Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / ALALA

ALALA

Xan de Vilar no Alalá

02.02.11

Descubrir o poeta cantor de Vilar, nunha aldea do Courel, é a misión para unha nova noite de Alalá, que marcha á montaña para achegarnos a figura dun home que durante moitos anos foi o único habitante da aldea, onde habita xunto á música, á poesía e unha chea de tradicións que se están a perder nestas altitudes.

(Prema no título para ver a nova ao completo)

   

"Os Gaiteiros de Santa Comba" no Alalá

26.01.11

Moitos dos gaiteiros que ten coñecido o programa "Alalá" contáronnos que polas circunstancias da vida nalgún momento tiveron que pousar a gaita e gardala ben gardada para que non se encouzase e outros pasaron décadas sen poder collela na man; podería dicirse, por isto, que tocar a gaita é un luxo que só se poden permitir aqueles que teñen talento e tempo para dedicarlle. O grupo co que fala hoxe, "Os gaiteiros de Santa Comba", son uns amigos xubilados que se dedicaron ao longo da súa vida a diversas profesións, foron labregos, mecánicos, zapateiros, traballaron nas minas de volframio e algún ata emigrou a Brasil e Alemaña.

(Prema no título para ver a nova ao completo)

   

Flor de Toxo no Alalá

19.01.11

O Alalá de hoxe achégase ata Avión para coñecer os vinte e cinco compoñentes de Flor de Toxo, un grupo moi ligado a un concello moi coñecido pola emigración a México e pola riqueza en música tradicional que atesoura, xa que non hai grupo de pandereteiras ou bailadores en Galicia que non teña no seu repertorio algunha peza saída de Avión. Os músicos de hoxe suman estes dous elementos, que todos estiveron emigrados e que tocan a pandeireta e cantan coplas do mesmo xeito que llelo escoitaban facer ás súas avoas antes de ter que marchar a México, Venezuela ou Alemaña cando apenas tiñan quince anos.

A música foi para todos un dos recordos máis amables dos que os acompañaron nos anos que pasaron fóra de Galicia e agora que son emigrantes retornados, coa mestura de emocións e vivencias que gardan, decidiron volver xuntarse para facer desa música que escoitaban cando eran nenos un motivo de unión e de festa.

   

Os Hermanos Lamas de Calo no Alalá

12.01.11

O "Alalá" de hoxe recolle a historia da formación "Hermanos Lamas de Calo", que comeza en 1910 cando seis membros dunha familia deciden formar un sexteto. Cen anos despois, descendentes dos fundadores e antigos membros do grupo decidiron volver coller os instrumentos e lembrar aqueles tempos.

(Prema no título para ver a noticia ao completo)

   

As Tradicións de Nadal no Alala

05.01.11

O programa "Alalá" lembrará esta noite as tradicións e costumes musicais que viven os galegos nestas datas de Nadal, desde o día e Noiteboa ata pasada a festa de Reis, pois o ciclo musical ía pasando polos aguinaldos, o Nadal, as xaneiras, os manueles e, por suposto, polos cantos de Reis, que en lugares como Gudiña ou Avión duraban varios días. Hoxe o equipo do programa xunta esforzos para recuperar algunhas destas tradicións de Nadal e para pedirlle a algún Rei Mago que nestes tempos de crise, amais de traballo para todos, nos traia tamén un paquetiño de muiñeiras, valses e maneos para darlles alegría ao corpo e ao espírito.

   

Alalá. O programa repasa esta noite o que aprendemos no 2010

29.12.10

Hoxe, mércores, día 29/12/2010 as 22.05h

Co ánimo de seguir compartindo con todos os galegos as mellores aventuras musicais que recollen as tradicións do patrimonio cultural galego, o equipo de "Alalá" quere renovar esforzos cara ao próximo horizonte de 2011 na busca de novos valores artísticos, novos gaiteiros, pandereiteiras e bailadores, persoas todas elas que viven a nosa música como oficio ou simplemente como unha paixón e de quen sempre estamos a aprender.

 

   

Os Alegres no Alalá

22.12.10

A formación que hoxe nos achega Alalá, como parte do patrimonio tradicional musical, é un dos grupos de gaiteiros máis antigos dos que continúan en activo en Galicia, despois de levar setenta anos tocando ininterrompidamente, desde que o mítico gaiteiro de Mourente, Alejo Aboal, se xuntou con tres amigos para formar un cuarteto para animar as festas de Pontevedra e arredores. Á fronte do grupo está hoxe Dionisio, o fillo de Alejo, acompañado dos seus propios fillos, primos e sobriños.

Ademais de tocar, o grupo "Os Alegres" chegou a formar unha escola de gaiteiros e percusionistas para cando necesitaban músicos porque había que substituír os que tivesen que ir traballar ou estaban enfermos. Hoxe apenas hai grupo na provincia de Pontevedra en que non toque algún dos seus alumnos.

Outra das razóns polas que "Os Alegres" son moi coñecidos é porque fabrican instrumentos tradicionais, como gaitas, bombos e tamboriles, que comezaron a facer tamén por propia necesidade, para abastecerse eles mesmos. Desde que crearon o obradoiro en 1978, veñen realizando un labor de investigación que lles permitiu recuperar instrumentos que case non se utilizaban e que hoxe comercializan nas feiras de artesanía ou no propio obradoiro.

   

Felicia Insuela no Alalá

30.11.10

Logo AlaláHoxe, martes, día 30/11/2010

Na voz de Felicia Insuela, que nos achega o "Alalá" de hoxe, as cantigas soan especiais, case máxicas, porque as aprendeu de súa nai e de súa avoa, xa a principios do século pasado, e acompáñaas cun instrumento moi antigo e curioso: a súa cabaza. Despois dunha vida incriblemente dura, aos 81 anos, a Felicia o que lle gusta é sinxelamente divertirse e afrontar a vida con optimismo, algo que non parece doado despois de perder dez fillos.

Felicia tivo que traballar moito, emigrar á Alemaña e traballar como asistenta en casas ou na hostalería, pero agora aqueles tempos de fame da posguerra pasaron e as necesidades son outras, porque para unha muller activa e leda coma ela é fundamental ter en que empregar o día; así que Felicia vai a clase de pandeireta ou vai onde a súa amiga Orly e botan unhas cantigas xuntas.

As fins de semana non adoita faltar ás festas que organiza a familia, catro fillos e once netos, que a adoran e comparten con ela o amor pola música e as ganas de vivir, unhas xeracións que sempre terán na nai ou na avoa Felicia a referencia dunha persoa loitadora, vital e de gran corazón.

   

Raúl Galego no Alala

23.11.10

Raúl Galego, un namorado da súa terra, naceu na Golada e xa desde os doce anos tiña conciencia de que quería ser gaiteiro. Esta historia que nos achega hoxe Alalá é unha historia de amor coa gaita, porque desde neno naceu nel esa ilusión polo instrumento, sen telo nunca na man, sen tocalo. Despois de numerosas anécdotas, como a de chegar a facer unha peza con bolígrafos, non parou na súa teima ata conseguiu entrar en "Cántigas da Terra"; sen embargo, non foi chegar e encher, pois, como non facían falta gaiteiros, primeiro tivo que cantar.

Aquí comeza a historia de ilusión que se converteu en realidade, pois desde este momento e ata a actualidade, Raúl participou en mais de trinta grupos, deu clases noutras tantas asociacións; saíu ao estranxeiro, colaborou na gravación de discos e nunca deixou de afondar no coñecemento da gaita. A idea de gaiteiro de Raúl Galego vai mais alá do son da gaita, pois outra das cousas que o apaixona e facer os seus "inventos" e mesmo chegou a facer unha gaita coas propias mans. Os seus amigos éncheno de parabéns, non só no terreo musical, senón nas innumerables facetas en que se manexa como poucos.

Hoxe non hai festa en Galicia onde Raúl non toque, participando nos grupos Campantes da Baña, Millo Verde, O gaiteiro Nubeiro e a Gaita de Sarandón, e apoia todo tipo de actos e manifestacións da cultura galega, deixando o seu saber en moitas publicacións.

   

A Requinta da Laxeira no Alala

16.11.10

 Logo AlaláÁs numerosas e afamadas festas do Val da Ulla hai que engadirlles as romarías espontáneas, para as que son necesarias xente con ganas de brincar e alguén que toque, e se están amenizadas por un grupo como a "Requinta da Laxeira", o éxito está asegurado. Os da Requinta son un grupo numeroso, o máis novo ten catorce anos e o maior trinta e seis; pero o máis difícil é quedar para os ensaios porque uns traballan, outros estudan, un vive aquí e outro acolá, algún é pai de familia pero os trece están unidos pola música. 

   

Páxina 3 de 13