Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio

Lume na Palleira

CONTINUACIÓN DOS CICLOS DE CANTO EN "O RECUNCHO DA PALLETA"

O Sábado 19 de Xaneiro, no Recuncho da Palleta, Pablo Díaz Carro vai a seguir co seu ciclo adicado ó canto en cada unha das catro provincias galegas, centrándose esta vez no canto con e sen acompañamento percutivo na provincia de Ourense.

Visitaremos musicalmente concellos como: A Bola, Lobios, Bande, Calvos de Randín, O riós...e analizaremos os acompañamentos percutivos desta provincia como a lata de pimentón (antigamente de gas de carburo), a cazola (tixola de rabo longo tanxida cunha chave de grandes dimensions), cunchas, culleres e como non a pandeireta, así como os diversos ritmos e xeitos interpretativos no canto.

Con este ciclo de programas, tratase de amosar as letras das cantigas, os sons, e formas de tocar e cantar que hoxe en día se conservan en distintas zonas de Galicia co obxectivo de que non se perda nada do noso patrimonio cultural.

Lembrade que a emisión de "Lume na Palleira" é os sábados de 16:00 a 18:00 h. en "RADIO GALEGA MÚSICA", con emisión conxunta de 16:05 a 17:00 na "RADIO GALEGA".
 

AS PIRUSALDAS NO RECUNCHO DA PALLETA

O sábado 12 de Xaneiro, dentro do espazo "O Recuncho da Palleta", no programa "Lume na Palleira", teremos a oportunidade de coñecer mellor as pirusaldas.

Pablo Carpintero será o encargado de mostrarnos o que é , probablemente, un xénero bailable dos máis antigos cos que contamos en Galicia, seguramente tanto ou máis que as alboradas coas que comparten algúns aspectos.

Nesta ocasión escoitarenos pirusaldas de diferentes lugares de Galicia, Portugal e Asturias, tanto en directo como de gravacións de campo.

Non vos esquezades que a emisión de "Lume na Palleira" é os sábados de 16:00 a 18:00 h. en "RADIO GALEGA MÚSICA", con emisión conxunta de 16:05 a 17:00 na "RADIO GALEGA".
 

O CANTO NA PROVINCIA DE PONTEVEDRA

O sábado 1 de Decembro, teremos a oportunidade de escoitar unha nova edición de "O Recucho da Palleta" da man de Pablo Díaz Carro, que nesta ocasión centrarase no canto na provincia de Pontevedra.

Trataranse temas moi interesantes como por exemplo o emprego da pandeireta coa man esquerda nos concellos do norte da provincia e algunha curiosidade polifonica procedente do Concello de Cuntis. Tamén técnicas vocais diversas, como os cambios de octavas no medio de coplas ou entre coplas, casos encontrados en Mondariz e Salvaterra do Miño, así como explicacions do que é unha tocata cos seus ritmos, os finais só con voz rematando anteriormente, as percusións (pandeiretas, lejóns e añas) propias dos concellos do sur, etc.

Teremos tempo para escoitar curiosidades como a recompilación de campo feita na illa de Ons cos seu antigos habitantes, e moitas máis sorpresas que non vos debedes perder.

Non vos esquezades que a emisión de "Lume na Palleira" é os sábados de 16:00 a 18:00 h. en "RADIO GALEGA MÚSICA", con emisión conxunta de 16:05 a 17:00 na "RADIO GALEGA".
   

A BANDA DE GAITAS RAIGAMES DE ENRIQUE OTERO COVELO NO "RECUNCHO DA PALLETA"

Nos anos 1981-1982 o mestre Enrique Otero reuniu o seu alumnado nunha agrupación de máis de vinte compoñentes, que resultou ser, seguramente, unha das primeiras bandas de gaitas de Galicia na que coincidiron xente xoven, que co andar do tempo consolidaría a súa presenza na música tradicional galega en grupos como Muxicas,Treixadura ou a propia banda de gaitas Xarabal, que nun primeiro momento contaba con varios compoñentes procedentes de Raigames, ainda que tamén profesores de gaita como Xaime Estévez, Charo Guerrero ou o propio Carlos Núñéz pasaron polos ensaios desta agrupación.

Raigames en sí mesmo é un fito na historiografía das bandas de gaita galegas, porque asumía dun xeito xenuino a evolución da tradición galega cara a un grupo máis numeroso, con elementos organolóxicos netamente galegos e repertorio e arranxos propios pasados pola sabia man do mestre Enrique Otero, con arranxos paradigmáticos como a "Alborada da Lanzada"(arranxo editado posteriormente por Xarabal) a marcha de San Benito, e outras pezas con arranxos pensados ex-profeso para unha agrupación similar.

Cando se cumplen 25 anos do concerto que deron no Auditorio da caixa de aforros de Vigo o 6 de outubro de 1982, rescatamos gravacións inéditas ata agora gardadas polo seu director e que nos trasladan a este feito histórico dun xeito máxico, para comprobar o bofacer e a calidade desta agrupación formada por alumnos e alumnas a maioría menores de idade.

Co mestre Otero presente rememoraremos aquela época e disfrutaremos das gravacións da banda Raigames no "recuncho da palleta" do sábado 24 de novembro.

"Lume na Palleira" emítese os sábados de 16:00 a 18:00 h. en "RADIO GALEGA MÚSICA", con emisión conxunta de 16:05 a 17:00 na "RADIO GALEGA".
 

IV MOSTRA DE CUARTETOS NO RECUNCHO DA PALLETA

O sábado 17 de Novembro, "O Recuncho da Palleta" estará dedicado, entre outros temas, á IV Mostra de Cuartetos Tradicionais, que se celebrará en Marín o domingo 18 de Novembro.

Contaremos neste caso coa presencia de Pepe Temprano e Xosé F. Gil, do cuarteto Picuiña, que nos falarán dun dos cuartetos emblemáticos da música tradicional galega, "Os Tempranos de Eirís", ós que está dedicada este ano a mostra.

O cuarteto enxebre galego “Os Tempranos de Eirís da Cruña” como reza no seu bombo, foi o primeiro grupo de gaiteiros da Coruña e As Mariñas. A súa vivencia musical e histórica continúa na figura de Pepe Temprano que segue en activo como gaiteiro na agrupación “Eidos” da Coruña e que nos contará moitas mais cousas interesantes o sábado no recuncho da palleta.

A Asociación de Gaiteiros Galegos quere convidar a todo o mundo a participar desta mostra o domingo 18 de Novembro, a partir das 11:00 h. e a participar nesta xornada de lembranza dun dos cuartetos máis importantes da música tradicional galega.

Lembrade que a emisión de "Lume na Palleira" é os sábados de 16:00 a 18:00 h. en "RADIO GALEGA MÚSICA", con emisión conxunta de 16:05 a 17:00 na "RADIO GALEGA".
   

Páxina 10 de 15