Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / ALALA

ALALA

Especial Alalá

07.08.15

alalaEsta noite, os telespectadores da RTVG poderemos gozar dunha edición especial do programa “Alalá. Música de Galicia” (23.10 horas), gravado en Allariz, e no que se repasará a situación actual da tradición musical galega a través de entrevistas e de tres propostas moi diferentes e de extraordinaria calidade: Treixadura, grupo que estará acompañado polo coro Cantigas e Agarimos; Radio Cos e Davide Salvado. Mediante entrevistas con eles e a través das súas actuacións no Museo do Coiro de Allariz, os espectadores descubrirán a maneira en que entenden hoxe a música tradicional, o xeito en que evolucionaron nas súas propostas artísticas e como ven o futuro da tradición.

(Prema no título para ler a nova completa)

   

A asociación "A Regionalista" de Teo no Alalá

25.05.12

alala gMañá sábado o programa ALALÁ achegaranos á asociación "A Regionalista" de Teo, unha asociación que leva anos preocupándose pola nosa historia e pola nosa música. Un grupo de mozos aos que lles interesan tanto as formacións musicais coma os feitos históricos, os rituais festivos, as falas esquecidas, o vestiario ou a forma de tocar instrumentos, porque a todos os une a necesidade de non perder os nosos valores culturais. O seu procedemento, a través do contacto directo cos maiores, de diversos estudos e publicacións e, por suposto, a través da súa música.

"A Regionalista" ten a súa propia páxina web que se nutre do traballo de campo que lle proporcionan os informantes sobre as tradicións, persoeiros da terra, publicacións e as actuacións das dúas formacións musicais que teñen, Alvariza, que recupera os sons das murgas do século pasado, e Fargallos, unha nova aposta polo canto vocal. Pero as súas actividades non quedan aí, porque teñen varios libros publicados e poñen en escena obras de teatro coas que pretenden manter vivo o legado da nosa cultura.

   

Alalá nº 200: Zurrumalla

20.04.12

alala gZurrumalla será o protagonista do programa 200. Música tradicional festeira e de extraordinaria calidade, que bebe das tradicións pero sabe divertirse e buscar novos espacios na cidade.

Un grupo de amigos que se deron en chamar Zurrumalla, xuntáronse no ano dous mil, porque se coñecían, porque conxeniaban, porque os seus gustos musicais estaban preto e o mais importante, porque todos son uns músicos fóra de serie, de talento e cunha longuísima carreira detrás. Así, pouco a pouco, crearon un pequeno universo arredor da música da terra e o que mais lle gusta no mundo e ¡armala e ben gorda a pode ser!

“O que había e... O que hai”, que así se chama o seu traballo discográfico, fíxose derogar e moito! Non é de extranar porque aquí vai o froito de mais de dez anos de xuntanza, festas, de recollidas, nostalxia, composición propia …. E agardaron tanto que o material non collía nun e editaron un doble CD, de aí o nome: “O que había… e o que hai”.

   

O rabel en Porto de Sanabria

30.03.12

 alalaO "Alalá" de mañá, 31 de marzo, é noticia porque sae dos límites administrativos de Galicia para coñecer a tradición do Rabel, un instrumento medieval que se mantivo en Porto de Sanabria (entre Zamora e Galicia), grazas aos labores de conservación de Amador Bruña Granja, de 77 años, que foi gandeiro, encofrador, hostaleiro, carpinteiro e, agora, é o último fabricante do Rabel sanabrés.

En Porto de Sanabria a tradición do rabel está asociada á do pastoreo, aos rabaños que acudían desde Estremadura polo cordel, á cañada real, aos pastores do lugar que emigraban todo o ano e volvían pasar o verán na serra. Aqueles pastores da transhumancia eran os portadores dun saber que se perde no tempo, xa que co seu rabel ao lombo mantiveron ao longo dos séculos romances e vellas coplas que acompañaban cos acordes do rabel. Amador calcula que, durante os últimos vinte años, fixo entre 250 e 300 rabeis, case sempre atendendo encargos que lle chegan de sitios tan distantes como Salamanca ou Valladolid.

Neste programa farase unha viaxe no tempo a cabalo duns sons medievais que acompañaron durante séculos os pastores que facían o verán cos seus rabaños nas montañas de Porto de Sanabria, entre Zamora e Galicia.

   

Bico da Balouta no Alalá

23.03.12

 

alala gEste sábado, o equipo de "Alalá" axudaranos a descubrir e a entender que é Bico da Balouta, pero antes hai que saber tres pistas: que é xente á que lle encanta a música, por suposto; que cada un dos seus integrantes ten un oficio diferente pero sempre que poden están xuntos de festa porque son moi amigos e que todos teñen un enorme amor pola súa terra: Agolada.

Os músicos que compoñen este grupo defínense como gaiteiros de taberna e de carballeira porque é precisamente neses lugares onde poden encontrar a alegría da súa música, onde as súas voces cantan mellor os temas tradicionais, as gaitas, o tambor, o bombo, o acordeón, o clarinete, a tuba e calquera outro instrumento que se una para facer festa. A vida no seu mundo, ao que senten que pertencen estean onde estean.

O que comezou hai case vinte anos como un grupo de rapaces con ganas de saber tocar algo para divertirse, evolucionou ata converterse nunha asociación que traballa "sen ánimo de lucro" para que se coñezan todas as tradicións que ten Agolada e para que non desaparezan. Con ese afán organizan exposicións, intercambios con grupos doutros países, a festa da Randulfa, o concurso de espantallos e ata teñen feito un documental en que chaman a atención sobre a importancia das tabernas para a vida no rural.

   

A festa do ramo no Alalá

09.03.12

alalaO sábado 10 as 19:00 o Alalá adica o programa á festa do ramo.

No ambiente das festas populares naceron, medraron e se expandiron unha parte importante das nosas tradicións; iso si, dependendo do lugar, do santo a quen está dedicada, ou do tipo de festa, esas tradicións poden variar, pois nalgunhas zonas como a de Ordes, entre Santiago e A Coruña, un dos símbolos das festas patronais era, e segue a ser, o ramo.

Unha estrutura en forma de ramo, adornado con cintas, flores e mesmo larpeiradas...que se leva ata a igrexa, desde a casa da familia que teña a función. Unha procesión en que acompañan os veciños e, por suposto, a música... de gaiteiros, dunha banda... que tiñan xa un repertorio para iso. Aí entraron os de Alalá, queremos ver como foi, e como é hoxe en día, o papel dos gaiteiros nas festas populares. Para iso seguiremos os Viqueira, e con eles descubriremos que é iso do Ramo e todo o ritual das funcións, das ofrendas, da festa que o acompaña.

   

Vaamonde, Lamas & Romero no Alalá

02.03.12

alalaOs protagonistas do Alalá, de este sábado 3 de marzo, son o trío formado por Suso Vaamonde, Xosé Lois Romero e Pedro Lamas, son tres músicos, tres almas predestinadas a facer da música un xeito de vivir e, sobre todo, de gozar. Cada un por separado, en parella ou co trío, teñen unha traxectoria musical que impresiona, formando parte de distintos grupos, publican obras, dirixen espectáculos, compoñen, dedícanse ao ensino e os tres basean o seu traballo na formación, no talento e na espontaneidade.

A música é para eles unha terapia de liberación, acompañada de creatividade, disciplina e calidade. Sen embargo, a historia deste trío xurdiu coma un divertimento a partir dun traballo sobre Os Trintas de Trives produto dunha investigación exhaustiva e fascinante pola historia duns músicos que, a comezos do século XX, foron quen de triunfar nun Trives encantador e boiante. Hoxe, Vaamonde, Lamas & Romero comparten as aventuras e desventuras do mítico grupo no seu recente disco "O Tambor de prata", un tesouro para os sentidos que converte cada concerto nun espectáculo, en que a música se mestura coa retranca, co humor e co enxeño destes tres homazos.

"Alalá" prepárase para case calquera cousa: desde unha merenda con mesa e mantel no curuto dun faro; actuacións con rebarbadora incluída ou, de súpeto, non querer falar. De todos os xeitos, unha advertencia: non hai que tomar en serio todo o que din... porque son tremendos!

O horario de emisión será as 19:00 horas.

   

O son da cultura mariñeira de Vilaxoán no ALALA

10.02.12

 

alalaEste sábado, 11 de febreiro, as 15:56, na TVG o programa "Alalá" achéganos o son da cultura mariñeira de Vilaxoán, onde todos se enchen de orgullo cando cantan as cancións de sempre porque senten que son de cada un dos veciños desta vila mariñeira.

Pilar G.Rego, presentadora do espazo, estará acompañada por distintas testemuñas actuais que dan fe de que houbo un tempo en que os valses e as habaneiras se escoitaban cada noite nas tabernas, con voces acompañadas por un acordeón ou unha guitarra, e como, despois dos anos cincuenta, moitos dos homes que as cantaban marcharon a Noruega buscando pescas máis rendibles e as mulleres empregáronse nas fábricas de conserva.

Pero como na memoria de todos quedaron estas melodías dos tempos en que as lanchas do xeito enchían a ría de Arousa, tivo que nacer o grupo "Atlántica Vapora Orquestra" para recoller toda aquela música que reflicte a alegría coa que enfrontaban a dureza do traballo e da vida.

Os músicos que forman a Atlántica Vapora Orquestra son todos profesionais magníficos, que interpretan o repertorio propio da zona cunha enerxía que non deixa lugar a dúbidas sobre a identificación que teñen con este peirao da ría de Arousa e coa súa xente. Precisamente foi por esta identificación que decidiron xuntarse para formar o grupo e tocar estas pezas, baixo a dirección de Óscar Fernández, o seu mestre de zanfona, que forma parte da Central Folque.

   

O Alalá de novo na TVG

02.02.12

alalaVolta o programa Alalá á programación da TVG.
Agora a emisión será os sábados ás 16:15.
Neste primeiro programa da nova xeira achegaranse ás Cantareiras Fonteliño (O Porriño)
Os protagonistas do programa Alalá son persoas, grupos ou asociacións que se dedican á música tradicional ou folk galegas. Alalá mestura interpretacións musicais con fragmentos documentais sobre a vida cotiá dos protagonistas, o seu xeito de pensar, sentir e percibir a música tradicional e o mundo.
A música tradicional galega naceu nun contexto rural. A aldea foi a gran transmisora da cultura e do saber musical galego. En Alalá non son os gaiteiros ou as pandereteiras quen se traslada ao estudio de gravación senón que é a cámara a que vai á aldea, para retratar coa maior fidelidade e profundidade ese contexto onde se produce ou producía a música tradicional.
A presenza da cámara na aldea procura non ser intimidatoria senón amiga e confidente, retratando o mundo rural galego e en moitos casos o mundo das persoas maiores, non só con respecto senón cun profundo agarimo. Considerando os maiores mestres dunha forma de vida que pouco a pouco vai esmorecendo polo abandono da aldea, polo avellentamento da poboación, a globalización e as novas formas de vida da sociedade galega.

Prema no título para ver a nova ao completo

   

Hoxe no Alalá Real coro toxos e froles

27.07.11

Partindo de que Real Coro Toxos e Froles é historia viva de Galicia, pero tamén da música tradicional de Ferrol durante o século XX, o equipo de “Alalá” achega hoxe o espírito desta institución, coa súa primeira actuación en 1915, no centenario teatro Jofre de Ferrol, coa primeira gravación sonora que non chegaría ata 1922.

Ao longo do século XX, “Toxos e Froles” fixo do coro o protagonista musical, pero xunta el tamén se preocupou de coidar o grupo instrumental e toda a maquinaria institucional para o mantemento da música tradicional de Ferrol a través de actos culturais. Así, no museo do coro son incontables os premios e condecoracións recibidas, coma o título de “Real” outorgado por Afonso XIII ou a Medalla de Galicia. 

 “Toxos e Froles” é máis ca un coro de voces, máis ca un centro cultural e máis que ca unha academia. Esta institución é historia viva, non só da música tradicional de Ferrol, senón tamén de toda Galicia.

   

Páxina 1 de 13