Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio

Fía na Roca ten á venda o quinto disco, "Vente vindo", catorce temas cantados na súa maior parte, e gravada seguindo un proceso novo, participativo e moi vivo.

Levaban tres anos sen gravar, porque como explicou na presentación do cedé Xosé Ramón Vázquez, «somos un grupo libre e independente, que traballamos sen presión comercial nin discográfica. Non temos présa, e menos no panorama actual, no que os grupos escóllense en probas de selección». Tamén deixou clara unha cousa que parece que asenta no sector musical galego: «Temos que esquecer traballar só en Galicia, debemos proxectarnos fóra e máis aló do Estado».

Con ese espírito emprenden unha etapa nova, coa voz de Sonia Lebedynski por primeira vez na maioría das pezas. Iso non significa que renuncien aos principios e as orixes do grupo, que pasan por facer música actual partindo da tradicional e arriscando artisticamente con cada novo paso na súa traxectoria.

"Vente vindo" gravárono en catro días en Angueira, froito dun traballo colectivo, de colaboracións duns e doutros, con arranxos e composicións novas, con Pablo Barreiro de técnico de son e responsable da gravación, nun concerto sen público nin luces, pero con todo o que fai falta para sacar un produto co que están satisfeitos e con gañas de ir de xira todo o verán.