Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / ALALA

ALALA

Noitarega no programa Alalá (TVG)

12.05.10

Este xoves, 13 de Maio, a partir das 23:00 horas, o programa Alalá da Televisión de Galicia adicará especialmente o seu espazo a falar dun dos grupos máis lendarios da música tradicional galega: Noitarega. Baixo a presentación de Pilar García Rego, o programa repasará a vida e historia do grupo, mesturando interpretacións musicais con fragmentos documentais da vida cotía dos seus membros. Xosé Oliveira, Telmo Costas, Fernando Costas, Manuel Alonso e Xosé María Gutiérrez falarán e repasarán a historia de Noitarega dende os seus comezos, alá polo ano 1989, ata os seus novos proxectos, como a publicación no vindeiro mes de xuño do seu novo traballo discográfico, "XXI", un disco conmemorativo das súas máis de dúas decadas de existencia.

Sen dúbida, unha cita inesquecible para todos os amantes da música tradicional galega.
   

Gaiteiros en Río de Xaneiro

20.04.10

En Río de Xaneiro o Alalá vivirá unha experiencia única cos gaiteiros novos. Río é a cidade tropical por excelencia, a capital mundial do carnaval, que tamén foi capital do Brasil e na época colonial a única cidade de América que foi sede dun imperio europeo, o portugués; pero o tropical de Río de Xaneiro non só se mide no clima, pois Río é alegría, sensualidade, provocación, paixón e contraste, pois ao lado do Río marabilloso convive o Río do caos, da miseria e das favelas.

Os galegos que chegaron a Río adaptáronse ben, son alegres e festeiros, pero na vida traballaron moito e duro, case todos no comercio e na hostalería. Na casa de España en Río fixeron a súa pequena Galicia, onde viaxan a través das notas do punteiro cada vez que se xuntan para facer unha comida ou algún curso de galego, pandeireta ou, como non, de gaita.

Pero, existen gaiteiros novos en Río? Chamarse William Monroe e vivir nunha "foresta", que é algo así como a selva brasileira, non cadra moi ben coa gaita. Pero esta noite veremos como William Monroe é un dos mellores gaiteiros que temos no Brasil e ademais toca ao xeito tradicional galego que dominan moi poucos gaiteiros mesmo de aquí: William toca en pechado.

William non naceu en Galicia, pero grazas a súa nai Mercedes e a súa avoa herdou un fondo sentimento cara ao galego, pois na emigración a gaita foi un sustento emocional para todos aqueles emigrantes que cando chegaron aquí eran pouco máis que nenos. Por sorte, o xermolo da música tradicional prendeu en William, brasileiro de nacemento e galego de corazón.
   

"Maghúa" no Alalá

30.03.10

Da fermosura da cidade da Coruña fálase tanto como do carácter aberto da xente que vive nela, como é o caso de "Maghúa", un grupo de coruñeses moi noviños e moi amantes da súa cidade, da que coñeceremos unha completa guía de supervivencia de lugares onde, amais de tomar algo cos amigos, pódese escoitar música tradicional.

Os "Maghúa" teñen un repertorio de recolleita propia, resultado de ter investigado e de facer recollidas de cantos e ritmos populares de pandeireta por moitas partes de Galicia; pero, na intimidade, estes pandereteiros signifícanse polas festas que organizan. Respecto ás súas afeccións, gústalles o mar e aproveitan para facer deporte, pois case todos son deportistas, de feito cada un fai o que lle peta, desde halterofilia ata billarda pasando pola pesca ou as traíñas.

Estes mozos dominan A Coruña e "o coruño", a pandeira e o pandeiro, a foliada e o serán e cantando, bailando e repenicando, estes rapaces do xénero pandereteiro masculino musical séntense como peixes na "augha", como peixes nunha Maghúa.
   

A Coral de Ruada no Alalá

16.03.10

Despois de noventa anos, a Coral de Ruada de Ourense segue a cantar coa mesma forza, dedicación, entrega e entusiasmo que cando actuou por primeira vez un día de San Xoán de 1919 no desaparecido Teatro Apolo de Ourense, como unha das corais máis antigas de Galicia e, como dicía Otero Pedrayo, "un orgullo para a cidade de Ourense", e para os seus compoñentes, porque manteñen e dignifican os valores culturais galegos. Os integrantes da coral basearon o seu repertorio nas recollidas polas aldeas que logo reinterpretaban nas romarías galegas e nos máis importantes escenarios das cidades galegas, de Madrid e América.

A Coral de Ruada levou a música, o baile, o teatro e a poesía galega de xira polo mundo, cun patrimonio histórico, cultural e musical cada vez máis importante e ten recibido innumerables premios, desde a gravata da bandeira doada por Afonso XIII, á placa de ouro do Centro Galego de Bos Aires, ata as Medallas Galicia e a de ouro da cidade de Ourense. Gravaron moitos discos - desde o primeiro en 1929 en lousa- e participaron en películas como "La Virgen del Cristal".

Esta histórica coral incorporou as mulleres desde a súa fundación algo que a comezos do século XX non era corrente- e participou da primeira iniciativa empresarial relacionada coa música tradicional, ao faceren xiras nas salas que o empresario Isaac Fraga tiña por toda Galicia. Despois de noventa anos, a Coral de Ruada segue coa mesma sensibilidade nesta fantástica aventura de universalizar o patrimonio galego.
   

O alalá desvela o universo de Ernesto Campos

09.03.10

Que acontecería se mesturásemos a música tradicional coa culta como fixeron compositores galegos, coma o mestre Montes ou Pascual Veiga, buscando as referencias da música popular, aventurándose a mesturar un piano e unha guitarra, por exemplo? O Alalá desta noite, que presenta Pilar G.Rego, vai desvelar o universo de Ernesto Campos, que leva desde os anos oitenta compoñendo pezas para piano e gaita, algo que ao principio foi criticado pero que agora mesmo xa editou un disco con este tipo de pezas.

Este "valente", amais de compoñer para piano e gaita, compuxo centos de pezas que están nos repertorios de ducias de músicos galegos, desde Budiño, Carlos Núñez ou Susana Seivane, ata os grupos e bandas máis importantes de Galicia. Amais, Ernesto é mestre de gaita e guitarra e, por suposto, intérprete. Un dos grupos cos que toca, que tamén estará hoxe acompañando a este novo xenio da música galega, é "Crema de Gaita"; pero tamén soarán outras pezas como a que toca a Banda de Pontevedra, con gaita solista; unha co grupo "Moxenas" e unha de gaita e órgano, no órgano da Catedral de Tui...todas elas distintas formas de interpretar a música galega que escribe este autor.
   

A harmónica no Alalá

02.03.10

Como se facía un baile nas aldeas da montaña entre Lugo e Asturias cando nevaba durante semanas e non podían chegar os gaiteiros? Pois un dos instrumentos máis empregados para animar a festa era a harmónica. Os tocadores protagonistas do Alalá de hoxe teñen en común varias cousas, que aman a montaña onde viviron sempre, nos cumes da Fonsagrada, Navia de Suarna e Taramundi, onde traballaron desde ben pequenos e viron como as aldeas ían quedando sen xente; e cando sacan do peto a harmónica e aínda se lles iluminan os ollos como cando eran nenos e quedaron peñorados do brillo deste instrumento que vían nas feiras ou que traían os emigrantes.

A pesar de que tocan moi ben, nin Hilario Lombardía, nin Isidro "o ferreiro" nin Manuel "Savane de Ventosa" consideran que iso sexa nada destacable. Porque a harmónica sempre foi un instrumento ao que non se lle deu demasiado valor e nin sequera estes homes, que chegaron a ter unha boa técnica e un repertorio amplo e variado, pensan que iso teña importancia máis alá do ámbito familiar. Pero xa veredes canto paga a pena escoitalos.
   

O cambio nas vidas das mulleres no Alalá

23.02.10

Os vellos din que a vida cambiou tanto nos últimos corenta anos que apenas parece a mesma, pero se alguén notou ese cambio dun xeito especial foron as mulleres. No Alalá desta noite ímolo comprobar, porque temos o testemuño das mulleres, das de antes e das de agora, de dúas xeracións distintas. Unhas son as mulleres da aldea de Seixedos, de Hermosinda, de Otilia e da madriña, tamén Otilia, que con máis de noventa anos segue a tocar a pandeireta. Elas pódennos falar ben dos tempos en que non tiñan nin cociña, nin sequera un prato para cada un, nos tempos cando non había homes nas aldeas e tocáballes a elas traballar a terra e ir por toxo ao monte. Daquela nin soñaban sequera con que un día poderían ir á perruquería ou ter coche.

Pola contra, as mozas de Raigañas, naceron nos tempos de hoxe, así que aparentemente téñeno todo: non pasaron fame, nin frío, nin abandono pero teñen que sufrir outro tipo de carencias, por exemplo, as mozas de Raigañas non se poden permitir algo tan sinxelo como vivir onde naceron, en Malpica...Por que? Porque non hai traballo, así que teñen que coller os seus estudos, os seus fillos e as súas vivencias e marchar. As poucas que quedan traballan en talleres de confección ou no que van atopando. Iso si, tanto en Malpica coma en Seixedos xúntase para tocar, para cantar, para compartir... algo que xa fixeron as mulleres galegas desde hai moitas xeracións de avoas e súas nais... Unhas son as herdeiras das outras...e nese legado, sempre soa a pandeireta.
   

Entroido en Vilariño de Conso

16.02.10

Non hai nada mellor que estar un domingo frío de Entroido co ceo azul e despexado nas montañas de Vilariño de Conso sentindo retumbar en todo o corpo o son ancestral dos bombos dos folións, como comproba hoxe o equipo do programa. Así se poden describir algunhas das sensacións que transmite este Entroido, pouco coñecido, a pesar de estar moi preto de Xinzo, Laza e Verín e de ser un dos máis antigos de Galicia e realmente vistoso.

Os folións son grupos moi numerosos de veciños de todas as idades que tocan uns enormes tambores de Entroido, gadañas e sachos seguindo un ritmo diferente segundo a parroquia. Acompañándoos van os boteiros, as máscaras propias deste Entroido, cheas de cor e que bailan e saltan ao son dos bombos.

O domingo xúntanse en Vilariño os folións de varias parroquias, pero durante o resto dos días de Entroido unhas aldeas visitan ás outras co seu folión, merendan xuntos, dedícanse coplas e os máis novos corren a ladeira. Porque se algo caracteriza este Entroido, ademais dos bombos e dos boteiros, é o sentimento de unión entre os veciños e a maneira en que participan e gozan todos, desde o neno máis pequeno ata o máis vello da aldea.
   

O Gaiteiro Manuel Gende no Alalá

09.02.10

O gaiteiro de mirada tranquila que presenta esta noite "Alalá" fixo feliz a moita xente que o define como un "todoterreo", moi bo compañeiro, veciño e un home que se dedicou a unha morea de oficios pero cunha salvidade, non é como di o refrán "Mil oficios ten Xan e de ningún come pan", pois con Manuel Gende podería cambiarse o dito: "Mil oficios ten Manuel e de todos come ben".

A gaita sempre lle gustou a Gende e a súa aprendizaxe pasaba, como el di, "por estar arredor dos gaiteiros". Este grande home foi afiador, xornaleiro, barbeiro, cesteiro, paraugueiro, albanel e enterrador -dezaoito anos- e hoxe descubriremos que é moi posible. Tamén é un gaiteiro que polo amor dos fillos tivo que volver da emigración porque non era capaz de estar sen eles e, unha vez aquí, os fillos quixeron tocar con papá e así estiveron uns doce ou trece anos.

A Gende gústalle compartir o que sabe, tanto é así que agora anda a aprenderlles á muller e a unha veciña algúns dos temas do seu extenso repertorio (que ten unhas duascentas corenta e cinco pezas). Pero Gende non para de argallar e nestes intres está indo a clases de saxo e o cuarteto seguirá mentres el estea disposto a estar, que será por moito tempo. Moita xente de Cerceda recorda que os primeiros pasos de baile os deu con Manuel Gende, co cuarteto "Os de Queixas". Este gaiteiro da mirada tranquila fixo feliz a moita xente.
   

PROXECTO RONSEL

23.10.09

O vindeiro martes 27 de outubro emitirase un novo programa do Alalá adicado ao Proxecto Ronsel.

As tres guías fundamentais deste proxecto son a realización do inventario, a salvagarda e a posta en valor do Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) de Galicia.

O Proxecto RONSEL pretende a documentación e investigación exhaustiva de todo este patrimonio, ademais da súa promoción, protección, difusión e transmisión.
   

Páxina 4 de 13