Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas

Novas

NOVO TRABALLO DISCOGRÁFICO DE PAI DA CANA, "PAIDACANA 12"

Discografía / 14.12.07

O Grupo de Música Tradicional Pai da Cana recupera un concepto de conxunto autenticamente tradicional case desaparecido no noso país: a charanga, tamén chamada murga, “conjunto típico” ou “regional”, que consiste nunha formación na que a gaita e o acordeón se funden cos instrumentos propios das bandas de música como o clarinete, o saxofón, a caixa e o bombo con pratos.

O repertorio de Pai da Cana está formado por pezas das charangas galegas que existiron no noso país e mais en América dende finais do século XIX, ritmos importados coma o vals, a mazurca, a polca, a ranchera, o tango ou a rumba, que na altura se relacionaban co progreso e a modernidade, e outras pezas tradicionais arranxadas dentro desta estética musical de entreséculos. Pai da Cana coida con todo detalle que o seu vestiario sexa coherente co tipo de formación que representa, polo que emprega a indumentaria da Belle Époque.

A música de Pai da Cana aparece en varios traballos discográficos: Ruta Folc: Terra Galega (Disco Trompo, 1998), I Memorial Manuel Texo (A. C. Ullán, 1999), III Memorial Manuel Texo (A. C. Ullán, 2001) e Os Sons da Ulla (Phonos, 2001).

Pai da Cana recolle no seu novo disco, "paidacana 12" (Edicións do Cumio, 2007), os 12 anos de traxectoria do conxunto amosando as distintas formacións musicais que foi adoitando, así como unha parte do seu repertorio a través do que se pode percibir a súa evolución musical, en definitiva, o que foron e o que son, sen máis pretensión que achegar un gran de area, unha pequena e humilde contribución á música do noso país.

Este traballo foi posible grazas á colaboración dos Concellos de Poio e Pontevedra.

Pai da Cana son:
María Vidal (gaita), Miguel Dopazo (clarinete), Diego Rodríguez (saxo alto), Iria García (acordeón), Oscar Pazos (caixa) e Carlos Mouriño (bombo con pratos). Dirección e arranxos: Oscar Ibáñez.

ACTAS DO I CONGRESO DE ENSINANTES DE MÚSICA TRADICIONAL GALEGA

AGG / 14.12.07

Xa están publicadas as actas do I Congreso de Ensinantes de Música Tradicional Galega que a Asociación de Gaiteiros Galegos organizou o 18 e 19 de novembro do pasado ano 2006 en Santiago de Compostela. Nelas recóllense todos os relatorios, mesas redondas e comunicacións que se presentaron neste importante evento.

Nesta publicación pódese atopar información sobre temas tan interesantes como o ensino do canto tradicional, as perspectivas de futuro do ensino da música tradicional, metodoloxías e espazos para a aprendizaxe do baile tradicional galego, etc.

Todos os participantes no I Congreso recibirán, en breve, unha copia gratuita por correo postal. Os socios da AGG tamén poden solicitar o seu exemplar gratuito no teléfono 986 847 074 e recibilas por correo postal, asumindo os custes de envío, ou ben recollelas no local da nosa oficina situada no seguinte enderezo:

Rúa Alfonso XIII, nº 7 - Oficina 8 (2º andar) - Pontevedra

O horario de atención ó público é de 9 a 14 h. e de 16 a 19h.

Os demais interesados poden adquirilas a un prezo de 10 Euros. Para máis información, poden chamar por teléfono ou mandar un correo electrónico a Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

"ESPERANZA", NOVO CD DE XOSÉ LUÍS MIGUÉLEZ

Discografía / 13.12.07

Cumplíndose un ano da celebración do primeiro concerto de fin de carreira na especialidade de "Instrumentos de música tradicional" a cargo do gaiteiro Xosé Luís Miguélez, a editorial Dos Acordes ven de editar un CD, que recolle a gravación ao vivo de dito evento.

Neste traballo discográfico, onde participan destacados músicos galegos, amósase un novo repertorio para Gaita Galega baseado en composicións de autores contemporáneos sen esquencer, por suposto, a tradición do noso instrumento.

A Presentacion do novo CD "ESPERANZA", terá lugar no programa da Radio Galega "Lume na palleira" o sábado 15 de decembro as 16:00 h. dentro da programacion do "Dia do orgullo gaiteiro" organizado pola Aula Gomes Mouro e a AOFT no Auditorio de Ourense.

Se estades interesados en adquirilo, pódese mercar a través da web da editorial, www.dosacordes.com (con un prezo de lanzamento de 12€ + gastos de envio), ou en tendas de discos (15€) a partires do martes día 11 de decembro.

IV DÍA DO ORGULLO GAITEIRO

Festivais, Foliadas, Romarías / 12.12.07

O sábado 15 de decembro, na sala Anexa do Auditorio Municipal de Ourense celebraranse todos os actos do IV Día do Orgullo Gaiteiro, organizado pola AOFT GOMES MOURO e que este ano está dedicado ao Sr. ANTÓN GONZÁLEZ FRANCO.

Os actos programados para este día son os seguintes:

- 16:00 a 18:00 - Emisión en directo do Programa: "LUME NA PALLEIRA", con Emilo Españadero coa intervención e presentación do cd "As fontes Musicais" do Gaiteiro JUANJO FERNÁNDEZ, o grupo COANHADEIRA, XAVIER BLANCO, e X.L.Miguelez Pilís, que tamén presentará o seu novo disco. Tamén estarán presentes os "homenaxeados" deste ano.

- 18:15 a 19:00 - Charla didáctica: "OS INSTRUMENTOS POBRES" con XAVIER BLANCO.

- 19:00 a 19:30 - ACTO DE HOMENAXE: Ao programa "ALALÁ" da Radio televisión de Galicia e ao Sr. ANTÓN GONZÁLEZ FRANCO", membro fundador do grupo de gaiteiros "Os Francos" de Ourense.

- 19:30 a 20:30 - Actuación de PABLO SEOANE co seu novo traballo, "Fluíndo en Pechado".

21:30 - "CEA DO ORGULLO GAITEIRO"

No Servicio de cociña de "AIXIÑA", rúa da Farixa 7, na Finca Sevilla, ao lado do Pazo de deportes, "Paco Paz". Prezo da cea 18 Euros - Para Alumn@s e soci@s da AOFT GOMES MOURO 15 Euros.

*Para a cea hai que reservar via email: Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo ou no teléfono: 609022512 durante a semana*

As actividades continuarán en Ourense o día seguinte, o domingo 16 coa celebración do Domingo de Lecer na Carpa da explanada das Burgas. Anímadevos a participar de todos estes actos en prol da nosa cultura tradicional.

TRABALLANDO NO III CONGRESO DE ENSINANTES

AGG / 11.12.07

A pasada fin de semana do 7,8 e 9 de decembro tivo lugar o II Congreso de Ensinantes de Música Tradicional Galega no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela. O evento estivo organizado pola Asociación de Gaiteiros Galegos en colaboración ca ASPG e a CIG Ensino, e patrocinado pola Dirección Xeral de Creación de Difusión Cultural da Xunta de Galicia e a Concellería de Cultura do Concello de Santiago. Tamén colaboran as Universidades de A Coruña e Vigo xunto co Auditorio de Galicia.

Ao acto inaugural asistiron as seguintes personalidades:

• D. Xosé Luis Bará Torres – Director Xeral de Creación e Difusión Cultural
• D. Nestor Rego Candamil – Concelleiro de Cultura e Centros Socioculturais do Concello de Santiago
• D. X. Anxo Varela Centelles – Técnico do departamento de promoción cultural do Xacobeo.
• D. Luciano Fernández Martínez – Membro da Xunta Directiva da ASPG
• D. Anxo Louzao Rodríguez – Secretario Nacional de CIG-Ensino
• D. Santiago Caneiro Aneiros – Presidente da Asociación de Gaiteiros Galegos

Foi, sen dúbida, un fito histórico, non só pola calidade dos relatores, senón tamén pola cantidade de congresistas inscritos, xa que se completou o aforo de 260 prazas, o que demostra o grande interese suscitado polos debates, obradoiros e relatorios que se programaron así como polas propostas que poden xurdir deste importante evento.

Tamén queremos agradecer publicamente ás institucións que colaboraron para levar adiante este complexo proxecto, ós relatores, participantes en mesas e congresistas, a súa amabilidade e bo facer, que contribuíron a que todo o congreso se desenvolvera nun excelente clima de traballo.

A Asociación de Gaiteiros Galegos pretendeu coa realización deste segundo congreso, promover lazos de coñecemento, recoñecemento e confianza entre os distintos ámbitos educativos da música galega, co obxecto de permitir unha comunicación fluída de experiencias e para, poder pór en marcha iniciativas conxuntas que teñan continuidade no futuro, no que xa estamos a traballar coa preparación do terceiro Congreso.

VOLTA DO PROGRAMA "ALALÁ" Á PROGRAMACIÓN DA TVG

ALALA / 11.12.07

Precedido do éxito de público, sendo martes tras martes líder na súa franxa de emisión; e do éxito da crítica cos premios da Crítica de Galicia e da Academia Nacional de Televisión; chega o martes 11 de decembro, ás 21:30 h., a terceira temporada de Alalá. O programa, que dirixe Senén Bernárdez e presenta Pilar G. Rego, está inmortalizando as vidas dos xenios da música tradicional de Galicia.

Con Alalá regresan á pantalla da TVG os músicos máis incribles da nosa tradición musical que transmitiron durante anos o peso do saber secular da tradición musical galega. Pero con eles tamén estarán os grupos de nova creación que parten da tradición como filosofía musical.

Así, a terceira temporada vén chea de novos músicos e novas historias que nos farán rir e chorar os martes pola noite, no caso de hoxe cunha presentación estelar: un programa dedicado ao mellor músico de trompa de Galicia, César Fernández, que ademais é un gran gaiteiro e todo un catedrático na universidade da vida.

GALA XXV ANIVERSARIO DA A.C.G. SAUDADE

Varios / 05.12.07


A Gala do XXV Aniversario de Saudade terá lugar o domingo 9 de decembro ás 17:30 h. en L´Auditori (Sala 2) situado na rúa Lepant, 150 en Barcelona.

Esta gala é un espectáculo etnográfico co que o grupo folclórico Saudade achega ao público a nosa forma de entender a cultura tradicional do pobo galego, a través dunha mostra moi representativa da gran riqueza do noso folclore, polo que veñen traballando dende hai 25 anos. Un percorrido polas catro provincias da nosa terra no que ademáis da etnografía xoga un papel fundamental a emigración.


A entrada é gratuita, e todos aqueles que poidan acudir a presenciar este espectáculo terán a oportunidade de coñecer máis a fondo o importante traballo que este grupo está a realizar en relación á nosa cultura tradicional.

"DOMINGOS DE LECER" EN OURENSE

Varios / 04.12.07

O Concello de Ourense ven de programar os "DOMINGOS DE LECER", unha serie de actividades para dinamizar o casco vello da cidade durante o mes de decembro.

Dentro do programa, inclúense concertos, obradoiros, baile, fotografía e por suposto, a música tradicional. Este apartado está organizado e coordinado por "AOFT-GOMES MOURO".

Durante os domingos 9, 16 e 23 de decembro, os obradoiros terán lugar pola mañá de 12 a 14h e os concertos pola tarde, de 17 a 19h., (a petición do Concello de Ourense, con grupos de música da cidade). Os lugares de celebración serán:

- Praza maior, Praza da imprenta, Praza de san marcial, Praza de saco y arce e Rúa bailén

Dende a Tenencia da Alcaldía do Concello de Ourense, queren revalorizar os seus barrios e rúas; comezan no que foi o berce histórico de Ourense, a Cidade Vella. É por isto que convidan a todo o mundo neste mes de Nadal a desfrutar o seu lecer do domingo na cidade de Ourense.

Programa dos domingos de lecer

INAUGURACIÓN DO II CONGRESO DE ENSINANTES O VENRES 7 DE DECEMBRO

AGG / 03.12.07

O vindeiro venres 7 de Decembro, ás 16:30 h., terá lugar a inauguración oficial do II Congreso de Ensinantes de Música Tradicional Galega no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela.

Previamente, ás 16:00 h. realizarase a recepción e o reparto de material a tódolos inscritos, que este ano alcanzan unha cifra importante, o que demostra o interés suscitado por este proxecto e os seus contidos.

Durante a fin de semana do 7, 8 e 9 de Decembro, poderanse escoitar un total de cinco relatorios levados a cabo por importantes investigadores e docentes galegos que tratarán temas tan interesantes como os “coidados básicos da voz e exercicios prácticos para cantar dun xeito saudable”; “xogos populares e tradicionais galegos”; así como a “aplicación das novas tecnoloxías no ensino da música tradicional”.

Tamén contaremos con obradoiros prácticos como por exemplo un “taller de construcción de xoguetes sonoros” ou “cantigas para os máis pequenos”. Estes relatorios e obradoiros alternaranse con mesas redondas onde se debaterán temas relacionados coa música tradicional, e ademais presentaranse as comunicacións seleccionadas entre as propostas recibidas para este Congreso.

Atoparedes toda a información necesaria nas novas do noso portal e manterémosvos ao tanto do desenvolvemento xeral de todas as actividades.

Información sobre o Congreso

O CANTO NA PROVINCIA DE PONTEVEDRA

Lume na Palleira / 30.11.07

O sábado 1 de Decembro, teremos a oportunidade de escoitar unha nova edición de "O Recucho da Palleta" da man de Pablo Díaz Carro, que nesta ocasión centrarase no canto na provincia de Pontevedra.

Trataranse temas moi interesantes como por exemplo o emprego da pandeireta coa man esquerda nos concellos do norte da provincia e algunha curiosidade polifonica procedente do Concello de Cuntis. Tamén técnicas vocais diversas, como os cambios de octavas no medio de coplas ou entre coplas, casos encontrados en Mondariz e Salvaterra do Miño, así como explicacions do que é unha tocata cos seus ritmos, os finais só con voz rematando anteriormente, as percusións (pandeiretas, lejóns e añas) propias dos concellos do sur, etc.

Teremos tempo para escoitar curiosidades como a recompilación de campo feita na illa de Ons cos seu antigos habitantes, e moitas máis sorpresas que non vos debedes perder.

Non vos esquezades que a emisión de "Lume na Palleira" é os sábados de 16:00 a 18:00 h. en "RADIO GALEGA MÚSICA", con emisión conxunta de 16:05 a 17:00 na "RADIO GALEGA".

Páxina 387 de 438