Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / AGG / CELEBRADA A IV EDICIÓN DO SEMINARIO SOBRE PALLETAS E PALLÓNS PARA GAITA GALEGA

CELEBRADA A IV EDICIÓN DO SEMINARIO SOBRE PALLETAS E PALLÓNS PARA GAITA GALEGA

AGG

O día 25 de Abril celebrouse no Edificio Multiusos de Melide a IV Edición do Seminario sobre palletas e pallóns para gaita galega. Unha actividade a través da cal a Asociación de Gaiteiros Galegos pretende dar a coñecer os segredos destes pequenos anacos de cana, fundamentais para acadar un correcto son e afinación na gaita.
Pablo Carpintero e Xoan Ramón Marín foron os encargados de relatar interesantes detalles sobre palletas antigas e un método de construción de palletas respectivamente, ante unha sala repleta de xente interesada neste mundo da gaita galega.
Xa pola tarde, foi o momento de poñer en práctica os coñecementos adquiridos nun obradoiro sobre a construción de palletas e pallóns. Da man de Alexandre Cadarso, e paso por paso, os asistentes puideron observar as diferentes fases da elaboración para logo facer as súas primeiras palletas.
O IV Seminario sobre palletas e pallóns lévase a cabo dentro da extensa programación de actividades da Foliada de Melide, onde a Asociación de Gaiteiros Galegos estivo presente durante a fin de semana cun posto informativo e de venda de publicacións.



Presentación do libro O Berce das Palletas

Un dos actos máis salientables deste IV Seminario sobre palletas e pallóns foi a presentación do libro O Berce das Palletas.
O seu autor, Xoán Ramón Marín tivo a ocasión de facelo en persoa, para explicar os seus contidos e asinar diversos exemplares ao remate do acto.
O Berce das palletas contribuirá a que os gaiteiros e gaiteiras teñan a man unha ferramenta que lles permita coñecer a fondo cal é o proceso de construción da peza que constitúe a alma da gaita. Sabendo como construíla, será entón doado manexala e adaptala ás propias necesidades tímbricas e de afinación.

Dende a Asociación de Gaiteiros Galegos agardase que esta nova publicación, que en breve estará á venda nas librerías do país, sexa de gran utilidade e contribúa a afastar do esquecemento outro anaco do coñecemento tradicional.