Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / ALALA

ALALA

Os Maios

26.05.08

O programa de Alalá do luns 26 de Maio achegarase ata Ourense para mostrarnos unha das festas máis antigas de Galiza: Os Maios.

"Cando as últimas choivas de abril desaparecen e chegan os primeiros raios do sol, a natureza estanos a dar un sinal: comeza o novo ciclo natural e iso para un pobo labrego coma é este é un motivo de celebración. Así comezou hai miles de anos a Festa dos Maios en Galicia.
Os Maios son celebracións que honran a chegada da primavera e da fertilidade. En Galicia a festa dos Maios permanece dunha forma máis viva en Ourense, onde se mantén grazas ao concurso establecido en 1917, e dende aquela a festa seguiu viva premiando os Maios máis fermosos, os que mellor honran o froito da natureza, empregando multitude de formas.
Acompañando os Maios, os concursantes cantan as coplas, que son composicións que critican con humor todo o que se poña por diante, dende políticos ata veciños de Ourense pasando por Rodolfo Chiquilicuatre."
   

A MÚSICA GALEGA EN ARXENTINA

12.05.08

Hoxe luns, día 12/05/2008, o programa Alalá segue mostrándonos cómo se vive a nosa música na emigración.

Neste Alalá, segunda parte en Arxentina, coñeceremos tres maneiras diferentes de interpretar a música galega de alí: a de Lembranzas da Terra, un grupo de baile e música integrado por rapaces moi novos que segue a liña máis tradicional e que aínda fai recollida para que non se perda o que lembran os máis vellos da colectividade galega; a de Sete Netos, que o nome xa o di todo e que é un dos grupos máis coñecidos do movemento celta que hai uns anos revolucionou a música galega en Arxentina; e a de Daniel Alejandro Pazos, o representante da figura do gaiteiro con maiúsculas, considerado o mellor gaiteiro novo do país.
Con eles veremos os diferentes xeitos en que os descendentes dos emigrantes proxectan na música a mestura entre a súa natureza arxentina e as súas raíces galegas, pois calcúlase que uns tres millóns de arxentinos son descendentes de galegos, o dez por cento da poboación do país, nin máis nin menos. Así que imaxinade a proxección que ten alí a música galega.
E ademais da música, tamén saberemos de qué maneira viven os máis novos o sentimento de pertenza a dúas terras. Seguirán sentindo morriña estes galegos nacidos en Arxentina?
   

A música tradicional galega na emigración.

05.05.08

Hoxe luns, 5 de maio, o programa Alalá achéganos ao mundo da música galega na emigración.

"Cando os galegos emigraron a Arxentina non só levaron dous brazos para traballar. Levaron con eles toda unha maneira de vivir, de divertirse e toda a música da súa terra. Xa no barco soaban as gaitas para animar as longas xornadas de travesía, e, unha vez cruzado o Atlántico, a música galega colleu vida propia. Houbo cancións que se mantiveron en Arxentina mentres se esquecían en Galicia, nas composicións novas mesturáronse os ritmos galegos cos aires do tango e co paso das xeracións a música galega foi evolucionando para dar lugar a distintas formacións e repertorios.
Durante décadas máis de medio millón de persoas embarcou en Vigo cara a Bos Aires, que se converteu na cidade do mundo onde vivían máis galegos, por diante da Coruña e de Vigo. Os nosos paisanos tiveron un peso importantísimo no desenvolvemento de Arxentina como país e na modernización de Galicia e a música galega tivo tamén unha enorme presenza nos distintos momentos da historia bonaerense; a mesma Rianxeira compúxose na outra beira do mar.
Para guiarnos por esta ampla e descoñecida parte da música tradicional galega no contexto da emigración arxentina contamos neste Alalá coa axuda dun mozo que sabe moitísimo de todo isto: Norberto Pablo Cirio. Un antropólogo e musicólogo que ademais toca a gaita, que toca cos Lucenses, unha das dúas "regionales" que aínda seguen en activo das setenta que chegou a haber"
   

XOSÉ MANUEL BUDIÑO

28.04.08

O luns 28 de Abril poderemos ver un novo capítulo do programa Alalá que fará un repaso da traxectoria dun dos gaiteiros máis coñecidos do panorama musical galego: Xosé Manuel Budiño.

"A historia dos gaiteiros do século vinte e un cambiou moitísimo e hoxe recoñécese o seu traballo no ámbito internacional. Como cambiou todo! o son da gaita soa en Sofía, Bos Aires, México D.F, Líbano ou Siria. Por estes e moitos outros lugares do mundo está presente a música do artista e gaiteiro galego Xosé Manuel Budiño. Desde que sentiu a chamada dos escenarios sendo moi noviño, a súa carreira foi imparable: formouse na Escola de Gaitas Semente Nova de Moaña a principios dos oitenta, participou na Banda de Gaitas Xarabal e funda o grupo Fol de Nui.
Alalá estará esta noite co artista, agora que se cumpren dez anos do seu primeiro disco, e desde aquela as viaxes polo mundo foron constantes, os contactos con outras culturas e outros músicos foron habituais e os premios e candidaturas souberon agradecer a carreira dun gaiteiro innovador por convicción, viaxeiro nato e creador incansable. Home é o novo traballo feito por el, pero tamén un novo espectáculo que viviremos hoxe no programa Alalá.
A mecha da súa carreira en solitario prendeuse con "Paralaia", un disco co que se aventurou a marchar a Bretaña para ofrecerllo a un gran músico e produtor, Jacky Molard. A este primeiro disco seguíronlle "Arredor" e "Zume de Terra". "
   

ANTÓN CORRAL

15.04.08

O programa Alalá do martes 15 de Abril estará cun dos luthiers mais querido e admirado deste recuncho da terra, e non hai que buscalo en ningures porque está aquí, entre nós, chámase Antón Corral, e distinguiuse por perseguir durante toda a súa vida un xeito de ser, algo que conseguiu a pesar das dificultades.
O mundo da gaita, o mundo do ensino, da construción de instrumentos, do rescate doutros como a zanfona, a requinta ou pito pastoril, a creación da Escola Obradoiro da Universidade Popular de Vigo ou a Banda de Gaitas Xarabal son un pequeno resumo de todo o que este home, fundamental para o universo da gaita, fixo e aínda fai pola paixón da súa vida.

Desde moi novo involucrouse no mundo da gaita e deixou o seu traballo de axente comercial por motivos de saúde. Lugo foi a cidade onde desenvolve a súa vida. A música que se lle meteu nos ósos de moi noviño fixo que se enrolara en varios grupos tradicionais "Os Garabullos do Alto", "Os Montes de Lugo" ou "Os Modernos".

No programa "Alalá" desta noite descubriremos o universo dun prodixio para a cultura musical galega: Antón Corral, pero non estará só, acompañarano no programa moitos amigos, ex alumnos, familiares... só algúns dos que admiran e queren a Antón. Ademais dos recoñecementos e premios que levou ao longo da súa vida, espérao un dos mellores que un mestre pode recibir.
   

Orquestra Municipal de Xove

08.04.08

O Alalá do martes 8 de Abril desprázase ata a Mariña lucense, concretamente ata Xove, para achegarse a unha formación galega con máis de vinte anos de historia, xa que nesta zona a música é a protagonista da vida de moitísimos nenos e mozos da vila, grazas ao labor dun home, Xan Carballal, e a ese gran proxecto seu que se converteu na Orquestra Municipal de Xove.
A este prestixioso mestre, hai máis de dúas décadas, o concello de Xove chamouno para poñer en marcha a escola de música, e anos despois, na década dos noventa, funda a orquestra de Xove, cando aqueles cativos se presentaban como orquestra e cuns instrumentos, por aquel entón, practicamente descoñecidos no país. Despois de anos de traballo Xan chega á conclusión de que a Orquestra de Xove pode servirlle de referente a un plan de carácter sociocultural que poida cubrir as necesidades e inquedanzas musicais que están sen resposta no noso país.
Aqueles foron os primeiros pasos e desta orquestra de formación saíron unha chea de músicos que hoxe en día están a traballar en orquestras de toda España. Unha orquestra galega única en toda a comunidade que se encarga de divulgar a música de autores galegos como Pacheco, Bal y Gay ou Xoán Montes. Estes e outros compositores clásicos beberon desde sempre da música tradicional e a Orquestra de Xove quere dalo a coñecer.
   

HENRIQUE OTERO

01.04.08

No Alalá do martes 1 de abril, poderemos ver unha completa reportaxe sobre un dos nosos máis ilustres mestres gaiteiros. Henrique Otero Covelo.

Cal é o significado da antiga expresión "gaiteiro de solfa"? Antigamente coñecíanse como aqueles que sabían solfexar, que eran capaces de interpretar unha partitura. Pero isto para os vellos gaiteiros de oído podía non ser bo, pois moitos opinaban que un músico nunca podía chegar a ser un bo gaiteiro. Na cidade de Vigo viviu toda a vida o gaiteiro protagonista desta noite: Henrique Otero. Home disciplinado e gaiteiro dos de antes.
Henrique Otero ten algo que o diferencia do resto dos gaiteiros e isto comeza na infancia, pois cando era un neno puido completar os estudos básicos e aprender unha das paixóns da súa vida, o solfexo, o que lle permitiu ser o primeiro mestre oficial de gaita en conservatorio; crear o primeiro método de aprendizaxe e poder compoñer novas cancións superando con iso o repertorio tradicional que empregan os gaiteiros vellos.
Podemos dicir de Henrique Otero Covelo que é un gaiteiro de alma, apegado á súa querida cidade de Vigo; un gaiteiro íntimo, compositor e incluso escritor de poemas. Dentro do envoltorio dese home recto e disciplinado hai un auténtico gaiteiro vello. Un gaiteiro de solfa: o Gaiteiro do Fragoso.
   

O GRUPO ARDENTÍA DE VIGO

25.03.08

Como son os gaiteiros do século XXI? O martes 25 de Marzo, o programa Alalá achégase ao grupo Ardentía de Vigo, gaiteiros urbanos que cambiaron os sachos polas gravatas ou as eiras polos pubs. Unha guía para superviventes que queiran vivir a música tradicional nunha cidade.

Antigamente os gaiteiros vivían e movíanse polo rural, pero hoxe? Como vive hoxe un gaiteiro urbano de 28 anos? Onde traballa? Que música fai? Para atopar as respostas a estas preguntas Alalá coñeceu en Vigo o grupo Ardentía, un grupo de músicos evolucionados, pero con espírito tradicional. Cambiaron os sachos polas gravatas ou as feiras polo "Carrefour", pero no fondo son o mesmo: axentes de seguros ou vendedores de bazar que coa gaita incorporan "boozoki" e incluso compoñen algún tema, aínda que a base do seu repertorio é a recolleita e o tradicional.

Os seis compoñentes de Ardentía viven a música nunha cidade coa mesma intensidade coa que se vivía antes no rural, por iso ao escoitalos o corpo móvese só. Como non hai airas ou fiadeiros para montar unha festa, van a un bar de tapas da cidade. Como na casa non teñen taller para construír os instrumentos fannos na Escola de Artes e Oficios de Vigo. Ardentía son novos, viven na cidade e traballan con gravata, pero para eles a música serve para o que sempre serviu: para a festa.
   

GAITEIROS DA XISTRA

11.03.08

O martes 11 de marzo, o programa Alalá visita a República Independente de Xistralia; non fai falla que busquen no mapa porque é un país imaxinario, pero a súa base está no barrio de Coruxo, en Vigo. De aquí son, residen ou se achegaron os membros de Xistra de Coruxo que pouco despois de formalo grupo, argallaron unha asociación, a de "Gaiteiros de Xistra". Tanto deu de si este traballo que están de aniversario e xa van alá vinte anos.

Nestas dúas décadas pasaron moitos "Xistraleiros" pero todos invadidos por unha filosofía en común, a súa forma de tocar é galega e miñota, e isto quere dicir que recuperan a cultura de cando Galicia e Portugal eran algo máis que irmáns, "eramos unha única cultura".

A maioría dos seus compoñentes non se dedica profesionalmente á música e ademais de tocar por amor á arte, a asociación folclórica "Gaiteiros da Xistra" ten outros proxectos relacionados coa música como son os concertos didácticos para nenos.

O seu proxecto é amplísimo: imparten clases de ensino musical popular galego en distintas asociacións do sur da provincia de Pontevedra; as súas viaxes por Europa son frecuentes e participaron na gravación dun CD sobre música mariñeira. A Suecia alemá é a súa segunda casa, acoden case anualmente para participar no maior encontro sobre as gaitas europeas. Pouco mais se pode pedir pero os de Xistra sempre teñen a capacidade de sorprender.
   

EDUARDO LORENZO, O GAITEIRO DA HABANA

04.03.08

O martes 4 de Marzo, Alalá revive en Cuba a historia de Eduardo Lorenzo que foi e será para sempre o gaiteiro da Habana, unha historia como a de moitos, a dun galego en Cuba. Cando era neno escoitáballe tocar a gaita ao seu pai e admirábao moitísimo; imitábao cun balde e unha lata e ensaiaba melodías cando ía coas ovellas ao monte. Os anos pasaron e Eduardo continuou coa súa paixón na Habana, pero a súa afección foi moito mais alá ata converterse no gaiteiro galego admirado, querido e respectado, non só pola colonia galega senón tamén polos cubanos.

Coa súa imaxinación e con escasísimos medios construíu gaitas, ensinou a facelas e levou coa súa melodía un cachiño de Galicia. Así conseguiu deixar alí a mellor das herdanzas, que en Cuba o son dunha gaita continúe a soar. O seu desexo viuse sobradamente cumprido, pois quería que no seu enterro soaran gaitas e deixar polo menos un par de gaiteiros en Cuba. Non só foi así senón que quedaron máis que dous gaiteiros, moitos máis.

Un exemplo é o de Roberto Puldón, que hoxe segue a tocar a gaita co sentimento que herdou de Eduardo; outros como Wilber mesturan ritmos e tendencias da música universal coa gaita e mesmo se fixeron un oco no cine, participando este último na película "Habana Blues".
   

Páxina 9 de 13