Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / A ASOCIACIÓN DE GAITEIR@S GALEG@S (AGG) VEN DE ENVIAR UNHA PROPOSTA PARA INCLUIR AO BAILE TRADICIONAL NO PLAN INTEGRAL DE DANZA DE GALICIA NO QUE ESTÁ A TRABALLAR O AGADIC

A ASOCIACIÓN DE GAITEIR@S GALEG@S (AGG) VEN DE ENVIAR UNHA PROPOSTA PARA INCLUIR AO BAILE TRADICIONAL NO PLAN INTEGRAL DE DANZA DE GALICIA NO QUE ESTÁ A TRABALLAR O AGADIC

Varios

logo agg v2-01 2 - pqO pasado 1 de marzo a Agadic presentou un Plan Integral para a Danza de Galicia. Nel explícase a necesidade dunha redefinición e revisión dos alicerces, intereses e necesidades para potenciar e manter o papel protagonista da danza entre a cidadanía.

Na AGG celebramos que se tomen iniciativas en defensa da cultura galega, pero consideramos que presenta unha enorme eiva ao non incluír no grupo de traballo representación algunha do sector do baile tradicional.

Por ese motivo, enviouse unha proposta para que se inclúa dentro dese grupo de traballo a algún ou algunha persoa ou entidade en representación do baile tradicional.

A AGG recibiu contestación por parte da Agadic, indicando que engadirán a información proporcionada ao informe que analizará o grupo de coordinación do Plan Integral para a Danza nas súas reunións (coa suxestión desta nova incorporación) e que seguirán informándonos dos seguintes pasos que se desenvolvan neste proceso.

A AGG ofreceu á AGADIC colaboración e asesoramento en todo o tocante ao noso baile tradicional.

 

Se queres ver a proposta enviada preme no título da nova.

Proposta enviada ao AGADIC:

Dende a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s non podemos mais que celebrar que se tomen actuacións que teñan como obxectivo a mellora da situación da danza galega, mais consideramos que nesta proposta falta unha parte moi importante e significativa do sector, pois non atopamos que esté representada a danza tradicional.

Malia que na propia información de presentación do plan, no punto 2) “Elaboración do plan integral para danza” indícase a creación dun grupo de traballo con representantes de todos os axentes do sector: administración autonómica, salas, empresas e compañías, entidades formativas, programadores, danza tradicional, festivais, etc., non atopamos no listado do documento do PID, no que se indican ás persoas integrantes do citado grupo, a ningún representante do ámbito da danza tradicional.

Como recolle o propio documento, cómpre ter unha visión actual clara e real da danza para poder traballar nos retos que se terán que superar no presente e no futuro, e, por suposto, coñecer a situación dos recursos cos que o sector da danza conta no seu conxunto, co fin de establecer, a partir dun marco de referencia concreto, os obxectivos e actuacións necesarias para adecuar a danza ás necesidades reais do contexto galego, e para establecer tamén as estratexias conxuntas que melloren a súa situación futura.

A nosa danza tradicional por razóns xeográficas, ou de relacións socioculturais ten un carácter propio de expresión, ao que se lle suma a grande variedade de ritmos, coreografías e posicións corporais. O noso baile de raíz é produto dunha transmisión tradicional na que operan 3 factores: continuidade, variación e selección. A continuidade refírese a que o baile está en constante evolución dentro da nosa sociedade, pero que sempre liga o pasado co presente; a variación xurde das achegas individuais, e a selección é a elección instintiva que fai ao longo do tempo a comunidade, das variantes que máis lle cadran. Este último proceso fixo que se perderan ao longo do tempo moitas tipoloxías de bailes, representadas en lugares concretos da nosa xeografía.

Son centos as escolas de danza tradicional repartidas polo noso país, que procuran unha recuperación, conservación e posta en valor do noso baile, seguindo as ensinanzas tradicionais que durante décadas fóronse recuperando polas aldeas e pobos do noso país. O noso baile conserva parte de esa cadea de transmisión e ensinanza tradicional, pero á súa vez adaptouse tamén ós cambios nas comunidades, e converteuse en parte, nunha ensinanza “académica” con horas de ensaios, e por suposto espectáculos baseados na nosa tradición e na recuperación do noso Patrimonio Cultural Inmaterial.

A ausencia de representantes da danza tradicional no PID constitúe unha gran eiva, xa que para que o plan poida identificar, analizar e revisar os intereses e necesidades da totalidade do abano de características que abrangue a danza en todos os seus ámbitos de expresión, consideramos que é fundamental que se vexan representados todos os axentes.

Para reparar esta eiva propoñemos:

  • Que o grupo de traballo incorpore tamén a algún axente en representación da danza tradicional como medida necesaria, indispensable e imprescindible.