Asociacion de Gaiteiros Galegos

Gaiteiros galegos
Inicio / Novas / Reunións, actos, ...

Reunións, actos, ...

Gala X Aniversario de Donaire

10.12.10

Xa hai dez anos do nacemento da Asociación Cultural Donaire e o 26 de Decembro queremos festexalo por todo o alto cunha gala no Teatro Rosalía de Castro de A Coruña.

Con moitas sorpresas, esta gala amosará o traballo desenvolto ao longo destes dez anos de vida da Asociación, coa súa parte de música, pandeireta e como non, de baile.

Agardamos vervos por alí xa que será unha data moi especial para nós.

A gala será presentada por Xabier Díaz. 

Mercar entradas:

- Billeteira da Praza de Ourense

- Servinova ( www.servinova.com/ ) Recinto > Teatro Rosalía de Castro > Dez anos con Donaire


Prezos:

- Xeral: 5/7 €

- Reducida: 3/5 € (Carné xove, desempregados e +65 anos)

   

Comeza o Culturgal 2010 en Pontevedra

26.11.10

Intercambios entre Galicia, Portugal e Brasil e showcases forman a banda sonora do Culturgal

Os novos ritmos brasileiros, un sorprendente fado alegre, tradición e innovación coa gaita, música armenia, pop de autor... son algúns dos sonidos que compoñerán a particular banda sonora da Feira das Industrias Culturais. A música anegará tamén todos os espazos do Culturgal 2010, desde a recámara, ata o patio, o faiado, o cuarto dos nenos e o estudo. Encabezan o cartel musical dúas noites de espectáculo e diálogo intercultural. As propostas Galicia.br e Galicia.pt xuntarán no escenario, dunha banda, na noite do venres, a dous artistas revelación do Brasil, Kiko Kalus e Érika Machado, e a Carlos Blanco e o Sergio Tannus Trio; da outra, na noite do sábado, fundiranse os novos discos de Deolinda e Xosé Manuel Budiño. A entrada é gratuíta ata completar aforo. Pódense retirar os convites nas billeteiras do Pazo da Cultura, venres e sábado de 11h a 14h e de 17h a 21h.

Ao longo dos tres días da Feira sucederanse tamén actuacións de pequeño formato para a presentación de novas propostas musicais. Polos showcases de Culturgal pasarán Renato Spencer e Café Caxaça, Anxo Lorenzo, Kibitka, Silvia Penide e Uxía coa presentación da nova edición de Cantos na Maré, ademais da escolla particular da recoñecida revista musical Mondo Sonoro e da asociación de bandas de reggae e os sound systems galegos Negus Reggea.

Nesa intensa actividade teñen cabida tamén as propostas máis recentes que exploran as sonoridades acordes ás orellas dos máis pequenos. Para público infantil e xuvenil tocarán Mamá Cabra, que presenta o seu úlitmo disco Ola, ola, la!; Pablo Díaz, co seu espectáculo Tic tac; e Pesdelán, que chega co seu novo traballo Na punta do pé. Ademais, o Laboratorio de Sons da Aula Folque Infantil de aCentral Folque, traslada por un día a súa actividade ao Culturgal.

A programación musical do Faiado, o espazo comisariado polo xornalista Iago Martínez, centrarase na autoedición e na historia do rexitro sonoro. A asociación SINSALaudio encargarase dunha audioconferencia baixo o título Érase unha vez un suco e presentará o seu novo selo SOSOaudio. Diversos músicos de grupos galegos como 6pm e Niño y Pistola impartirán o obradoiro O estudio na túa casa e intervirán nun coloquio sobre autoedición. E Emilio José dará un concerto o venres.

Na sesión de debate profesional, o sector da música analizará a súa forza como fonte de recuperación económica, dentro do foro As industrias culturais de Galicia e do norte de Portugal en tempos de crise. Retos, recursos e modelos de éxito, organizado conxuntamente pola Axencia Galega das Industrias Culturais da Consellería de Cultura e Turismo, a Direccão Regional de Cultura do Norte do Ministerio de Cultura portugués e a Asociación Culturgal, baixo o programa Creativa.

Ademais, o Coro da rá e o Quinteto de Metais CMUS Manuel Quiroga movilizarán aos viandantes cara ao Pazo da Cultura con actuacións nas prazas da Verdura e da Ferrería.

26, 27 e 28 de novembro de 2010
Pazo de Congresos e Exposicións de Pontevedra

Para descargar o programa musical prema aqui

www.culturgal.com

   

X Encontro de pandeireta galega e Asturiana

23.11.10

O vindeiro sábado 27 de Novembro, festa rachada e convivencia astur-galaica xa por décima vez. Celebrarémolo como o merece na fermosa vila de Corcubión (A Coruña), na Fisterra galega.

Vide tod@s compartir anacos de cultura entre pobos curmáns, da man das pelicas e ferreñas e dos cantos ancestrais das nosas cantadeiras que nos botarán a beillar e a troulear deica o nacer do día.

Programa.

-20,30h. Recibimento no Hotel-Restaurante As Hortensias de Corcubión, no lugar de Quenxe.

-21,00h. Cea-confraternización a base de produtos do país (mexillóns ao vapor, empanada, carne ao caldeiro, bo viño da terra, postre, café con “jotas e muiñeiras”...).

-23,30h. Actuación dos grupos:
-Cantaruxare pandereteros (Uviéu-Asturies).
-Bouba pandereteiras (Tordoia e Ordes-Galiza).

-Ao remate, festa rachada deica a alborada (cando menos!!).

Ademais, para celebrar como se merece este décimo Encontro, contaremos coa participación sorpresa dunhas convidadas moi especiais... que non volo conten, hai que vivilo!!!

Inscricións.

-Enviar datos persoais (nome e apelidos, teléfono, e-mail de contacto) antes do día 15 de Novembro ao enderezo electrónico:

Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo .

Prezos e pagamento.
-Cea máis concertos: 20 Euros. Socios U.P. Corcubión: 18 Euros.
-Cea máis aloxamento n’As Hortensias: 40 Euros.
-Só concertos (abónase na entrada): 5 Euros.

Ingreso na conta 2091-0023-13-3040005106-Caixa Galicia. Especificar “Encontro” ou “Alcuentru” e mailo nome do/a pagador/a.

Non esquezades traer o resgardo de pagamento o propio día do Encontro.

Máis información no teléfono 657 209 731 (Guillerme).

Organiza: Colectivo Transeu.
Colabora: Universidade Popular de Corcubión.

http://www.blogoteca.com/malmequer/

   

XV Xantar Gaiteiro (2010)

30.03.10


Aínda estades a tempo para anotarvos no XV Xantar Gaiteiro, amplíase o prazo ata o Venres 9 de Abril.

Un ano máis, a Asociación de Gaiteiros Galegos quere convidarvos ao XV Xantar Gaiteiro. Será o vindeiro Domingo 11 de Abril, ás 14:30 horas, no restaurante Agarimo de Lalín.

Esta xuntanza non ten outra finalidade que a de pasar un día agradable en compaña dos que gustamos da música tradicional. Quen así o queira poderá traer o seu instrumento para compartir a súa música co resto de convidad@s despois do xantar.
Para asistir ao XV Xantar Gaiteiro, deberás poñerte en contacto connosco antes do 9 de Abril, indicando, se é o caso, o número de persoas que te acompañarán. Máis abaixo tes diversos xeitos para facelo.

• DATA: 11de Abril de 2009. 14:30 horas (prégase puntualidade).
• LUGAR: Restaurante Agarimo – 986 78 09 02. Avda de Montserrat 2, 36500 Lalín. Pontevedra
• MENÚ: Cocido Completo. Queixo con marmelo, leite fritido e filloas. Auga, mencía, augardente e queimada.
• PREZO: O prezo é de 25 euros por persoa que serán entregados ao entrar.
• RESERVA: Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo . Teléfono/Fax: 986 847 074

Agardamos a túa participación
   

VI Mostra de Cuartetos Tradicionais nos Colexios

26.01.10


A Asociación de Gaiteiros Galegos considera que os rapaces son o xerme da nosa música polo que se achega ós colexios mediante unhas charlas a cargo de Felipe de Rea, nas que se explica a importancia que tiveron estas formacións na música tradicional galega e nas que se fai unha mención especial ó percorrido musical do Mestre Landín Pazos.

Máis de 200 escolares do Concello de Marín tiveron oportunidade de coñecer a música tradicional da súa comarca coas presentacións didácticas levadas a cabo co gallo da VI Mostra de Cuartetos Tradicionais de Marín.

Os alumnos do terceiro ciclo de primaria divírtense ó son da gaita que esperta o interese das novas xeracións e ameniza a actividade que da pé a visitar a exposición que estará no Museo Manuel Torres ata o 30 de Xaneiro.


   

GUSTAVO FREIRE NA MEMORIA

20.01.10



A Asociación Cultural "Cantigas e Frores" de Lugo organiza para o vindeiro sábado o acto “Gustavo Freire na memoria”.


Durante o transcurso do acto realizarase a presentación dos libros "Asi fan os Bailadores”, "Gustavo Freire na Galicia da época Nós" e "Non Chores Sabeliña".


Éste acto contará a maiores coas actuacións da Banda de Gaitas da Asociación Cultural "Cántigas e Frores" e do Cuarteto de Acordeóns "Tasabala”.


O acto terá lugar no Salón Rexio do Círculo das Artes de Lugo o día 23 de Xaneiro ás 19.00 Horas.



A organización corre a cargo da Asociación Cultural "Cántigas e Frores", e conta coas colaboracións da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, a Editorial Dos Acordes e o Círculo das Artes de Lugo.
   

Día do Orgullo Gaiteiro

10.12.09



Celebrarase os días 11 e 12 de Decembro no Edificio de Ferro da Universidade de Ourense e no Auditorio desta mesma cidade respectivamente.

Nesta ocasión estará Dorothé Schubarth que, xunto con Antón Santamarina, impartirán unha conferencia o dia 11 de decembro e o Sábado 12 recibirán unha homenaxe xunto ó gaiteiro Faustino Luís Seoane, gaiteiro do Canizo - A Gudiña.

Este mesmo día actuarán Xabier Blanco e as pandereteiras Os Muiños de Oliveira.

O rematar, as 22:30 hai Cea - festa, no local de Aixiña (xunto o Paco Paz)


Prezo: 20€ (15€ para alumnos da AOFT):

Reservas: Gonzalo 654 173 524,
Fernando 658 370 849 ou no correo Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo


Máis información: http://aoftou.spaces.live.com/

   

20 Anos de Música Galega

09.12.09



A Fundación Caixa Galicia dentro do ciclo "20 anos de cultura" propón o debate aberto "20 Anos de Música Galega".


Terá lugar o 12 de Decembro ás 12h no Centro Social de Caixa Galicia en Lugo.


Contará con Xurxo Souto como moderador e coas intervencións de Mercedes Peón, Fernando Luaces, Suso Atanes e Alberto Comesaña.


   

VIII ALCUENTRU/ENCONTRO DE PANDEIRETA GALEGA E ASTURIANA

29.10.09

O vindeiro sábado 14 de Novembro, terá lugar o VIII Encontro de Pandeireta Galega e Asturiana, na Sala Retrouso da praia de Samil (Vigo). Ofrecerase cea a base de cocido e os concertos de dous grupos de pandereteiras galegas e un asturiano.
O prezo é de 23 €. Pódese facer a reserva no seguinte enderezo de correo electrónico: Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo .
   

JUELLES, Encontro de Gaitas Europeas

26.10.09

A Vicepresidencia do Goberno de Cantabria, a través da Dirección Xeral de Asuntos Europeos e Cooperación ao Desenvolvemento, en colaboración coa Asociación de Toque Pechado, puxo en marcha o espectáculo "JUELLES: Encontro de Gaitas Europeas", un escaparate para as distintas gaitas europeas no que interveñen algunhas das principais e máis virtuosas figuras internacionais como Diarmaid Moynihan (Irlanda), Patrick Molard (Bretaña), Ventzislav Andonov (Bulgaria), Hana Klímová (República Checa), Oscar Ibáñez (Galicia), Roberto Diego (Cantabria), Jorge Areces (Asturias), ou Simó Busquets (Cataluña).

Ao mesmo tempo "JUELLES: Encontro de Gaitas Europeas" pretende ser un espazo para a convivencia, un punto de encontro e de intercambio cultural referencial, para todos os gaiteiros e todas aquelas persoas sensibles á música tradicional, que percorrerá diferentes municipios da rexión cántabra como Santoña, Torrelavega, Reocín, Reinosa, Colindres, Cabezón de la Sal e Val de San Vicente, durante os días 29, 30 e 31 de outubro, pondo en relevo os valores do Ano Europeo da Creatividade e a Innovación.

Antes do espectáculo as distintas localidades serán amenizadas cun pasarúas a cargo de bandas de gaitas como "Cantabria", "La Montaña", "Vicaruela", "Traslarroza", "Gaiterus Tresmeranus", "Villa de Colindres" ou "Los Gaiteros de Pechón".

Como actividade paralela os gaiteiros que o desexen terán a oportunidade de asistir a unha master class de uilleann pipes con Diarmaid Moynihan ou de highland bagpipe con Patrick Molard, que se celebrará o sábado 31 de outubro en Reocín. A inscrición na master class será gratuíta e realizarase, ata o venres 30 de outubro, enviando un e-mail a Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo , no que se indique o nome, apelidos, DNI, dirección, teléfono e e-mail do interesado, e a master class elixida.

Para darlle a maior difusión posible o espectáculo "JUELLES: Encontro de Gaitas Europeas" será emitido por AQUÍ TV para toda a comunidade cántabra e o audio será gravado en directo para a edición dun CD.
   

Páxina 1 de 3