Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas

Novas

ARZÚA - TERRA DE MELIDE

Lume na Palleira / 13.04.07

O sábado, 14 de Abril, o recuncho da palleta estivo dedicado á zona de Arzúa-Terra de Melide, comarcas onde aparece a gaita de catro voces, da que se falou a través da figura dun dos mellores gaiteiros da zona: Manuel Lago Sánchez, gaiteiro de Carelle, Sobrado dos Monxes, quen representa a perfecta imaxe do gaiteiro solista, como manda a tradición.

I SERÁN DE MACEDA

Festivais, Foliadas, Romarías / 11.04.07

Terá lugar o Domingo 22 de Abril de 18:00 a 22:00 e está organizado Pola Asociación Maçaeda de Limia-Maceda e a AOFT, (Asociación Ourensana de Folclore Tradicional).

Será na plaza das toldas, no centro de Maceda e o aire libre, no caso de facer mal tempo trasladarase o centro Multiusos, o lado do polideportivo e a Hípica.

A organización porá pinchos para todos os participantes

No apartado musical, aberto a todo o mundo que queira participar, tocando, bailando, cantando,..., tocarán grupos de alumnos e mestres da AOFT.

Quedades todos convidados a vir e participar!

QUEMPALLOU

ALALA / 10.04.07

O martes 10 de Abril, Alalá vai ata a cidade das Burgas, en Ourense, onde vai ter lugar un adianto explosivo: a presentación de Polo aire, o terceiro disco de Quempallou, unha formación nacida na primavera de 1999, dacabalo entre o Morrazo e o Incio, e que son sete mozos cunha filosofía viva en canto á música se refire, xa que a súa máxima é que o público cante, baile, aturuxe, berre… nunha palabra que o pase en grande, pero sen esquecer as cousas da vida.

Eles son unha mestura entre a gaiteirada feliz e a cantiga de escarnio, entre foliadiña de baiuca e festa rachada de festival, entre cancioneiro e composición…. Daquela o equipo do programa estará en varios puntos de Galicia, desde o Incio (Lugo) ata o Morrazo (Pontevedra) e pasando por Ourense. “Quempallou” fala das cousas que lle preocupan e cunhas letras que “convidan a facer a festa sen esquecernos das cousas do mundo no que nos tocou vivir”.

REUNIÓN XERAL DA GAITA - ESPACIO KILOMBO

A. Gaita de Foles / 09.04.07

O vindeiro día 21 de Abril a festa está garantida. Amigos de Gaita de Foles están dende xa convidados para unha concentración no Espacio Kilombo, en Lisboa. Depois do éxito alcanzado na primeira edición da iniciativa, a Associação Juvenil Trupe Boomerang está novamente a preparar o IIº Gaitas em Festa.

No encontro preténdese prestar unha especie de tributo ao instrumento, promover o intercambio de experiencias musicais, coñecer e aproximar novos e vellos gaiteiros, aproveitando a ocasión para reunir a varias institucións que desenvolven obxetivos semellantes.

O día arranca às 11 horas, con un obradoiro dirixido por Paulo Marinho, dedicado à práctica da afinación en conxunto. Polo medio hai un almorzo convivencia e no medio da tarde, depois das 15 horas, chegan as escolas de gaitas (contamos con cinco, da rexión de Lisboa: Casa Pia de Lisboa, Associação Gaita de Foles, Xuventude da Galiza, Bardoada e Gil Teatro).

Á noite a festa farana entre as actuacións dos Trabucos (unha alborada de música medieval), Anaquiños da Terra (grupo de folclore galego da Juventude da Galiza de Lisboa) e dos Roncos do Diabo (formación dedicada à Gaita Transmontana) . Finalmente, e para rematar mesmo en grande, suben ao palco os Gaiteiros de Lisboa.

Están pois, reunidos os ingredientes para a grande festa, a RGG – Reunión Geral da Gaita.

O Espacio Kilombo da AJTB situase na Avenida Gomes Pereira (ao lado da Junta de Freguesia de Benfica), no Parque de Estacionamento Villa Simões (n.º 11) - Armazém 13.

AJTB
Info: 96 35 27 196 - Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

RESULTADOS DO III CERTAME DE MÚSICA TRADICIONAL DE CERVO

Concursos e Certames / 09.04.07

Os resultados do III Certame de Música Tradicional de Cervo que se celebrou o 5 de Abril do 2007 son os seguintes:

1º- O Chupacabras de Viveiro (grupo formado por Xesús Riveira, David Bellas, Rafa Crespo e Cristian Silva)

2º- Seitura de Pontevedra

3º- Abelente de Ourense

Noraboa a todos os premiados!

I ENCONTRO DE TOCADORES DE TROMPA

AGG / 04.04.07

O sábado, 21 de Abril, celebrouse na Fonsagrada (Lugo), o "I ENCONTRO DE TOCADORES DE TROMPA",organizado pola Asociación de Gaiteiros Galegos.

A trompa (arpa de boca, birimbao, guimbarda…) é un instrumento presente e espallado por moitísimas culturas e continentes (Alemaña, Noruega, Italia, Rusia, Vietnam, EEUU…). O instrumento tivo a facultade de adaptarse e asimilar a idiosincrasia das culturas musicais que o acolleron ao longo dos tempos.

Posiblemente o camiño de Santiago facilitou a chegada a Galiza e a súa divulgación entre as xentes. Actualmente só na comarca da Fonsagrada se mantén vivo o instrumento, grazas ás figuras de Emilio “O Pando” e César Fernández. Eles son os últimos tocadores de trompa. A longa cadea de transmisión oral que nos legou a singularidade a particularidade deste instrumento corre serio risco de esvaecer se non creamos lazos que permitan poñer a disposición dos novos instrumentistas todo o saber destes homes.

O obxectivo deste “I encontro de tocadores de trompa galega” é precisamente facer un diagnóstico da situación actual do instrumento no país e sentar as bases sobre as que nun futuro non moi lonxano nos permitan aumentar o número de tocadores de trompa, así como o de ensinantes e estudiosos do mesmo.

Se queredes máis información sobre o encontro, podedes poñervos en contacto coa Asociación no teléfono 986 847 074 ou ben mandando un correo electrónico a: Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

Programa do encontro

OS ANCARES - AS SÚAS CANTIGAS

ALALA / 03.04.07

O martes, 3 de Abril, emitiuse o segundo Alalá sobre Os Ancares e o concello de Cervantes que estivo dedicado á cántiga nesta zona montañosa de Galicia, limítrofe con Asturias e León. A influencia asturiana no xeito de cantar é notable; así, en lugares como Degrada e noutras vilas de Cervantes cultívase a asturianada, xénero que se incorporou ao repertorio local a través dos galegos que ían traballar ás minas en Asturias desde hai varias xeracións e por proximidade xeográfica.

A asturianada non só se manifestou a través de cancións traídas das minas, senón que chegou, dalgún xeito, a impregnar o xeito de cantar local das melodías tradicionais. Así, neste programa, a través de Suso Carrero, de Degrada, ou de Xosé Rodríguez, de Vilar de Donís, escoitaranse cántigas impregnadas dun virtuosismo vocal e dunha potencia propias das asturianadas e moi diferenciadas doutras partes de Galicia. Xunto á asturianada, en Os Ancares, polo seu illamento, tamén é posible atopar outros xéneros arcaicos como os romances. Mercedes Capón, de Os Prados, ofrecerá un exemplo precioso de romance.

Este programa, como os outros gravados en Os Ancares, está baseado nas investigacións do folclorista Juanjo Fernández, que divide as cántigas en dous grandes grupos: as narrativas e as bailables, as primeiras teñen por finalidade contar unha historia, as segundas, acompañar o baile.

RESULTADOS DO VIII CONCURSO DE MÚSICA TRADICIONAL

Concursos e Certames / 03.04.07

O pasado domingo 1 de abril tivo lugar en Arteixo o VIII CONCURSO DE MÚSICA TRADICIONAL organizado pola A.X. Xiradela.
Os grupos premiados foron os seguintes:

Gaiteiros solistas
1º PREMIO: Miguel Ángel Vázquez Brujeiro.
2º PREMIO: Eric torres Naveira
3º PREMIO: Adriana Rivas Seijo

Cuartetos de Gaita:
1º PREMIO: "Os Fontes Suairas"
2º PREMIO: "Loaira" da A. C. "O Castro"
3º PREMIO: "Seixebra"

Os nosos parabéns a todos os premiados!

SERÁN EN DONAS (GONDOMAR)

Festivais, Foliadas, Romarías / 03.04.07

O sábado 14 de Abril a partir das 21:00 horas, celebrarase un Gran Serán en Donas (Gondomar) que está organizado polos famosos Terribles de Donas.

O Recinto estará cuberto por unha carpa ainda que se agarda unha estupenda noite para a foliada. O serán está patrocinado pola comisión de festas de Donas e colaboran a Asociación Veciñal e Cultural de Donas, a Comunidade de Montes de Donas, Rosquillas Cristaleiro, Espectáculos Mundo Musical e o Concello de Gondomar.

¡Non vos perdades este serán porque seguro que o pasaredes moi ben!

PRESENTACIÓN DE LUVAS VERDES

Discografía / 02.04.07

O venres 13 de Abril, ás 12:00 horas, na Fundación Luis Seoane (A Coruña), terá lugar a presentación de Luvas Verdes 2007.

Daniel Bellón e Pedro Lamas retoman o traballo iniciado no 2001, que lles levou a ser o cuarteto de música tradicional máis laureado de Galicia, para volver non só como grupo senón para levar esta proposta tamén ao ámbito do ensino a través de cursos de gaita galega e música tradicional, recuperación de repertorio tradicional e outras propostas. Nesta nova andaina estarán acompañados na percusión por colaboradores da talla de Suso Vaamonde e Xose Lois Romero entre outros.

Páxina 403 de 438