Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / ALALA

ALALA

BATUKO TABANKA

16.01.07

O martes 16 de Xaneiro o Alalá dá un novo paso no mundo da música tradicional galega. En plena mariña lucense atopamos un grupo de mulleres que viñeron hai 30 anos de Cabo Verde para quedar en Burela, traballar no mar e nas casas e, de paso, enriquecer a nosa cultura musical fundando Batuko Tabanka. A súa pandeireta é o Batuko, a súa muiñeira o torno; e os seus ritmos o arrapika e o pam pam. Galicia e África a un paso unidas pola música… ¿a que soa ben? Vir dunha illa africana. Facer música e baile tradicional da súa terra e gañar o respecto dos galegos. Así son as doce integrantes de Batuko Tabanka que esta noite ensinarán cómo Galicia, terra de emigrantes, acolleu desde hai tres décadas as súas familias cando chegaron en busca dunha vida mellor. Como moitas burelás son mulleres de mariñeiros e cantadeiras. Con outro estilo e outra cor, pero co mesmo sentimento de amor ca nós cara a súa música. Por iso no mesmo programa que retratou a música das Malvela ou as cantadeiras de Laxoso tamén hai un oco para as caboverdianas de Burela.
   

Hermelinda do Muíño

09.01.07

Esta semana en Alalá da TVG...
...o equipo de Alalá leva ao espectador ata terras da Limia Alta, concretamente ao concello de Sarreaus, onde se atopa Hermelinda do Muíño, unha muller entrañable que conserva na súa memoria unha gran cantidade de coplas que escoitaba cando aínda era unha nena. Con ela poderanse coñecer as coplas que lles cantaban os mozos ás mozas cando saían de rolda, e tamén escoitaranse as que se cantaban nos fiadeiros e que acompañaban con latas de pemento e de carburo. Pero o máis salientable de Hermelinda e que tamén lembra longos romances sobre tristes historias de amor e moitos cantares de cego. Os cegos eran auténticos personaxes a principios do século pasado, cando percorrían a pé longas distancias para vender as súas coplas nas feiras, coplas coas que narraban truculentas historias de crimes e suicidios ocorridas noutros puntos de España. Eles eran os transmisores orais desas noticias que, ademais, vendían en cuartillas. Trinta anos nun muíño, afastados do mundo Precisamente Hermelinda era sobriña dun deste personaxes cegos, Ángel López, coñecido na redonda como o Cego de Sas. Del falarán con Hermelinda, que tamén contará como foi a súa vida de muiñeira, porque esta muller viviu máis de trinta anos nun muíño na compaña de seu home, Miguel. Alí, afastados do mundo, traballaban e cantaban durante horas, o que permitiu que Hermelinda repasase centos de coplas que foi fixando na súa memoria. Agora, con oitenta anos, vive soa, canta polo baixo e, cada día fai un esforzo por recuperar do esquecemento algunha vella copla que comeza a esvaerse.
   

Berrogüetto

02.01.07

Hoxe o programa Alalá conta coa presenza de Berrogüetto, unha das bandas galegas con máis proxección internacional e que hai agora dez anos veu revolucionar o panorama da música folk. Coincidindo con este décimo aniversario lanzaron ao mercado o seu cuarto disco: 10.0. Con esta entrega fan un punto e á parte, o punto cero ven por ser unha nova etapa na que estrean selo discográfico propio, Berrogüetto Produccións S.L. Deste xeito o grupo asume desde a autoxestión de concertos ata a auto produción do disco. Para o grupo máis recoñecido da música de raíz galega, con este traballo hai un sentido da continuidade que o podería converter no epílogo dunha etapa e no prólogo da seguinte. Unha obra moi coral, cunha participación moi similar por parte de todos os membros da banda. En Berrogüetto hai sete almas distintas, sete músicos que beberon de distintas influencias musicais, grazas a esta mestura, a horas de traballo e á amizade que hai entre eles, as súas propostas musicais fixéronos merecedores dunha gran repercusión mediática e numerosos premios en Galicia e no estranxeiro. Hoxe en Alalá os sete compoñentes de Berrogüetto falarán do contorno que crearon desde que están xuntos, dos procesos creativos, das xiras polo mundo adiante, das sensacións, das emocións, do compromiso e nunha palabra, do Universo Berrogüetto. Cada un expresarase a través do seu instrumento e da súa palabra. O equipo de Alalá desprazouse ata o local de ensaio de Caldas. Alí Guadi, Quico, Guille, Anxo, Quim e Isaac dedicáronlle un momento do programa ao seu compañeiro Santi. Un emocionante agasallo que lle fará lembrar por moitas razóns o 2006 e este disco 10.0.
   

Especial Nadal

26.12.06

En datas de Nadal, o programa de música e tradición galegas farase acompañar esta noite dunha maioría de artistas e formacións que estiveron no seu día no programa amosando os seus saberes e quefaceres. Todos eles e o equipo do programa reuniranse en torno aos costumes navideños dos galegos e de todos aqueles que ano tras ano son quen de revivilas e contalas... A faceta musical do programa xirará en torno aos cantares do Nadal, recreando históricas panxoliñas, aguinaldos, cantares de reis ou manuelas, pero tamén se fará un repaso polas tradicións e celebracións orixinarias destas festas, moi relacionadas coa gastronomía do país, así como a súa evolución e comparación coas de hoxe en día.
   

O Quiquiriquí

19.12.06

Este martes 19 de Decembro no Alala...

O Alalá de hoxe é unha viaxe no tempo que só acontece no Nadal, porque para facela necesítase unha máquina do tempo moi especial creada polos 56 magos da música tradicional galega, e á que lle chamaron O Quiquiriquí. O programa alerta para este caso aos nenos da casa para sumarse a esta aventura misteriosa que percorre un Nadal feiticeiro e único por Galicia enteira. ¿Pero, que é O Quiquiriquí? O Quiquiriquí é o Tizón do Nadal, os aguinaldos, o prato dos defuntos, os cantos de Reis ou as Xaneiras, ou sexa música e tradición e viceversa. Rituais ancestrais de Galicia con cantos que vos farán viaxar ao tempo da infancia. O Quiquiriquí é un documental con música que nos traslada aos nadais de hai case un século ¿Quen se acorda do bacallau de Nadal? ¿e dos Manueles? Ademais do documental O Quiquiriquí inclúe un CD con 13 cancións do Nadal máis tradicional de Galicia e xogos multimedia, e un libro sobre ritos milenarios que se celebraban en Galicia no Nadal máis arredado no tempo. Unha obra para que aprendan os máis novos e recorden os máis vellos. En definitiva, unha viaxe no tempo nunha máquina que se acende cun refrán de aguinaldo: O quiquiriquí, o quiquiriquí, se non nos dan nada; marchamos de aquí.
   

Pablo Carpintero

12.12.06

A noite do martes 12 no Alala...


O equipo do programa compartirá co público o coñecemento dun verdadeiro crack da música tradicional: Pablo Carpintero, un magnífico gaiteiro que ademais é un dos maiores expertos en folclore do noso país, que constrúe e restaura instrumentos, produce discos, organiza exposicións de instrumentos antigos, dirixe varios grupos, colabora en programas de radio e intenta por todos os medios que a cultura tradicional chegue a todos.

Pablo Carpintero é un home xeneroso que doou todo o material acadado durante anos de traballo de recollida ao Arquivo Sonoro do Consello da Cultura Galega, e por esa xenerosidade e polo seu altísimo nivel de coñecementos é admirado e querido polos outros músicos e estudosos da tradición. A pesar de ser aínda novo, leva feito un enorme labor de estudo e recuperación da cultura tradicional e agora traballa na que será a primeira tese de doutoramento dedicada á gaita galega. Para el será o segundo doutoramento, porque este Leonardo da Vinci da nosa terra é ademais doutor en Ciencias e un destacado investigador no eido da xenética molecular.

Neste programa coñecerase ademais a súa faceta máis familiar, as súas reflexións sobre a situación actual da cultura en Galicia, e saberase moitísimo sobre a gaita e outros curiosos instrumentos galegos que forman parte da completa colección que posúe Pablo Carpintero.
   

Páxina 13 de 13