Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas

Novas

XORNADAS DE CULTURA TRADICIONAL GALEGA

Cursos / 09.05.08


A Asociación Cultural Cantigas e Frores organiza os vindeiros 15, 21 e 28 de Maio unhas xornadas sobre cultura tradicional galega. Os actos celebraranse no Salón de Actos da Fundación Caixa Galicia, en Lugo.

O Xoves 15 de Maio a partir das 20:30, levarase a cabo unha charla sobre Tradición e Innovación. Sergio Cobos e Lis Latas presentarán os seus últimos traballos sobre transcripción de Baile tradicional e o Punteiro Afinable respectivamente.

O Mercores 21 de Maio ás 20:30, Antón Castro falaranos do seu traballo sobre a aplicación das cantigas populares no ensino da música nos centros de educación primaria "De Cantar e Contar".

Para pechar esta serie de actividades, o Mércores 28 de Maio ás 20:30, o investigador e estudioso Javier Jurado presentaranos "O Mestre Vide. Un Compositor Galego", traballo onde aborda a obra deste compositor ourensá emigrado a Cuba.

Para ver o programa completo preme no seguinte enlace:

Programa

III ENCONTRO DE GAITEIROS MANUEL VILLANUEVA

Concursos e Certames / 08.05.08

Durante a fin de semana do 6, 7 e 8 do próximo mes de xuño celébrase unha nova edición do encontro de gaiteiros Manuel Villanueva na localidade de Poio.

As actividades comezarán na tardiña do venres, cando a partires das 20h, en Casal de Ferreirós, se faga a presentación do CD que recolle as actuacións do IV concurso de gaiteiros Manuel Villanueva, celebrado o ano pasado. Neste acto actuará o grupo gañador daquela edición, Tentenoaire, seguido dun concerto didáctico sobre instrumentos pobres a cargo de Xabier Blanco.

Durante o sábado haberá alboradas a cargo da Escola de Musica Tradicional de Poio e o grupo Tradicional Pai de Cana, conferencias a partir das 12h coa presencia de importantes figuras na música tradicional e a partir das 17:30 a V edición do concurso de gaiteiros Manuel Villanueva. Pecharase a xornada coas actuacións de Xuacu Amieva Trio e Pai da Cana, ao que seguira unha festa popular na Reiboa.

O domingo celebrarase a Xuntanza de Gaiteiros a partir das 10h no campo da Reiboa. Haberá un escenario con micros abertos a disposición de todos e todas aquelas que desexen participar.

No seguinte enlace podes achar máis información.

Programa e bases do concurso

Páxina do Encontro

VI CERTAME DE GAITEIROS SOLISTAS FESTA DO SALMON

Concursos e Certames / 07.05.08


O día 18 de maio terá lugar o VI Certame de Gaiteiros Solistas Festa do Salmón na Estrada.

Os gaiteiros que dexesen participar deberán enviar ó Concello da
Estrada, Praza da Constitución, 1 - 36680 A
Estrada, antes do día 16 de maio o impreso de solicitude de participación ou remitilo
por fax ó número 986 590 121, ou correo
electrónico: Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

Establécense tres premios, cunha dotación de:
1º. Clasificado: 1000.- euros. e Diploma
2º. Clasificado: 600.- euros. e Diploma
3º. Clasificado: 300.-euros. e Diploma

O PRAZO DE INSCRIPCIÓN REMATA O DÍA 16 DE MAIO DE 2008
Para consultar calquera dúbida, chamar ó telefono:
986 590 121 – 660 136 787 -Kike Vázquez

Para consultar as bases preme...

Bases completas

Romaría Raigame

Festivais, Foliadas, Romarías / 06.05.08

Un ano máis celébrase o 17 de Maio na Vila Ourensá de Vilanova dos Infantes a Romaría Raigame, está organizada polo Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo e o Concello de Celanova. É unha festa na que se volta por un día anos atrás para vivir unha xornada de Romería e troula onde poderemos atopar:

- Obradoiros artesáns
- Tabernas
- Pulpeiras e postos comida
- Recreación de oficios ( Cesteiros, Fiadeiro, Telleiros, Canteiros, Palilleiras, Coroceiro, Queixeiro, Afiador... etc )
- Regueifas
- Teatro de Rua
- Títeres
- Xogos Tradicionais
- Exposicións
- Actuacións de moitos grupos de baile tradicional, cantareiras e grupos de gaiteiros.

Tamén se organizan os concursos de Fotografía e investigación etnográfica Raigame.

Poderedes atopar máis información desta VII edición no seguinte enlace:

Páxina da Romaría Raigame

A música tradicional galega na emigración.

ALALA / 05.05.08

Hoxe luns, 5 de maio, o programa Alalá achéganos ao mundo da música galega na emigración.

"Cando os galegos emigraron a Arxentina non só levaron dous brazos para traballar. Levaron con eles toda unha maneira de vivir, de divertirse e toda a música da súa terra. Xa no barco soaban as gaitas para animar as longas xornadas de travesía, e, unha vez cruzado o Atlántico, a música galega colleu vida propia. Houbo cancións que se mantiveron en Arxentina mentres se esquecían en Galicia, nas composicións novas mesturáronse os ritmos galegos cos aires do tango e co paso das xeracións a música galega foi evolucionando para dar lugar a distintas formacións e repertorios.
Durante décadas máis de medio millón de persoas embarcou en Vigo cara a Bos Aires, que se converteu na cidade do mundo onde vivían máis galegos, por diante da Coruña e de Vigo. Os nosos paisanos tiveron un peso importantísimo no desenvolvemento de Arxentina como país e na modernización de Galicia e a música galega tivo tamén unha enorme presenza nos distintos momentos da historia bonaerense; a mesma Rianxeira compúxose na outra beira do mar.
Para guiarnos por esta ampla e descoñecida parte da música tradicional galega no contexto da emigración arxentina contamos neste Alalá coa axuda dun mozo que sabe moitísimo de todo isto: Norberto Pablo Cirio. Un antropólogo e musicólogo que ademais toca a gaita, que toca cos Lucenses, unha das dúas "regionales" que aínda seguen en activo das setenta que chegou a haber"

OBRADOIRO DE CANTIGAS DE BERCE

Cursos / 05.05.08

O próximo sábado 10 de maio, o grupo Os Chichisos organiza un obradoiro de cantigas de Berce, da man de Xaime Estévez, doutor en Ciencias da Educación e profesor de música no IES Álvaro Cunqueiro de Vigo. Será a partires das 11h da mañá no Local da Federación de Veciños Castelao de Pontevedra, rúa Gagos de Mendoza.

ACTIVIDADES
11.00 h :
• As cantigas de berce na música galega
• As cantigas de berce no ciclo da vida e do ano.
• Taller de práctica vocal: cantigas de berce de todo o mundo.
• Análise literaria e musical.
13.30 h : Xantar
16.00 h :
• Beneficios da lactación materna. A cargo de María Gayoso Couce, da Asociación Mámoa
• Taller de creatividade.
• Taller vocal-instrumental.
• Cantigas de berce dos nosos maiores: Sra. Divina e Sr. Manuel de Mogor, Marín, e Sra. Felicia de Paredes, Vilaboa.
19.00 h : Merenda “infantil” pra todos os asistentes

Prazas limitadas.
Prezo: 5 €
Reservas: 676 842 942

X Aniversario da Banda de Gaitas Tremiñado

Festivais, Foliadas, Romarías / 30.04.08


O vindeiro sábado 3 de Maio celebrarase en Ponteareas o X Aniversario da Banda de Gaitas Tremiñado. O acto está organizado pola Asociación Cultural Tremiñado e conta coa colaboración do Concello de Ponteareas.
As actuacións comenzarán a partir das 21h da noite, e terán lugar no Auditorio “Reveriano Soutullo”. A entrada é totalmente gratuíta.

No evento participarán:
-Anxo Lorenzo
-Agrupación Folclórica Xalgarete
-Murga Asagaia
-Grupo de pandereteiras Xoaira
-A. María Alonso Martínez (Membro da A. F. Xalgarete)
-Banda de gaitas Tremiñado

III SERÁN MAR DE RIANXO

Concertos / 29.04.08


O vindeiro Sabado 10 de Maio no Campo de Arriba, Rianxo e dende as 21:30 celebrarase o III SERÁN MAR DE RIANXO, organizado pola Asociación de Música e Baile Tradicional "VAI DE RODA" de Rianxo. Como en edicións anteriores asistiran cantareiras e bailadores maiores chegados dende Pazos de Borbén, Toutón, Laxoso, Limiñoa, etc.
Tamén actuarán o Grupo de Música e Baile Tradicional Vai de Roda e Os Campantes da Baña entre outros.

Aqueles grupos que estiveran interesados en participar, poden inscribirse chamando os tlf. 981 866 141 ou 669 466 039.


Para máis información preme no seguinte enlace:

Blog de Vai de Roda

XOSÉ MANUEL BUDIÑO

ALALA / 28.04.08

O luns 28 de Abril poderemos ver un novo capítulo do programa Alalá que fará un repaso da traxectoria dun dos gaiteiros máis coñecidos do panorama musical galego: Xosé Manuel Budiño.

"A historia dos gaiteiros do século vinte e un cambiou moitísimo e hoxe recoñécese o seu traballo no ámbito internacional. Como cambiou todo! o son da gaita soa en Sofía, Bos Aires, México D.F, Líbano ou Siria. Por estes e moitos outros lugares do mundo está presente a música do artista e gaiteiro galego Xosé Manuel Budiño. Desde que sentiu a chamada dos escenarios sendo moi noviño, a súa carreira foi imparable: formouse na Escola de Gaitas Semente Nova de Moaña a principios dos oitenta, participou na Banda de Gaitas Xarabal e funda o grupo Fol de Nui.
Alalá estará esta noite co artista, agora que se cumpren dez anos do seu primeiro disco, e desde aquela as viaxes polo mundo foron constantes, os contactos con outras culturas e outros músicos foron habituais e os premios e candidaturas souberon agradecer a carreira dun gaiteiro innovador por convicción, viaxeiro nato e creador incansable. Home é o novo traballo feito por el, pero tamén un novo espectáculo que viviremos hoxe no programa Alalá.
A mecha da súa carreira en solitario prendeuse con "Paralaia", un disco co que se aventurou a marchar a Bretaña para ofrecerllo a un gran músico e produtor, Jacky Molard. A este primeiro disco seguíronlle "Arredor" e "Zume de Terra". "

FABRICACIÓN DE INSTRUMENTOS VEXETAIS

Cursos / 28.04.08

O Grupo de música tradicional Os Chichisos organiza o vindeiro domingo 4 de Maio un interesante curso de construción de instrumentos vexetais. Tedes todos os datos para asistir ao mesmo a continuación:

Curso: Fabricación de instrumentos vexetais

• Día: domingo 4 de maio do 2008
• Hora: 17:00 h
• Lugar: As Grades o carón da Ponte da Condesa, na ribeira do río Tomeza .
• Nº de prazas: 15
• Impartido por: Manuel Rodríguez, de Mogor, e por membros de Os Chichisos
• Información e inscricións: 676.842.942

PROGRAMA:

• 17.00 h: construcción de diversos instrumentos tales como gaitas, frautas rectas e traveseiras, turutas, carrizos, castañetas, carracas, etc. con elementos vexetais (sabugueiro, cana, espadanas, salgueiros, ameneiro, etc.).

Páxina 379 de 438