Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio

Lume na Palleira

CANTANTES TRADICIONAIS NA DISCOGRAFÍA ACTUAL

O sábado 27 de outubro, Pablo Díaz será o encargado de guiar un novo espazo do Recuncho da Palleta, dentro do programa da Radio Galega “Lume na Palleira”.

Nesta ocasión, falaranos sobre as insercións de cantantes tradicionais (os que viviron a cadea de transmisión oral directamente) en discos actuais. Deste xeito, escoitaremos gravacións de cantantes dalgún xeito “anónimos” e de outros máis coñecidos como Faustino Santalices. Esto supón un acercamento ao mundo do canto tradicional para todos os públicos e unha maneira de actualizar ese son hoxe en día. Servirá de punto de partida para outros programas monográficos, que tratarán, a través de recollas de campo propias, o canto nas catro provincias galegas.



Lume na Palleira emítese os sábados de 16:00 a 18:00 h. en "RADIO GALEGA MÚSICA", con emisión conxunta de 16:05 a 17:00 na "RADIO GALEGA".
 

PROXECTO RONSEL

O Sábado 20 de outubro en "Lume na Palleira" poderemos escoitar unha nova edición do espazo "O recuncho da Palleta" no que colabora a Asociación de Gaiteiros Galegos. Nesta ocasión, Pablo Carpintero será o encargado de traernos novas sobre varios proxectos que se están a levar a cabo en defensa da cultura e tradición Galega.

O Proxecto Ronsel, promovido polas tres Universidades de Galicia e a Xunta de Galicia, na procura da recuperación do patrimonio inmaterial galego, e a Mostra de Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués que se celebrará do 7 ao 11 de novembro na Praza da Ferrería en Pontevedra.


Non vos perdades a emisión deste sábado de "Lume na Palleira", de 16:00 a 18:00 h. en "RADIO GALEGA MÚSICA", con emisión conxunta de 16:05 a 17:00 na "RADIO GALEGA".
 

PRESENTACIÓN DO CANCIONEIRO GALEGO DE TORNER E BAL Y GAY

O sábado 13 de Outubro, no programa “Lume na Palleira”, terá lugar a presentación da reedición dun dos máis grandes cancioneiros galegos, o Cancioneiro de Torner e Bal y Gay, levada a cabo pola Fundación Pedro Barrié da Maza.

Nesta ocasión, será o catedrático de Música da Universidade de Santiago e autor do estudo científico que deu froito ao tomo do "Cancionero gallego", Carlos Villanueva, o encargado de realizar a presentación. O experto cualificou á iniciativa como un "acerto editorial" posto que se trata dun "material do que non existen antecedentes históricos e que permite unha volta neotradicionalista ao pasado de Galicia”.

O "Cancionero Gallego" supón un importante traballo de investigación e recompilación de arredor de 1.300 melodías da música tradicional de Galicia, na súa meirande parte inéditas, escritas en galego e castelán.

As composicións foron reunidas entre 1928 e 1932 polo musicólogo Jesús Bal y Gay en colaboración co investigador Eduardo Martínez Torner.

Pero teredes ocasión de coñecer máis detalles do Cancioneiro o sábado, de 16:00 a 18:00 h. en "RADIO GALEGA MÚSICA", con emisión conxunta de 16:05 a 17:00 na "RADIO GALEGA". Non vos esquezades.
   

O GRUPO "TROULA" DE MADRID

O sábado 6 de Outubro compartiremos o "recuncho da palleta" co grupo Troula de Madrid. Este grupo é un exemplo paradigmático da importancia histórica da música patrimonial galega na emigración, neste caso dentro do Estado español.

O seu funcionamento durante unha década na que amenizaba festas de todo tipo en Madrid e arredores, a participación no grupo de xente significativa da música tradicional galega, que estudiaba ou traballaba neses tempos na capital, e a súa gravación(inédita) xunto coa participación estelar nun programa televisivo de ámbito nacional no ano 1991, serven de excusa perfecta para recuperar para a memoria colectiva este grupo, en representación seguramente de multitude de grupos inéditos que mantiveron a Galicia cultural viva a pesares da distancia.

No programa do día seis haberá entrevistas con moitos membros do grupo,audicións inéditas e algunha sorpresa...

Lembrade ademais que os novos horarios do programa Lume na Palleira son:

-Os sábados de 16:00 a 18:00 na RADIO GALEGA MÚSICA con emisión conxunta de 16:05 a 17:00 na RADIO GALEGA
-Os domingos de 15:00 a 16:00 na RADIO GALEGA MÚSICA
 

COMEZA UNHA NOVA TEMPADA DE "LUME NA PALLEIRA"


O sábado 22 de Setembro comezou unha nova etapa de “Lume na Palleira”, o programa da Radio Galega dirixido e presentado por Emilio Españadero Paz. A partir das 16:00 horas, esta proposta musical alternativa dentro das ondas radiofónicas, continuará dando a presencia que se merece a nosa música folk e tradicional.

Neste primeiro programa, entre outros, acompañounos Xaneco Tubío, membro da Xunta Directiva da Asociación de Gaiteiros Galegos, para falarnos das "Xornadas sobre o Réxime Xurídico e Fiscal para Actividades Artísticas" que se van a celebrar o vindeiro sábado, 29 de Setembro, cun horario de 10:00 a 14:00 horas, en Santiago de Compostela.

Estas xornadas, organizadas pola AGG, serán impartidas por persoal da empresa "Algalia", profesionais cunha dilatada traxectoria no asociacionismo e con procedencia do ámbito da xestión e da formación.

Música en directo, XIX Xuntanza de Gaiteiros, presentación das novedades musicais, todo esto e mais, na nova andaina de “Lume na Palleira”. Esperamos contar de novo con todos vos.
   

Páxina 11 de 15