Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / ALALA

ALALA

Hoxe no Alalá Pesdelán

13.07.11

O "Alalá" de hoxe adicará un programa especial ó grupo Pesdelán no que poderedes coñecer moitos detalles sobre os membros do grupo e as súas inquedanzas

   

Hoxe no Alala As Pandereteiras da parroquia de Arcos en Mazaricos

06.07.11

O "Alalá" de hoxe achega unha filosofía única de vivir, sentir e cantar: a que representan As Pandereteiras da parroquia de Arcos, en Mazaricos, que atesouran un xeito de interpretar moi delas e que apenas variou no tempo.
En Arcos, o equipo do programa atopou unha riqueza musical tan grande que, dentro da mesma parroquia, cada aldea conserva unha maneira distinta de repenicar, feito polo cal os expertos consideran este recuncho galego, na aba do monte Pindo, un verdadeiro cofre do tesouro da nosa tradición musical.
Cando hai uns anos as pandereteiras decidiron xuntarse de novo para tocar, recorreron ás maiores da parroquia para que as guiasen: entre Benjamina e as irmás do Cantariño, Dominga e Manuela, que andan polos noventa anos, aprendéronlles ás demais cantareas e xeitos de interpretar que non se atopan noutros lugares.
Agora están encantadas de reunirse cada semana para ensaiar, porque ademais de manter vivas as súas tradicións, divírtense, ao igual que o facían hai anos nas fiadas, nas fouladas, no entroido, nas regueifas e nos aguinaldos de Reis e Nadal; porque entre aquela maneira de vivir e a de hoxe hai un fío que aínda non rompeu, a pesar de todos os cambios, a música.

   

Hoxe no Alalá 35 anos de música ininterrumpida do grupo "A Roda"

29.06.11

Entre amigos, arredor dunha mesa redonda, do mesmo xeito que naceu un dos grupos máis importantes e emblemáticos da música tradicional galega, "A Roda", así se presenta o "Alalá" de hoxe, para achegarnos a figura daqueles míticos músicos que cantaban "O Miudiño" "O Gato" e o "Pousa Pousa", temas que xa resoan na memoria colectiva do universo musical.

   

Hoxe no Alalá Roi Casal presenta "Maxicamente vello"

22.06.11

O equipo de Alalá achégase hoxe á figura de Roi Casal, que nos vén presentar o seu segundo disco en solitario, "Maxicamente vello", onde se revela como un músico capaz de ser ás veces tradicional, outras moi pop ou tamén moi roqueiro, logrando unha mestura que a Roi lle sae de xeito natural. Tiña que ser así á forza, porque é fillo de Nando Casal, o gaiteiro de "Milladoiro", e medrou rodeado dos discos de seu pai e de todas as outras músicas que ía descubrindo por si mesmo.

(Prema no título para ver a nova ao completo)

   

Hoxe no Alalá o gran director Gervasio Salgueiro

15.06.11

Hoxe, mércores, día 15/06/2011

O músico galego que nos achega o Alalá de hoxe emocionábase cando era un neno ao escoitar as bandas tocar, porque aquilo lle parecía a cousa mais bonita do mundo e seguía os músicos para ir recollendo algo daquel universo que lle parecía marabilloso. Esta é a historia de Gervasio, que esta noite nos vai recordar este e moitos outros capítulos da súa vida, como as ansias coas que foi aprender as primeiras nocións musicais, para o que tiña que andar cinco quilómetros e atravesar a Ponte Vea; e así comezou a revolución no concello de Teo.

(Prema no título para ver a nova ao completo)

   

Hoxe no Alalá Tino Baz presenta o seu último disco

08.06.11

Porque escapa ás definicións, a figura de Tino Baz é difícil de encaixar, pola súa alma de trobador e o seu corazón sinxelo, inconformista e reivindicativo, cunha voz capaz de encher o espazo máis aberto, que non ten medo a amosarse tal como é cando se pon diante das cámaras do equipo de "Alalá". O programa vai ser hoxe testemuña da fermosa mestura de poesía, música tradicional e canto do compositor, que vén presentar o seu último disco, "Cinsa namorada" .
(Prema no título para ver a nova ao completo)

   

Hoxe no Alalá Dani Bellón e Diego Maceiras

25.05.11

Hoxe, mércores, día 25/05/2011

Para definir a Dani Bellón e Diego Maceiras, o Alalá de hoxe tira dun tópico verdadeiro, aquilo de "son novos, aínda que sobradamente preparados", xa que con 26 anos xa viaxaron por medio mundo, teñen dous discos no mercado, boas carreiras musicais e ata a súa propia academia de música en Fene, pois os dous son desta localidade e amigos desde pequenos. A tan escasas alturas da súa vida, Dani Bellón é o gaiteiro máis premiado da historia de Galicia, pois leva gañado desde que era un neno un total de 35 premios como gaiteiro intérprete e compositor, entre os que destaca o premio McAllan que gañou no Festival Intercéltico de Lorient, en Francia.

A outra metade do dúo, Diego Maceiras, amais de facer carreira no Conservatorio de Oviedo, leva co acordeón enriba desde os 11 anos formándose cos mellores acordeonistas de Galicia. Xuntos, Diego e Dani forman "Bellon Maceiras", un grupo ledo e inquedo que traspasa as fronteiras de Galicia para tocar por todo o mundo e que por riba de todo gozan coa música.

   

O Entroido do Castro, no concello de Laza, hoxe no Alalá

11.05.11

Hoxe, mércores, día 11/05/2011 Nun lugar de Galicia onde se paraliza o tempo e as tradicións mantéñense desde hai ducias e ducias de anos, o Entroido do Castro, no concello de Laza, estará hoxe o equipo de "Alalá", para vivir e analizar unha festa que, debido ás súas raíces ancestrais, é unha das máis visitadas e agardadas, cun longo programa de actos que dura varias xornadas.

(Prema no titulo para ver a nova completa)

   

Hoxe no Alalá San Blas de Bembrive

02.03.11

Un camiño de festa e harmonía que suma a devoción humana e a divina, a través de furanchos, viño, cachucha e música tradicional, así é o San Blas de Bembrive, unha festa ao grande que vive o Alalá de hoxe, atraído polas máis de vinte mil persoas que a percorren, sen saír do centro da vila, en máis de trinta furanchos. Nestes espazos habituais da festa, a xente proba o viño, goza da música das distintas formacións locais que animan a todo o mundo a cantar, bailar e participar da diversión colectiva.

(Prema no título para ver a nova ao completo)

   

"Os Instrumentos Musicais na Tradición Galega" no Alalá

09.02.11

Na música tradicional galega coñécense máis de 150 instrumentos que Pablo Carpintero describe con todo detalle no seu libro "Os instrumentos musicais na tradición galega", un dos máis lidos en lingua galega, que recibiu o premio Antón Losada Diéguez de Investigación e Ensaio. A publicación, en que afonda o Alalá de hoxe, chamou tanto a atención da Unesco que a institución elixiu a Pablo para incorporarse a un comité de doce persoas de todo o mundo, encargado de escoller as obras mestras do Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade deste ano.

(Prema no título para ver a nova ao completo)

   

Páxina 2 de 13