Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Publicacións

Publicacións

PRESENTACIÓN DO LIBRO "FIESTA, IDENTIDAD Y CONTRACULTURA..."

13.05.08

O pasado luns 5 de maio presentouse no Salón de Plenos do Pazo provincial o libro “Fiesta, identidad y contracultura. Contribuciones al estudo histórico de la gaita en Galicia”, escrito por Javier Campos Calvo-Sotelo e editado pola Editorial da Deputación de Pontevedra.
Dentro do amplo panorama dos estudos sobre organoloxía tradicional este libro achégase ó pasado e presente dun dos instrumentos populares por excelencia: a gaita.
O estudo inscríbese especialmente dentro do ámbito galego pero con constantes referencias á traxectoria universal do instrumento. O resultado é unha historia social da gaita que desmonta algunhas crenzas erróneas sobre a súa orixe e evolución, abordando varios aspectos propios da organoloxía descritiva, pero sobre todo incidindo nas atribucións simbólicas que o instrumento incorpora progresivamente, en especial nos dous últimos séculos.
A hipótese que rexe nesta investigación é que a gaita, ó longo da súa historia en Galicia, tivo fundamentalmente tres personalidades simbólicas diferenciadas –aínda que en ocasións superpostas-: a festiva, a identitaria e a contracultural. Estes tres aspectos son precisamente os que configuran o título do libro.
O libro está estruturado en sete capítulos, o último dos cales dedícase ás conclusións e inclúe unha táboa comparativa entre o gaiteiro de antano e o actual. A materia desenvolvida complétase con tres apéndices temáticos e unha bibliografía que contén máis de 300 títulos.
Respecto á metodoloxía empregada no libro, a reunión crítica de fontes bibliográficas e documentais, así como a aplicación de entrevistas persoais, constitúen o piar metodolóxico fundamental deste traballo.
   

PRESENTACIÓN DE "O PENTAFOL"

11.02.08

O venres 22 de febreiro, ás 12:00 horas, na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación do libro " O Pentafol" de Alberte Sanmartín Montaña.

Trátase dunha escolma de pezas populares para gaita galega que pon ao dispor do lector un amplo repertório, dirixido tanto a solistas como a grupos, baseado na enxebridade e fermosura da música tradicional galega, así como de composicións de autor cunha maior raigume entre os fatos tradicionais máis senlleiros da Galicia.

Consta de 418 partituras impresas no método de escritura "Do" e 25 letras de cantigas. Asemade, ven acompañado dun DVD que contén as mesmas partituras en "Re" e todas as pezas -algunhas delas coas suas distintas voces- gravadas co son de gaita en tonalidade Do; un total de 478 arquivos de audio en formato mp3.

O seu autor, Alberte Sanmartín Montaña, e mestre de gaita dende 1987, comenzando a súa actividade musical no fato de gaitas do grupo "Doces Lembranzas" do Centro Galego de Bizkaia en Barakaldo.

Membro de grupos como "Xolda", "Sugán", "Sons do Muiño", "Feile" e "Ruaille-Buaille", ten colaborado en directos e gravacións nas súas facetas tanto de gaiteiro como de letrista con varios artistas, ademais de ser finalista nas 5ª, 7ª e 9ª edicións do concurso de gaitas "Constantino Bellón" de Ferrol.
   

PRESENTACIÓN DO LIBRO "EL ROMANCERO DE LA GALICIA EXTERIOR"

04.02.08

O martes 5 de febreiro, ás 20.00 horas, presentarase no local da asociación de veciños de San Roque o libro "El romancero de la Galicia exterior. Cala de la colectividad gallega de la Argentina", escrito por Norberto Pablo Cirio e editado polo Servizo de Publicacións da Deputación de Pontevedra dentro da colección “Etnografía. Socioloxía. Antropoloxía”.

Á presentación asistirá o deputado de Cultura, José Juan Durán Hermida, o presidente da asociación de veciños de San Roque, Sabino Martínez Fontán, e o especialista en música tradicional galega Oscar Ibáñez García.

Como contribución ós estudos sobre o romanceiro galego, neste libro o autor, dá a coñecer un pequeno corpus romancístico recompilado dos membros da colectividade galega na Arxentina, no marco da súa investigación “La música tradicional gallega en la Argentina. Permanencia y proceso de cambio a partir del proceso migratorio”. O autor tamén integra neste traballo catro romances inéditos recompilados por outras persoas.

Deste xeito, o corpus analizado componse de 68 versións de texto e 58 versións de música pertencentes a 34 tipos. Foi conformado a través de entrevistas a emigrantes galegos e ós seus descendentes nalgunhas cidades arxentinas: Avellaneda, La Lucila del Mar, Lanús, Lomas de Zamora, Mar del Plata, Quilmes, San Martín (Bos Aires), Río Gallegos (Santa Cruz) e a cidade de Bos Aires entre 1996 e 2005. Os romances recompilados por terceiros foron recollidos en Lomas de Zamora (Bos Aires) en 1980 e en Bos Aires en 1993.
   

PRESENTACIÓN DA EDICIÓN CRÍTICA DO "CANCIONEIRO MUSICAL DE GALICIA"

31.01.08

A Fundación Pedro Barrié de la Maza presentou a reedición crítica do Cancioneiro Musical de Galicia de Casto Sampedro e Folgar, unha facsímile da obra editada en 1982 pola mesma fundación, con textos do Xosé Filgueira Valverde.

Nesta nova edición de 2008, a publicación inclúe unha serie de estudos críticos coordinados polo catedrático de Música da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Carlos Villanueva, e realizados por expertos como Luis Costa, Xavier Goba e José Carlos Valle.

O cancioneiro consta dun total de 652 páxinas nas que se recompilan 509 pezas musicais con partitura, reunidas por Casto Sampedro e a súa rede de informantes, entre os que destacaron Víctor Said Armesto, Ramón de Arana ou Santiago Tafall. O estudo abrangueu case un centenar de municipios da comunidade, e baseouse no contacto con colectivos sociais como "xente do mar, grupos de baile e aldeás," segundo destacou Villanueva.

As transcricións musicais teñen a peculiaridade de efectuarse, na maioría dos casos, de memoria ou mesmo en directo. Por iso, algunhas das partituras eran até agora inéditas.

O catedrático de Música Carlos Villanueva destacou que o cancioneiro é "unha mostra do recompilado por Filgueira Valverde" sobre o traballo de Casto Sampedro e explicou que estas investigacións "deixaron abertas unha serie de posibilidades" para continuar investigando no futuro. Afirmou que, esta publicación, xunto aos cancioneiros de Torner-Bal e Gay (tamén editada pola Fundación Barrié en 1972 e reeditado en 2007) e o de Schubart-Santamarina forman "o fondo editorial peninsular máis importante" na materia.
   

IGAEM E DOS ACORDES LANZAN A COLECCIÓN DE PARTITURAS “PEL E MADEIRA”

14.01.08

O IGAEM e a casa editora Dos Acordes veñen de poñer en marcha unha nova colección de partituras que, baixo o título “Pel e madeira”, recollerá o repertorio básico para gaita e percusión galegas. Baixo a dirección artistica do gaiteiro Suso Vaamonde e do percusionista Xosé Lois Romero, que levan traballando dende hai anos nesta iniciativa; e a dirección editorial de Javier Jurado, o proxecto está concibido inicialmente como a publicación periódica de cadernos de partituras de música tradicional e popular galega, arranxada para formato de cuarteto tradicional (dúas gaitas, tambor e bombo) e cunha clara finalidade didáctica.

Preténdese, deste xeito, crear un fondo documental que compile o repertorio máis común entre os gaiteiros, e, sobre todo, producir material gráfico que incentive o desenvolvemento técnico e estético da percusión tradicional galega. Con este obxectivo, a selección de partituras abrangue todos os niveis de dificultade, dende o de iniciación ata o de perfeccionamento.

Pero o novo desta proposta está no dobre CD que acompaña a edición das partituras. Neles, o oínte poderá substituír calquera dos catro instrumentos que soan na gravación (executados polos propios autores) pola súa propia interpretación en vivo, usando para iso o selector de balance L-R que posúe calquera equipo de audio. Isto permitiralle practicar individualmente o seu propio instrumento formando parte dun “cuarteto virtual” (na xerga anglosaxona, play-a-long). As principais vantaxes deste sistema son o desenvolvemento da percepción auditiva e da capacidade de imitación do oínte, alicerces fundamentais da cultura tradicional, e a súa correspondente representación na escrita.

A produción da colección, que sairá á luz en primavera de 2008, conta coa colaboración da Radio Galega, xa que nos seus estudos gravaranse os masters que a compoñen. A periodicidade prevista é dun volume anual, cunha tiraxe de 400 exemplares. Cada copia irá presentada nunha carpeta que incluirá o libreto xeral de música impresa máis catro caderniños coas partes (gaita primeira, gaita segunda, tambor e bombo), así como os dous CD de audio (gaitas e percusión).
   

A EDITORIAL DOS ACORDES PRESENTA UN NOVO TÍTULO DA COLECCIÓN CADERNOS DE GAITA

09.01.08

A editorial "Dos Acordes" ven de presentar o Caderno 13: “Tocatas Varias” de Iván Costa, incluido na colección "Cadernos de Gaita".

Pouco podemos decir dun dos máis importantes autores contemporáneos para gaita, intérprete destacado e docente excepcional. Estas "Tocatas varias" presentan a integral, polo de agora, do xenial músico de Moaña. Aínda que algunhas das obras xa teñen sido publicadas por outras editoriais, para esta ocasión Iván ten feito os arranxos pertinentes. Presentadas por categorías (alboradas, muiñeiras, xotas, rumbas, mazurcas, polcas...), e consideradas para unha ou dúas gaitas, as partituras van acompañadas de explicacións sobre as súas características e interpretación.

Con este texto, que fai o número 13 da serie de Cadernos de Gaita, Dos Acordes confirma o seu compromiso coa gaita e coa música galega, e continúa a súa traxectoria ascendente tras tan só dous anos de existencia como editorial.

O caderno ten un formato A-4, consta de 84 páxinas e cuberta a toda cor. O precio é de 14 €. Podedes mercalo e atopar mais informacion na web www.dosacordes.com
   

Presentación do Método de Gaita Galega vol. I e II

17.12.07

O vindeiro martes dìa 18 de decembro ás 20:30h terá lugar, na Sala de orquesta do Conservatorio Profesional de música de Vigo, a presentación das publicacións:
Método de gaita galega (volumes I e II) do gaiteiro e mestre do instrumento Xaquín Xesteira. Estes traballos están editados por Edicións Do Cumio.
O autor falará polo miudo das publicacións e ofrecerá un pequeño concerto para pechar o acto. A entrada é libre.
   

A EDITORIAL "DOS ACORDES" PRESENTA UN NOVO TÍTULO DA COLECCIÓN CADERNOS DE GAITA

19.11.07

Neste caso trátase do Caderno 12: Intervalos Cromáticos, de Xesús Vaamonde Manteiga. Esta serie de Intervalos Cromáticos responde á necesidade de completar todas as posibilidades de intervalos que podemos atopar na gaita, dende o Si4 ata o Re6. Deste xeito, o traballo técnico e didáctico queda organizado en tres cadernos progresivos de Intervalos.

Os epígrafes nos que se estrutura este caderno son os mesmos que os dos anteriores: Coñecendo a gaita, Intervalos cara unha nota, Progresións, Segundas, Terceiras, Cuartas, Quintas, Trinos... Os Trinos só fan referencia aos intervalos non vistos nos cadernos anteriores. Os exercicios están pensados para intérpretes avezados, non para principiantes.

O formato da revista é de tamaño A4, cunha cuberta a toda cor e conta con 84 páxinas de información moi útil para todos aqueles interesados no tema. O prezo da revista é de 13 Euros, pero farase un desconto do 20% a todos os que a compren na web: http://www.dosacordes.com
   

UNHA NOVA EDICIÓN DA REVISTA ETNO-FOLK

13.09.07

Xa está na rúa unha nova edición de ETNO-FOLK, a Revista Galega de Etnomusicoloxía.

Esta publicación achega nesta ocasión, unha nova colaboración do Conservatorio de Musica Tradicional e Folque de Lalín. Trátase dun monográfico sobre a pandeireta, cos seguintes artigos:

- Tambores de mão na Galiza: pandeiros, adufes e pandeiretas galegas, por Ramom Pinheiro Almuinha
- La pandereta en Cantabria, por Soledad Rodríguez Aguirresarobe
- Patrões rítmicos por V.V. A.A.

Ademais tamén atoparedes un artigo sobre as Actas das V Xornadas de Música Popular (HERRI MUSIKA JARDUNALDIAK) en Oiarzun, coas seguintes seccións:

- Herri Musika Jardunaldiak, las Jornadas de Música Popular por Juan Mari Beltrán Argiñena
- Algumas representações de adufes na iconografía medieval galega, por José Luís do Pico Orjais
- La pandereta, una figura en el olvido, por Gabriel González Villalba
- La pandereta en Euskadi, por Imanol Urkizu Lertxundi

Atención ao número 9, ESPECIAL CORAL DE RUADA, que sairá a venda en Outubro.

Se necesitades máis información ou queredes realizar algún pedido: http://www.dosacordes.com/web/tienda.php?ide=71
   

"LUCES DO ATLÁNTICO" DE ERNESTO CAMPOS

27.06.07

A Editorial "Dos Acordes" continúa a súa aposta de edición de obras para Gaita Galega recollida nos seus "Cadernos de Gaita Galega" que van xa polo seu número 11, coa publicación da obra para Gaita e Piano do compositor vigues Ernesto Campos, "Luces do Atlántico".

Outras referencias desta editorial para o noso instrumento son:
Caderno 1: Intervalos - Xesús Vaamonde
Caderno 2: Redondelana - Ernesto Campos
Caderno 3: Escalas - Xesús Vaamonde
Caderno 4: Estudios - Xosé Luis Miguélez
Caderno 5: Empezares - Emilio Mesías Farías
Caderno 6: Nove cançoes do Mimo morto e umha cançom de amor - Paulo González
Caderno 7: Carmina Utricularis. Fantasía para Gaita e orquestra - Javier María López Rodríguez
Caderno 8: Capricho de Gaita, para gaita e piano - Agustín Sánchez
Caderno 9: Intervalos II - Xesús Vaamonde
Caderno 10: Biografía dun espello - Ana Belén López- Villar
Caderno 11: Luces do Atlántico - Ernesto Campos.

Podedes atopar mais información na web da editorial "Dos Acordes".
   

Páxina 5 de 7