Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Cursos

Cursos

MÚSICA EN MOVEMENTO

02.02.07

VOGAL(Viveiro e Observatorio de Galescolas) organiza un curso de estimulación e iniciación á linguaxe musical da man do músico Servando Barreiro, baseado en cantigas e danzas tradicionais, co obxetivo de recuperar este tipo de repertorio como material de aprendizaxe musical básico para que os nenos desenvolvan a un tempo o aspecto lingüístico e musical da sua cultura, neste caso a galega, contribuindo así a súa normalización e auto-estima.
O curso, que está enfocado a nenos de 2 a 8 anos, terá lugar todos os sábados ata o 17 de febreiro às 18:30 h. na A.VV. “O Carvalho” de Sárdoma (Vigo)
   

Curso de creación musical ‘Músicas para a Escola’ no Campus de Lugo

11.01.07

As clases do curso ‘Músicas para a Escola’ de creación musical e folclore, dirixidas por Inmaculada Cárdenas e impartidas por Pilar Cabeza, Charo Herrero e Isidoro Rodríguez, celebraranse os días 19, 20, 26 e 27 de xaneiro no Salón de Actos da Escola Universitaria de Formación do Profesorado. O prazo de inscrición permanece aberto dende este luns, día 8.

O curso, recoñecido cun crédito de libre configuración, consta de dúas partes diferenciadas, dedicadas cada unha delas a aspectos diferentes. Unha primeira, impartida polos especialistas en pedagoxía e creación musical, Pilar Cabeza e Charo Herrero, estará dedicada á creación musical, mentres que a segunda, impartida polo investigador Isidoro Rodríguez, dedicarase ao folclore.

Vicerreitoría de Coordinación
do Campus de Lugo
Praza Pío XII, 3
27001 Lugo
Teléfono: 982 28 59 00
   

Curso de Zanfona en Lugo

04.12.06

O pasado xoves 23 de novembro tivo lugar o acto de presentación do Curso de Zanfona que a AGG promove na cidade de Lugo. Neste acto de presentación estiveron presentes Xaneco Tubio (Secretario da AGG), Rubén Cela (Dtor Xeral de Xuventude da Xunta de G.) Branca Rodriguez Pazos (Delegada Prov de Vicepresidencia da Xunta de G.) e o mestre Luis Correa "Caruncho".

Este curso, que conta coa colaboración da Direción Xeral de Xuventude, da Vicepresidencia da Xunta e máis co patrocinio do Plan de xestión do Xacobeo, ten como obxectivo cubrir un baleiro educativo na provincia no tocante á música tradicional. As clases serán impartidas por Luis Correa (Caruncho) e pretenden impulsar a tradición de acompañar, coa melodía da zanfona, os nosos romances e coplas.
   

-I Cursos de música tradicional-

30.11.06


A Asociación Cultural "Os Abrentes de Cerdedo" está levando a cabo uns cursos de música tradicional a nivel Terra de Montes. Impártense na antiga cámara agraria da localidade de Cerdedo tódolos Sabados e cada clase é dunha hora de duración aproximadamente.

Os cursos son de: Gaita galega, pandeireta e canto tradicional, baile tradicional e acordeón.

Terán o seu remate a finais do mes de Xuño do 2007.

Tódolos interesados e máis información:
www.osabrentes.tk - Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo - 675.223.159 - Rubén


Formulario de inscrición



   

Curso de Aturuxo

29.11.06

Informámosvos da próxima celebración en Pontevedra dun Curso de Aturuxo. Animadevos a descubrir os segredos desta arte, a súa técnica e aprender a aturuxar con bo xeito.

Día: 17 de decembro do 2006
Hora: 11:00 h a 13:00 h
Lugar: Antigo conservatorio, Rúa Alfonso XIII .Pontevedra
Nº de prazas: 20
Impartido por: Pablo Carpintero
Prezo curso: 10 € por persoa (con cocido galego na Casa do Coto 32 € en total)
ORGANIZA: Grupo de música tradicional “Os Chichisos”
Información e inscricións : Rosalía 649.748.708

“Aturuxo”

Aturuxar é ter anxos na voz,
azas de pombas pola gorxa.
Voar co corazón nas longas tebras da terra;
nas estradas infinitas do tempo,
nas fontes onde beben as estrelas,
nos curutos do mundo,
alí onde se gardan os segredos das pedras,
os segredos das nubes,
os segredos do vento,
que soio dios desvela.
Aturuxar é ir cara o principio,
aos orixes dos ríos e das selvas,
cando a luz era nena e tiña medo
das sombras das palmeiras.
Soamente no aturuxo
a liberdade deixa de ser leria
e faise urro dos pobos,
laio dos séculos, música rexa,
rezo dos fortes, dos rebeldes
que os degaros apreixan
dos mortos que morreron
coa ialma acugulada de estrelas.


CELSO EMILIO FERREIRO
   

O Fiadeiro abre a inscrición aos cursos da súa Escola de Cultura Tradicional

01.10.06

Logo das vacacións estivais, a Escola da asociación O Fiadeiro abre de novo as portas co comezo do novo curso 2006-2007. O día 2 de outubro volven iniciarse as clases, que como cada ano versarán sobre baile tradicional, pandeireta e canto, gaita, percusión tradicional, costura e pasamanerías, guitarra e danzas do mundo.
O Fiadeiro ven de deseñar un amplo abano de horarios para facilitar a asistencia do alumnado: desde as 4 da tarde ás nove e media da noite. Os diferentes turnos pódense consultar na páxina web da asociación, . Desde esta tamén é posible descargar a ficha de inscrición, a cal, unha vez cumprimentada, deberá ser enviada ao enderezo Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo . Quen o prefira, pode inscribirse telefónicamente chamando ao número 629 585 355, ou ben acudir ao local da entidade, na rúa Romil, número 3, baixo. Neste último caso, o horario é os luns e xoves de sete e media a nove da noite.
As clases manteñen os prezos do pasado curso, é dicir, 15 euros para os socios e 22 euros para as persoas alleas á entidade. Os socios terán igualmente unha rebaixa na matrícula, que pasará de 18 a 9 euros.
No tocante ao profesorado, está integrado na súa meirande parte por membros do Grupo para a Recuperación de Bailes, Músicas e Cantares Tradicionais O Fiadeiro, unha das agrupacións máis senlleiras na recuperación e defensa da cultura tradicional de Galicia. O grupo festexou o seu décimo aniversario o pasado mes de abril coa estrea dun novo espectáculo no Teatro Caixanova, e ven de participar no Festival Intercéltico de Lorient, na Bretaña Francesa, un dos máis importantes dos que se celebran en Europa.
   

Curso de técnica vocal e linguaxe musical para intérpretes de folclore

20.09.06

O Conservatorio Mayeusis, de Vigo, vai iniciar un curso de tres anos de duración : “Curso de técnica vocal e linguaxe musical para intérpretes de folclore (cantareiros e cantareiras)”.

Contidos do curso: linguaxe musical aplicada ó folclore, técnica vocal básica: coñecemento do aparato fonador; a respiración diafragmática; resoadores; emisión do son; timbres da voz; afinación; práctica de homo e polifonía; práctica da transcrición de documentos sonoros e arranxos a varias voces (estas dúas no último ano)

Outorgarase un diploma acreditativo a todos aqueles que rematen os tres cursos. A secuenciación será de 1 hora semanal, con grupos de 15 persoas como máximo, entre outubro e xuño.

O prezo será de 30 euros ó mes. O centro comprométese a non encarecer esta cuota durante os tres anos que dura o curso. As franxas horarias serán entre as oito e as dez da noite, (de oito a nove ou de nove a dez) e o día estaría en función dos grupos de alumnos que se podan formar. En caso de se formar un grupo con, alomenos, dez persoas que podan estar de acordo, estudaríase a apertura dun horario e día específico para eles.

O mestre encargado de impartir esta disciplina será Ernesto Campos, se queredes ampliar información, este é o seu enderezo electrónico: Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo ou ben podédesvos informar directamente no conservatorio Mayeusis (tel. 986 226 378).
   

Seminario sobre palletas e pallóns para gaita galega

20.06.06

O pasado sábado 17 de xuño tivo lugar en Melide o Seminario sobre palletas e pallóns para gaita galega, impartido por Rubén e Antonio González e Xosé e Álvaro Seivane.

Este evento, organizado pola AGG co patrocinio da Deputación de A Coruña e coa colaboración do Concello de Melide, ofreceu a oportunidade de escoitar a uns dos grandes protagonistas da evolución da gaita galega nos últimos anos. Como estaba anunciado falouse de temas como a importancia da escolla da cana, o coñecemento do instrumento ao que van destinadas as palletas e pallóns, a incidencia dos factores atmosféricos, trucos para mellorar a afinación, etc.

Ao seminario acudiron numerosos artesáns e intérpretes do mundo da música tradicional quen tamén puideron expoñer as súas preguntas e dúbidas ao final da charla. Pero, se algo quedou claro, foi a mensaxe transmitida polos mestres: os gaiteiros de hoxe en día téñenlle moito medo á palleta. Isto fai que os artesáns teñan que facer por eles un traballo que non lles corresponde, que o dificulta enormemente e que pode mermar o resutlado final: a acomodación da palleta ao xeito de tocar de cada gaiteiro.
   

Seminario sobre palletas e pallóns para gaita galega

09.06.06

Asociación de Gaiteiros Galegos está a realizar unha ampla labor en torno á construción de instrumentos de música tradicional galega. Abrangue diversas actuacións como son as mostras de artesáns, entrevistas nos medios de comunicación, exposicións, publicacións...

Nesta ocasión, recoñecidos artesáns construtores do instrumento simbólico galego, daranse cita o vindeiro sábado 17 de xuño no Centro Multiusos de Melide para faceren as súas aportacións en torno á gaita, palletas e pallóns, ben sexan de construcción tradicional ou de novos materiais. Nun ambiente propicio, tentaremos contrastar ideas e achegar experiencias persoais nun eido fundamental: a afinación. Con isto pretendemos contribuir a mellorar a calidade da música e a ampliar a aceptación do instrumento.



O seminario vai dirixido tanto a quen interpreta música como tamén ás persoas relacionadas coa construción da gaita e que queiran afondar no tema. Os tipos de palletas e pallóns, os materiais cos que se elaboran, a correcta inserción no punteiro e nos outros tubos sonoros, o trato e o coidado que se lles debe dispensar, a importancia das condicións ambientais no comportamento destes elementos..., Serán temas que se abordarán no encontro.

Teremos o privilexio de escoitar a persoas que, coma poucas, coñecen o seu traballo, a súa arte, e que teñen feito moito pola evolución e pola e mellora do son da gaita galega: Rubén e Antonio González e Xosé e Álvaro Seivane.

A asistencia ao seminario é gratuíta. Terá lugar entre as 11 da mañá e a 13.30 horas no Centro Multiusos de Melide. Ao remate do evento haberá unha comida para os asistentes (prezo: 20 euros). Os que estean interesados poden chamar para facer a reserva da comida no 986 847 074 ou ben no correo Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

Mais información.
   

Arredemo Lab

28.04.06




Durante o mes de Maio e a primeira semana de Xuño vaise desenvolver un proxecto cultural con dúas carpas que van percorrer varias comarcas galegas. Este proxecto, chamado A Cultura Circula, está impulsado por varias Consellerías, a de Cultura, Industria e Vicepresidencia, e conta coa colaboración de diversas asociaicións e entidades sociais e culturais.

Neste senso, a Rede de Acción Socio-Cultural ARREDEMO vai ser responsable da área de internet, e por esta razón dirixímonos ás asociacións culturais e outros colectivos sociais de cada comarca para ofrecerlles unha experiencia de intercambio cultural e creación colectiva e un taller gratuito sobre edición de páxinas web e o uso de programas de libre distribución (software libre), dentro do programa Arredemo Lab: dous cibercamións que van seguir ás carpa da Cultura Circula a cada comarca.

Mais información.
   

Páxina 17 de 19