Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / ALALA

ALALA

Nova tempada Alalá: Noites de Tasca

06.10.09

Comeza unha nova tempada de Alalá o martes 6 de Outubro.

"Noites de tasca", esta é a invitación de hoxe na Galega ao pór en escena a nova temporada de "Alalá", o programa cultural das historias da música tradicional, un dos máis seguidos pola audiencia nas súas catro temporadas anteriores (cando sumou cifras récord na súa faixa horaria) e que agora se presenta cunha maneira renovada de contar a vida dos personaxes que nos ofrecen todo o seu coñecemento musical e vital, e tamén con máis tempo de emisión para incluír máis pezas e reflexións.

En "Noites de tasca" faise un retrato da vertente máis espontánea e pegadiza da tradición, como é a música de tasca, e polo tanto aquí estarán personaxes como Josefa de Bastavales, Pepe Temprano ou Pazos de Merexo, que amenizarán unha velada en que nos desvelarán historias de tascas nunca antes contadas. Pero a mocidade tamén será protagonista neste programa, en que se mesturan todas as idades co obxectivo de vivir a música, cantares de cego e festa a rachar.
   

Xabier Blanco

29.09.09

Na comarca do Morrazo, o "Alalá" da noite do martes 29 preséntanos un mestre de gaiteiros que atesoura pedagoxía, artesanía e autenticidade: Xavier Blanco, que reconstruíu a gaita de cana, a precursora da moderna, que ía para cen anos que no se escoitaba polos montes do Morrazo. Pero o afán pedagóxico que el amosa nas súas actuacións pola península e no estranxeiro lévano a construír e restaurar todos os instrumentos tradicionais galegos, empregando dende piñas a un caldeiro ou unha vasoira para facer música, unha chea de útiles que Blanco inclúe no grupo de instrumentos pobres ou comúns. Todo o esforzo do mestre artesán vai encamiñado a que se respecte a música de raíz e que se recoñezan cronoloxicamente todas as seccións da música tradicional.
   

REGUEIFEIROS

01.09.09

Esta semana "Alalá" recupera a entrega en que compartiu unha foliada con catro regueifeiros: Pinto de Herbón, Luís Caruncho, Benito Lobariñas e Augusto Canario; catro mestres da retranca que van explicar os segredos desta loita dialéctica de longa tradición en Galicia.
Ademais as cámaras do programa achegáronse ás súas vivencias particulares para intentar coñecelos "de cerca": os espectadores da TVG verán a Pinto "en familia" e no seu oficio de pementeiro; tamén se trasladaron ata Viana do Castelo para ver onde vive e onde se inspira Augusto Canario, un dos artistas máis populares do norte de Portugal; "Alalá" tamén se achegou ata unha clase de música con Luís Caruncho, quen despois descubrirá, xunto co seu amigo Benito Lobariñas, cal é a mellor receita para un licor - café exquisito, unha receita que nos ensinarán en forma de regueifa.

Alalá, todos os martes ás 21:30 h na Televisión de Galicia.
   

MANUEL VIQUEIRA, O GAITEIRO DE VILAVERDE

25.08.09

O programa "Alalá" recupera esta noite a entrega dedicada a un dos mellores gaiteiros de Galicia, Manuel Viqueira, o gaiteiro de Vilaverde, coñecido en toda a comarca de Ordes desde que, con 11 anos, comezara a percorrer as romarías levando a maxia e a alegría da súa música. Manuel ten agora 77 anos e segue cheo de forza e de proxectos: acaba de mudarse a unha casa nova, é capaz de tocar horas e horas sen cansar, mentres ve como se van esgotando os músicos e os bailadores e, o que nunca soñara, acaba de gravar un disco.
Din os que saben disto que Manuel é único porque ten un xeito de tocar, o que se coñece como "tocar pechado", que antes era moi frecuente pero que agora xa ninguén domina. Ademais conserva moi ben o repertorio propio da súa zona e fai uns picados e uns trilos que distinguen a súa música da de calquera outro gaiteiro.
Ante todo, esta é a vida dun gran gaiteiro, orgulloso de selo e apreciado por todos os que o coñecen desde mozo, que ven chegar a Manuel e ven chegar a festa e as mellores lembranzas da súa xuventude.

Alalá. todos os martes ás 21:30 na Televisión de Galicia
   

MÚSICOS TRADICIONAIS DA LIMIA

18.08.09

Paco de Escornabois, Hermelinda do Muíño ou os Gaiteiros do Vilar foron algúns dos músicos que pasaron polo programa pero, nunca se preguntaron como demos con eles? Diso vai o "Alalá" de hoxe, un programa completamente distinto a todos os anteriores, xa que se trata dun "Alalá" de recoñecemento e de homenaxe a aqueles que dedicaron o seu tempo a buscar incansablemente tesouros da nosa música tradicional e deron despois as coordenadas para que nós simplemente tiveramos que admiralos e compoñer os "Alalás" coas súas verbas.

Esta noite, gaiteiros con máis de medio século e historias da lembranza da Limia no "Alalá" do Catálogo de Músicos Tradicionais da Limia. Así, verase como se atopan pezas e gaiteiros con case un século de historia e para iso o equipo do programa acompaña a Castor e Félix, dous verdadeiros investigadores. Eles dous son notarios da música tradicional galega, que durante dez anos fixeron máis de 4000 quilómetros polo interior da Limia, en Ourense, na procura de verdadeiras xoias musicais do patrimonio cultural. Todos estes achados son historias e músicos tan reais como incribles, que foron capaces de reflectir nun catálogo de músicos coa axuda doutros coma eles: Iván Area, Pablo Carpinteiro e Delfín Caseiro. Entre todos inmortalizaron para sempre aquel saber tradicional da comarca da Limia nun libriño tan breve como ancestral que poderemos ler nas imaxes e nos beizos dos seus personaxes.

Alalá, todos os martes ás 21:30 h na televisión de Galicia
   

ELAS E ELES

28.07.09

A TVG ofrece de novo esta noite unha das gala coa que o programa Alalá, que dirixe Senén Bernárdez e presenta Pilar García Rego, rendeulle homenaxe á música tradicional e aos músicos que a fan posible. Baixo o epígrafe Elas e eles, o programa fai referencia aos roles da muller e do home que fan da música tradicional a súa vida e da evolución destes roles ata a actualidade, lembrando a todos os homes e mulleres que axudaron a conservala.

Elas e eles conta coa actuación de grandes grupos e solistas, como Rosa de Moscoso, O Fiadeiro, Maruxa das Cortellas, Leilía, Josefa de Bastavales, Cantadeiras do Berbés, Concha de Luneda con Xistra de Coruxo, Treixadura, Pandeiromus, Os Requinteiros do Ulla, Os Diplomáticos do Acordeón, Quempallou, Xacarandaina, Os Rosales, Nordestinas, Os Estalotes e Son de Seu.

Alalá, todos os martes ás 21:30 h. na Televisión de Galicia
   

DOLORES CASTIÑEIRA

21.07.09

TVG repón hoxe a viaxe do equipo de Alalá a Mar del Plata, onde coñeceu a Dolores Castiñeira, unha muller fóra de serie.

Ten 78 anos, leva na Arxentina desde o ano 49 e ten unha memoria prodixiosa, pois lembra que eran as tres da tarde aquel día de maio que embarcou para Arxentina e lembra ducias de cancións da súa infancia en Galicia. Toca a pandeireta coa mesma simpatía coa que fala e conta tantas cousas interesantes que un non se cansa de escoitala.

A viaxe pola humanidade de Dolores tamén vai acompañada pola viaxe á cidade turística máis importante da Arxentina, que lle encanta a Dolores e que está feliz e satisfeita de todo o que viviu, aínda que non hai un só día que non lle acorde Galicia. E como exemplo do seu afán de superación e do seu amor pola terra basta saber que alí, na Arxentina, despois de ter criados os fillos e xa con netos, fixo o seu primeiro curso de galego, porque quería saber escribir ben na súa lingua e porque, como lle dicía seu avó, nunca hai que deixar de aprender.

Alalá, todos os martes ás 21:30 h. na Televisión de Galicia.
   

OS TERRIBLES DE DONAS

14.07.09

Esta noite, os seguidores da Televisión de Galicia poderán lembrar a visita que realizou o equipo de Alalá a Donas, en Gondomar, para resolver o misterio dos Terribles de Donas.

Un grupo creado en 1937 por e para a festa que mantén intacta a súa memoria entre a xente do lugar. De feito nos anos 40 xa tiña club de fans feito a base de tocar por todas as festas do sur de Galicia e do norte de Portugal nos veráns. Organizaba bailes en que cobraba entrada nos despachos de billetes e ata tiña unha copla que indicaba a súa chegada á festa.

Ao longo do século XX, os Terribles de Donas tocaron por todas as festas do sur de Galicia e norte de Portugal. Comezaron como cuarteto tradicional, pero foron evolucionando incorporando saxos, clarinetes e o que fixera falla, porque os Terribles eran músicos de oído que tocaban para divertir e divertirse. Muiñeiras, xotas, pero tamén rumbas, pasodobres ou habaneras... Nos anos 70 desapareceron substituídos polas grandes orquestras.

Alalá, todos os martes ás 21:30 h. na Televisión de Galicia.
   

JOSÉ MARENTES

07.07.09

Esta noite, no 'Alalá': José Marentes é un dos mellores gaiteiros de Galicia e o derradeiro dunha antiga xeración de gaiteiros de Son Máxico da Fonsagrada.

O último portador do saber dunha antiga estirpe musical tecnicamente prodixiosa: a gaita é un instrumento de son continuo, pero eles eran capaces de silenciala nota a nota, de facer picados antigos incribles que os gaiteiros de hoxe apenas conseguen e de improvisar as pezas ao mesmo tempo que tocaban. Poder escoitar esta noite a Marentes no espazo de Alalá, é unha auténtica xoia musical e tradicional.

Marentes é un home feito a si mesmo. Comezou tocando no monte con pipas de alcacén ou castiñeiro e hoxe é un dos mellores gaiteiros de Galicia. Traballou a terra con esforzo e coa honra como principio e na vida lle faltou de nada. Humilde por natureza non lle gusta botarse nin que lle boten flores, pero este labrego de 71 anos con alma de gaiteiro é o último portador do saber dos antigos gaiteiros da Fonsagrada, algo que o converteu nun tesouro vivo da nosa música tradicional.

Alaá, todos os martes ás 21:30 h, na Televisión de Galicia.
   

ALALÁ CONTINUARÁ NA TEMPADA 2009-2010

02.07.09


O programa da Televisión de Galicia sobre música tradicional e popular galega, Alalá, confirma a continuación para a próxima tempada, que será a quinta.

O equipo que realiza o programa quixo agradecer publicamente o apoio recibido nestes anos de emisión "que permitirá que sigamos traballando na divulgación da música tradicional e a cultura galegas".

Durante a 4ª tempada, o seguemento medio do programa foi dun 18,6 % en horarios de máxima audiencia, a mellor media por tempada rexistrada polo programa dende que comezou a emitirse.
   

Páxina 5 de 13