Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / PRESENTACIÓN DO ARQUIVO DO PATRIMONIO ORAL DA IDENTIDADE

PRESENTACIÓN DO ARQUIVO DO PATRIMONIO ORAL DA IDENTIDADE

Varios

O xoves 25 de xuño celebrarase a presentación pública do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade en Santiago de Compostela.

O APOI xorde como consecuencia da evolución do programa de dixitalización, catalogación, estudo e difusión do patrimonio inmaterial que o Instituto de Estudos das Identidades do Museo do Pobo Galego pon a andar en abril de 2007. Un arquivo destas características, público e accesible e que dá conta da autoría das achegas que se incorporan, pasará desde o Museo a ser un arquivo do pobo galego que teña a ben participar nel. Neste momento xa está accesible un avance do traballo realizado na páxina web que ha ser o aloxamento do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade.

Na reunión, que se celebrará no Museo do Pobo Galego o xoves 25 de xuño ás 18:00h, as persoas responsables do desenvolvemento do proxecto, desde os compiladores que fixeron as primeiras contribucións, Mini Rivas e Mero Iglesias, ata os informáticos de AmaroukStudio, xunto aos técnicos de Sons da Vila que se ocupan da dixitalización e Sergio de la Ossa, responsable das transcricións, estarán a disposición dos asistentes para responder a todas as cuestións que poidan resultar de interese.