Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / PRESENTACIÓN ANTES OS MEDIOS DE TRECE LÚAS, NOVO TRABALLO AUDIOVISUAL DA AGG

PRESENTACIÓN ANTES OS MEDIOS DE TRECE LÚAS, NOVO TRABALLO AUDIOVISUAL DA AGG

Varios

O venres 3 de Abril, a Asociación de Gaiteiros Galegos fixo a presentación oficial ante os medios de comunicación da súa nova proposta audiovisual para este ano 2009: Trece Lúas. Trátase dun Libro – CD – DVD sobre os ciclos do ano, no que a través dos seus textos, músicas e imaxes podemos facer un percorrido polas tradicións máis relevantes de cada mes.

Durante a rolda de prensa, Santiago Caneiro, presidente da AGG, salientou o traballo da asociación en prol da divulgación da nosa música tradicional con traballos como Trece Lúas, que continúan o camiño aberto coas anteriores publicacións neste sentido - O Quiquiriquí e Pelo Gato 24 -. Reiterou tamén o compromiso da AGG coa cultura galega e a necesidade de elaborar materiais didácticos para facer chegar as nosas tradicións aos máis novos. Por último agradeceu á Universidade de Vigo e á Consellería de Cultura da Xunta de Galicia a súa implicación no proxecto.

Pola súa banda, Iván Area, Vicereitor de relacións institucionais da Universidade de Vigo, mostrouse satisfeito polo resultado da colaboración neste traballo entre a entidade que representa e a AGG, unha colaboración que xa se mantén dende anteriores publicacións. Insistiu no papel da universidade como garante da conservación e posta en valor do noso patrimonio, colaborando activamente con outras entidades culturais e con iniciativa propia, como no Proxecto Ronsel, que impulsado dende a Universidade de Vigo traballa pola salvagarda do patrimonio cultural inmaterial galego.