Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / O GRUPO OS MONTES RECIBIRÁ, EN LUGO, UNHA HOMENAXE O SÁBADO 1 DE MARZO

O GRUPO OS MONTES RECIBIRÁ, EN LUGO, UNHA HOMENAXE O SÁBADO 1 DE MARZO

Varios

A Asociación Cultural Cántigas e Frores organiza o sábado día 1 de marzo ás 20:00 horas, no Salón Rexio do Circulo das Artes de Lugo, unha homenaxe ao mítico grupo lucense Os Montes. Esta homenaxe enmarcase dentro das actividades organizadas por Cántigas e Frores co gallo do seu 60 aniversario e será un acto aberto ao público. O recoñecemento á laboura destes músicos, que durante décadas dignificaron a música tradicional, será a razón de ser deste encontro que contará coa presenza de Jaime Barreiro, Secundino Penado, Manuel R. Ferro e Manuel Redondo Piñeiro, todos eles membros de Os Montes e, auténticos protagonistas da xornada.

No transcurso da homenaxe representantes da Asociación Cultural Cántigas e Frores entregaranlles, aos excompoñentes de Os Montes, un agasallo conmemorativo como agradecemento ao seu traballo, co cal a cidade de Lugo puido presumir dun dos grupos de gaiteiros máis afamados do país. Durante o acto anunciarase a solicitude que, dende a Asociación Cultural Cántigas e Frores, se lle fixo ao Concello de Lugo para que unha rúa da cidade leve o nome de Os Montes.

Para rematar haberá unha actuación na que a Banda de Gaitas de Cántigas e Frores, o cuarteto Andaina (Lugo) e o cuarteto de gaitas de Cantigas e Frores interpretarán, entre outras, pezas do repertorio de Os Montes.