Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / A TRADESCOLA ORGANIZA DOUS NOVOS CONCERTOS DIDÁCTICOS DE MÚSICA TRADICIONAL PARA ESCOLARES DE BECERREÁ

A TRADESCOLA ORGANIZA DOUS NOVOS CONCERTOS DIDÁCTICOS DE MÚSICA TRADICIONAL PARA ESCOLARES DE BECERREÁ

Varios

cartaz cdtrad_becerrea - pqA Tradescola, escola de música tradicional galega que xestiona a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s na cidade de Lugo, retoma de novo as súas actividades de promoción e difusión da música e do baile tradicional na provincia. Concretamente, o vindeiro mércores 28 de abril achegarase ata o concello de Becerreá, concretamente ao CEIP San Xoan de Becerreá para impartir unha nova xornada de música tradicional para escolares. Con estas xornadas, que contan coa axuda da área de Cultura da Deputación de Lugo, a Tradescola pretende achegar á comunidade escolar a nosa música e a nosa cultura tradicional, dun xeito ameno e didáctico a través dos concertos impartidos nos distintos centros.

Realizaranse dous concertos, que estarán impartidos polos mestres da Tradescola, Roberto Rodríguez, Miguel Anxo López. Alberto Núñez e Bruno Villamor: Nos concertos amosaránselles aos alumn@s distintos instrumentos, ritmos, e melodías protagonistas da música tradicional e popular galega.

Os concertos didácticos realizaranse no exterior e cumprindo todas as medidas fronte á Covid 19.