Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / ASAMBLEA ABERTA NA SALA NASA

ASAMBLEA ABERTA NA SALA NASA

Varios

Komunicando.net vén de publicar un comunicado en relación aos cambios realizados recentemente na programación da Radio Galega, e en apoio á presenza da música galega en dito ente público.

Extracto do Manifesto Básico pola Defensa da RTVG (Fonte: komunicando.net):

Diante da eliminación da música galega do programa ABERTO POR REFORMAS, e en relación coa deformación e perversion dos seus contidos [...] entendemos que esta medida de eliminación da música en lingua galega supón un paso máis na política de represión, empobrecemento e marxinación que os responsábeis políticos da Xunta de Galiza están a realizar contra a lingua e a cultura dos galegos e galegas.

Queremos denunciar, como xente preocupada pola nosa música e a nosa cultura, esta agresión dirixida –cunha intención política e simbólica evidente- contra un dos veículos de comunicación do movimento de Rexurdimento Musical que as novas xerazóns do mundo da música estamos a protagonizar, impulsado por unha sociedade que sabe valorar a sua criatividade.

Queremos posicionarnos e defender de forma decidida, belixerante e irrenunciábel a presenza da música galega na nosa Radio Pública.

Queremos dirixirnos á xente sensível coa nosa cultura e coa nosa música, para sumarse a esta denuncia, a esta reivindicación lexítima: A MÚSICA GALEGA DE VOLTA Á RÁDIO GALEGA!

Pedimos que se restableza un programa diario que de conta dos traballos musicais editados en galego e que conte cos seus protagonistas e que a nova programación non elimine contidos culturais propios en todas as súas variantes: música, cine, libros e arte en xeral.

Pode consultar o texto íntegro do manifesto e asinalo aquí.

Asimesmo, queda convocada unha Asemblea Aberta para tratar este tema e adoptar unha postura común, o sábado 13 de Xuño ás 12:30 h. na Sala NASA de Santiago de Compostela.

Sala NASA
San Lourenzo,51-53 B
Santiago de Compostela