Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / IX CERTAME DE DEBUXO PARA ESCOLARES SOBRE OS INSTRUMENTOS DA MÚSICA TRADICIONAL GALEGA ORGANIZADO POLA TRADESCOLA

IX CERTAME DE DEBUXO PARA ESCOLARES SOBRE OS INSTRUMENTOS DA MÚSICA TRADICIONAL GALEGA ORGANIZADO POLA TRADESCOLA

Varios

tradescolaO certame de debuxo “Os Instrumentos da Música Tradicional Galega – A Zanfona” é unha iniciativa posta en marcha pola Tradescola (escola de música e baile tradicional xestionada pola Asociación de Gaiteir@s Galeg@s na cidade de Lugo) en colaboración coa Área de Cultura (Vicepresidencia) da Deputación de Lugo e que acada este ano a súa novena edición. Nesta edición o instrumento elexido é a Zanfona, e os debuxos versarán sobre este instrumento.

A finalidade desta actividade, dirixida ás nenas e nenos de primeiro, segundo e terceiro curso de primaria dos centros de ensino da provincia de Lugo, é potenciar e difundir entre os máis pequenos a música e a cultura tradicional galega, axudar a que coñezan os nosos instrumentos, a nosa historia e costumes dun xeito natural dende os primeiros anos, fomentando actitudes de respecto e valoración da mesma.

É necesario que se produza un proceso de transmisión da cultura, o que constitúe unha garantía da conservación das nosas tradicións e, en definitiva, do noso patrimonio cultural.

A Tradescola constitúe un proxecto educativo xestionado pola Asociación de Gaiteir@s Galeg@s que busca formación para todas e todos aqueles que queiran achegarse á música e ao baile tradicional galego. A maiores, organiza actividades complementarias vencelladas coa difusión da cultura tradicional, como é o caso deste IX Certame de debuxo sobre os Instrumentos da Música Tradicional Galega, que neste caso estará adocado á zanfona, co que ademais de fomentar o coñecemento da nosa cultura musical, axúdase a potenciar as destrezas manuais e a imaxinación dos rapaces.

Os debuxos e os dorsos dos debuxos, deberanse enviar (escaneados ou fotografiados) por correo electrónico á Tradescola ( Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo )ata o 27 de maio de 2022.

O xurado do certame estará composto por membros do profesorado da Tradescola, que seleccionarán un total de 10 debuxos finalistas que serán premiados cun lote de material didáctico. Dos 10 debuxos finalistas, seleccionarase un gañador@ que recibirá un premio consistente na matricula de balde nunha materia na Tradescola no curso 2022/2023. O centro educativo ao que pertenza @ gañador@, terá tamén un agasallo a maiores, consistente nun concerto didáctico de música tradicional a cargo da Tradescola no curso 2022/2023.

Se o teu centro de ensino quere participar pode poñerse en contacto coa Tradescola por correo electrónico ou chamando ao 982229966 . Esperamos os vosos debuxos!!!!