Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / IV SEMINARIO SOBRE PALLETAS E PALLÓNS PARA GAITA GALEGA

IV SEMINARIO SOBRE PALLETAS E PALLÓNS PARA GAITA GALEGA

Varios


A Asociación de Gaiteiros Galegos quere convidarvos un ano máis ao Seminario sobre Palletas e Pallóns para Gaita Galega. Unha actividade que camiña pola súa cuarta edición, e a través da cal pretendemos dar a coñecer os segredos destes pequenos anacos de cana, fundamentais para acadar un correcto son e afinación na gaita. Así trataremos diversas temáticas, dende a historia das palletas á súa construción e tipos e a súa correcta selección, uso e mantemento.

Este ano, o seminario celébrase o sábado 25 de Abril, encadrándose de novo dentro das actividades da Foliada de Melide, o que nos permite unir esforzos coa Asociación O Castelo na nosa tarefa de difusión da cultura tradicional nas súas diferentes expresións. Pero, a diferenza de anos anteriores, facemos unha proposta máis ampla, na que ademais das Conferencias da mañá, con Pablo Carpintero e Ramón Marín, temos programada unha demostración de construción de palletas durante a tarde. Cabe salientar a presentación do libro O Berce das Palletas, editado pola AGG, e que abre unha nova etapa da Asociación no tocante a publicacións sobre música tradicional.