Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / ALALA

ALALA

XAIME ESTÉVEZ

23.06.09

O martes 23 de Xuño, o programa da Televisión Galega sobre música tradicional e popular do noso país, "Alalá", estará dedicado a Xaime Estévez.

Eran os anos 70 da música galega cando o protagonista desta noite do programa "Alalá", Xaime Estévez, iniciouse nela e dende os primeiros anos a súa carreira como músico, docente e investigador foi meteórica: con só 18 anos foi o segundo mestre de gaita de conservatorio da historia de Galicia. Máis tarde nos 90 fundou o seu propio conservatorio en Vigo, publicou numerosos estudos e en 2006 doutorouse con esta tese: "As gravacións da música galega dende 1975 ata 2000".

As cifras do traballo deste músico tradúcense en case 500 e 10.000 temas, unha recompilación grazas á cal podemos coñecer as tendencias da música galega durante eses anos: Os discos de fins dos setenta de "Fuxan os Ventos" ou "Milladoiro"; o pop galego tamén nos 70 do grupo "Los Tamara"; grandes éxitos como o de Andrés do Barro; solistas moi comerciais e coñecidos como Juan Pardo ou Ana Kiro; a movida dos 80 cos "Resentidos" de Antón Reixa e o famoso "Galicia Caníbal" ou o rock bravú dos 90 dos "Diplomáticos de Montealto", etc. Nas case tres mil horas de traballo que Xaime empregou na tese hai de todo, unha clasificación de material gravado coa finalidade de facer valer un dos máis grandes patrimonios culturais: a música.

Alalá, todos os martes ás 21:30 h. na Televisión de Galicia.

   

AS REGUEIFAS

16.06.09

O martes 16 de xuño o programa 'Alalá' tratará das regueifas. Que un veciño faga unha copla meténdose con outro, e que ese outro teña a capacidade de responderlle ao momento con outra copla parecida pero intentando que sexa aínda mellor; que despois sigan sendo tan amigos e que con esa disputa verbal fagan rir a quen estea a escoitar, é unha verdadeira arte. Niso consiste a regueifa, e os bos regueifeiros son capaces de pasar horas "loitando".

Comezaron a facer regueifas nas xuntanzas veciñais cando se realizaban traballos comunitarios: nas fiadas, nas mallas ou nas carretadas; e despois nas festas, sobre todo nas vodas, en que se loitaba para acadar un anaco de pan de ovo, azucre e manteiga que se chamaba precisamente regueifa. Se noutrora era moi frecuente que en distintos lugares de Galicia se regueifase, hoxe apenas queda quen saiba facelo, e para atopar alguén o mellor é ir a Bergantiños, comarca que está considerada o berce desta arte, onde comezou a facerse como espectáculo aberto ao público e onde houbo maior afección.

Pero daqueles mestres da palabra que eran verdadeiros ídolos entre os seus veciños non quedan máis que catro que continúen regueifando: Fermín da Feira Nova, Guillermo da Rabadeira, Suso de Xornes e Antonio de Xornes. Con eles coñeceremos en que consiste a regueifa e ao mellor somos capaces de aprender algo da técnica destes combates dialécticos divertidos que, segundo eles mesmos din, están en perigo de extinción.

Alalá, todos os martes ás 21:30 h. na Televisión de Galicia.
   

AS HABANERAS

09.06.09

As habaneras, un dos xéneros musicais que máis se seguen cantando nas xuntanzas de amigos en calquera taberna galega -a pesar de que naceron en Cuba- centrarán o "Alalá" desta semana, que contará por que son moitas as habaneras en galego, intentando explicar este longo e complexo proceso grazas a unha das musicólogas cubanas máis prestixiosas, María Teresa Linares. Da súa man coñeceremos a maneira en que xurdiron estas cancións e por que chegaron a facerse máis populares en España que na mesma Cuba.

Alalá, todos os martes ás 21:30 h. na Televisión de Galicia
   

O PEGO DO PEREIRO

02.06.09

Con O Pego do Pereiro, o 'Alalá' do martes 2 de xuño acode a un dos últimos representantes da antiga escola de gaiteiros do interior da mariña lucense, que basea o xeito interpretativo no estilo alegre e aberto dos antigos gaiteiros do Valadouro.

Daquela escola, O Pego é o último portador en vida dos seus 3 mandamentos oficiais: "O gaiteiro ten que saber tocar e cantar a un tempo; tocar e bailar a un tempo e saber pousar a gaita para falar cunha moza".
O gaiteiro máis coñecido daquela antiga escola do Valadouro foi o chamado Pepe da Gaita, de quen O Pego asimilou o repertorio e o carácter musical. A mediados de século as bandas de música pegaban forte e facían sona na mariña lucense con novos ritmos. Neste contexto, O Pego nunca aprendeu solfexo, non quixo ser gaiteiro de 'solfa', nin excesivamente técnico, porque daquela a preocupación era o ritmo e o baile e a misión nas antigas foliadas en Alfoz ou no Valadouro era a de divertir a xente e facer festa.

Esta noite escoitaremos o seu tocar, as súas coplas, aprenderemos algo máis sobre Alfoz e o Valadouro e coñeceremos tamén o seu amor de toda a vida, Jesusa.

'Alalá', todos os martes ás 21:30 h. na Televisión de Galicia.
   

CIDADE DE SANTOS (BRASIL)

26.05.09

O percorrido do "Alalá" do 26 de maio vai xirar ao ritmo da música tradicional da cidade de Santos, en Brasil, para comezar pola baixada Santista, cando a frondosidade da selva da mata atlántica se abre para dar paso ao tecido industrial dos arredores de Santos.

Estamos nas portas da cidade; a un lado a selva, no outro o mar e no medio esta cidade de medio millón de habitantes que vive do turismo e do porto que é o máis grande de América Latina. Con estas proporcións, para mover as 60 toneladas de mercancía que desembarcan cada ano fan falla 200 quilómetros de rede ferroviaria e miles de camións, guindastres e traballadores. A guía por esta viaxe cosmopolita pero apegada ás orixes vai ser o son inconfundible e hipnotizador da gaita galega.

O turismo e o porto fan que Santos sexa unha cidade de ida e volta, pero onde moitos galegos chegaron e sen embargo preferiron quedar. O programa propón para hoxe unha viaxe de ida e volta para saber como nos comportamos e como somos os galegos cando nunha soa cidade nos atopamos con medio mundo.

Alalá, todos os martes ás 21:30 h. na Televisión de Galicia
   

RICARDO PORTELA, O GAITEIRO DE VIASCÓN

19.05.09

O Gaiteiro de Viascón, con quen estará o "Alalá" desta noite, non só foi un dos mellores gaiteiros da historia, senón o gran defensor da música tradicional galega na segunda parte do século XX.

El foi quen de unir todos os gaiteiros da época nos anos 60 e 70 para reivindicar a dignidade que merece o gaiteiro, porque durante moitos anos foi tratado como músico menor; chamarlle a alguén "gaiteiro ou gaiteiriño" chegou a ser apelativo de desprezo cara a unha persoa. As comisións de festas ou incluso o público non sempre foron respectuosos cos gaiteiros, así que Ricardo Portela destacou pola súa loita para reivindicar a figura do gaiteiro, sendo un dos precursores do festival de Ortigueira ou da Asociación de Gaiteiros Galegos.

A influencia musical de Ricardo Portela en grandes músicos de hoxe podémola ver no selo do toque pechado de Anxo Pintos ou Carlos Núñez, que eran parte da primeira banda "Xarabal" de Vigo da que o mestre Portela era padriño honorífico. A súa morte en 1992 foi un dos acontecementos máis tristes da nosa música no século pasado e a todas as homenaxes que se lle fixeron en vida engadíuselle a concesión da Medalla de Galicia en 1992, ou os sucesivos memoriais que se celebran na súa honra. Neste capítulo achegarémonos á figura dun dos gaiteiros máis importantes da historia de Galicia: Ricardo Portela, "O Gaiteiro de Viascón".

Alalá, todos os martes ás 21:30 h na Televisión de Galicia
   

CÁNTIGAS DA TERRA

12.05.09

O 'Alalá' do martes 12 de Maio únese á historia de Cántigas da Terra (1916), que se empeza a contar hai case un século, na cidade da Coruña, e que dende aquela leva ensinando e divulgando a música tradicional ininterrompidamente, cunha traxectoria longa e interesante que nos fai revivir non só a música senón tamén a cultura e a lingua galegas.

'Alalá' falará con xente que coñece moi ben Cántigas e que sabe como conseguir que este traballo perdure ao longo dos anos, como o gran músico Emilio Corral que ten noventa e nove anos e estivo nos comezos do coro; Geranio Torreiro (presidente honorífico); César Concheiro ou Xosé Carlos Ponte.

Falarán dunha das xoias, o seu arquivo, dos máis importantes de Galicia, e saberemos, da man dos máis novos, que ten de especial este grupo para esta xeración.

Vinte e catro discos publicados, viaxes por innumerables países do estranxeiro, galardóns, medallas e premios avalan a ilusión de todos os que pasaron pola rúa San Juan nalgún momento da súa vida.


Alalá, todos os martes ás 21:30 h., na Televisión de Galicia
   

JOSE MARÍA LAGARES

05.05.09

O gaiteiro que presenta o "Alalá" desta noite, José María Lagares, naceu en Santaia de Moar, en Frades, pero nos anos 50 tivo que emigrar para Brasil. Chegou a São Paulo, onde traballou como cobrador do tranvía e camareiro; a base de esforzo e axuda da familia, abriu un restaurante que pronto gañaría sona en São Paulo, porque Zé Lagares acompañaba os pratos e as comidas con muiñeiras e xotas que aprendeu en Ordes. Así foi gañando a vida e criando os dous fillos que tivo, xunto a unha terceira filla adoptiva de orixe brasileira.

O irmán de "Zé Lagares" chamábase Ricardo. Se "Zé" era o gaiteiro da familia, Ricardo foi o birindeiro. Ao ver os vídeos que mostran das xuntanzas que facían na casa cando "Zé" ía pasar as vacacións a Galicia dan ganas de sentar con eles. Ricardo foi quen compuxo a canción de "Manuel do Campo", un orgullo para toda a familia Lagares porque dende que a inventou Ricardo cántase por todo Galicia e, ao parecer, tamén por Brasil.

Lembrade que Alalá emítese todos os martes ás 21:30 h na Televisión de Galicia.
   

CON CÉSAR FERNÁNDEZ

28.04.09



Esta noite, 'Alalá' terá un destacamento estelar: un programa dedicado ao mellor tocador do berimbao de Galicia, César Fernández, que ademais é un gran gaiteiro e todo un catedrático na universidade da vida.



Lembrade que todos os martes, ás 21:30 h, a Televisión de Galicia emite 'Alalá'.
   

O GAITEIRO PUMARÍN

14.04.09

As cousas que Pumarín aprendeu na vida non as aprendeu na escola, un luxo escaso nos Ancares dos anos 30. O "Alalá" desta noite constata que o que sabe da vida, sábeo de mirar e de facer, por iso se dedicou a crear cousas coas mans: coa madeira fixo estruturas, colmeas, obxectos... e a habilidade serviulle para gañar a vida como albanel, cesteiro; sabe cazar con escopeta e sen ela, porque nos tempos difíciles utilizou o lazo, as gaiolas etc., e as mesmas mans que lle valeron para coñecer e crear servíronlle para ser un músico portador dunha antiga tradición de gaiteiros da zona do sur dos Ancares, en Becerreá.

Os tempos máis duros quedaron atrás e na actualidade Pumarín traballa por entreterse. Na casa xa non dirixe a famosa tasca que durante moitos anos foi o centro de diversión de Quindous e doutras parroquias de Cervantes ou Becerreá, e agora Pumarín vive tranquilo con Nieves, o amor da súa vida e na casa que el mesmo construíu coas súas propias mans...

Do gaiteiro Pumarín apréndese o toque tranquilo, pechado e reflexivo dos gaiteiros dos Ancares; o son rudo e melancólico dese lugar máxico e o repertorio vello do tempo en que a gaita era o centro da festa e o gaiteiro a figura do baile.

Alalá, todos os martes ás 21:30 h, na Televisión de Galicia.
   

Páxina 6 de 13