Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / ALALA

ALALA

EN SEIXEDOS

07.04.09

A música, para poder sobrevivir na maioría das aldeas de Galicia, transmitíase de forma oral e pasaba dos avós aos netos. As nenas aprendían das maiores, no monte, no serán, nas labradas e aprendían tamén a afrontar unha vida chea de carencias.
O "Alalá" de hoxe, martes 7 de Abril, vai ata Seixedos, un lugar do concello pontevedrés de Covelo para presentarvos a algunha daquelas nenas, dúas Otilias (madriña e afillada) e Hermosinda, para ver como lles cambiou a vida: deixaron de tinguir a la a ter ducias de xerseis e pasaron de ter a corte a un fermoso salón comedor.

Pero o que nunca deixaron de facer aquelas nenas foi cantar e tocar a pandeireta. A vida cambioulles moitísimo, unha delas viviu en plena Guerra Civil e a outra naceu pouco antes dela, e das miserias daquela pasaron a ter unha vida acomodada. Falaremos da vida das mulleres e do papel que desenvolvían cando tiñan que facer de pai e de nai, por distintas circunstancias, sobre todo pola emigración dos homes ou pola ausencia deles.

Esta noite, en "Alalá" veremos como foron capaces de conservar aquelas cantigas que teñen máis de cen anos; a ilusión e o encanto que teñen cando as interpretan. Estaremos con estas mulleres traballadoras, emprendedoras, inconformistas e encantadoras.

Alalá, tódolos martes ás 21:30 h na televisión de Galicia.
   

No Brasil

31.03.09

Na segunda entrega dos programas que "Alalá" dedica á música galega en Brasil trátase a evolución da nosa música na cidade de São Paulo, unha metrópole onde as cousas se expresan en cifras: trinta millóns de habitantes, seis millóns de vehículos... Os sampauleiros andan con présa e en atascos, por iso nunha das cidades máis ricas do mundo, os que poden van polo aire, pois en São Paulo está a maior frota de helicópteros do planeta.

São Paulo é un lugar de emigrantes, pois é onde hai máis italianos fóra de Italia, máis xaponeses fóra de Xapón, máis libaneses fóra do Líbano... e por suposto tamén hai galegos que emigraron a São Paulo dende fins do século XIX. A emigración galega viviu aquí bos e malos tempos, así que o programa tratará as distintas épocas que os emigrantes viviron na "cidade que non pode parar", tempos en que se repatriou a galegos e outros, como agora, onde hai gaiteiros traballando en compañías multinacionais.

O centro Hispano Brasileiro de São Paulo foi o espazo onde floreceu durante moito tempo a música galega na metrópole brasileira, e onde se vivía dunha maneira moi parecida a Galicia: nace de maneira espontánea, pero organízanse no grupo "Lembranzas e Agarimos", que xa leva trinta anos traballando pola nosa música e dando clases de baile e danza a nenos, maiores e a quen queira meterse no grupo.

Esta noite música galega nunha das cidades máis grandes do planeta: "Alalá" en São Paulo; ós martes ás 21:30, na Televisión de Galicia.
   

OS FOLIÓNS DE VILARIÑO DE CONSO

17.03.09

Non hai nada mellor que estar un domingo frío de Entroido co ceo azul e despexado nas montañas de Vilariño de Conso sentindo retumbar en todo o corpo o son ancestral dos bombos dos folións, como comproba hoxe o equipo de "Alalá". Así poden describirse algunhas das sensacións que transmite este Entroido, pouco coñecido, a pesar de estar moi preto de Xinzo, Laza e Verín e de ser un dos máis antigos de Galicia e realmente vistoso.

Os folións son grupos moi numerosos de veciños de todas as idades que tocan uns enormes tambores de Entroido, gadañas e sachos seguindo un ritmo diferente segundo a parroquia. Acompañándoos van os boteiros, as máscaras propias deste Entroido, cheas de cor e que bailan e saltan ao son dos bombos.

O domingo xúntanse en Vilariño os folións de varias parroquias, pero durante o resto dos días de Entroido unhas aldeas visitan ás outras co seu folión, merendan xuntos, dedícanse coplas e os máis novos corren pola ladeira. Porque se algo caracteriza este Entroido, ademais dos bombos e dos boteiros, é o sentimento de unión entre os veciños e a maneira na que participan e gozan todos, desde o neno máis pequeno ata o máis vello da aldea.

Alalá, tódolos martes, ás 21:30, na Televisión de Galicia
   

MARFUL

10.03.09

Esta noite, ás 21:30 h, Marful en Alalá.

Houbo un tempo, alá polos anos 30, 40 e 50, en que Galicia estaba chea de salóns de baile; habíaos en todos os recantos e chegou a haber ata tres na mesma parroquia, pois cumprían unha importantísima función social: eran o espazo de relación dos mozos, o sitio onde se xuntaban cando o mal tempo non deixaba facer o baile fóra. Neste senso, os salóns substituíron os seráns e as fiadas e, do mesmo xeito, os acordeonistas e as orquestras substituíron os gaiteiros e as pandeiretas á hora de facer a festa. Ademais, nos anos duros da posguerra os salóns serviron para manter a ilusión e o romanticismo e convertéronse nunha parte moi importante da memoria musical dos galegos.

Agora, ata os máis novos, os que non coñeceron o ambiente romántico dos salóns, senten unha especie de morriña cara a eses edificios fermosos que na maioría dos casos están en ruínas. Por exemplo os músicos de Marful, que fixeron o seu primeiro disco inspirados por todos os sons e o ambiente que se viviu nos salóns de baile.

Alalá, tódolos martes ás 21:30 h na Televisión de Galicia
   

Dolores Castiñeira

17.02.09

Esta noite, Alalá marcha a Mar del Plata para coñecer a Dolores Castiñeira, unha muller de 78 anos que leva na Arxentina desde o ano 49 e ten unha memoria prodixiosa, pois lembra ducias de cancións da súa infancia en Galicia. Toca a pandeireta coa mesma simpatía coa que fala e conta tantas cousas interesantes que un non se cansa de escoitala.

A viaxe pola humanidade de Dolores tamén vai acompañada pola viaxe á cidade turística máis importante da Arxentina. Alí, Dolores está feliz e satisfeita, aínda que non hai un só día que non lle acorde Galicia. Como exemplo do seu afán de superación e do seu amor pola terra basta saber que alí, na Arxentina, despois de ter criados os fillos e xa con netos, fixo o seu primeiro curso de galego, porque quería saber escribir ben na súa lingua e porque, como lle dicía seu avó, nunca hai que deixar de aprender.

Alalá emítese os martes ás 21:30 h. na Televisión de Galicia
   

Coral Voces de Louriña

03.02.09

O Alalá do martes 3 de Febreiro presenta á Coral Voces da Louriña, un colectivo con moitos valores engadidos, como a diversión e a terapia, pois vén sendo un grupo de mozos e mozas do Porriño de entre setenta e noventa anos que descubriu desde hai anos unha nova paixón nas súas vidas: a música nesta coral.

O colectivo pásao en grande e os días de ensaio hai de todo: risas, exercicios de ritmo e, por suposto, técnica vogal; pero o máis importante de todo é a convivencia e as ganas e interese que lle poñen en cada momento, pois nunca pensan nos achaques, nas medicinas ou na idade. Ademais, todos os que traballan no centro son como da familia.
Coa coral Voces da Louriña emprenderon un camiño fascinante nas súas vidas e formaron un vínculo afectivo unidos con e pola música.

Esta noite, ás 21:30 na Televisión de Galicia, coñeceremos a uns avós cheos de vida que nos ensinan que tan só hai que querer facer algo para poder facelo e que con todo o que teñen son absolutamente felices.

   

Pablo Seoane

27.01.09

O programa de Alalá de hoxe, martes 27 de Xaneiro, adicarase a Pablo Seoane; un rapaz novo que desde pequeniño soñou e se namorou da música e con ela.
Desde noviño a súa dedicación é absoluta e os resultados son dous discos no mercado, premios, festivais e recoñecementos do seu traballo fóra de aquí.
A súa vida é un continuo ir e vir porque, ademais de tocar polo mundo adiante, dá clase en cinco asociacións e ten o seu traballo nun obradoiro de instrumentos de percusión.
As ganas, ilusión e o amor pola gaita fan de Pablo Seoane un virtuoso e unha das figuras musicais cunha carreira meteórica.

Esta noite ás 21:30, no Alalá, ademais de seguilo para ver como é capaz de estar en mil e un sitios, contará cal é a súa visión da música actual e exporá as súas ideas, entre elas, a de "dignificar a figura do gaiteiro".
   

José de Gregorio

12.01.09

O Alalá do 11 de Xaneiro presentará a José de Gregorio, que nin é galego, nin vive en Galicia. El naceu enriba dunha das liñas negras que aparecen debulladas nos mapas e a súa aldea corresponde oficialmente ao Principado de Asturias. O problema é que José non se sente asturiano, pero tampouco galego, para el ter que responder á pregunta de onde é, é como ter que contestar á pregunta de a quen lle queres máis, a teu pai ou a túa nai?

Na Lagúa a vida transcorre entre dúas forzas: as pensións veñen de Asturias, o panadeiro da Fonsagrada, a contribución págase en Ibias e se hai que ir tomar un viño, vaise á Tumbiadoira, en Galicia. Coa música ocorreu o mesmo, por iso José de Gregorio é gaiteiro formado nas festas entre galegos e asturianos que nin toca en aberto, nin en pechado e que tanto canta pezas asturianas coma romances galegos.

José de Gregorio ten 75 anos, sempre viviu entre galegos e asturianos, así que hoxe despois de tanto tempo, non hai fronteira nin administración o suficientemente forte como para impedirlle ser un dos nosos auténticos tesouros musicais.
   

Ranchos de Reis

05.01.09

Para esta noite na que todos estarán colocando os zapatos para que os Reis non esquezan facer unha paradiña e deixar algún agasallo, en "Alalá" chegaron os de Oriente un pouco antes de tempo. A proposta para esta noite é achegarse ata Riofrío, en Mondariz, e vivir case coma antano os seus Ranchos de Reis. ¿E que son os Ranchos de Reis? Pois nada menos que unha marabillosa danza que se mantén viva desde nin se sabe cando e que se transmite de xeración en xeración.

Neste lugar a tradición son os pasos de castañolas, de paus e de arcos e todos os anos, o día da Epifanía, e dicir, o día 6 de xaneiro pola mañá, os danzantes bailan na honra da Virxe do Leite. No programa desta noite saberemos do traballo que todos os veciños de Riofrío fan durante todo o ano para que neste día todo se faga á perfección.
   

Os mellores momentos

29.12.08

A noite do luns 29 de Decembro, 'Alalá', o programa das músicas e dos músicos que preservan a tradición galega, fai un repaso polos programas que marcaron todo o ano 2008 do que agora se despide, un ano cheo de viaxes e de bos momentos: dende a música galega na Arxentina e no Uruguai ata os gaiteiros da Fonsagrada; dos grupos novos que experimentan coa tradición ás pandereteiras maiores que seguen a cantar exactamente igual a como o facían as súas avoas... E neste ir e vir, sempre aprendendo das tradicións, dos vellos oficios, ou das ensinanzas que a vida deixa concentradas en frases cargadas de sentimento.

Acompañando esta ledicia de fin de ano, non faltarán a música e o bo humor xunto ás ganas de facer festa en calquera lugar, como nos furanchos onde se xunta hoxe a mocidade para tocar e bailar ás cortes nas que noutrora se facían os seráns. Este programa será unha homenaxe ós mellores momentos do 'Alalá' para despedir un ano que deu moito de si.
   

Páxina 7 de 13