Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / “ DO TRADI AO TRAP... BAILA MORENA” - Charla - Obradoiro de sensibilización contra a violencia de xénero a cargo de Branca Villares

“ DO TRADI AO TRAP... BAILA MORENA” - Charla - Obradoiro de sensibilización contra a violencia de xénero a cargo de Branca Villares

Varios

25n 2021-2022_violencia-de-xenero_peq - copiaA Tradescola, escola de música tradicional galega que xestiona a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s na cidade de Lugo, organiza para mañá xoves 25 de Novembro ás 19.30 horas no Centrad (Lugo) unha actividade de sensibilización contra a violencia de xénero consistente na charla – concerto que leva por título “ DO TRADI AO TRAP... BAILA MORENA” que estará impartida por Branca Villares e que conta coa axuda da area de Cultura do Concello de Lugo.

Na música tradicional galega, un nutrido grupo de mulleres ten iniciado un proceso de revisión do noso cancioneiro popular. Querendo avanzar na igualdade e na loita contra as violencias, abordan dende o concreto do seu ámbito a seguinte cuestión: “sobre qué estamos a cantar?”

Determinadas mensaxes agresivas son moitas veces naturalizadas, cántanse toleradas coa aura doutro tempo. Ante a necesidade de entendelas no seu contexto, xorde tamén a dúbida sobre a pertinencia de seguirmos interpretando hoxe esas cantigas, lanzando esas mesmas mensaxes.

Este traballo vai polo seu cuarto ano de andaina, e o proceso de debate está a ser un valor en sí mesmo. Entender a historia das desigualdades que sufriron as mulleres que nos precederon a través dos cantos que delas aprendimos é unha lección de vida.

Branca Villares, mestra de música tradicional que ten iniciado co alumnado estes grupos de reflexión colectiva, plantéxase novos xeitos pra extender e propiciar o debate, visibilizar a problemática, e que outros ámbitos se poidan nutrir da experiencia destes grupos de mulleres.

Con mais de 15 anos de experiencia na docencia musical con rapaces e rapazas, Branca Villares plantexa trasladar este debate a toda a sociedade poñendo en valor o relato dos procesos de reflexión das mulleres da música galega e convidar á rapazada a confrontar os contidos dos seus referentes nas músicas urbanas actuais e a sua expresión nas redes. Teñen tamén o pouso da violencia contra as mulleres??

Artellando estes foros de interacción e cuestionamento en espazos tanxibles é onde podemos fomentar o espírito crítico, o consumo responsable ou a asertividade entre os nosos mozos e mozas.

Para esta ocasión, Branca Villares estará acompañada no seu relatorio por alumnado da Tradescola, concretamente por aulas de perfeccionamento de canto tradicional e de pandeira que poñerán a nota musical da actividade.

Esta actividade organízase co obxectivo de promover e facer visible o noso rexeitamento ante calquera tipo de violencia contra as mulleres.

O aforo é limitado, e accederase por orde de chegada.