Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas

Novas

CONCURSO DE GRUPOS TRADICIONAIS MEMORIAL MANUEL TEXO

Concursos e Certames / 05.06.08

Esta aberto o prazo de inscrición para o CONCURSO DE GRUPOS TRADICIONAIS MEMORIAL MANUEL TEXO, que se celebrará o domingo 20 de Xullo, na casa da cultura de Sta. Cruz de Ribadulla, Vedra, a partires das 18:00h.

Os premios para esta edición son:
1.- 1.100 euros
2.- 500 euros
3.- 300 euros

A data tope para poder mandar a inscrición xunto con dúas pezas gravadas polo grupo é o Xoves 26 de Xuño.
Acharedes máis información e bases do concurso nos seguintes enlaces:

Bases do Concurso

Páxina web

III FESTA DA CONROBLA

Varios / 04.06.08

A Agrupación Folclórica Os Santiaguiños de Boimorto celebra os vindeiros 4 e 5 de Xullo a III Festa da Conrobla.
A conrobla era unha festa que se celebraba fai anos ó remate de calquera actividade, tanto relacionada coa vida no campo como na vida cotiá. Na zona está máis relacionada esta tradición ó tempo da malla. Unha vez que se acababa de mallar nunha aldea, entre todos os veciños que participaban nelas facían unha festa na que non faltaba nin gaiteiros nin bailaríns, e por suposto había viño e comida a encher, esto prolongábase ata que o corpo aguantase.
A data límite de inscrición é o 24 de xuño.
Convidan á cea aos músicos e bailaríns participantes.
Haberá churrasco a precio económico para toda a xente que nos queira acompañar e que non estea na cea de grupos.

Para anotarse chamar ós seguintes teléfonos: 654 203 169 ou 981 51 61 13 (Mª Carmen)

A programación prevista para este ano é a seguinte:
VENRES 4
10 da noite: Lectura do pregón no Campo do Rosario (Boimorto)
Invitación á queimada e combinado infantil
SÁBADO 5
11 da mañá: Pasarrúas co grupo Maristela (Sobrado dos Monxes)
6 da tarde: Xogos populares (estornela, carreira de sacos, zancos e corda) no campo da piscina municipal. Haberá trofeos para os mellores.
9 da noite: Cea con churrasco e callos.
10 da noite: Abrindo a romaría, actuación de MINI E MERO.
E de seguido… todos nos!!

Máis información...

IX ENCONTROS MÚSICA TRADICIONAL

Varios / 03.06.08

O próximo sábado 7 de xuño celébrase no incomparable marco do Mosteiro de Carboeiro (Silleda) unha nova edición dos Encontros de Música Tradicional. O programa de actividades dura todo o día quedando do seguinte xeito:

13:00- SESIÓN VERMÚ a cargo dos grupos da bisbarra

· Subasta das andas e PROCESIÓN DA SANTA FERREÑA acompañada polos cabezudos de Viravolta
· “A VODA” pola compañía VIRAVOLTA (Lalín)

APERTURA DAS EXPOSICIÓNS:
· “PAN PAN PAN DEI” Monográfico pandeiretas, pandeiras e pandeiros
· MUSEO DA MARIONETA, CASA DO TÍTERE (LALÍN)
· Presentación de “TEMPOS MODERNOS” (historias de amor) de Celso F. Sanmartín
· ”OS MONOS DE LAXEIRO“ da biblioteca do Ies Laxeiro de Lalín. Investigación e coordinación de Manuel Igrexas

FEIRA DE ARTESANÍA: Coiro, títeres, cerámica, porcelana,recíclexe, abalorios…

15:00- XANTAR POPULAR (empanada, carne ó caldeiro, postre, pan, viño/auga, café e ghotas –10 Euros)

DURANTE A TARDE:
· Xogos Tradicionais para cativ@s e maiores
· “CANTOS CONTIÑOS CONTAMOS” Celsiño F. Sanmartín.
· Grupo da 3ª Idade da aula municipal de teatro “ANXO CASAL” de Arzúa
· Cousas de cregos en Galiza e Portugal“A SAIA DA CAROLINA” de Fantoches Bag
· Cantos galego-guaranís do dúo KERESU

E ó que se vaia facendo de noite…Foliada ata que o corpo aguante!
Haberá zona de acampada á beira do rio Deza. Máis información no teléfono: 658 628239

II ENCONTRO DE TOCADORES DE TROMPA

AGG / 02.06.08

Por segundo ano consecutivo, a Asociación de Gaiteiros Galegos celebrou o Encontro de Tocadores de Trompa. Foi o pasado Sábado 31 de Maio na localidade da Fonsagrada, durante unha intensa xornada na que os amantes da música tradicional, e máis concretamente da Trompa, puideron reunirse entorno a este pequeno gran instrumento.

Dende primeira hora foi numeroso o público se achegou para participar nas diversas actividades programadas. En primeiro lugar levouse a cabo unha interesante charla sobre a trompa en Galiza e nas distintas culturas do mundo na que interviñeron Luciano Pérez, responsable técnico da colección de instrumentos musicais do centro de artesanía e deseño de Lugo; Natalia Regueiro, quen fixo un importante estudio da Trompa na comarca da Fonsagrada, e o recoñecido músico e investigador Inglés John Wright, quen catalogou a maior colección de Trompas do mundo que se atopa no Museo do Home da cidade de París.

Xa pola tarde, foi o momento das demostracións prácticas, co artesán experto na fabricación de Trompas Oliverio Fernández, que deu conta do seu bo facer na fragua, e coa celebración dun curso de iniciación á Trompa. Pechouse a xornada cun concerto de demostración onde participaron os trompeiros Emilio O Pando, César Fernández, Pablo Carpintero, Daniel O pando e John Wright.

Na foto John Wright nun momento da súa intervención tocando unha trompa de Bambú que se acciona mediante un cordel.

Agrupación de Música e Baile Tradicional Tahume

ALALA / 02.06.08

O luns 2 de Xuño poderemos ver unha nova edición do programa Alalá que nos achegará o traballo que realiza a Agrupación de Música e Baile Tradicional Tahume.

"Alalá visita hoxe as terras do Barbanza para achegarse a Olveira, no concello de Ribeira, onde unha asociación chamada Tahúme, como agrupación de música e baile tradicional, dedícase a recuperar desde hai moitos anos as tradicións máis características da zona. Nesta comarca hai moi bos bailadores, como Juan de Martís, que ten un xeito de moverse que “repenica todo o corpo”; e hai tamén moi boas tocadoras de pandeireta como Hortensia e Josefa: do seu xeito de tocar hai que facer referencia ao ritmo da muiñeira, que o marcan cambiando de man igualiño que se tocaran un pandeiro.
Por aquí estaremos, nos concellos de Ribeira e Porto do Son, nas parroquias de Baroña e Axeitos; descubriremos a vida destes nosos maiores, como pasan o seu tempo nestas aldeas enclavadas en paisaxes naturais e tesouros prehistóricos.
Por suposto, tamén saberemos como traballan os mozos e mozas da asociación Tahúme. Hai anos non había neno do lugar que non bailara ou tocara ningún instrumento, pero na actualidade volveuse recuperar o entusiasmo e así deron con informantes que son verdadeiros tesouros. Fran Sieira é o novo director deste grupo de baile e comprobaremos como un mozo tan novo dedica o seu tempo libre á recuperación e ensino da cultura tradicional. Para fomentar o folclore unha das rapazas de Tahume, Susana, que dirixe o bar da asociación, organiza unhas foliadas impresionantes. A estas foliadas vai toda a familia e o ritmo é frenético.
O programa desta noite repasa os momentos máis felices duns protagonistas que recordan as fiadas, muiñadas e todas as festas ás que ían. "

Concurso de Cuartetos de Gaitas FESTAS DE OURENSE

Concursos e Certames / 27.05.08



A Concellaría de Cultura do Excmo. Concello de Ourense e “Galegapoloscincosentidos” convocan o concurso de CUARTETOS DE GAITAS “FESTAS DE OURENSE”, que se celebrará os vindeiros 28 e 29 de xuño do 2008 no marco das Festas desa cidade. O prazo de inscrición para participar no mesmo remata o día 18 de Xuño.

Entregaranse os seguintes premios:
1º premio ... 1.200 euros
2º premio ... 700 euros
3º premio ... 300 euros


Para consultar as bases e descargar a folla de inscrición preme no seguinte enlace:


Bases e Folla de Inscrición

Os Maios

ALALA / 26.05.08

O programa de Alalá do luns 26 de Maio achegarase ata Ourense para mostrarnos unha das festas máis antigas de Galiza: Os Maios.

"Cando as últimas choivas de abril desaparecen e chegan os primeiros raios do sol, a natureza estanos a dar un sinal: comeza o novo ciclo natural e iso para un pobo labrego coma é este é un motivo de celebración. Así comezou hai miles de anos a Festa dos Maios en Galicia.
Os Maios son celebracións que honran a chegada da primavera e da fertilidade. En Galicia a festa dos Maios permanece dunha forma máis viva en Ourense, onde se mantén grazas ao concurso establecido en 1917, e dende aquela a festa seguiu viva premiando os Maios máis fermosos, os que mellor honran o froito da natureza, empregando multitude de formas.
Acompañando os Maios, os concursantes cantan as coplas, que son composicións que critican con humor todo o que se poña por diante, dende políticos ata veciños de Ourense pasando por Rodolfo Chiquilicuatre."

Resultado VI Certame de Gaiteiros Solistas Festa do Salmón na Estrada

Concursos e Certames / 26.05.08


O pasado 18 de Maio celebrouse na estrada o VI Certame de Gaiteiros Solistas Festa do Salmón co seguinte resultado:

1º) Pablo Devigo Vázquez

2º) Adriana Rivas Seijo

3º) Pedro Álvarez Fariñas


Na foto pódese ver ao primeiro e segundo clasificados. Tamén participaron no certame: Pablo Seoane Méndez, Alberto Fojo, Antía Loureiro Carbia, Daniel Blanco Carpente, Jesús Villarino Méndez, Ricardo Manuel Mouriño Freire, Suso Escaríz, Brais Paz, Rubén Mourín Fernández, Alberto Sánchez Caseiro.

Os Silvas de Monforte

Lume na Palleira / 23.05.08

O sábado 24 de Maio, poderemos escoitar dentro do programa Lume na Palleira, da Radio Galega, unha interesante nova entrega do Recuncho da Palleta que ven da man de Pablo Carpintero.

Nesta ocasión Pablo falaranos dos Silvas de Monforte, un cuarteto tradicional de gaita de fol, clarinete, tambor e bombo que naceu en Vilaúxe, Chantada, malia que nos anos 50 se trasladaron a Monforte.

Se estades interesados neste tema e queredes saber moito mais sobre Os Silvas de Monforte, non deixedes de escoitar o programa "Lume na Palleira" que se emite os sábados de 16:00 a 18:00 h. en "RADIO GALEGA MÚSICA", con emisión conxunta de 16:05 a 17:00 na "RADIO GALEGA".

Para máis información e poder escoitar programas anteriores, preme no seguinte enlace.

Lume na palleira na rede

AXUDAS PARA ACTIVIDADES CULTURAIS

Anuncios, subvencións, oposicións... / 22.05.08

A Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia ven de publicar no DOG as bases reguladoras para a concesión de axudas a fundacións, asociacións e institucións para a realización de actividades culturais. Existen dous liñas de subvención: unha para entidades de ámbito de actuación supraprovincial e outra para asociacións e institucións de ámbito de actuación igual ou menor ao provincial. Nos seguintes enlaces podedes acceder a ambas ordes publicadas no DOG do día 14 de Maio e/ou descargar os documentos relativos a cada unha delas en formato pdf.

Axudas a asociacións e institucións culturais de ámbito de actuación igual ou inferior ao provincial para a realización de actividades culturais.

Orde no DOG
Documento completo en pdf

Axudas a fundacións, asociacións e institucións culturais, con ámbito de actuación supraprovincial e que desenvolvan as súas actividades en Galicia, para o seu funcionamento e para a realización de programas culturais.

Orde no DOG
Documento completo en pdf

Páxina 377 de 438