Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios

Varios

Gravacións a músicos tradicionais realizadas por Pablo Barreiro, "Premio Honorífico Martín Códax Da Música 2021", no vindeiro Recuncho da Palleta

12.11.21

lume na palleira okEste domingo, no "Recuncho da Palleta" do programa "Lume na Palleira" conducido por Emilio Españadero, contaremos con con Gustavo Couto lembrando algunhas das moitísimas e imprescindibles gravacións a músicos tradicionais realizadas, ao longo da súa dilatada traxectoria profesional, por Pablo Barreiro "Premio Honorífico Martín Códax Da Música 2021".

Non te perdas, esta nova emisión do Recuncho da Palleta dentro do programa Lume na Palleira, o domingo as 17:00 horas.

   

A AGG organiza o vindeiro sábado 20 un novo encontro coa "Tradición en Feminino"

08.11.21

tradfeminino cartel2021_web0A Asociación de Gaiteiras Galegas (AGG) organiza o vindeiro sábado 20 de Novembro no Auditorio da Baña, unha nova edición do Encontro “Tradición en Feminino”, unha xornada subvencionada pola Deputación de A Coruña que busca visibilizar e reivindicar o enorme e imprescindible papel que tivo e ten a muller para a preservación e transmisión da nosa riqueza cultural.

Para iniciar a xornadas contaremos co relatorio-obradoiro “Foliada na fábrica: as latas de conserva de peixe na música das traballadoras dunha conserveira galega” no que Marilú Campos fará unha breve introdución sobre a situación da muller na industria conserveira galega. Da súa man coñeceremos tamén o traballo de campo a partir do cal reconstruímos o uso das latas de conserva de peixe como instrumentos acompañantes do canto e do baile nas foliadas das traballadoras das fábricas. E a continuación pasaremos a experimentar coas posibilidades sonoras, musicais e artísticas destes instrumentos.

De seguido poderemos asistir ao coloquio “Propostas para a promoción da muller na docencia e interpretación da música tradicional” no que da man de Marina F. Vigo, conversaremos con Marilú Campos, Sara Diz e Carme López.

Xa pola tarde, a xornada continuará co relatorio “A presenza das mulleres nas gravacións da música tradicional galega” da man de Sara Diz, que a través da musicoloxía feminista, falaranos da presenza das mulleres gaiteiras e das mulleres en xeral nas gravacións da música galega. Fará unha análise dos datos obtidos, pasando polos por ques, que factores sociolóxicos e musicolóxicos inflúen nos resultados e de que maneira se van transformando no tempo eses datos.

O peche do encontro correrá a cargo de Carme López e o relatorio “REPENSANDO A TRADICIÓN: Análise dos roles de xénero na música de tradición oral”, no que expoñerá unha serie de feitos concretos relacionados coa música de tradición oral que presentan claras diferenzas no seu desenvolvemento por parte de homes e mulleres. Tratará de identificar, polo tanto, unha realidade que conta con dous eixos diferenciados en canto aos xéneros e conectala con hipóteses que nos aporten un sustento teórico sobre esta cuestión. O obxecto de interese desta charla enfocarase na música de tradición oral e maioritariamente tomando como base informacións encadradas no s. XX, aínda que tamén relacionará certos aspectos con feitos actuais. A ponencia basearase por unha banda na investigación bibliográfica en relación á tradición galega e á perspectiva de xénero e, por outro lado, beberá das experiencias de compiladoras de música de tradición oral recollidas nunha serie de entrevistas. Sendo o obxectivo expoñer unha serie de teorías sobre a existencia e permanencia de roles de xénero en relación á música galega e ofrecer un espazo de debate e comunicación co público.

PROGRAMA:

10.45 – Apertura
11.00 – Relatorio-obradoiro “Foliada na fábrica: as latas de conserva de peixe na música das traballadoras dunha conserveira galega”. Marilú Campos
11.50 Quenda de preguntas
12.00 – Descanso
12.30 – Coloquio “Propostas para a promoción da muller na docencia e interpretación da música tradicional”. Con Marilú Campos, Sara Diz, Carme López. Moderada por Marina F. Vigo

13.30 – Descanso para xantar

16.30 – Relatorio “A presenza das mulleres nas gravacións da música tradicional galega”. Sara Diz
17.20 Quenda de preguntas
17.30 – Descanso
18.00 – Relatorio “REPENSANDO A TRADICIÓN: Análise dos roles de xénero na música de tradición oral”. Carme López
18.50 Quenda de preguntas

INFORMACIÓN E INSCRICIÓNS (*): Deberán facerse nos teléfonos 986 84 70 74 ou 982 22 99 66 ou enviando un correo electrónico a Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo indicando nome, apelidos, un teléfono de contacto e mail.
(*) A participación nas xornadas será de balde, previa reserva e ata completar aforo, tendo preferencia @s soci@s da AGG, que disporán para inscribirse ata o domingo día 14 de novembro.
A celebración das xornadas levarase a cabo cumprindo todas a medidas de seguridade necesarias por mor da COVID-19.
Para poder chegar a mais público, as xornadas tamén serán retransmitidas en liña na nosa páxina de facebook https://www.facebook.com/aggtradiciongalega onde quedará ademais a publicación compartida unha vez remate o encontro.
Para máis información: Asociación de Gaiteiras Galegas - 986847074/982229966

   

"De Monterrei A Sarasate: Muiñeiras De Concerto II" no vindeiro Recuncho da Palleta

05.11.21

lume na palleira okEste domingo, no "Recuncho da Palleta" do programa "Lume na Palleira" conducido por Emilio Españadero, contaremos con Xaime Estévez, que nos ofrecerá "De Monterrei A Sarasate: Muiñeiras De Concerto II".

Non te perdas, esta nova emisión do Recuncho da Palleta dentro do programa Lume na Palleira, o domingo as 17:00 horas.

   

A AGG organiza o vindeiro sábado 13 de novembro unha nova edición das xornadas de percusión tradicional

29.10.21

cartaz x.percu2021A AGG organiza o vindeiro sábado 13 de novembro, en colaboración coa área de cultura da Deputación de A Coruña e coa participación do Concello de Mesía, unha nova edición das Xornadas de percusión tradicional, con obradoiros de trompa galega, pandeiro, tamboril e pandeireta.

O primeiro dos obradoiros “Re-percusión da Trompa Galega na nosa música”, a cargo de Francis Olivier, tentará achegar ós participantes a este máxico instrumento e facilitar dun xeito sinxelo, a técnica de percusión e recursos, en diferentes ritmos da nosa música. Descubrindo outra maneira de coñecer a potencialidade armónica que existe no interior da cavidade bucal, grazas a estes “ferriños que tocan”.

De seguido, teremos o obradoiro "'Pandeiro de catro esquinas non se toca cunha man': Introdución á técnica do pandeiro cadrado” a cargo de Noemi Basanta. Este curso procurará realizar un achegamento ao pandeiro cadrado desde diferentes perspectivas. Reflexionaremos sobre a morfoloxía e tipoloxía do instrumento, coa vontade de que os/as asistentes poidan valorar diferentes sonoridades. Alén diso, faremos un percorrido por diferentes ritmos e melodías, ofrecendo recursos técnicos que axuden a resolver posíbeis problemas. A finalidade última é fomentar a autonomía do alumnado e mellorar o seu xeito de tocar. Por ese motivo, as directrices estarán ao servizo do repertorio tradicional mais colocando en primeiro plano, por enriba das peculiaridades de cada zona ou informante, a destreza e a solvencia co instrumento.

Xa pola tarde, abriremos a sesión co “Obradoiro de tambor galego; ‘Técnicas e recursos para a creación de arranxos na música tradicional’” a cargo de Arantza Alfaia no que poderemos ver: _Breve exposición das características do tambor (morfoloxía, afinación e tensado, mantemento e coidados) e baquetas. _Mostra da representación escrita a través da linguaxe musical e/ou outros métodos (fórmulas rítmicas, silábicos…) _Os agarres. Movementos do pulso, utilización de dedos, antebrazo… _Breve mostra de exercicios para construír unha técnica; tipos de golpes e rudimentos. A importancia dos acentos e as dinámicas… Diferentes intensidades e sonoridades asociadas á melodía e ao contexto instrumental. _Padróns para os diferentes ritmos atendendo ás dinámicas e á acentuación e práctica a través de pezas concretas. _Outros padróns con rítmicas diversas para os diferentes ritmos e práctica a través de pezas concretas. _Outros arranxos para os padróns estudados: entradas, saídas, cortes, dinámicas, acentuacións... _Reflexións sobre o traballado.

E para pechar a xornada teremos o obradoiro “Muiñeiras do revés. Toque de muiñeira vella a man aberta no canto de tradición oral galega” a cargo de Guillerme Inácio no que poderemos: _Realizar un achegamento ás variantes do toque de muiñeira vella a man aberta na pandeireta, a través da análise de mostras recollidas da nosa tradición oral. _Practicar os diversos toques de muiñeira vella a man aberta que atopamos na nosa tradición, acompañando algúns cantares aprendidos directamente das nosas mestras das aldeas. Aprenderemos: _Toques base para a muiñeira: muiñeira nova VS muiñeira vella. _Muiñeira vella a man aberta: riscado e sen riscar; xeito ibérico e xeito galego. _Exemplos de pandeireteiras que empregan o toque de muiñeira vella a man aberta: parroquias da Ameixenda (Cee), Caldebarcos (Carnota), Carcasía (Padrón), Oín e Seira (Rois),Dimo (Catoira) e Prado de Paradiñas (Vilafranca do Bierzo), entre outras. _Repertorio vocal recollido de informantes dos lugares citados, acompañado do toque de muiñeira vella a man aberta na pandeireta. 

A participación nas xornadas será de balde, previa reserva e ata completar aforo, tendo preferencia @s soci@s da AGG e asociacións do Concello de Mesía, que terán preferencia nas inscricións ata o domingo día 7 de novembro, e a partir desa data as prazas dispoñibles cubriranse por orde de inscrición.

PROGRAMA:

10.15 - Apertura

10.30 - Obradoiro I:“Re-percusión da Trompa Galega na nosa música”. Francis Olivier

12.00 – Descanso

12.30 - Obradoiro II: “Pandeiro de catro esquinas non se toca cunha man”: Introdución á técnica do pandeiro cadrado”. Noemi Basanta

14.00 – Parada para o xantar

16.00 - Obradoiro III: “Obradoiro de tambor galego; ‘Técnicas e recursos para a creación de arranxos na música tradicional’”. Arantza Alfaia

17.30 – Descanso

18.00 - Obradoiro IV: “Muiñeiras do revés. Toque de muiñeira vella a man aberta no canto de tradición oral galega ”. Guillerme Inácio

LUGAR: Casa da Cultura de Xanceda - Mesía

DATA: Sábado 13 de novembro de 2021

INFORMACIÓN E INSCRICIÓNS (*): Deberán facerse nos teléfonos 986 84 70 74 ou 982 22 99 66 ou enviando un correo electrónico a  Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo  indicando nome, apelidos, un teléfono de contacto e mail. 

A celebración das xornadas levarase a cabo cumprindo todas a medidas de seguridade necesarias por mor da COVID-19.

   

O Samaín no vindeiro Recuncho da Palleta

29.10.21

lume na palleira okEste domingo, no "Recuncho da Palleta" do programa "Lume na Palleira" conducido por Emilio Españadero, contaremos con Gustavo Couto que nos falará do Samaín e de distintas tradicións relacionadas con el.

Non te perdas, esta nova emisión do Recuncho da Palleta dentro do programa Lume na Palleira, o domingo as 17:00 horas.

   

Músicas da Terra de Montes (Arquivo Virtual) - Rubén Troitiño

22.10.21

arquivo virtualMúsicas da Terra de Montes (Arquivo Virtual) -https://www.musicasdaterrademontes.com/

Xa esta dispoñible o arquivo virtual das músicas de Terra de Montes. Despois de moito tempo diante do ordenador Rubén Troitiño xa pode anunciar que este novo proxecto está en marcha.
Neste portal web pódese facer un pequeno percorrído virtual ao que foron as músicas desa zona: gaiteiros, bandas de música, pequenas orquestras… xa que a maioria non foron famosas e famosos pero si populares e grazas a isto todas as festas e romerías estaban amenizadas. Mantiveron a música viva durante moitos anos e nos deixaron un gran legado cultural.
Dentro deste apartado poderemos ler artigos coma os escritos sobre Avelino Cachafeiro, os gaiteiros de Soutelo, Ramiro Cortizo “O Capador de Muras”, Pedro Prado, bandas de música de Cerdedo, as pandeireteiras de Barro de Arén… e referencias a outras publicacións coma Canteiros e artistas de Terra de Montes e das Ribeiras do Lérez, Cancionero Musical de Galicia, as revistas Cotaredo e Metacios ou o Arquivo Dixital do Museo do Pobo Galego.
Coméntanos Rubén Troitiño que toda a información compartida está en constante renovación coas últimas investigacións e novidades que aparezan sobre as mesmas e que a web pode ter algún erro tanto de formato coma de información, e seguirá traballando nela.
Moitas grazas a todas e a todos os que colaborades dunha maneira ou doutra en facer esto posible. A música nesta zona ten un bo pasado, presente e creo que futuro.

   

A XXXIII Xuntanza de Gaiteiros, organizada pola Entidade Banda de Gaitas Tradicional Airiños de Fene, no vindeiro Recuncho da Palleta

22.10.21

lumepalleiraEste domingo, no "Recuncho da Palleta" do programa "Lume na Palleira" conducido por Emilio Españadero, contaremos con Ramón Dopico, que nos falará da XXXIII Xuntanza de Gaiteiros, organizada pola Entidade Banda de Gaitas Tradicional Airiños de Fene, e que terá lugar o sábado día 30 de outubro de 2021 a partir das 19.30 horas na S.C.R.D. Agarimo de Sillobre (Fene).

Nestas xuntanzas, ademais da participación de distintas bandas, grupos ou músicos, aproveitan a ocasión para realizar unha homenaxe a algunha persoa, grupo ou entidade que se caracterizou por gardar, recoller, recuperar e dar a coñecer a nosa música tradicional.

Nesta XXXIII Xuntanza homenaxearán a Os Viqueiras.

Non te perdas, esta nova emisión do Recuncho da Palleta dentro do programa Lume na Palleira, o domingo as 17:00 horas.

   

Xoan Carlos Rilo Fraga ven de presentarnos o primeiro traballo discográfico que fai en solitario, "O ronsel do meu sentir"

18.10.21

portada cdXoan Carlos Rilo Fraga ven de presentarnos o primeiro traballo discográfico que fai en solitario. Trátase dunha escolma de temas da súa autoría na que mistura gaitas (en 11 afinacións diferentes) cos instrumentos de percusión máis relevantes da nosa música tradicional; todos eles tanxidos por el.

Co título “o ronsel do meu sentir” tratou de amosar con claridade o seu peculiar e persoal estilo de concebir a gaita: dozura e sensibilidade, paixón i emotividade , sinxeleza e complexidade, tradición e por que nón, modernidade.

Partituras de cadanseu instrumento, (que poderás atopar na súa páxina web)…….unísonos, contracantos, cuartas, quintas, sextas, oitavas, ….. cuartetos, bandas de gaitas ou mesmo outras formacións.

Co tema titulado “Coraxe”, fai a súa contribución especial aos afectados por Covid-19. Polifonía, armonía e afouteza….. (enlace deste emotivo video    https://youtu.be/H2X7xMGiUOw)

Toda a información (partituras, videos, imaxes...) en: www.xoancarlosrilo.com

 

 

   

2ª Edición das Xornadas de gaita; novas técnicas e recursos

13.10.21

xgaita cartel2021_web2Na AGG organizamos o vindeiro sábado 23 de outubro, en colaboración coa área de cultura da Deputación de A Coruña e coa participación do Concello de Teo, a segunda edición das Xornadas de gaita: novas técnicas e recursos, con relatorios de investigación vencellados ao noso instrumento mais emblemático dende unha perspectiva mais actual e cuxo programa podes ver a continuación:

PROGRAMA:
10.45 - Apertura
11.00 - Relatorio I: “A notación das técnicas estendidas na gaita de fol do século XXI”. Erick Feles
12.00 – Descanso
12.30 – Relatorio II: “Seivane, do pasado ao futuro en catro gaitas: Musa Medieval, Gaita de cana EVO, Gaita Do4 e Gaita Multibordón”. Álvaro Seivane
13.30 – Xantar
16.00 - Relatorio-demostración III: “A notación das técnicas estendidas na gaita de fol do século XXI”. Parte práctica. Erick Feles

LUGAR: Biblioteca Municipal dos Tilos - Teo (Rúa do Buxo n°4 - Os Tilos - Teo) / En liña a través da páxina da facebook da AGG (https://www.facebook.com/AGGtradiciongalega)

DATA: Sábado 23 de outubro de 2021

INFORMACIÓN E INSCRICIÓNS (*): Deberán facerse nos teléfonos 986 84 70 74 ou 982 22 99 66 ou enviando un correo electrónico a Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo indicando nome, apelidos, un teléfono de contacto e mail.

(*) A participación nas xornadas será de balde, previa reserva e ata completar aforo, tendo preferencia @s soci@s da AGG, que disporán ata o domingo día 17 para inscribirse, e partir desa data as prazas dispoñibles cubriranse por orde de inscrición.

A celebración das xornadas levarase a cabo cumprindo todas a medidas de seguridade necesarias por mor da COVID-19.

Anímate a participar!!! Agardámoste!!

   

A 23 Mostra de Música Tradicional do Domingo das Mozas no vindeiro Recuncho da Palleta

08.10.21

carteldomingomozas2021web2Este domingo, no "Recuncho da Palleta" do programa "Lume na Palleira" conducido por Emilio Españadero, Vitor Otero achegaranos un ano mais ata o San Froilán e a algunhas das músicas da 23 edición da Mostra de Música Tradicional do Domingo Das Mozas, nas Festas do San Froilán en Lugo.

Non te perdas, esta nova emisión do Recuncho da Palleta dentro do programa Lume na Palleira, o domingo as 17:00 horas.

   

Páxina 11 de 265