Varios
25 Xantar gaiteiro. Homenaxe a Xosé Casal
26.04.23
A Asociación de Gaiteir@s Galeg@s organiza o vindeiro 6 de maio o tradicional Xantar Gaiteiro, que nesta 25 edición celebrarase nos Concellos de Curtis e Vilasantar.
Unha xuntanza que ten como finalidade principal a de pasar un día agradable en compaña dos que gustamos da música tradicional, creando así un punto de encontro, de intercambio e de festa. Ademais, queremos aproveitar a celebración para render homenaxe a Xosé Casal, persoeiro fundamental no ámbito da nosa música, que non só destacou como gaiteiro, senón tamén como pintor, escultor, cantante, compositor e incluso como artesán de gaitas. Entre as moitas aportacións que fixo á música tradicional, foi membro do mítico cuarteto Brisas da Cruña e director da histórica agrupación Gaiteiriños. (Se queres coñecer mais sobre a súa traxectoria podes ver o Alalá 201: Xosé Casal - https://www.youtube.com/watch?v=qWESmO3l9zs).
Programa:
12:30h. Homenaxe a Xosé Casal no Salón de Actos do Edificio Multiusos do Recinto Feiral de Curtis
14:30h. XV Xantar Gaiteiro no restaurante o Castiñeiro (Ru, 16. Vilasantar)
MENÚ: 1º- Empanada e croquetas - 2º Churrasco mixto, bebida, café e postre.
PREZO: 25 euros por persoa (que serán entregados ao entrar).
Para poder asistir ao xantar será necesario a previa inscrición. Data límite para a reserva: 3 de maio.
Mais información e reservas nos teléfonos 986 84 70 74 / 982 22 99 66 ou a través do correo electrónico Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo
Concerto didáctico da Tradescola en Sarria
21.04.23
A Tradescola, escola de música tradicional galega que xestiona a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s na cidade de Lugo, realizará o vindeiro luns unha nova actividade de promoción e difusión da música e do baile tradicional na provincia. Concretamente, o día 24 de abril achegarase ata o concello de Sarria, concretamente á EEI Xela Arias, para impartir unha nova xornada de música tradicional para escolares. Con estas xornadas, que contan coa axuda da área de Cultura da Deputación de Lugo, a Tradescola pretende achegar á comunidade escolar a nosa música e a nosa cultura tradicional, dun xeito ameno e didáctico a través dos concertos impartidos nos distintos centros.
Realizarase un concerto didáctico, que estará impartido polos mestres da Tradescola Lucía Eiros e Xabier Iglesias, no que lles amosarán aos alumn@s distintos instrumentos, ritmos, e melodías protagonistas da música tradicional e popular galega.
Dende a Tradescola trabállase a reo para poder transmitir os coñecementos das nosas tradicións da mellor maneira posible ás novas xeracións, para que saiban conservalos, respectalos e poñelos en valor.
Estos concertos son moi importantes para a Tradescola, xa que estes posibles novos músicos e bailadores serán os que xoguen un papel básico no futuro das nosas tradicións, da nosa música, canto e baile e como non, tamén da nosa lingua.
X Certame de debuxo sobre o baile e os instrumentos da música tradicional da Tradescola
21.04.23
Xa está en marcha o X certame de debuxo “O baile e os Instrumentos da Música Tradicional Galega”, unha iniciativa posta en marcha pola Tradescola (escola de música e baile tradicional xestionada pola Asociación de Gaiteir@s Galeg@s na cidade de Lugo) en colaboración coa Área de Cultura (Vicepresidencia) da Deputación de Lugo e que acada este ano a súa décima edición.
A finalidade desta actividade, dirixida ás nenas e nenos de primeiro, segundo e terceiro curso de primaria dos centros de ensino da provincia de Lugo, é potenciar e difundir entre os máis pequenos a música e a cultura tradicional galega, axudar a que coñezan os nosos instrumentos, a nosa historia e costumes dun xeito natural dende os primeiros anos, fomentando actitudes de respecto e valoración da mesma.
É necesario que se produza un proceso de transmisión da cultura, o que constitúe unha garantía da conservación das nosas tradicións e, en definitiva, do noso patrimonio cultural.
A Tradescola constitúe un proxecto educativo xestionado pola Asociación de Gaiteir@s Galeg@s que busca formación para todas e todos aqueles que queiran achegarse á música e ao baile tradicional galego. A maiores, organiza actividades complementarias vencelladas coa difusión da cultura tradicional, como é o caso deste X Certame de debuxo sobre o baile e os Instrumentos da Música Tradicional Galega, co que ademais de fomentar o coñecemento da nosa cultura musical, axúdase a potenciar as destrezas manuais e a imaxinación dos rapaces.
Os debuxos e os dorsos dos debuxos, deberanse enviar (escaneados ou fotografiados) por correo electrónico á Tradescola (
Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo
)ata o 28 de abril de 2023.
O xurado do certame estará composto por membros do profesorado da Tradescola, que seleccionarán un total de 10 debuxos finalistas que serán premiados cun lote de material didáctico. Dos 10 debuxos finalistas, seleccionarase un gañador@ que recibirá un premio consistente na matricula de balde nunha materia na Tradescola no curso 2023/2024. O centro educativo ao que pertenza @ gañador@, terá tamén un agasallo a maiores, consistente nun concerto didáctico de música tradicional a cargo da Tradescola no curso 2023/2024.
Se o teu centro de ensino quere participar pode poñerse en contacto coa Tradescola por correo electrónico ou chamando ao 982229966 . Esperamos os vosos debuxos!!!!
Concerto didáctico da Tradescola en San Cibrao (Cervo)
18.04.23
A Tradescola realizará mañá unha nova actividade de promoción e difusión da música e do baile tradicional na provincia de Lugo. Concretamente, o mércores 19 de abril achegarase ata o concello de Cervo, concretamente á casa da Cultura de San Cibrao, para impartir unha nova xornada de música tradicional para escolares do CEIP Península da Paz. Con estas xornadas, que contan coa axuda da área de Cultura da Deputación de Lugo, a Tradescola pretende achegar á comunidade escolar a nosa música e a nosa cultura tradicional, dun xeito ameno e didáctico a través dos concertos impartidos nos distintos centros.
Realizarase un concerto didáctico, que estará impartido polos mestres da Tradescola, Roberto Rodríguez, Miguel Anxo López, Germán Díaz e Jose Manuel López: No concerto amosaránselle aos alumn@s distintos instrumentos, ritmos, e melodías protagonistas da música tradicional e popular galega.
Dende a Tradescola trabállase a reo para poder transmitir os coñecementos das nosas tradicións da mellor maneira posible ás novas xeracións, para que saiban conservalos, respectalos e poñelos en valor.
Estos concertos son moi importantes para a Tradescola, xa que estes posibles novos músicos e bailadores serán os que xoguen un papel básico no futuro das nosas tradicións, da nosa música, canto e baile e como non, tamén da nosa lingua.
Xornada de Carballesa en Seceda do Courel
18.04.23
A AGG, xunto co Concello de Folgoso do Courel e a área de Cultura da Deputación de Lugo, organizan o vindeiro domingo 30 de abril, unha xornada sobre a CARBALLESA, que terá lugar en Seceda do Courel.
Esta idea xurdiu para intentar que non esvaeza unha das riquezas culturais que hai na zona oeste do Concello de Folgoso do Courel. Neste recuncho do concello, nas parroquias de Eiriz, do Carballal, de Seceda e no veciño Val do Incio, tocábase e bailábase unha muiñeira característica que se chama Carballesa.
Sentimos que temos a obriga, en honor a gratitude a todos eles, de loitar por conservar o noso; e ademáis homenaxear e lembrar aos nosos antecesores e as súas ensinanzas.
E queremos facelo con esta xornada sobre a Carballesa, na que temos previsto realizar un Obradoiro teórico-práctico de Carballesa, que impartirá Xabier Iglesias, facer unha sentida homenaxe aos informantes, músicos e bailadors da zona, e facer posteriormente un baile aberto para todos os e as asistentes, coa participación do grupo Airiños da Freba, e rematar o día cunha foliada.
Animámosvos a todas e a todos a acompañarnos nesta xornada, a desfrutar da nosa música e do noso baile e convidámosvos a que traiades os vosos instrumentos, e a gozar dun marabilloso día cheo de música tradicional e a maiores, nun entorno incomparable.
Programa Xornada de CARBALLESA
30 de abril de 2023 – Seceda do Courel
11.30 horas - Obradoiro teórico práctico de Carballesa - imparte Xabier Iglesias.
13.30 horas – Xantar. ( Haberá unha cantina que ofrecerá xantar e bebidas a todas as persoas que estean interesadas).
18.00 horas – Homenaxe a informantes, bailadores e músicos da zona.
19.00 horas – Baile coa actuación do grupo de música tradicional Airiños da Freba.
Foliada.
Inscricións para o obradoiro (*): Deberán facerse no teléfono 982 22 99 66 ou enviando un correo electrónico a Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo indicando nome, apelidos, un teléfono de contacto e mail.
*O obradoiro é de balde e as prazas limitadas, tendo preferencia @s soci@s da AGG e as persoas da comarca do Courel, que disporán ata o venres 21 de abril para inscribirse, e a partir desa data, se quedan prazas dispoñibles, cubriranse coas solicitudes por orde de chegada.
A través de actividades como esta, pretendemos non só difundir a cultura tradicional, senón que ademais queremos fomentar este tipo de encontros, que consideramos imprescindibles, para contribuír e potenciar a divulgación da nosa cultura e a súa conservación.
Dende a AGG traballamos arreo para que a nosa cultura e as nosas tradicións non caian no esquecemento e sexan un patrimonio vivo do que sentirnos orgullosos.
Fondo pesar polo pasamento de Suso Sousa, o Bombeiro de Os Terribles de Donas
17.03.23
Hoxe temos que informar dunha triste nova. A música tradicional está de loito polo pasamento de Suso Sousa, o bombeiro de Os Terribles de Donas.
Suso naceu no lugar de Alcouce, en Donas, no ano 48. Suso foi un home moi polifacético, desempeñando ao longo da súa vida numerosos traballos, pero sempre cunha gran paixon pola percusión e pola nosa música tradicional. Esa gran afección, levouno a tocar o bombo no grupo "Os do Val Miñor", a dirixir durante mais de 14 anos o grupo de gaitas "Airiños da Pedramoura" e o de baile "As Brisas da Pedramoura". Aínda que non chegou a tocar na primeira formación de Os Terribles, incorporouse ao grupo no seu rexurdir, e con eles levou a nosa música por innumerables lugares, facendo sempre desfrutar a todo o público que o escoitaba.
Dende a AGG compartimos a dor e lamentamos fondamente a perda de Suso, pero sempre o lembraremos coa alegría que o caracterizaba.
Dende aquí queremos facerlles chegar o noso máis sentido pésame á familia e amigos.
Que a terra che sexa leve Suso!
Hoxe sabado 18 de marzo ás 16.30 horas terá lugar a conducción do cadaver dende a sala velatorio nº 3 do Tanatorio de Santa Cristina de Sabarís, ao cementerio parroquial de Donas, onde ás 16.45 horas oficiarase a liturxia da palabra, e seguidamente a súa inhumación no cementerio da citada parroquia.
O funeral oficiarase o luns, día 20 de marzo ás 18.30 horas na igrexa parroquial de Santa Eulalia de Donas.
MEMORIAL X ANIVERSARIO – HENRIQUE OTERO “A DANZA NA OBRA DO GAITEIRO DO FRAGOSO”
16.03.23
O vindeiro sábado 15 de Abril a partir das 19.30 horas terá lugar no auditorio Martín Codax do CSMV en Vigo unha nova edición do MEMORIAL HENRIQUE OTERO no que como cada ano soará unha escolla das obras do mestre, que nesta edición está adicada á danza na obra do gaiteiro do Fragoso. Neste concerto-homenaxe organizado pola AGG , coa colaboración do CSMVigo e da Deputación de Pontevedra, participarán a Asociación folclórica Breogán de Moaña, Gaiteiros da Ruada de Torroso, grupo de baile Os ventos de Comesaña, grupo de gaitas “ Cans de Palleiro” e grupo de baile da S.C.D.R. Helios de Bembrive, o grupo de música e baile tradicional Traspés, grupo folk o Son do Río, Juan Pena, con Miguel Nogueira e Margot Otero, No Colo do Vento, Noitarega con Marga García e Isidro Patiño, Os Carunchos, Raigames co grupo etnográfico a Buxaina (Dir. Artur Puga).
Henrique Otero Covelo, O Gaiteiro do Fragoso, como el mesmo quería que o lembrasen, foi un personaxe clave para comprender e coñecer boa parte do mundo da gaita en Galicia, en particular en Vigo e a súa comarca. Foi un dos mellores expoñentes da tradición gaitística galega, figura de transición entre o gaiteiro rural tradicional e o gaiteiro urbano, pero tamén entre o gaiteiro de oído tradicional e o gaiteiro músico actual.
Son moitos os méritos que habería que recoñecerlle a este gran gaiteiro, pero sen dúbida, o que maior pegada deixou para o futuro foi o de conseguir que foran recoñecidos, por primeira vez na historia, os estudos oficiais de gaita galega polo MEC no ano 1977.
Dende a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s gustarianos contar coa vosa presencia neste Memorial, lembrade que a entrada é de balde ata completar aforo.
Esperámosvos a tod@s o vindeiro día 15 de Abril, reservade a data!!
Alborada para Rosalía de Castro - Anímate a participar
13.02.23

Folión de Entroido na Tradescola
13.02.23
Mañá martes 14 de febreiro, a Tradescola manterá viva unha das tradicións máis fermosas do tempo de Entroido, e que é unha parte moi importante do noso patrimonio cultural. A Tradescola, escola de música tradicional galega que xestiona a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s na cidade de Lugo, realizará unha nova actividade propia das datas do entroido. Mañá martes día 14 de febreiro levará a cabo un Folión que partirá do CENTRAD ás 17.00 h. e onde todos os alumnos e alumnas que queiran participar irán marcando os ritmos característicos do Folión. Faranse paradas en distintas rúas e prazas do centro da cidade e realizaranse pequenas intervencións con bailes e cantos típicos do entroido.
Con esta saída polo centro da cidade pretendemos que todo o público lle de a benvida ao Entroido e poda participar de maneira activa acompañando os toques do folión e facendo posible que unha das tradicións máis fermosas do tempo de Entroido, e que é unha parte moi importante do noso patrimonio cultural, permaneza viva ao longo do tempo.
O percorrido previsto,: Saida CENTRAD (17.00 horas), Rúa Montevideo, Rúa Quiroga Ballesteros, Santo Domingo, Rúa da Raiña e remate na Praza Maior.
Un dos obxectivos da Tradescola é incrementar a presenza da música e do baile tradicional galego nos distintos ámbitos da sociedade, e para conseguilo, realiza asiduamente numerosas actividades para achegar ao público a coñecer de preto o traballo que está a realizar esta escola, ofrecendo formación a todas as persoas interesadas na música e no baile tradicional tanto na cidade de Lugo, onde imparte aulas diariamente, como no resto de comarcas da provincia a través da realización de diversas accións formativas relacionadas co ensino da música e baile tradicionais.
Pesar polo pasamento de Cesar Fernández da Fonsagrada
07.02.23
Hoxe temos que informar dunha triste nova. A música tradicional está de loito polo pasamento de Cesar Fernández (Montixo), da Fonsagrada.
Un home alegre, vital e moi querido por todos, mestre gaiteiro, e un dos mellores tocadores de trompa da contorna.
Dende a AGG compartimos a dor e lamentamos fondamente a perda de César, máis quedaranos sempre os sons da súa gaita e as melodías da súa trompa na nosa memoria colectiva.
Dende aquí queremos facerlles chegar o noso máis sentido pésame á familia e amigos.
Que a terra che sexa leve!!
Páxina 3 de 264