Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas

Novas

31 Mostra de instrumentos de música tradicional de Pardiñas

Varios / 24.07.24

cartel moucho"Un encontro coa música tradicional e os seus construtores de instrumentos”

Un ano mais a Mostra de Instrumentos de Música Tradicional, organizada pola AGG dentro do Festival de Pardiñas, abre as súas portas para amosar o traballo de numerosos artesáns e artesás neste espazo consagrado como a mostra máis antiga e importante da Península Ibérica e un referente indispensable da música tradicional galega, cuxo obxectivo fundamental dende os seus inicios foi establecer pontes de colaboración entre todos os obradoiros de artesáns espallados polo país e construír un espazo no que atoparse coa comunidade da música tradicional galega.

Nesta 31ª edición da Mostra, como non podía ser doutro xeito, volvemos a poñer o acento no recoñecemento dos artesáns e artesás, que co seu traballo minucioso e preciso fan posible que a artesanía dos nosos instrumentos tradicionais sexa recoñecida e valorada no mundo enteiro. Un lugar de encontro no que poder coñecer de preto o seu gran traballo, pero tamén para gozar de dous días cheos de festa, onde non pode faltar a música e o baile tradicionais, que estarán presentes durante toda a fin de semana.

Neste 2024, logo de celebrar os 30 anos na pasada edición, mantemos o formato de antano, recuperado o ano pasado, no que a Mostra volvía a abrir as súas portas na mañá do sábado, e para elo contaremos, amenizando a sesión vermú, coa música de “Os Canallas”, formación heteroxénea integrada por uns amigos unidos pola súa paixón pola fabricación artesanal de instrumentos tradicionais e a música galega.

A apertura oficial da Mostra comezará na tarde do sábado, co pregón ás 17:00 h. a cargo de Antón Santamarina, lingüista especializado no ámbito da lexicografía, realizou tamén numerosas achegas no ámbito da gramática, a sociolingüística, a dialectoloxía e a didáctica é tamén catedrático de filoloxía románica na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela e membro da Real Academia Galega (https://academia.gal/membro/-/membro/anton-luis-santamarina-fernandez). Os seus traballos contribuíron a afondar no coñecemento do estado da lingua e das súas variantes, así como ao establecemento da súa actual forma culta. Dentro do seu prolífico currículo debémoslle, entre outras moitas aportacións á nosa lingua e cultura, a coautoría, canda Dorothé Schubarth, do Cancioneiro popular galego (Fundación Barrié, 1984-1988). Esta obra en sete volumes, considerada o máis amplo repertorio da música popular de tradición oral do país, que reúne pezas recollidas en máis de cen lugares de fala galega pola musicóloga suíza entre 1978 e 1983.

Continuaremos coa música de Lembranzas do Tambre ás 18.30 h., asociación folclórica fundada no ano 1983, cando un grupo de veciños do municipio puxo as bases do que có tempo consolidaríase como unha asociación de referencia na comarca. Mediante o traballo das escolas de gaita e percusión, baile, pandeireta e canto, son moitas as xeracións de mozos e mozas que forman parte deste proxecto no que os rapaces fan país no eido cultural e axudan a estallar o folclore da nosa terra. A Asociación Folclórica Lembranzas do Tambre ao longo de todos estes anos, leva a cabo unha labor de promoción da cultura musical tradicional galega, sempre co nome do Concello de Oroso por diante, amosando por todo o territorio nacional e de países veciños o seu traballo en multitude de festivais e encontros. Na actualidade, as Pandeireteiras de Lembranzas do Tambre fan nas súas actuacións unha viaxe por toda a xeografía galega, poñendo en valor todas as melodías que as mulleres do noso país gardaron na súa memoria e que tiveron a sorte de recuperar e incorporar no repertorio do grupo.

As 20.00 h., será o momento de coñecer á persoa afortunada do boleto gañador do sorteo dun Bombo de Treboada (doado e construído colectivamente entre os artesáns Manels Percusión, Iago Salgado, O Reberete e con mazas de Oli Xiráldez.

A xornada do domingo iniciarase ás 11:30 horas coa apertura da mostra de instrumentos. Posteriormente, ás 12:30 h., continuaremos co Obradoiro de Treboada da man do artesán e gaiteiro Oli Xiráldez, no que teremos a oportunidade de coñecer máis sobre esta formación musical propia do Baixo Miño galego, composta por varios bombos de grandes dimensións (Bombos de mallada), un caixa e unha gaita (antigamente era unha gaita de barquín, pero as formacións que chegaron ós nosos días substituíron esta por unha de sopro humano), que tocan de forma itinerante normalmente nos días de festa, facendo as alboradas e as distintas funcións, civís e relixiosas, que faría un grupo de gaiteiros ó uso. Existe a tradición de subir as distintas Treboadas da zona ó monte Santa Tegra na Garda o día 15 de agosto ó que chaman a Festa do Monte. O obxectivo do obradoiro é a aprendizaxe do toque de bombo dunha das pezas que recollemos a Pepe o ”Cesteiro”, gaiteiro da emblemática Treboada do “Ministro” de Tomiño. Os asistentes, despois de aprender o toque, darán un pasa-rúas polo recinto, para compartir o aprendido e amenizar a festa.

Xa pola tarde, ás 17.00 horas terá lugar o Obradoiro de Baile Tradicional, con Ruth Pérez, bailadora que comezou a súa andaina polo ano 2000 na A.C Val do Mera ( O Burgo – Lugo ), para continuar, tras o cese de actividade da mesma no ano 2003, a súa formación nas escolas de baile da A.C Cántigas e Frores de Lugo. Un ano máis tarde pasa a formar parte do grupo de baile tradicional dirixido ata o 2015 por Xabier Iglesias, e do que se segue formando como bailadora ata hoxe en día baixo a dirección de Javier Sanmartín e Belén Tojo. No ano 2009 incorpórase como bailadora á compañía de baile “ProxectoDanza” coa que no ano 2011 presenta o seu primeiro espectáculo “Latexo”. Con esta compañía realizou colaboracións con grupos como “Pepe Vaamonde Grupo”, “Ghaita de pedra” e “Leña Verde ”. No ano 2015 estrease o espectáculo creado por Quique Peón & Cía “O poder do Arcabuz" no que participa como bailadora. Na actualizade forma parte do grupo de Cantareiras da “A.C. Cántigas e Frores”, imparte aulas de baile en diferentes asociacións da provincia de Lugo e tamén forma parte do espectáculo de danza "Bailador" de Óscar Cobos cía.

De seguido ás 18.30 horas, desfrutaremos da música de SilvaRedonda, murga galega formada por dúas gaitas, clarinete, acordeón, bombardino, tambor e bombo con pratos. Ligada á comarca de Rianxo, foi na primavera do 2018 cando comezou a amenizar sesións vermú, romarías, roteiros culturais e seráns. No outono dese mesmo ano, a murga tivo a honra de ser escollida pola Casa de España da República Dominicana como representante da música tradicional galega para dinamizar unha serie de actos alá celebrados. De natureza principalmente instrumental, aínda que incorporando algún tema vocal, o seu repertorio componse de pezas tradicionais e outras de autor, con arranxos persoais, e tamén composicións propias. Xotas, muiñeiras, rumbas, tangos ou fox-trot para seren bailadas en todos os torreiros.

E xa para rematar a xornada, ás 20.00 h. realizaremos o sorteo dun tambor de nogueira doado e fabricado colectivamente entre os artesáns Xosé Tunhas e Miguel Rivas. 

PROGRAMACIÓN 31ª MOSTRA DE INSTRUMENTOS DE MÚSICA TRADICIONAL 

Sábado 3 agosto

11.30 - Apertura da mostra
13.00 - Sesión vermú: Os Canallas.
14.00 - Xantar
17.00 - Pregón: Antón Santamarina
18.30 - Concerto: Lembranzas do Tambre

20.00 - Sorteo: Bombo de treboada
21.30 - Peche da mostra

Domingo 4 agosto

11.30 - Apertura da mostra
12.30 - Obradoiro de Treboada. Imparte Oli Xiráldez
14.00 - Xantar
17.00 - Obradoiro de baile. Imparte Ruth Pérez
18.30 - Concerto: Silvaredonda
20.00 - Sorteo: Tambor de nogueira
21.30 - Peche da mostra
 

ARTESÁNS E ARTESÁS NA 31ª MOSTRA DE INSTRUMENTOS DE MÚSICA TRADICIONAL 

  • AGG / Asociación do baile e a música de tradición galega
  • Alberto Pires / Gaitas / Pontesampaio
  • Aragón y Parrado / Gaita irlandesa - Uilleann pipe / Guadarrama – Madrid
  • Artesanía JMR / Instrumentos de percusión e accesorios musicais / O Pino
  • Carlos da Silva / Fabricación de instrumentos de vento / Vilagarcía de Arousa
  • Caroline Lacombe / Bouzuki irlandés, mandolinas, tarrañolas e mandolas / Barcelona
  • DJB e Filla / Instrumentos de corda / Soutomaior
  • Fernando Meireles /Corda portuguesa e zanfonas /Coimbra
  • Francisco Luengo / Luthier de instrumentos medievais, renacentistas e barrocos / Brión
  • Guillermo Camacho / Instrumentos de corda / Vitoria-Gasteiz (Álava)
  • Iago Salgado / Instrumentos tradicionais / Teo
  • Jaime Pena / Artesán Palleteiro / As Pontes
  • Joan Pellisa / Lutier i investigador en organología /Fatarella - Cataluña
  • Kepa Rubio / Luthier / Álava
  • Lorena Reinaldo /Instrumentos de corda / Soutomaior
  • Manels Percusión / Percusión tradicional / Ordes
  • Master Gaita / Gaita electrónica / Sada
  • Nebra / Instrumentos tradicionais / Porto do Son
  • Miguel Rivas / Artesán de instrumentos tradicionais de percusión e vento / Vigo
  • O Reberete / Vento e percusión tradicional / San Cristovo de Cea - Ourense
  • Obradoiro Barciela / Gaitas / Carballal - Vigo
  • Obradoiro Seoane / Instrumentos de percusión tradicional / Teo
  • Oli Xiráldez / Gaitas e requintas / Calo - Teo
  • Laboratorio de cordas / A Coruña
  • Queima / Instrumentos tradicionais de vento e percusión / Redondela
  • Rebollo Instruments / Zanfonas / Beluso
  • Regos Pandeiretas / Obradoiro de Pandeiretas / Ordes
  • Roi Earan / Luthier / Pontevedra
  • Suso Gestal / Instrumentos de vento / Abellá
  • Tunhas / Percusión / Ames
  • V. Martín González / Luthier - Construción e restauración de instrumentos de corda / Vilaboa
  • Xaneco / Percusión e zanfonas / Outeiro de Rei
  • Xermán Arias / Luthería e zanfonas / Sarria
  • Xosé Maceda / Instrumentos de percusión tradicional / Monforte

Un programa de actividades aberto a todas as persoas interesadas na cultura tradicional, co que agardamos que gocedes deste encontro para a comunicación, o intercambio e, por suposto, a ledicia.

Xa nos vemos en Pardiñas!

Xornadas de percusión tradicional. A visión da percusión dende diferentes tradicións

Varios / 16.05.24

xpercu2024 cartel_webAGG organiza o vindeiro domingo 2 de xuño, en colaboración coa área de cultura da Deputación da Coruña e o Concello de Arzúa, unha nova edición das xornadas de percusión tradicional, que nesta ocasión achegarannos á visión da percusión dende diferentes tradicións. Durante a xornada poderás asistir a dous obradoiros, un de tambor e outro de pandeireta, nos que a través do intercambio de coñecementos e técnicas entre o mundo do clásico ou académico e o mundo do tradicional, descubriremos como ambos mundos poden retro-alimentarse e como se poden aproveitar os coñecementos nos que se rexe cada unha destas vertentes e aplicalos ao instrumento a prol dunha maior versatilidade. Haberá tamén espazo para o debate, no coloquio no que falaremos de si estas dúas vertentes poden efectivamente ser compatibles ou si pola contra son totalmente antagónicas.

 

PROGRAMA:

10.50 – Apertura

11.00 – Obradoiro de tambor "A visión da percusión dende tradicións diferentes". Alba Castro

12.30 - Descanso

13.00 - Coloquio "De que falamos cando falamos de percusión??". Con Alba Castro, Darío González e Xaneco Tubío.  Modera Ramón Dopico

14.30 – Parada para xantar

17.00 – Obradoiro "Pandeireta "Clásica" VS? Pandeireta Tradicional". Darío González

 

LUGAR: Multiusos Terra do Queixo (Arzúa)
DATA: Domingo 2 de xuño de 2024


INFORMACIÓN E INSCRICIÓNS (*): Deberán facerse nos teléfonos 986 84 70 74 ou 982 22 99 66 ou enviando un correo electrónico a  Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo  indicando nome, apelidos, un teléfono de contacto e mail. 

 

A participación nas xornadas será de balde, previa reserva e ata completar aforo, tendo preferencia @s soci@s da AGG, que disporán ata o venres día 24 para inscribirse, e partir desa data as prazas dispoñibles cubriranse por orde de inscrición.

Para máis información: Asociación de Gaiteir@s Galeg@s – 986847074 / 982229966

A TRADESCOLA ORGANIZA UN NOVO CONCERTO DIDÁCTICO DE MÚSICA TRADICIONAL PARA ESCOLARES DE NEGUEIRA DE MUÑIZ E DE BALEIRA.

Varios / 15.04.24

 

cartaz cdtrad_baleira_negueira muiz - pq

A Tradescola, escola de música tradicional galega que xestiona a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s na cidade de Lugo, realizará o mércores día 17 de abril unha nova actividade de promoción e difusión da música e do baile tradicional na provincia. Concretamente, achegarase ata o concello de Baleira, e na casa da Cultura impartirá unha nova xornada de música tradicional para escolares dos CEIP de Negueira de Muñiz e CEIP Plurilingüe Concepción López Rey. Con estas xornadas, que contan coa axuda da área de Cultura da Deputación de Lugo, a Tradescola pretende achegar á comunidade escolar a nosa música e a nosa cultura tradicional, dun xeito ameno e didáctico a través dos concertos impartidos nos distintos centros.

O concerto estará impartido polos mestres da Tradescola Branca Villares, Jose Manuel López e Xabier Iglesias, e nel amosaránselles aos alumn@s distintos instrumentos, ritmos, e melodías protagonistas da música tradicional e popular galega.

 

Curso de Iniciación á Tixola na Tradescola

Varios / 25.03.24

cursotixola cartel_web - pqA Tradescola, escola de música tradicional galega que xestiona a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s na cidade de Lugo, impartirá un novo obradoiro intensivo de percusión tradicional de man, este obradoiro terá lugar o vindeiro sábado 13 de abril de 10.00 a 14.00 horas no Centrad (Lugo), e versará sobre a iniciación aos toques de tixola, cazola ou sartén, que son todos os nomes que recibía o instrumento obxecto deste curso que se toca percutindo ou rasgando cunha chave.

Este obradoiro, que será de balde para os asistentes, conta coa axuda da área de Cultura do Concello de Lugo, e pretende achegar a este instrumento a toda a poboación interesada.

Felisa Segade será a encargada de guiar o obradoiro, no que quere amosar unha panorámica xeral baseada no seu traballo de campo, e en referencias atopadas e documentadas por compañeiras e compañeiros cos que se ten relacionado ao longo de anos de traballo compartido.

Este vai ser un obradoiro de achegamento á cazola dirixido a principiantes onde se van familiarizar con diferentes técnicas e xeitos para tocar o instrumento, como son:

-  O agarre e posición da chave

-  A posición e a orientación da cazola:

          -mango cara arriba ou mango cara abaixo

          -cruzada ou paralela

-  En apoio sobre dedos-man ou en agarre coa man

-  Os toques:

         -percutidos / rascados

         -no cú da cazola

         -no mango da cazola

         -no borde da cazola

 

O Obradoiro é de balde e ten as prazas limitadas, tendo preferencia @s alumn@s da Tradescola e @s soci@s da AGG, que disporán ata o martes 9 de abril para inscribirse, e a partir desa data as prazas dispoñibles cubriranse por orde de inscrición.

Para inscribirse no obradoiro ou para recibir mais información pódese contactar coa Tradescola chamando ao tlf 982229966 ou a través do correo electrónico Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

A ASOCIACIÓN DE GAITEIR@S GALEG@S ORGANIZA EN SECEDA DO COUREL AS II XORNADA SOBRE A CARBALLESA.

Varios / 22.03.24

xornadacarballesa web_programa - pqA AGG, xunto co Concello de Folgoso do Courel e a área de Cultura da Deputación de Lugo, organizan o vindeiro domingo 20 de abril, a segunda edición das xornadas sobre a CARBALLESA, que terá lugar en Seceda do Courel.

Esta idea xurdiu para intentar que non esvaeza unha das riquezas culturais que hai na zona oeste do Concello de Folgoso do Courel.  Neste recuncho do concello, nas parroquias de Eiriz, do Carballal, de Seceda e no veciño Val do Incio, tocábase e bailábase unha muiñeira característica que se chama Carballesa.

Sentimos que temos a obriga, en honor a gratitude a todos eles, de loitar por conservar o noso; e ademáis homenaxear e lembrar aos nosos antecesores e as súas ensinanzas e tamén a toda a xente que traballou e que fixo recollidas para que estas riquezas culturais chegaran ata os nosos días.

E queremos facelo con esta xornada sobre a Carballesa, na que temos previsto realizar un Obradoiro teórico-práctico de Carballesa, que impartirá Montse Rivera, facer unha sentida homenaxe aos informantes, músicos e bailadors da zona, e facer posteriormente un filandón aberto para todos os e as asistentes, onde haberá “Contos da Serra”, o concerto do grupo de música tradicional Tres Pesos, e rematarase o día cun baile no que participarán tamén os grupos Airiños do Neira, Grupo de canto e baile do Courel e o grupo Macizas Centrais.

Esta actividade contará tamén coa colaboración dos artesáns Xosé Maceda e Armaior e da empresa Caurelor.

Animámosvos a todas e a todos a acompañarnos nesta xornada, a desfrutar da nosa música e do noso baile e convidámosvos a que traiades os vosos instrumentos, e a gozar dun marabilloso día cheo de música tradicional e a maiores, nun entorno incomparable.

Programa II Xornada de CARBALLESA

20 de abril de 2024 – Seceda do Courel

11.00 horas - Obradoiro teórico práctico de Carballesa - imparte Montse Rivera.

13.30 horas – Descanso para merenda. (A merenda correrá por conta propia* haberá unha cantina para ofrecer bebidas).

17.30 horas – Homenaxe a informantes, bailadores e músicos da zona.

18.00 horas – Filandón

  •      -Representación veciñal e “Contos da Serra”
  •      -Concerto de TresPesos
  •      -Baile e música coa participación de Airiños do Neira, Grupo de canto e baile do Courel e o grupo Macizas Centrais.

                            *Posibilidade de cea cos postos de O sabor dos Ancares A Carqueixa e pizzas artesás de A Cova das Mouras.

 

A través de actividades como esta, pretendemos non só difundir a cultura tradicional, senón que ademais queremos fomentar este tipo de encontros, que consideramos imprescindibles, para contribuír e potenciar a divulgación da nosa cultura e a súa conservación.

Dende a AGG traballamos arreo para que a nosa cultura e as nosas tradicións non caian no esquecemento e sexan un patrimonio vivo do que sentirnos orgullosos.

Obradoiro de Pandeira Ancaresa na Tradescola.

Varios / 21.03.24

cartel cursopandeira_web - pqO vindeiro sábado día 6 de abril terá lugar un obradoiro de Pandeira Ancaresa organizado pola Tradescola. Branca Villares será a encargada de guiar o obradoiro onde nos amosará distintas técnicas e posibilidades deste instrumento de percusión. Terá lugar no Centrad (Lugo) en horario de 10.30 horas a 13.30 horas.

O Obradoiro, que conta coa axuda da área de Cultura da Deputación de Lugo, pretende achegar este instrumento e o seu xeito de tocalo na comarca Ancaresa a toda a poboación interesada; é de balde e ten as prazas limitadas, tendo preferencia @s alumn@s da Tradescola e @s soci@s da AGG, que disporán ata o martes 2 de abril para inscribirse, e a partir desa data as prazas dispoñibles cubriranse por orde de inscrición.

Para inscribirse no obradoiro ou para recibir mais información pódese contactar coa Tradescola chamando ao tlf 982229966 ou a través do correo electrónico  Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

Esperámosvos!!!

XI certame de debuxo “O baile e os Instrumentos da Música Tradicional Galega”

Varios / 04.03.24

 

tradescola-logo-pequeXa está en marcha o XI certame de debuxo “O baile e os Instrumentos da Música Tradicional Galega”, unha iniciativa posta en marcha pola Tradescola (escola de música e baile tradicional xestionada pola Asociación de Gaiteir@s Galeg@s na cidade de Lugo) en colaboración coa Área de Cultura (Vicepresidencia) da Deputación de Lugo e que acada este ano a súa décimoprimeira edición.

A finalidade desta actividade, dirixida ás nenas e nenos de primeiro, segundo e terceiro curso de primaria dos centros de ensino da provincia de Lugo, é potenciar e difundir entre os máis pequenos a música e a cultura tradicional galega, axudar a que coñezan os nosos instrumentos, a nosa historia e costumes dun xeito natural dende os primeiros anos, fomentando actitudes de respecto e valoración da mesma.

É necesario que se produza un proceso de transmisión da cultura, o que constitúe unha garantía da conservación das nosas tradicións e, en definitiva, do noso patrimonio cultural.

A Tradescola constitúe un proxecto educativo xestionado pola Asociación de Gaiteir@s Galeg@s que busca formación para todas e todos aqueles que queiran achegarse á música e ao baile tradicional galego. A maiores, organiza actividades complementarias vencelladas coa difusión da cultura tradicional, como é o caso deste XI Certame de debuxo sobre o baile e os Instrumentos da Música Tradicional Galega, co que ademais de fomentar o coñecemento da nosa cultura musical, axúdase a potenciar as destrezas manuais e a imaxinación dos rapaces.

Os debuxos e os dorsos dos debuxos, deberanse enviar (escaneados ou fotografiados) por correo electrónico á Tradescola (  Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo l )ata o 5 de abril de 2024.

O xurado do certame estará composto por membros do profesorado da Tradescola, que seleccionarán un total de 10 debuxos finalistas que serán premiados cun lote de material didáctico. Dos 10 debuxos finalistas, seleccionarase un gañador@ que recibirá un premio consistente na matricula de balde nunha materia na Tradescola no curso 2024/2025. O centro educativo ao que pertenza @ gañador@, terá tamén un agasallo a maiores, consistente nun concerto didáctico de música tradicional a cargo da Tradescola no curso 2024/2025.

Se o teu centro de ensino quere participar pode poñerse en contacto coa Tradescola por correo electrónico ou chamando ao 982229966 . Esperamos os vosos debuxos!!!!

Folión de Entroido na Tradescola

Varios / 02.02.24

cartaz trad_entroido2024O vindeiro martes 6 de febreiro, a Tradescola manterá viva unha das tradicións máis fermosas do tempo de Entroido, e que é unha parte moi importante do noso patrimonio cultural. A Tradescola, escola de música tradicional galega que xestiona a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s na cidade de Lugo, realizará unha nova actividade propia das datas do entroido. Levará a cabo un Folión que partirá do CENTRAD ás 17.30 h. e onde todos os alumnos e alumnas que queiran participar irán marcando os ritmos característicos do Folión. Faranse paradas en distintas rúas e prazas do centro da cidade e realizaranse pequenas intervencións con bailes e cantos típicos do entroido.

Con esta saída polo centro da cidade pretendemos que todo o público lle de a benvida ao Entroido e poda participar de maneira activa acompañando os toques do folión e facendo posible que unha das tradicións máis fermosas do tempo de Entroido, e que é unha parte moi importante do noso patrimonio cultural, permaneza viva ao longo do tempo.

O percorrido previsto,: Saida CENTRAD (17.30 horas), Rúa Montevideo, Rúa Quiroga Ballesteros, Santo Domingo, Rúa da Raiña e remate na Praza Maior.

Un dos obxectivos da Tradescola é incrementar a presenza da música e do baile tradicional galego nos distintos ámbitos da sociedade, e para conseguilo, realiza asiduamente numerosas actividades para achegar ao público a coñecer de preto o traballo que está a realizar esta escola, ofrecendo formación a todas as persoas interesadas na música e no baile tradicional tanto na cidade de Lugo, onde imparte aulas diariamente, como no resto de comarcas da provincia a través da realización de diversas accións formativas relacionadas co ensino da música e baile tradicionais.

Alborada para Rosalía 2024

Varios / 02.02.24

alborada2024Desde a AGG e a Fundación Rosalía volvemos a organizar para o 23 de febreiro (Día de Rosalía) a Alborada para Rosalía de Castro.

Que este 23 de febreiro non quede ningún recuncho de terra sen o son da nosa música na honra de Rosalía.

Únete ao #DíadeRosalía e celébrao con nós e a Casa de Rosalía homenaxeando a nosa poeta cunha #AlboradaparaRosalía.

Como participar?

Grava un vídeo botando unha peza na honra de Rosalía (podes facelo lendo, cantando, tocando, bailando,...), e logo compárteo nas redes sociais antes ou durante o día 23, co cancelo #AlboradaparaRosalía, e etiquétanos a AGG (@aggtradiciongalega) e a Casa de Rosalía (@FundacionRosalia). Entra no mapa

https://rosalia.gal/que-facemos/proxectos/alboradas-a-rosalia/e coloca a túa localización (onde vas a interpretar a #AlboradaparaRosalía ).

O día 23 compartiremos os teus vídeos para inundar as redes en homenaxe a Rosalía.

Dúbidas? Mándanos un correo a  Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

Onde descargar a Alborada de Rosalía?

Letra:

https://rosalia.gal/wp-content/uploads/2013/02/LetraAlborada.pdf

 (rosalia.gal)

Partitura: 

https://rosalia.gal/wp-content/uploads/2013/02/PartituraAlborada.pdf 

(rosalia.gal)

Manifesto: 

 

https://rosalia.gal/wp-content/uploads/2024/02/manifesto-alborada-2024.pdf

 (rosalia.gal)

Anímate a participar e a difundir esta actividade,

Viva Rosalía! Avante a Alborada!

X Memorial Henrique Otero

Varios / 01.02.24

cartaz memorialho2024_webXa temos cartel da que será a décima edición do Memorial Henrique Otero, anota a data desta cita anual na que homenaxeamos a figura do Gaiteiro do Fragoso.

O vindeiro sábado 13 de Abril a partir das 19.30 horas terá lugar no auditorio Martín Codax do CSMV en Vigo unha nova edición do MEMORIAL HENRIQUE OTERO no que como cada ano soará unha escolla das obras do mestre, que nesta edición está adicada á xeografía na obra do mestre. Neste concerto-homenaxe organizado pola AGG, coa colaboración do CSMVigo e da Deputación de Pontevedra, participarán A Seneira (Baiona), a Asociación Folclórica Breogán De Moaña, a Banda de gaitas e percusión da ETRADVIGO, Contiños da Feira (A Coruña), Grupo de gaitas “Cans de Palleiro” S.C.D.R. Helios Bembrive, Narmores, Noitarega, Os Carunchos, Os Terribles De Donas, Raigames, Ruada (Torroso-Mos), Sons do Abrente de Mos e Traspés.

Henrique Otero Covelo, O Gaiteiro do Fragoso, como el mesmo quería que o lembrasen, foi un personaxe clave para comprender e coñecer boa parte do mundo da gaita en Galicia, en particular en Vigo e a súa comarca. Foi un dos mellores expoñentes da tradición gai­tística galega, figura de transición entre o gaiteiro rural tradicional e o gaiteiro urbano, pero tamén entre o gaiteiro de oído tradicional e o gaiteiro músico actual.

Son moitos os méritos que habería que recoñecerlle a este gran gaiteiro, pero sen dúbida, o que maior pegada deixou para o futuro foi o de conseguir que foran recoñecidos, por primeira vez na his­toria, os estudos oficiais de gaita ga­lega polo MEC no ano 1977.

Dende a Asociación de Gaiteiros e Gaiteiras Galegas gustaríamos contar coa túa presencia neste Memorial, lembra que a entrada é de balde ata completar aforo.

Esperámoste o vindeiro día 13 de Abril !

Páxina 1 de 438