Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / ALALA

ALALA

TRES ARTISTAS XUNTOS: RODRIGO ROMANÍ, ANXO PINTOS E XOSÉ LIZ DE CEA

26.02.08

Os protagonistas do programa Alalá do martes 26 de febreiro, son tres dos talentos máis importantes da música galega desde os anos setenta ata hoxe: Rodrigo Romaní, Anxo Pintos e Xosé Liz de Cea, tres nomes, tres artistas, tres figuras de distintas xeracións, que pertenceron e pertencen a distintas formacións.

Neste caso, o programa fará unha viaxe pola música galega dos últimos trinta anos e rematará no proxecto en común que une a estes tres artistas, chámase Lizgairo e os seguidores de Alalá terán a oportunidade de velos e escoitalos nun pequeno concerto.

Falaremos con Rodrigo Romaní dos duros momentos que atravesou a música nos anos setenta, unha etapa en que apareceron os primeiros cantautores comprometidos coa canción galega. Rodrigo Romaní coñece a Antón Seoane e xuntos interésanse pola música medieval e os instrumentos antigos antes de comezar unha etapa de esplendor cunha formación coma Milladoiro que exportou o feito aquí; este grupo foi o referente para a seguinte xeración de músicos e, tras vinte e dous anos, Rodrigo Romaní emprende o camiño en solitario.

Nos anos oitenta a música tradicional comeza a rexurdir e valorarse. Anxo Pintos leva aos escenarios a estética do momento co grupo "Matto Congrio" e demostra ata onde podía chegar o folk que tiña un forte competidor co pop e o rock. Anos despois crea un dos grupos mais representativos de folk galego: Berrogüetto.
   

GRUPO "O CASTRIÑO"

19.02.08

No Alalá do martes 19 de febreiro, coñeceremos a historia do grupo "O Castriño". Este grupo naceu para cumprir un soño: o de volver encher de música as rúas e aldeas da parroquia de Rebordechán, no concello de Crecente. Porque se algo lles gusta aos veciños deste lugar é a música, xa que a súa banda foi unha das máis coñecidas da bisbarra e, aínda que xa non existe, aínda viven moitos dos vellos músicos que conservan no peito un irrefreable desexo de tocar. Un amor pola música co que naceron e que non os ha abandonar nunca.

A banda tería cumprido cen anos en 2007 e nese ano decidiu botar a andar "O Castriño", un grupo de amigos e veciños entre os dez e os setenta anos, rapaces que aínda están na escola, amas de casa, xubilados e emprendedores como Ramón Lourido, que creou unha empresa de compostaxe de toxo para poder quedar na terra cando a maioría dos da súa idade se vía na obriga de emigrar.

"O Castriño" colleu o nome do lugar onde se xuntan cada verán, cando volven os que están fóra, para facer un xantar máis que festivo. Da xuntanza dos veciños, das permanentes ganas de festa e do pracer que senten coa música xurdiu este grupo de instrumentos tradicionais co que non teñen máis pretensión que pasalo ben todos xuntos e tocar cada vez un pouco mellor, como lembran en toda a redonda que facía a mítica banda de Rebordechán.
   

FAUSTINO SANTALICES

12.02.08

Faustino Santalices é unha das grandes figuras da historia da música tradicional galega, sendo gaiteiro, toca a zanfona, artesán, cantante e compositor, aspectos todos estes en que destacou, pero é coñecido sobre todo por ter rescatado do esquecemento a música da zanfona e por ser un dos grandes intérpretes deste instrumento.

No Alalá do martes 12 de febreiro, descubriremos a un Santalices que foi o primeiro artesán en abordar a construción de gaitas e zanfonas dun xeito científico, cun espírito matemático que aplicou en todos os ámbitos da súa vida e que lle transmitiu ao seu fillo. Faustino fillo, que hoxe ten 85 anos, orientou toda a maña e capacidade de observación dos Santalices cara a unha brillante carreira como oftalmólogo, e foi testemuña privilexiada do saber de seu pai, a quen acompañou desde neno polos escenarios máis importantes.

Grazas á xenerosidade de Faustino fillo podemos achegarnos aos aspectos máis descoñecidos da figura de seu pai. Escoitaremos as súas antigas gravacións, veremos as ferramentas que empregaba no seu obradoiro de artesán, as gaitas e zanfonas que construíu e reparou, e achegarémonos a dúas vidas intensas, caracterizadas pola paixón por Galicia e a súa tradición musical: as de Faustino Santalices pai e fillo. Dúas persoas admiradas e gabadas polos bos coñecedores da música galega e tan versátiles que merecerían varios Alalás.
   

XOSÉ, "O GHAITEIRO DE PIÑEIRO"

05.02.08

Despois dunha operación complicada en que perdeu un anaco de pulmón, a Xosé véuselle o mundo enriba pensando que non volvería tocar a gaita. Unha semana despois só un milagre puido explicar como o corazón de Xosé, "O ghaiteiro de Piñeiro", seguía bombeando notas e repenicados por cada recuncho do Morrazo. O martes 5 de Febreiro, Alalá, da man da súa presentadora Pilar G. Rego, vai poñer o público en contacto con unha historia de superación persoal, todo un manual sobre a filosofía do ser gaiteiro por riba da vida e da morte, escrito cos contos e a graza de Xosé, "O ghaiteiro de Piñeiro".

Xosé Fernández viviu toda a vida no seu querido barrio do Piñeiro, en Aldán, onde é o gaiteiro oficial e imprescindible en cada celebración e iso non se consegue en dous días. Leva toda a vida tocando nos entroidos da súa vila con centos de gaiteiros, de aí que fora acumulando na memoria máis de 200 pezas.

Con tanta sabedoría ten repertorio para tocar nos entroidos, nas festas parroquiais, nas foliadas, nas procesións, ata nas inauguracións das rúas o recordan tocando os veciños! Gaiteiro para todo e infatigable, desde o domingo de entroido ata o mércores de cinza o equipo do Alalá puido comprobar que durmiu 7 horas! E é que a Xosé, "O ghaiteiro do Piñeiro", antes ca os dentes xa lle naceran as ganas de ser ghaiteiro.
   

OS TERRIBLES DE DONAS

29.01.08

O martes 29 de Xaneiro, o Alalá visita Donas en Gondomar para resolver o misterio dos Terribles de Donas. Un grupo creado en 1937 por e para a festa que mantén intacta a súa memoria entre a xente do lugar. De feito nos anos 40 xa tiña club de fans, feito a base de tocar por todas as festas do sur de Galicia e do norte de Portugal nos veráns. Organizaba bailes en que cobraba nos despachos de billetes e ata tiña unha copla que indicaba a súa chegada á festa...

Ao longo do século XX, os Terribles de Donas tocaron por todas as festas do sur de Galicia e norte de Portugal. Comezaron como cuarteto tradicional, pero foron evolucionando incorporando saxos, clarinetes e o que fixera falla, porque os Terribles eran músicos de oído que tocaban para divertir e divertirse. Muiñeiras, xotas, pero tamén rumbas, pasodobres ou habaneras... Nos anos 70 desapareceron substituídos polas grandes orquestras, pero o Alalá será o encargado de rescatalos para o público. Non volo perdades.
   

"MOSTRA DO PATRIMONIO CULTURAL INMATERIAL GALEGO-PORTUGUÉS"

22.01.08

O programa do Alalá do martes 22 de Xaneiro, é todo un curso sobre o Patrimonio Cultural Inmaterial de Galicia. Trátase do Proxecto Ronsel, unha iniciativa das tres Universidades galegas que se botaron ás aldeas para estudar e pór en valor o patrimonio cultural inmaterial. Un programa que amais vai ser un curso acelerado sobre os galegos: "Un Alalá sobre a Universidade da Vida".

Galicia vive no século das cidades, da tecnoloxía, das grandes empresas... Nun presente tan obsesionado con saber cara a onde imos que comete o erro de esquecerse de onde vimos. Factores como esta mentalidade ou o paso do tempo fixeron que os galegos perderamos boa parte do noso patrimonio cultural, o que significa rexeitar de nós mesmos. Por iso é necesario revitalizar a tradición, pero facelo ben, partindo da recompilación e do estudo, que son dúas das bases do "Proxecto Ronsel", unha iniciativa das tres universidades de Galicia e outros organismos que se lanzaron ás aldeas para estudar e revitalizar o chamado patrimonio cultural inmaterial.

Coa intención de concienciar a sociedade da necesidade de salvagardalo, o "Proxecto Ronsel", organizou a "Mostra de Patrimonio Cultural Inmaterial Galego-Portugués" na cidade de Pontevedra, que pretende reflectir a diversidade patrimonial inmaterial poñendo ao alcance de todos os coñecementos tradicionais para entender que se poden adaptar e vivir con eles na sociedade actual.
   

A TABERNA DO LORENZO NO ALALÁ

15.01.08

O martes 15 de Xaneiro, o programa Alalá, que acaba de recibir un Premio Galicia de Comunicación, vai tomar unhas cuncas e escoitar unhas pezas nunha taberna tradicional de Vigo. Un lugar máxico onde os espectadores coñecerán varios prismas da época do crecemento desta cidade nos anos 50. O Vigo industrial. O Vigo musical. O Vigo tradicional e o Vigo suburbano. Todo nunha taberna que ten tenda, viño de barril e música, a Taberna do Lorenzo.

A Taberna do Lorenzo é unha tasca tradicional onde aínda se conserva parte daquel pasado cantarín e musical que tiñan as grandes cidades de Galicia. Onde cando remataban as xornadas nos estaleiros, nas conserveiras, ou nas fábricas, se un quería oír unha peciña ía ás tabernas: algunhas tan míticas coma o Pozo Negro, onde se xuntaban músicos e gaiteiros como Moxenas ou Ricardo Portela e nas que un cantaba ata que se decataba que ao día seguinte había que traballar. Así pois, o Alalá desta noite coñecerá o ambiente máis popular e tradicional de Vigo, a tan só 5 minutos do centro, na Taberna do Lorenzo.

Ademais o programa compartirá mesa cos integrantes do grupo Os Infortunados, que cantarán pezas tradicionais da zona de Vigo. A gran maioría dos compoñentes do grupo son xubilados ou prexubilados do sector naval, o que é unha proba da pegada que tivo e ten a industria naval en Vigo e arredores.
   

JOSÉ MARENTES

08.01.08

José Marentes é un dos mellores gaiteiros de Galicia e o derradeiro dunha antiga xeración de gaiteiros de son máxico da Fonsagrada. O último portador do saber dunha antiga estirpe musical tecnicamente prodixiosa: a gaita é un instrumento de son continuo, pero eles eran capaces de silenciala nota a nota, de facer picados antigos incribles que os gaiteiros de hoxe apenas conseguen e de improvisar as pezas ao mesmo tempo que tocaban. Poder escoitar o martes 8 de Xaneiro, a Marentes, no espazo de Alalá, é unha auténtica xoia musical e tradicional.

José Marentes é un home feito a si mesmo. Comezou tocando no monte con pipas de alcacén ou castiñeiro e hoxe é un dos mellores gaiteiros de Galicia. Traballou a terra con esforzo e coa honra como principio e na vida lle faltou de nada. Humilde por natureza non lle gusta botarse nin que lle boten flores, pero este labrego de 71 anos con alma de gaiteiro é o último portador do saber dos antigos gaiteiros da Fonsagrada, algo que o converteu nun tesouro vivo da nosa música tradicional.
   

VOLTA DO PROGRAMA "ALALÁ" Á PROGRAMACIÓN DA TVG

11.12.07

Precedido do éxito de público, sendo martes tras martes líder na súa franxa de emisión; e do éxito da crítica cos premios da Crítica de Galicia e da Academia Nacional de Televisión; chega o martes 11 de decembro, ás 21:30 h., a terceira temporada de Alalá. O programa, que dirixe Senén Bernárdez e presenta Pilar G. Rego, está inmortalizando as vidas dos xenios da música tradicional de Galicia.

Con Alalá regresan á pantalla da TVG os músicos máis incribles da nosa tradición musical que transmitiron durante anos o peso do saber secular da tradición musical galega. Pero con eles tamén estarán os grupos de nova creación que parten da tradición como filosofía musical.

Así, a terceira temporada vén chea de novos músicos e novas historias que nos farán rir e chorar os martes pola noite, no caso de hoxe cunha presentación estelar: un programa dedicado ao mellor músico de trompa de Galicia, César Fernández, que ademais é un gran gaiteiro e todo un catedrático na universidade da vida.
   

PABLO CARPINTERO

26.06.07

O martes 26 de Xuño, o equipo do programa compartirá co público o coñecemento dun verdadeiro “crack” da música tradicional: Pablo Carpintero, un magnífico gaiteiro que ademais é un dos maiores expertos en folclore do noso país, que constrúe e restaura instrumentos, produce discos, organiza exposicións de instrumentos antigos, dirixe varios grupos, colabora en programas de radio e intenta por todos os medios que a cultura tradicional chegue a todos.

Pablo Carpintero é un home xeneroso que doou todo o material acadado durante anos de traballo de recollida ao Arquivo Sonoro do Consello da Cultura Galega, e por esa xenerosidade e polo seu altísimo nivel de coñecementos é admirado e querido polos outros músicos e estudosos da tradición. A pesar de ser aínda novo, leva feito un enorme labor de estudo e recuperación da cultura tradicional e agora traballa na que será a primeira tese de doutoramento dedicada á gaita galega. Para el será o segundo doutoramento, porque este Leonardo da Vinci da nosa terra é ademais doutor en Ciencias e un destacado investigador no eido da xenética molecular.

Neste programa coñecerase ademais a súa faceta máis familiar, as súas reflexións sobre a situación actual da cultura en Galicia, e saberase moitísimo sobre a gaita e outros instrumentos galegos curiosos que forman parte da colección completa que posúe Pablo Carpintero.
   

Páxina 10 de 13