Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas

Novas

"VAI DE CAMIÑO 2007"

AGG / 30.05.07

Como xa sabedes, o pasado día 10 de Maio tivo lugar a presentación da programación cultural "Vai de Camiño 2007", compendio das actividades lúdico-culturais nas diferentes rutas xacobeas durante o verán, organizadas pola Consellería de Innovación e Industria, a través do Xacobeo. Trátase dun proxecto que intenta conformar un circuito cultural estable no que desenvolver unha programación anual diversificada, plural, participativa e de calidade, que reforce esta vía como a ruta cultural máis importante de Europa e que contribúa á dinamización económico-social dos camiños, das vilas, do territorio e das súas xentes.

O 100% das actividades serán realizadas por artistas galegos coa intención de promover a súa actividade profesional e a súa capacidade creativa; potenciando asimesmo a popularización da cultura galega tanto entre os habitantes de Galiza como entre os camiñantes, turistas e público en xeral.

A Consellaría de Innovación e Industria e o Xacobeo contan nesta ocasión coa colaboración da Asociación de Gaiteiros Galegos, que escolleu a 72 grupos de música tradicional participantes no programa. A música tradicional estará presente en todas as grandes actuacións como a animación de rúa, os catro festivais de música tradicional ou os quince festivais de pequenas vilas cun formato acústico. Todos os participantes foron seleccionados das nosas bases de datos, elaboradas a partir das enquisas de músicos tradicionais que os nosos socios enviaron.

Todos os interesados en coñecer ós grupos participantes no "Vai de Camiño 2007" teñen o listado aquí.

"Vai de Camiño 2007"

VIII ENCONTROS DE MÚSICA TRADICIONAL

Varios / 30.05.07



O sábado, 2 de Xuño, celebráronse no Mosteiro de Carboeiro (Silleda), os VIII Encontros de Música tradicional que organiza a Asociación "Santa Ferreña dos encontros de música tradicional".

Non faltaron diversas actuacións de música tradicional, tamén tivéchedes a oportunidade de visitar unha interesante feria de artesanía, e por suposto houbo un xantar popular e xogos tradicionais para cativos e maiores. A Foliada non parou en todo o dia!

Consulta o programa

CENTRO GALEGO DA HABANA

ALALA / 29.05.07

O Martes, 29 de Maio, Alalá cruza o Atlántico, con destino á Habana para comprobar a prolífica actividade que a colonia de galegos de Cuba desenvolveu na Illa. Durante o derradeiro terzo do século foi o destino principal dos emigrantes que partían dos portos galegos. Alalá aproveita a viaxe para celebrar todo un acontecemento: o vinte de decembro deste ano 2007 cúmprense cen anos da primeira representación do himno galego na Habana.
A gran colectividade de galegos, na década do 1870 comeza a organizarse formalmente e van xurdindo centros e asociacións que teñen carácter benéfico, recreativo e cultural. Neste primeiro programa de Alalá en Cuba estaran no Centro Galego da Habana.

Tamén falaran do espírito creador dos galegos de Cuba e como a Habana se converteu, en certa maneira, na capital cultural de Galicia. Aquí naceron ou se lles deu forma a elementos tan importantes coma: a bandeira galega, o escudo, a edición de Follas Novas de Rosalía de Castro e o himno galego entre outras moitas cousas.

A pervivencia da nosa tradición musical está presente noutros centros galegos como é o caso da Sociedade Rosalía de Castro. Aquí galegos, descendentes e nativos cubanos móvense que hai que velo para crelo!.

Os comezos dos galegos en Cuba non sempre foron doados, para moitos, cos primeiros traballos deixaron algo máis que suor e esforzo, algúns deixaron ata a pel. Os que non dubidaron foi en relacionarse cos negros, foron os menos racistas e os que mellor se integraron. De aí, un dito que nos contaron: o mulato é un dos inventos do galego en Cuba.

Pero esta é a primeira parte da viaxe, a semana que vén Alalá segue en Cuba, nesta ocasión para falar das historias dos últimos galegos nativos que quedan alá, como foi a súa vida, acadaron realmente o sono americano?, fixeron fortuna? Como viviron? Como acadaron o prestixio que hoxe ten “o galego”?. Tamén visitaran un centro galego que está nas aforas da Habana, nun barrio obreiro con moi poucos recursos: o centro de Monterroso e Antas de Ulla, toda unha conquista da aldea galega en Cuba.

II SEMINARIO GALEGO DE ETNOGRAFÍA

Varios / 28.05.07


Os días 2, 9 e 16 de xuño no Auditorium do Verbum Casa das Palabras, en horario de 10:30 a 13:30, terá lugar o II Seminario Galego de Etnografía, organizado polo CAT, Centro de Artesanía Tradicional dependente da Concellería de Patrimonio Histórico do Concello de Vigo.

Despois do éxito de participación do I Seminario, no que Felipe-Senén López Gómez disertou sobre a Linguaxe dos Símbolos na Cultura Galega, nesta edición de 2007 o doutor en Antropoloxía Social José Antonio Fidalgo Santamariña, nos achegará aos saberes dos nosos devanceiros a través dos seus oficios e habilidades tradicionais.

O seminario é gratuito e con prazas limitadas, polo que é necesario inscribirse. O prazo de inscrición remata o vindeiro 30 de maio establecéndose unha rigurosa orde de entrada das solicitudes. Na páxina web do CAT podedes atopar o formulario de inscrición.

O MAIO VIVO

ALALA / 22.05.07

O Martes 22 en Alalá...

Di a copla milenaria que marzo é airoso e abril chuviñoso, pero o mes de maio é florido e fermoso. Pois nin fermosura nin flores lle faltan a Vilafranca do Bierzo que é o lugar onde se desprazou todo o equipo do Alalá para vivir en primeira persoa unha das tradicións máis antigas que se coñecen: o Maio vivo. É certo que os maios tamén se celebran en Galicia, pero desgraciadamente ningún maio vivo como o que se celebra en Vilafranca do Bierzo. O maio vivo ou maio mozo.

Di a lenda que o día 1 de maio o inverno e a escuridade morrían, porque era o día no que chegaba o Maio e toda a natureza renacía en cores e olores. O maio iniciaba o ciclo agrario do ano e traía con el a fertilidade, por iso se celebrou en zonas onde sempre se viviu do froito da terra, como Vilafranca.

O maio mozo diferénciase dos maios galegos en que aquí o Maio cobra vida, porque varios mozos da vila se visten con cañaveira, que en Galicia chamamos mazandois ou apio dos cabalos e no día do Maio é a planta tótem, porque co seu manto transforma o mozo en vexetal. Por cada rúa hai un maio e por cada maio varios músicos que o acompañan cantando unha copla milenaria casa por casa. As estrofas da copla fan unha petición moi parecida a un aguinaldo e segundo a xenerosidade dos veciños cántase unha estrofa de agradecemento ou con ironía e escarnio.

RESULTADO DO I CERTAME DE GAITA "AS MARIÑAS" DE BETANZOS

Concursos e Certames / 21.05.07


O gaiteiro do Hio Alberto Coya, resultou o vencedor do I Certame de Gaita "As Mariñas de Betanzos" cun repertorio composto por "Xota de Forcarei", "Preguiceira" e a peza de caracter obrigatorio, interpretada en dixitación pechada "Muiñeira de Piadela".

Alberto Coya xa ten no seu curriculo outros premios como o "Constantino Bellón", "Memorial Ricardo Portela" ou o "País de Sarria", ademais de obter o cuarto lugar na clasificación do "Trophee MacCrimmon" (Lorient, 2006). Agora, con tan so 23 anos, consolida a súa traxectoria como gaiteiro de referencia no mundo da música tradicional galega.

Os nosos Parabéns.

Os Rosales

ALALA / 15.05.07

No Alalá deste Martes 15 de Maio...
...O que diferencia a Os Rosales dos outros grupos históricos da música tradicional galega é que estivo formado, durante gran parte da súa traxectoria artística, polos membros dunha mesma familia: José, o pai, magnífico gaiteiro e compositor; Maruxa, a súa muller, e tres dos seus catro fillos. Xuntos fixeron quilómetros e quilómetros por toda Galicia, España e parte de Europa, e colaboraron con artistas como Milladoiro ou Amancio Prada, que os reclamaban pola súa calidade e forza interpretativa.

Os Rosales convertéronse nun dos grupos máis respectados e admirados. Gravaron dous discos, participaron en ducias de programas de televisión, concertos e festivais e non deixaron de incorporar pezas de composición propia ao seu amplísimo repertorio.

Hoxe, José e Maruxa están retirados dos escenarios, pero non deixan de tocar, de compoñer e de ensinar a outros músicos novos. Levan xuntos case sesenta anos, xa fixeron as vodas de ouro e teñen unha chea de historias que contar, porque a súa historia familiar e profesional é única.

VIII ENCONTRO FOLCLÓRICO EN PAIOSACO-LARACHA

Festivais, Foliadas, Romarías / 10.05.07

A asociación cultural "QUEIROGA" de Paiosaco organiza o " VIII Encontro Folclórico " que terá lugar en Paiosaco - Laracha, o vindeiro día 20 de Maio a partir das 10:00 h. da mañá.
O evento terá lugar no recinto ferial da localidade, coincidindo ca xa tradicional Feira de Paiosaco, que se celebra habitualmente o primeiro e terceiro domingo de cada mes, co propósito de fomentar con actos culturáis este mercado ó aire libre, tan importante para a economía da nosa localidade e de gran valor social.

Ademáis da agrupación anfitriona " QUEIROGA ", están convidadas a este encontro a A.C.CATALMIBRE de O Burgo, A.C.SEIXEBRA de Moraña e a AGRUPACIOS DE BALL MALLORQUÍ " SA SINIA " de Consell ( Palma de Mallorca ), esta última inclúese dentro do programa de intercambio folclórico - cultural que dende fai algúns anos está a
levar a cabo a A.C.QUEIROGA de Paiosaco con agrupacións doutras comunidades. Estes ficarán na nosa comunidade dende o día 18 ata o 21.

Folclore Galego; músicas, cantos e bailes; mercado o aire libre; sardiñas, churrasco e demáis produtos da nosa terra, todo isto será a fusión perfeta para vivir un día especial en Paiosaco, un acto sen precedentes onde se darán cita millares de persoas para disfrutar do noso folclore, da nosa gastronomía, etc.

Convidámosvos pois a disfrutar desta gran festa folclórica que sen dúbida se convertirá nun evento socio-cultural sen igual.

OBRADOIRO DE INSTRUMENTOS VEXETAIS

Cursos / 09.05.07


Día: 26 de maio do 2007
Hora: 11:00 h a 19:00 h
Lugar: ribeira do río dos Gafos, Pontevedra
Punto de encontro: 11.00 h diante da estación de autobuses de Pontevedra
Nº de prazas: 15
Impartido por: Pablo Carpintero
Prezo: 15 €
Organiza: Grupo de música tradicional “Os Chichisos” e “Vaipolorío”
Información e inscricións: 676.842.942

PROGRAMA:

• 11.00 h: paseo polas ribeiras do río en busca de materiais pra construcción dos instrumentos (sabugueiro, cana, espadanas, salgueiros, ameneiro, etc.). Durante o paseo construiranse diversos instrumentos con materiais perecedeiros (follas de hedra, cúdias de ameneiro, castiñeiro, etc.).

• 14.00 h: xantar no río (cada un levará a súa comida e bebida)

• 15.30 h: aprenderemos a construír e a tocar instrumentos feitos con cana e sabugueiro, tales como son as gaitas e as frautas rectas e traveseiras.

MATERIAL NECESARIO:

Cada persoa interesada en asistir ao curso, deberá traer unha navalla ben afiada.

ANXO EIRIZ, O CURA DAS NOGAIS (LUGO)

ALALA / 08.05.07

O Alalá deste martes, 8 de Maio, é o primeiro que se lle dedica a un cura do rural. Anxo Eiriz é o cura das Nogais, en Lugo, onde leva 30 anos a difundir a música por todas as aldeas do concello, de aí que haxa lugares onde Anxo lles deu clase ao 100 por cento dos rapaces e, por suposto, sen cobrar un peso. Anxo toca de todo: clarinete, trompeta, gaita, violín, piano, trombón, frauta traveseira e un longo etc. Cada alumno é un instrumento e unha ilusión, porque nas Nogais ninguén toca polos cartos, de feito di Anxo que se non fosen amigos non serían banda, por iso entre todos forman a Banda de Música das Nogais.

Anxo ten dúas fes compartidas, que son a relixión e a música, pero por riba delas está a fe que ten nas persoas, por iso a súa casa sempre está aberta para todos aqueles que queiran ir alí aprender a tocar. Ao longo destes 30 anos de difusión da música son incontables os alumnos que pasaron por alí. Por iso na banda das Nogais hai músicos desde 9 ata 84 anos e todos comparten a amizade da banda e o mestre que os une. Quizais por iso á Banda de Música das Nogais non lle fai falla tocar para un auditorio cheo de xente ou nunha gran festa, pois eles tanto tocan á saída dunha misa coma nun bar dunha vila despois do ensaio. Así lles aprendeu Anxo a ser músicos de partitura que viven cada nota do seu instrumento.

Páxina 400 de 438