Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / ALALA

ALALA

QUINTETO MONTERREI

22.12.08

Esta noite, o programa Alalá da Televisión de Galicia está adicado ó traballo do Quinteto Monterrei.

O "Alalá" de hoxe fainos situar no ano mil novecentos once, cando o gaiteiro José Posada emigra a Cuba, como tantos outros galegos, na procura doutra vida; pero José deixou algo máis que o seu esforzo na illa: deixou o son da súa gaita. Nos primeiros anos en Cuba, a música reservábase para os momentos de diversión, pero co paso do tempo, nos anos trinta, Posada funda o "Quinteto Monterrei" e compaxina o seu traballo de reloxeiro co de músico.
O testemuño de José Posada non o temos pero si o de seu fillo, Rodolfo, que seguiu os pasos do pai, tocou no Quinteto con el e conserva o gran legado que el lle deixou: partituras, ferramentas, gaitas, fotos...
¿Como chegou este traballo do Quinteto de Monterrei a Galicia? grazas á coincidencia dunha viaxe do músico e investigador Óscar Ibáñez, ó que alí lle falaron do fillo do gaiteiro do Quinteto; desde ese momento púxose a traballar para sacar á luz un libro CD do grupo. A gravación da "Reconstrución musical do Quinteto" tivo lugar no Teatro Principal de Pontevedra, e a súa presentación aconteceu na Xuntanza Internacional de Gaiteiros en Verín.
É así como nesta comarca de Monterrei volveu soar a música que José Posada levou anos atrás para Cuba; é así como as melodías galegas permanecen na Habana, como o pasodobre "De Verín a Monterrei", e por esta ida e volta da música coñecemos este grande artista que o século pasado partiu para nunca máis volver.
   

Pepe Temprano

15.12.08

Unha nova edición do programa Alalá da televisión Galega, que se emite o luns 15 de Decembro, achéganos ata A Coruña para coñecer ao polifacético gaiteiro Pepe Temprano.

Esta noite a Coruña dos anos 60 chega ao Alalá, o aroma da tabaqueira, das tascas e a música nos Belés... con Pepe Temprano, actor de publicidade, coleccionista e gaiteiro, que ama as cousas auténticas, comezando pola música que para el ten que ser galega, sen andar con Jamaicanadas, por iso toca xotas, muiñeiras, alalás, etc, pero sempre co carácter galego como sinal.
Despois da xubilación, o Temprano é un dos actores de publicidade máis cotizados en Galicia, de feito ten un certo parecido coa publicidade na súa capacidade para seducir coa música e coas súas historias resultado dunha vida intensa dedicada á musica pois xa dende que era un neno toca cos Tempranos de Eiris, ombro con ombro con seu pai. Da familia herdou o carácter gaiteiro e o posto de traballo na antiga fábrica de Tabacos da Coruña, de feito no programa analiza varias perspectivas da cidade da Coruña de mediados de século pasado, como a Tabaqueira ou a música de tascas como Os Belés.
Pepe Temprano ten tal colección de instrumentos e curiosidades musicais na casa que ben podería ser un museo da música: Trompas de Mongolia, dulzainas de Navarra, tallados de Polonia... todas auténticas xoias que conserva orgulloso nas vitrinas do corredor, a través das cales foi cultivando un intenso saber sobre a nosa música. Por iso cando fala dela faino sen medo, rexeita os mitos e di que gaiteiros tan bos como agora nunca houbo.
   

A emigración uruguaia

01.12.08

No programa Alalá, que a noite do 1 de Decembro emite a Televisión de Galicia, poderemos facer unha viaxe ao novo continente, en concreto ao Uruguai, para coñecer a historia de varios emigrantes galegos.

"Un exemplo das viaxes de ida e volta da música galega na emigración uruguaia é o de Cristina Fernández, unha neta de galegos que forma xunto con seu home, Washington Carrasco, un dos dúos máis coñecidos da música popular do país e que ten varios discos gravados en galego.
Moitos galegos asentaronse e prosperaron en Montevideo, pero nunca deixaron de soñar con Galicia e de lembrala coa música e a palabra como Manuel Losa, un libreiro que toca o bombo na Banda de Gaitas Irmandade e que descubriu a vocación de escritor despois de recoñecerse nunha fotografía a bordo do barco que o levou a América"
   

ALALÁ

24.11.08

O 'Alalá' do día 24 de novembro ofreceu unha primeira parte do que vai ser un achegamento ás vidas dos galegos residentes en Uruguai, que foi durante moitos anos coñecido como 'a Suíza de América'. Nese contexto desenvolveron a cultura propia, que tivo un dos protagonistas máis relevantes no gaiteiro Celestino Pichel. Este home de 82 anos lembra que non deixou de tocar a gaita nunca, a maior parte dos gaiteiros que hai hoxe no Uruguai foron alumnos seus.
Entre estes alumnos destaca Carlitos, quen dirixe hoxe a única banda de gaitas que hai no país, a Banda de Gaitas Irmandade, do centro Val Miñor.
   

Darío Díaz

17.11.08

O Luns 17 de Novembro poderemos ver unha nova entrega do programa Alalá, da Televisión de Galicia, que nos achegara a Ribeira de Piquín para coñecer a Darío Díaz, grande gaiteiro que nos deixou no pasado mes de Outubro. Vaia na súa homenaxe.

O "Alalá" desta semana ten unha mestura de sentimentos, de felicidade por ter chegado a tempo de coñecer un gran gaiteiro, tenro e cheo de ilusión e entusiasmo; pero unha profunda tristura porque hoxe el xa non pode verse nin escoitarse na televisión. En outubro o gaiteiro de Paíme deixounos para sempre, e para todo o equipo do programa, o "Alalá", desta noite é súa homenaxe particular a un músico que nos cativou o corazón.
Pouco antes do seu pasamento viu o programa e, polo que nos contou a súa muller, a súa adorada Josefa, gustoulle moito e nós así llo imos ofrecer.
Darío nunca soñou con ser unha estrela. Vivía coa muller en Paíme, en Ribeira de Piquín, un deses lugares onde hai que ir sen présa, para admiralo e para descubrir como pasaba a vida o noso protagonista. A música deste gran gaiteiro das montañas de Lugo foi a súa paixón, e hoxe veremos como compaxinou o traballo diario, de agricultor, coa de 'luthier afeccionado', xa que cando precisaba un recambio para a gaita era quen de facelo coas súas propias mans.
   

A vida e a música en Limiñoa

30.06.08

O programa do día 30 de xuño achéganos ao lugar de Limiñoa.
Se a comarca de Bergantiños é especialmente rica en bailes e cantos tradicionais, o lugar de Limiñoa, en Ponteceso, é un dos puntos neurálxicos da festa. Aquí, todos os martes desde hai vinte anos, unha ducia de veciños dos arredores reúnense nun garaxe para ensaiar e para lembrar as festas que facían cando eran mozos, nas fiadas e no traballo das leiras.
A maior ten oitenta e cinco anos e a máis nova corenta e cinco. Case todos traballan no campo pero os homes do grupo andiveron tamén ó mar, que lles queda moi preto, cando eran máis novos. Xuntos atesouran unha chea de recordos da dureza e a alegría dos tempos de antes, e ademais posúen toda a sabedoría que dan os anos e a vida na aldea.
Neste Alalá amósanos o agarimo con que coidan as vacas, o que lles supuxo a chegada da parcelaria, a maneira na que rexoubaban mentres lavaban no río, cómo hai que facer un cesto con varas de salgueiro, cómo facían a rosca con ovos de gaivota e cal é o segredo da mítica ribeirana, unha muiñeira que só se baila aquí e que, segundo din, é tan difícil de bailar e tocar coa pandeireta que ningún dos moitos mozos que chegaron ata as súas portas facendo recollida foi quén de aprendela.
   

ROMERÍA RAIGAME E CASTRO FLOXO

23.06.08

O Alalá do luns 26 de xuño vai facer unha viaxe no tempo da mellor forma posible: indo de romaría a Vilanova dos Infantes. Alí os veciños ceden os baixos das súas casas para que se instalen artesáns que veñen de toda Galicia amosar o seu saber tradicional. Así que se queredes aprender oficios, bailar, cantar ou comer como facían os nosos avós este é o lugar; o único requisito é ir con ganas de divertirse e de aprender un pouco máis sobre nós mesmos.
A Romaría Raigame só se celebra unha vez ao ano; o 17 de Maio, Día das Letras Galegas. Detrás deste mundo de músicos e artesáns está o Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo de Ourense. Deles partiu a idea e a materialización, porque levan máis de 30 anos a recoller e espallar todo o saber da nosa cultura popular con publicacións como a prestixiosa revista etnográfica Raigame, pero tamén difunden a través de obradoiros e clases de pandeireta ou baile, actividades onde os que destacan pasan a formar parte do prestixioso grupo Castro Floxo. Así que neste programa témolo todo: os artesáns, a romaría e os amigos de Castro Floxo, un luxo.
   

XOCHILMICA

16.06.08

O luns 16 de Xuño poderemos ver unha nova entrega do programa Alalá que nos achegará a música de Xochilmica.

"Cando lle puxeron o nome ao grupo, os cinco rapaces que forman Xochilmica buscaban algo único, algo que só os representase a eles, algo que cando o puxeran nun buscador de internet non dese máis que ese resultado. E o seu son é tan único como o nome. Neste Alalá intentaremos descubrir a qué soa Xochilmica, porque a pesar de que tocan os mesmos instrumentos que se poden atopar nunha charanga tradicional, o resultado é totalmente diferente. Cunha gaita, un acordeón, un tamboril, un bombo con pratos e un saxofón conseguen un son totalmente novo, elegante e divertido.
Os cinco "xochilmicos" viviron desde nenos a música tradicional e acabaron coincidindo en Santiago, na agrupación folclórica "Cantigas e Agarimos". Desde que se xuntaron e formaron o grupo, todo foron éxitos e en poucos anos fixeron un feixe de cousas: gañaron o Certame de Música Folk de Radio Obradoiro e gravaron o seu primeiro disco "Cinco Elementos"; gañaron no festival de Ortigueira e no de Lorient e veñen de presentar o segundo disco "Carta Branca". Agora o público pode escoitar e comprobar neste Alalá a que soa Xochilmica."
   

SEÑORA CARMEN

09.06.08

Contido do programa do luns, día 09/06/2008:

Como chega unha muller de 82 anos que traballou toda a vida no campo a gravar un disco? A resposta está na señora Carmen, que presentou hai uns meses o seu primeiro disco en solitario pero que xa participou noutros seis: tres coas de Malvela, o grupo en que canta desde hai dez anos, e o resto como convidada doutros artistas.
A pesar dos éxitos obtidos, a señora Carmen segue a traballar como viña facendo nos últimos anos: cociñando a diario para máis de dez persoas e coidando aos máis pequenos da familia, pois esta muller tivo catro fillos e hoxe ten xa doce netos e dez bisnetos, unha enorme familia que ás veces tense que amañar sen ela, porque a avoa marcha de viaxe musical!
Para ela, o traballo que dá gravar un disco ou percorrer os teatros de medio mundo non é nada, afeita a toda unha vida de traballar no campo, de ir a pé de feira en feira turrando do gando, de pasar noites de frío no muíño e de atender a casa e os catro rapaces. Toda unha vida de sacrificio en que a única diversión foi a música, ir ao baile e, sobre todo, cantar, cantar sempre.
   

Agrupación de Música e Baile Tradicional Tahume

02.06.08

O luns 2 de Xuño poderemos ver unha nova edición do programa Alalá que nos achegará o traballo que realiza a Agrupación de Música e Baile Tradicional Tahume.

"Alalá visita hoxe as terras do Barbanza para achegarse a Olveira, no concello de Ribeira, onde unha asociación chamada Tahúme, como agrupación de música e baile tradicional, dedícase a recuperar desde hai moitos anos as tradicións máis características da zona. Nesta comarca hai moi bos bailadores, como Juan de Martís, que ten un xeito de moverse que “repenica todo o corpo”; e hai tamén moi boas tocadoras de pandeireta como Hortensia e Josefa: do seu xeito de tocar hai que facer referencia ao ritmo da muiñeira, que o marcan cambiando de man igualiño que se tocaran un pandeiro.
Por aquí estaremos, nos concellos de Ribeira e Porto do Son, nas parroquias de Baroña e Axeitos; descubriremos a vida destes nosos maiores, como pasan o seu tempo nestas aldeas enclavadas en paisaxes naturais e tesouros prehistóricos.
Por suposto, tamén saberemos como traballan os mozos e mozas da asociación Tahúme. Hai anos non había neno do lugar que non bailara ou tocara ningún instrumento, pero na actualidade volveuse recuperar o entusiasmo e así deron con informantes que son verdadeiros tesouros. Fran Sieira é o novo director deste grupo de baile e comprobaremos como un mozo tan novo dedica o seu tempo libre á recuperación e ensino da cultura tradicional. Para fomentar o folclore unha das rapazas de Tahume, Susana, que dirixe o bar da asociación, organiza unhas foliadas impresionantes. A estas foliadas vai toda a familia e o ritmo é frenético.
O programa desta noite repasa os momentos máis felices duns protagonistas que recordan as fiadas, muiñadas e todas as festas ás que ían. "
   

Páxina 8 de 13