Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Prensa

Prensa

O PROGRAMA "OUTRA+OUTRA", AXUDAS PARA NOVAS FORMACIÓNS NA PROVINCIA DA CORUÑA

13.02.08

O programa Outra + Outra facilitou o acceso ao mercado discográfico de novas formacións musicais da provincia da Coruña. A través da terceira edición, quince grupos dos máis variados estilos dispoñen dun cedé respectivamente mercé ao proxecto impulsado pola Fundación Paideia e a Deputación, que achegou 35.000 euros. Para a gran maioría é a súa primeira pegada no mercado musical, e para outros lles permite incidir na súa consolidación. Este programa innovador ten o seu centro de operacións no estudo de gravación Mans.

Outras formacións que xa teñen tamén a súa cedé no mercado son: Intermission dúo de percusión, Grupo de bailes populares IAR, Capriccio Vocale e Ludus Tonales (A Coruña); Antoloxía Grupo e Banda de Música Sementeira (Cambre); Coral O Pote (Fene); Coro Toxos e Flores (Ferrol); Tamara Lorenzo (Ortigueira); Coral Casino Progreso (Mugardos); Banda de Gaitas Maruxía (Laxe); Capela Lauda Sión (Pobra); e Asociación O Castro (Miño).
   

ENTREVISTA A XOSÉ LUIS MIGUÉLEZ

07.02.08

Aquí tedes a entrevista que Emilio Españadero lle fixo a Xosé Luis Miguélez con motivo da publicación do seu novo traballo discográfico, "Esperanza". Foi publicada no "Correo Gallego" o 03/02/08.

"Falamos con Xosé Luis Miguélez da súa andaina musical, desde as primeiras clases sendo moi neno ata lograr esa titulación superior, e da grande importancia do obxectivo por fin acadado.

E.E. - As primeiras clases de gaita ¿cando e de quen as recibiches?

X.M. - Os meus pais leváronme a clases de gaita cando tiña seis anos nunha das primeiras escolas que houbo en Galicia, a “Escola de Gaitas da Deputación de Ourense”. Lembro que o primeiro día non parei de chorar porque non quería ir pero despois de escoitar as gaitas o que non quería era voltar para casa. O meu primeiro mestre foi Manolo Brañas e aínda continúo a ter unha moi boa relación con él, débolle moito. Cando tiña 11 anos levóume ao Festival Intercéltico de Lorient en Francia, era o músico máis xoven de todo o festival e a xente parábame pola rúa para sacarse fotos comigo.

E.E - E o teu primeiro instrumento ¿cando o tiveches?

Pois cando levaba uns meses indo a clases o meu pai mercoume unha, debeu ser no ano 1980 ou 1981, non me lembro moi ben. Era unha gaita de pau santo afinada en Do e feita por Manolo Brañas, que tamén é construtor. Non a conservo enteira pero si algunha peza solta.

E.E - Cóntanos como foi todo o proceso para chegar, desde ese inicial interese pola gaita a converterte no primeiro Titulado Superior no instrumento.

X.M. - No ano 1990 gañei un importante concurso para gaiteiros solistas e foi aí cando comecei a pensar en adicarme profesionalmente á música no futuro; así que me interesei polos estudos oficiais que, por aquel entón, so se impartían en Vigo. O mestre daquela era Carlos Núñez e falei con el para facer os exames dos catro cursos que existían no plan de estudos do 66. Facilitoume moito as cousas e fixen os exames por libre acadando o “Diploma en Gaita Galega”, que foi o primeiro título recoñecido do instrumento. Despois diso tiven que continuar os meus estudos musicais coa frauta traveseira xa que a gaita non tiña máis graos recoñecidos. A finais dos 90, coa incorporación da Loxse, por fin se instaurou o grao profesional; remateino en 2001 no “Conservatorio Mayeusis de Vigo” co mestre Ernesto Campos, un grande compositor para o instrumento e moi bo amigo, que me acolleu cos brazos abertos e que me ensinou moitísima música. Un ano despois comezou o grao superior en música tradicional galega no “Conservatorio Superior de Música de Vigo”, presenteime ás probas de acceso e conseguín unha praza; catro anos máis tarde, en novembro de 2006, fixen o concerto de fin de carreira e, por fin, se completaron todos os ciclos de ensino de música tradicional en Galicia.

Continuación da entrevista
   

VII PREMIOS OPINION DA CORUÑA

04.02.08

Artigo escrito por Oscar Losada para o xornal "A Opinión" da Coruña o 04/02/08

"Nesta sétima edición dos premios o voto do xurado estivo máis dividido que nunca e iso provocu que doce artistas tivesen algunha mención, a cantidade máis grande na historia deste galardón. Iso indica o eclecticismo dos xornalistas encargados de elexir aos gañadores e que, nesta edición, as propostas artísticas amosaron un alto nivel que complicou a decisión dos compoñentes do xurado.

Xosé Manuel Budiño foi quen de aparecer votado por seis xurados e iso levouno a acadar o primeiro lugar, que coloca ao seu traballo "Home" como mellor disco folk galego do 2007. É a primeira vez que un músico repite como gañador de mellor álbum nos PREMIOS OPINIÓN. O artista xa vencera na cuarta edición con Zume de Terra, aínda que naquela ocasión houbera moita máis diferenza de votos co artista que acadou a segunda posición.

Foi tal a variedade de propostas elexidas polos membros do xurado nesta edición 2007, que o trío Entre Trastes logrou o segundo posto contando só co apoio de dous xornalistas, que decidiron mencionalos como a súa primeira escolla, sendo a terceira posición para o grupo Fía na Roca."
   

O ARTESÁN RUBÉN GONZÁLEZ RECIBE A GAITA DE OURO DO CONSTANTINO BELLÓN

29.08.07

Diario de Ferrol (Montse Mayoral, 29/08/07)

"A xunta directiva do Ateneo concedeu a Gaita de Ouro a Rubén González López polo seu traballo de artesán a prol da música tradicional galega e a de Prata ó grupo Cántigas da Terra, da Coruña, polo seu papel na divulgación da cultura galega dende o ano 1916.

Rubén González López (Xinzo de Limia, 1925) é un gaiteiro feito a si mesmo. Cunhas poucas clases e moitos anos mirando o que facían os demais, conseguiu coñecer o instrumento, convertelo en seu de verdade e mesmo mellorar o seu son, moito despois de compralo por tres pesos cando tiña quince anos. "Hoxe un gaiteiro faise fácil -comenta-, pero daquela non había profesores... alí onde había un gaiteiro estaba eu collendo datos".

Co tempo, Rubén González López converteuse en artesán ademais de músico. Fixéronse famosas as súas palletas -a lámina situada na embocadura da gaita-, que conqueriron mellorar o son, e percorreu gran parte da xeografía española e portuguesa con diferentes grupos, o último o chamado Os Agarimos, co que aínda onte foi tocar ás festas de Santa Lucía en A Cervela, un dos escasos compromisos que Rubén González mantén ós seus 82 anos, excelentemente levados. O seu fillo continúa a tradición como músico e como artesán, unha circunstancia que quizáis leva á nova Gaita de Ouro do Ateneo a ser optimista: "a gaita galega non decae, non se perde; aínda que estiveron metendo outro tipo de gaitas de fóra, que a min non me parece ben".

Rubén González fala con auténtico entusiasmo da música galega e da súa historia de gaiteiro, unha vocación que sempre tivo que conciliar co seu traballo de ferreiro. "Coñecín a Faustino Santalices e regaloume un libro da montaxe da gaita que para min é unha xoia", conta. "Onde hai un gaiteiro hai un amigo", resume a súa filosofía de vida.

O artesán, afincado desde hai máis de sesenta anos na localidade de Somoza, no Incio (Lugo), mostrouse moi agradecido e decidido a ir o venres 31 de Agosto a Ferrol, para recoller o premio que lle brinda o Ateneo Ferrolán."
   

O GRUPO "CREMA DE GAITA" ESTREA WEB

28.08.07

Crema de gaita é un grupo folk con insignia distintiva que abraza formas pouco convencionais na música folk concibida en Galicia, achegándose aos ritmos latinos como son o tango, o tumbao, os boleros, as habaneras ou a bossa nova, xa que entende que Galicia posúe uns lazos culturais máis estreitos con Latinoamérica, a causa do fenómeno da emigración, que con outras culturas atlánticas que se tenden a fusionar habitualmente coa música galega.

Nembargante, Crema de gaita non rexeita as influencias euroatlánticas nin versións de temas da música tradicional galega, para demostrar as múltiples posibilidades que ofrece a gaita en numerosos estilos.

Crema de gaita aposta por un estilo orixinal e transgresor no que conflúe a música tradicional, popular e culta, nun intento de irmandar as diferentes culturas que conviven na actualidade.

Os músicos que forman Crema de gaita son:
 
Diego Mariño (gaitas e frautas)
Marcos Campos (gaitas e frautas)
Xose M. López "Josele" (clarinete, saxo e gaita)
Cris Macías (teclados e voz)
Ernesto Campos (guitarra e serrucho musical)
Judith Alonso (baixo eléctrico)
Xosé C. Villar "Bouza" (percusións latinas e tradicionais)
Suso "Feixón" Alonso (batería e percusións)

Na nova páxina web do grupo, www.cremadegaita.com, encontraredes mais información sobre concertos, galería de fotos, discografía, etc.
   

EDELMIRO FERNÁNDEZ GAÑA O MÁIS PRESTIXIOSO TROFEO MUNDIAL DA GAITA

07.08.07

O xurado do Trofeo MacCrimmon de Gaita, o máis prestixioso galardón mundial de gaita, acaba de escoller a Edelmiro Fernández como o gañador da súa XXII edición, situando en terceira posición outro galego, Alberto Coya por detrás do asturiano Rubén Alba.

A clasificación final foi a seguinte:

1. Edelmiro Fernández (Galicia)
2. Rubén Alba (Asturias)
3. Alberto Coya (Galicia)
4. Aex Pablo Devigo(Galicia) e Marco Antonio Guardado (Asturias)
6. Pablo Carrera (Asturias)
7. Hugo Noval (Asturias)
8. Brais Paz (Galicia)
9. Marie Le Cam (Bretaña)

Con este premio, Edelmiro Fernández é premiado por cuarta vez, converténdose no gaiteiro máis galardoado deste torneo, situándose na elite dos mellores gaiteiros galegos. De personalidade reservada, este gaiteiro imparte aulas no Conservatorio Folque de Lalín, e é director da Banda de Gaitas de Outes, que este ano conseguiu pasar á Primeira Categoría na final da Liga Galega de Bandas de Gaitas.

O xurado, tivo que escoller entre os cinco mellores intérpretes de gaita do mundo, de entre os que unicamente figuraba unha muller; a bretoa Marie Le Cam. Na parte galega compoñían o xurado o coñecido gaiteiro ourensán Ivan Area xunto con José Manuel Lépez, profesor e músico. Ademais formaban parte os asturianos Jorge Areces e máis Eugenio Otero Vega, xunto cos bretóns Armel Denis e Jean Baron.
   

MÚSICA E ARTE CÍTANSE EN PARDIÑAS

27.07.07

La Voz de Galicia (Cristina López, 27/07/07)

"A cita en cuestión será os días 4 e 5 de agosto e o motivo non é outro que a celebración do Festival de Pardiñas, en terras guitiricenses, que acadará este ano a edición número 28, o que o converte nun dos máis antigos de Galicia. Que este festival acadase tanta antigüidade débese sobre todo ao esforzo da asociación cultural Xermolos, con Alfonso Blanco Torrado á fronte. Onte na presentación estivo acompañado pola delegada provincial de Vicepresidencia, Branca Rodríguez Pazos, e por representantes da Asociación de Gaiteiros Galegos e de Estrella Galicia, que figuran como colaboradores na organización deste festival.

Tamén achegan o seu gran de area para que esta cita se manteña ano tras ano cun grande nivel e calidade, o Xacobeo, a Consellería de Cultura, o Concello de Guitiriz, a comunidade de montes de San Xoán de Lagostelle e algunhas casas comerciais.

O Festival de Pardiñas leva aparellado un segundo nome: o de feira e festa da música e da arte. Precisamente con arte arrancará esta celebración, xa que a partir das cinco da tarde do sábado abrirán as súas portas a mostra de artesáns de instrumentos tradicionais -cunha vintena de participantes- e a mostra xeral de artesanía, con cesteiros, teceláns, zoqueiros e demais. Así mesmo, na Casa das Artes de Guitiriz abrirán ao público as exposicións do mestre canteiro de Parga Ramón Villar e dos pintores Paco Lareo e Damián Payo, do val do Deza, e Anxo Lamas, de Castro de Rei. Tamén se expoñerán fotografías de Marra e esculturas de Xavier Quijada.

A mostra de artesáns de instrumentos terá nesta ocasión uns pregoeiros de excepción, xa que dende a organización pretenden xuntar novamente aos compoñentes do mítico grupo Fuxan os ventos para que non só den lectura ao pregón, senón que se animen a tocar algunha peza. No mesmo espazo no que se desenvolverá esta mostra terá lugar a actuación de Ludovaina, un cuarteto de gaita da zona do Morrazo. Por outra banda, como xa é habitual, haberá un escenario libre para as actuacións de músicos espontáneos."

Lee o artigo completo
   

A XUNTA COMPRA 55 GAITAS DE MIL EUROS PARA REGALAR A EMIGRANTES

17.07.07

Ata o venres 20 de Xullo teñen todos os fabricantes de gaitas para presentar á Xunta as súas ofertas para o subministro de 55 gaitas. O Diario Oficial de Galicia do xoves 13 de xullo, anuncia o concurso público por procedemento aberto e tramitación urxente, para a contratación dunha subministración de 55 gaitas tradicionais galegas pola Secretaría Xeral de Emigración.

De acordo co prego de prescripcións técnicas redactado pola Xunta con motivo de esta operación, soamente se comprarán «gaitas que correspondan á tipoloxía tradicional galega, con madeira de granadillo, anelado en metacrilato, fol de Gore Tex, con veludo en cores variadas...». «Entregaranse listas para tocar, en funda ou bolsa acolchada», engade o documento.

A adquisición ten un orzamento base de 60.000 euros, o que suporía un máximo de 1.091 euros por gaita e todas deberán entregarse antes do 30 de novembro deste ano.. Segundo informa La Voz de Galicia estes instrumentos están destinados como agasallos ás organizacións de emigrantes galegos no exterior para fomentar entre elas a querenza á nosa música.

Consulta o dog
   

PRIMEIRA MULLER LICENCIADA EN GAITA

09.07.07

Lorena Freijero, viguesa de 24 anos, graduouse no Conservatorio Superior de Música de Vigo na licenciatura de gaita. Algo que a simple vista parece un simple título é na realidade todo un feito histórico, xa que é a primeira muller que conseguiu graduarse nesta especialidade en toda Galicia.

Comezou a tocar a gaita con tan so sete anos, e aos 9 xa estaba matriculada no Conservatorio de Vigo con Carlos Nuñez como profesor, con quen xa tocou nalgunha ocasión. Lorena síntese moi orgullosa e afirma que para tocar a gaita mais que a forza, o que importa é a práctica e que todo o mundo ten a posibilidade de aprender, tanto homes como mulleres.

En canto o seu futuro, esta nova titulada afirma que a súa ilusión era licenciarse e dedicarse a esto profesionalmente, dando clases no conservatorio, ainda que non descarta ningún outro proxecto que poida xurdir.
   

SONDESEU EDITA "TRASTEMPO", UN NOVO TRABALLO DISCOGRÁFICO

18.06.07

A música popular galega sae do circuito das festas e romerías para afianzarse nos teatros e auditorios das cidades sen complexos. A orquesta folk SONDESEU é a única no seu xénero. Confírmao o ex membro de Milladoiro, Rodrigo Romaní, que é o director desta agrupación integrada por mais de corenta xóvenes intérpretes coordinados polos responsables de cada sección instrumental.

Con este experimento que naceu no 2001 dunha experiencia didáctica levada a cabo na Escola de Artes e Oficios de Vigo, confírmase que ó folk quédanlle todavía camiños inéditos para explorar. A orquesta presentou estos días o seu segundo disco, "Trastempo", deixando constancia da enerxía que se desprende dun orixinal traballo que combina a interpretación da tradición sonora galega con arranxos contemporáneos.

Tras realizar varios concertos en Galicia, Sondeseu editou no 2004 o seu primeiro disco, Mar de Vigo. Trastempo, o segundo, terminouse de gravar fai tres meses en Casa de Tolos, os estudios que dirixe en Gondomar o ex-Siniestro Total, Segundo Grandío. A maior parte dos temas pertencen ó repertorio tradicional, pero tamén hai novas composicións que firman dous dos integrantes da orquesta e que confirman a política participativa pola que se rixen: o arpista Xulio Abal, que tamén forma parte do grupo Quempallou, e a gaiteira Ana Belén L. Villar, que xa se estrenou como compositora no álbum de debut, aportan dous temas.

A orquesta prepara de cara ó outono unha xira de concertos por diversas cidades galegas para dar a coñecer este novo disco.
   

Páxina 1 de 2