 10 de febreiro, no programa "Lume na Palleira" fíxose a entrega do premio "Recuncho da Palleta 2006 " e o programa tivo unha duración especial dunha hora.

Os anteriores premios foron concedidos á Editorial Ouvirmos e o Concello de Pontevedra no ano 2004, e ó Concello de Vilar de Santos no ano 2005, polo seu imprescindible apoio (a través do Museo Etnográfico Da Limia) á publicación do Catálogo de músicos da Limia.

Axudas do IGAEM

Anuncios, subvencións, oposicións... / 02.02.07

Dentro das axudas convocadas polo IGAEM para o sector escénico e musical no ano 2007, no capítulo X, establécense as axudas ao estudo e á investigación. Teñen como obxecto a reciclaxe profesional e a formación especializada das persoas vinculadas á actividade da creación, producción, distribución e exhibición de espectáculos de teatro, danza e música, así como promover a práctica profesional e a actividade investigadora.

Seguramente serán de interese para moitos dos nosos socios e socias, xa que están dirixidas a persoas maiores de idade, con domicilio en Galicia, vinculadas ao teatro, danza ou música.

O prazo de presentación das solicitudes remata o próximo 18 de Febreiro.

Tedes toda a infomación no DOG do 17 de Xaneiro de 2007:

http://www.xunta.es/Dog/Dog2007.nsf/FichaSeccion/1B42?OpenDocument

MÚSICA EN MOVEMENTO

Cursos / 02.02.07

VOGAL(Viveiro e Observatorio de Galescolas) organiza un curso de estimulación e iniciación á linguaxe musical da man do músico Servando Barreiro, baseado en cantigas e danzas tradicionais, co obxetivo de recuperar este tipo de repertorio como material de aprendizaxe musical básico para que os nenos desenvolvan a un tempo o aspecto lingüístico e musical da sua cultura, neste caso a galega, contribuindo así a súa normalización e auto-estima.
O curso, que está enfocado a nenos de 2 a 8 anos, terá lugar todos os sábados ata o 17 de febreiro às 18:30 h. na A.VV. “O Carvalho” de Sárdoma (Vigo)

OS BARRIOS DE CHANTADA

Lume na Palleira / 01.02.07




O sábado, 3 de Febreiro, no Recuncho da Palleta, Pablo Carpintero falou dun dos nosos grandes grupos tradicionais: Os Barrios de Chantada.

Esta agrupación que foi fundada en 1894 na parroquia chantadina de Muradelle, existiu de forma ininterrumpida ata hoxe e por el pasaron varias xeracións de músicos populares. A formación conta cun extenso repertorio propio formado por cerca de duascentas pezas, algunhas das cales son interpretadas por músicos de toda Galicia, encontrándose entre elas algunhas tan famosas como o Vals de Muradelle ou o Pasodobre de Esperante. Este amplio patrimonio musical foise acrecentando ó longo dos anos con composicións creadas polos diferentes músicos que formaron parte de Os Barrios.

O grupo está formado actualmente por cinco persoas -Casiano Domínguez, Argimiro Moure, Delmiro Prado, Benigno Gómez e Xosé Lois Rodríguez- e estudian incorporar a músicos xoves que aseguren a súa continuidade.

NORDESTINAS

ALALA / 30.01.07

Alalá dará esta semana a coñecer a formación Nordestinas, o resultado dun soño longamente acariñado por Ugía Pedreira e Guadi Galego, dúas das mellores voces da escena galega. O soño de interpretar as cancións da súa infancia: as cancións do norte galego, de Foz e Cedeira, onde naceron. As cancións do mar, dos mariñeiros nas tabernas, as habaneiras, as melodías chegadas da outra beira do Atlántico e as coplas populares que soaban nas súas casas cando eran nenas. E para facer realidade este proxecto chamaron a Abe Rábade, un dos pianistas de jazz máis recoñecidos do momento. Xuntos, Abe, Guadi e Ugía formaron Nordestinas e crearon un repertorio cheo de maxia, onde o jazz e a música popular se funden sen estridencias, nunha total e completa harmonía.

Nordestinas acaba de publicar o seu primeiro disco. Un disco cheo de mar, de jazz, de paixón norteña, nostalxia, cariño e elegancia. E neste Alalá verase cómo se xerou, desde a mesma infancia dos seus creadores ata a espectacular posta en escena nos concertos de Nordestinas.

ALMANAQUES E VOCEIROS

AGG / 26.01.07




Durante a semana pasada enviamos a todos os socios da AGG os novos almanaques do ano 2007 e unha nova edición do voceiro da AGG "Aturuxo", onde podedes achar un resumo das actividades que se levaron a cabo durante o ano 2006, no que alcanzamos grandes logros como o convenio con Vicepresidencia ou a celebración do I Congreso de Ensinantes de Música Tradicional Galega.

Esperamos que o envío sexa de voso agrado e que neste ano 2007 sigamos traballando todos xuntos pola música galega.

Páxina 407 de 438