Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas

Novas

XL CONCURSO DE GAITAS DE PONTEAREAS

Concursos e Certames / 24.08.07

O concello de Ponteareas xa ten aberto o prazo de inscrición do Concurso de Gaitas de Ponteareas que, con este acada á súa cuadraséxima edición. A fase eliminatoria terá lugar o sábado 22 de setembro, mentras que a fase final celebrarase no Auditorio Reveriano Soutullo o domingo 23 de setembro a partir das 11:30h da mañá.

Nesta fase final serán interpretadas dúas pezas de libre elección que, ao igual que as interpretadas na fase eliminatoria, serán de raíz melódica galega. Igualmente en ámbalas fases non se admitirá a interpretación de suites nin de popurrís.

Poderán participar no concurso tódolos grupos de gaitas tanto de Galicia como dos Centros Galegos de España e do estranxeiro que toquen con gaita tradicional. Os interesados teñen de prazo ata o día 14 de setembro do 2007 para mandar as súas inscricións.

RELACIÓN DE PREMIOS:

- 1º premio 1.800,00 € (Feliciano Barrera)

- 2º premio 1.200,00 €(Grupo de Empresas Regino Giraldez Boo “Construcción e Carpintería”)

- 3º premio 900,00 € (Irmáns Rodríguez Sobral)

- 4º premio 600,00 € (Concello de Ponteareas)

BASES COMPLETAS DO CONCURSO e FOLLA DE INSCRICIÓN

"VAI DE CAMIÑO", UN NOVO ÉXITO NA SÚA SEGUNDA EDICIÓN

Varios / 23.08.07

A II edición do programa “Vai de Camiño”, da Consellaría de Innovación e Industria, achegará ata o mes de setembro as actuacións de 181 artistas galegos a máis dun centenar de concellos polos que atravesan os Camiños de Santiago.

Así , ao longo da vindeira fin de semana do 25 e 26 de Agosto, artistas como Narf, Xosé Manuel Budiño, Daniel Bellón e Diego Maceiras, Mercedes Peón e varios grupos de música tradicional como Tinta Femia, Os Enxebres de Cacheiras, Xironsa ou Os Campantes da Baña actuarán nos municipios de Muxía, Miño, Melide, Pontedeume, Arzúa (A Coruña); Ribadeo, Paradela (Lugo) e Dozón (Pontevedra).

A Consellaría de Innovación explicou nun comunicado que volveu a poñer por segundo ano en marcha o programa, que comezou o 1 de xuño, tralo éxito da programación do ano pasado e “a novedosa experiencia da primeira edición do Vai de Camiño en canto á promoción dos músicos e artistas galegos”.

Tamén afirman dende a Consellaría que “a programación é moi variada e tenta dar cabida ao máis representativo do panorama actual galego. Consolídase así un circuíto que está a dinamizar durante o verán as vilas dos Camiños de Santiago”.

"ESTA NOITE HAI UNHA FÍA", GALA X ANIVERSARIO DO FIADEIRO

Festivais, Foliadas, Romarías / 22.08.07

O sábado 25 de Agosto, terá lugar en Ribeira unha nova edición da gala "Esta noite hai unha fía" organizada pola A.C.F. O Fiadeiro. Tódolos grupos da Asociación colaboran na organización desta gala da que veñen de estrear a súa séptima edición o pasado abril de 2004. Neste espectáculo, O Fiadeiro tenta amosar o seu traballo de escenificación e recuperación etnográfica dos dous anos precedentes.

Durante duas horas, sesenta e catro compoñentes executan danzas de toda a xeografía galega, coidadosamente adaptadas á escena, con cadanseu vestiario propio da zona onde foi recuperada a información e acompañado das voces, instrumentos e sons axeitados. Sen dúbida un gran espectáculo visual e auditivo representante da tradición galega.

Despois da estrea en Vigo, a gala X Aniversario “Esta Noite Hai Unha Fía”, estáse a representar integramente en diversas vilas e teatros de toda Galicia, xa que próximamente farán unha parada en Vilagarcía de Arousa, Cangas e incluso Barcelona, onde actuarán o 16 de Decembro.

Se desexades obter mais información, aquí tedes os datos de contacto:

A.C.F. O Fiadeiro
Aptdo de correos 1969, 36200 Vigo - Pontevedra
Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo
Tlf: 629 585 355
Tlf/Fax: 986 253 585

I CERTAME DE MÚSICA TRADICIONAL "GUADALUPE 2007"

Concursos e Certames / 21.08.07

En Rianxo, o vindeiro 11 de Setembro, vaise celebrar o "I Certame de Música Tradicional Guadalupe 2007", que este ano comeza a súa andaina. A fin desexada deste certame é a de promover a participación das agrupacións musicais e culturais que están a agromar na comarca e arredores, así como a de músicos que non pertencen a agrupación algunha.

As modalidades establecidas para o concurso son as de solista e grupo tradicional (cuarteto ou quinteto), sendo as pezas obrigatorias para cada unha das categorías as seguintes:

Solista: A Camposa
Grupos: Lembrando

Os premios para cada unha das categorías son:
- Na modalidade de solistas: 1º premio de 300 € e 2º premio de 100 €
- Na modalidade de grupos: 1º premio de 500 € e 2º premio de 200 €

A data límite de inscrición no certame é o venres 7 de setembro ás 14 horas.

Se estades interesados en participar, podedes consultar as bases completas e ter acceso ás partituras das pezas obrigatorias nesta nova.

BASES DO CONCURSO

Partituras obrigatorias: A CAMPOSA e LEMBRANDO

RESULTADOS DO CONCURSO DE MÚSICA TRADICIONAL "AVELINO CACHAFEIRO"

Concursos e Certames / 20.08.07


Nove músicos tomaron parte, o sábado 18 de Agosto, na elección do que moitos consideran o mellor gaiteiro de Galicia. Foi durante a celebración da XXVIII Festa do Gaiteiro, en Soutelo de Montes. A clasificación final foi a seguinte:

1º Pablo Devigo
2º Óscar Ibáñez
3º Edelmiro Fernández
4º Rubén Troitiño
5º José F. Gil Dopazo

O xurado estivo composto por Juanjo Fernández, Xaime Estévez, Roberto Quintillán, Begoña Louzao e Manuel Alonso.

Nesta edición o pregón foi pronunciado por José Seivane que falou sobre a súa mocidade a memoria da gaita e os gaiteiros. Rematou as súas verbas cunha copla perfectamente entonada.

Acudiu tamén o vicepresidente da Xunta, D. Anxo Quintana quen pronunciou un discurso no que remarcou a importancia que ten a música tradicional na sociedade Galega.

O Concello de Forcarei, representado polo seu alcalde D. David Raposeiras, concedeu as Medallas Gaiteiro de Soutelo a Edicións do Cumio, Ouvirmos, Coral Ruada, á Casa de Galicia de Maracaibo e a José Firvida Cachafeiro pola laboura de todos eles a prol da nosa cultura tradicional.

Un ano mais comprobouse que a Festa do Gaiteiro é unha das citas ineludibles para todos aqueles que honran a música tradicional galega.

DANIEL BELLÓN, UNHA PÁXINA WEB DE SEU

Entrevistas / 17.08.07


Dende o 14 de Agosto, DANIEL BELLÓN xa ten a súa propia páxina web, www.danielbellon.com, na que podemos atopar diferentes seccións e información dos seus proxectos paralelos: solista, dúo Bellón-Maceiras, Luvas Verdes, "O Latexo da Terra" (Xabier Díaz e Bellón-Maceiras), quinteto Bellón-Maceiras e "Luvas Verdes Cursiños e Talleres Formativos".

Con motivo da "inauguración" oficial da páxina, fixemoslle unha entrevista a Daniel na que nos contou, entre outras moitas cousas, como comezou a súa meteórica carrera de gaiteiro gañando algúns dos concursos de música tradicional mais importantes, a súa experiencia como mestre fora de Galicia ou os seus vindeiros proxectos, que resultan realmente interesantes.

Non deixedes de ler a entrevista completa porque estamos ante un dos gaiteiros que ven pisando forte no panorama da música tradicional galega.

ENTREVISTA A DANIEL BELLÓN

XXVIII FESTA DO GAITEIRO DE SOUTELO

Festivais, Foliadas, Romarías / 16.08.07

O vindeiro sábado 18 de Agosto vaise celebrar a XXVIII edición da Festa do Gaiteiro de Soutelo de Montes (Forcarei), unha cita que cada ano convírtese nunha homenaxe á saga de gaiteiros desta localidade, co mítico Avelino Cachafeiro como referente.

O programa comeza ás 11.00 horas coa apertura da Mostra de artesanía na Praza do Gaiteiro. O pasarúas estará a cargo de O Barqueiro de Mañón e a banda de gaitas de A Rúa de Valdeorras. A música seguirá coas actuacións de Os do Luns e Pai da Cana. Tamén contarán co grupo de danzas e gaitas Santiago Apóstol de Pamplona e a Asociación folclórica O Fiadeiro, de Vigo, entre outros.

Ás 13.30 horas terá lugar a lectura do pregón a cargo do artesán gaiteiro José Manuel Seivane. A continuación, entregaranse as medallas Avelino Cachafeiro, que este ano recaen en José Firvida Cachafeiro, Maduro, o único sobriño directo de Avelino; Ouvirmos, a primeira editora especializada en documentación musical galega; Edicións do Cumio, e a Coral Ruada.

Pola tarde, a partir das 17.00 horas, celebrarase o IX Concurso de Solistas. Os premios entregaranse ás 21.00 horas. Pola noite, a partir das 23.00 horas, na Praza da Igrexa, concerto dos grupos Crema de gaita e Ruxe-Ruxe.

Non vos esquezades de asistir a esta festa para coñecer un pouco mais a un dos gaiteiros mais importantes da nosa terra, Avelino Cachafeiro, O Gaiteiro de Soutelo.

AXUDAS A ESCOLAS DE MÚSICA DEPENDENTES DE ASOCIACIÓNS SEN ÁNIMO DE LUCRO

Anuncios, subvencións, oposicións... / 14.08.07

Co fin de potenciar o funcionamento das escolas de música dependentes de institucións sen ánimo de lucro a Deputación de Pontevedra establece as bases reguladoras de concesión de axudas a estas escolas de música.

O importe total das axudas será de cincuenta mil euros (50.000,00 €) e o prazo de presentación de solicitudes rematará o 30 de setembro de 2007.

Podedes consultar as bases aquí ou ben no Boletín Oficial da Provincia, data 27/07/07, número 145, páxina 12, anuncio 2007007216.

BASES DA CONVOCATORIA

XXVIII FESTIVAL IRMANDIÑO

Festivais, Foliadas, Romarías / 13.08.07

En Moeche, os vindeiros 17 e 18 de Agosto de 2007, terá lugar o XXVIII Festival Irmandiño, o mais antigo de todos os que se celebran en Galicia. Neste evento preténdese "conmemorar e reivindicar, cun carácter festivo, o movemento Irmandiño, coas súas características de unión e defensa dos intereses populares", según a Asociación de veciños «Castelo de Moeche», que son os responsables da organización. Este ano o cartel é o seguinte:

Venres 17

A partir das 22:30 h. actuación dos grupos:
CLAN MARAGATO
OS CHIQUILICUATRES
OS CUCHUFELLOS
Sábado 18

A partir das 22:00 h. actuación dos grupos:
BALAKANDRA
PEPE VAAMONDE GRUPO
OS CEMPÉS
TRIQUEL (Valladolid)

A partir das 24:00 h. lectura do pregón e asalto o castelo. Haberá aparcamentos gratuítos e zonas de acampada nas inmediacións do festival.

DÍAS DE CAMPÁS E CAMPANEIROS

Cursos / 10.08.07

O sábado 15 e o domingo 16 de Setembro, OS CHICHISOS organizan “DIAS DE CAMPÁS E CAMPANEIROS”. Con elo queren dar a coñecer tanto a arte de fabricación das campás como o sistema de comunicación que se produciu e que aínda se produce polo toque das mesmas (avisos de mortes, chamadas a misa, avisos de incendios, etc.).

Tendo en conta que en todo o país só queda un obradoiro de fabricación de campás, totalmente artesán, con orixe en 1630, transmitíndose dende entón este oficio de xeración en xeración nunha mesma familia; e por outra banda cada vez quedan menos campaneiros que sexan coñecedores dos diferentes toques ou sinais para comunicar os distintos acontecementos sociais, sendo sustituídos por aparellos electrónicos que desenrolan a labor de tanxer as campás, ao mesmo tempo que os cidadáns tamén estamos a perder a costume de, ao escoitar, identificar o que se pretende transmitir.

Nº DE PRAZAS: 25
PREZO: 10 €
TELÉFONO DE RESERVAS: 676.842.942
LUGAR DAS ACTIVIDADES: IGREXA PARROQUIAL DE TOMEZA - PONTEVEDRA

Aquí tedes o programa

Páxina 394 de 438