Alumnado do CEP Brea Segade de Taragoña (Rianxo) elabora un cancioneiro para recuperar o patrimonio cultural, musical e lingüístico da vila
Mércores, 13 Xaneiro 2021 11:12
O proxecto Cancioneiro escolar urxente de Rianxo (CEUR) foi elaborado polo CEP Brea Segade de Taragoña e impulsado polo SNL do Concello de Rianxo a través da edición do volume en formato físico e nace coa vontade de recuperar o patrimonio cultural, musical e lingüístico da vila, xa que nel se recollen cantigas, partituras e historias de moitas composicións rianxeiras que, ou ben non estaban recollidas documentalmente en ningún lado, ou o acceso a estas non resultaba moi doado: Prosas de Reis, cantigas de Entroido, cantos dos maios, cantigas infantís e arrols, cancións emblemáticas como a Ondiñas da nosa ría orixinal ou o Paxaro pinto, ritmos bailables, fiadas e seráns, pregarias e esconxuros ou mesmo algunha cantiga de corte social vai ser o que se atope quen decida indagar no contido desta tan interesante como necesaria obra.
O primeiro volume, coordinado polo docente e investigador musical, José Luís do Pico Orjais, pretende servir á vez de guía e de ferramenta de traballo para que os diferentes axentes municipais implicados na divulgación do patrimonio musical e cultural de Rianxo o poidan empregar nas súas aulas e sesións. Profesorado de música dos centros de ensino, asociacións culturais e musicais do concello, a Escola de Música, a Aula musical da UNED Senior, etc., son algúns dos receptores desta obra que de seguro resultará moi útil desde o punto de vista cultural, social e académico.
No sitio web https://concelloderianxo.gal/cancioneiroescolarurxente a cidadanía ten á súa disposición o contido do volume en formato PDF e ademais dispoñemos de todo o material dixital creado polo CEP Brea Segade para quen o desexe empregar: unidades didácticas, actividades escolares, audios e vídeos coas interpretacións das cantigas, etc.
• Descarga do Cancioneiro Escolar Urxente de Rianxo (PDF)
• Aula Virtual Aberta con contidos complementarios do Cancioneiro escolar urxente
• Actividades no sitio web da Biblioteca Brea Segade