Asociacion de Gaiteiros Galegos

Gaiteiros galegos
Inicio / Novas / Varios / O Entroido chega á TRADESCOLA!!!!

O Entroido chega á TRADESCOLA!!!!

Varios

cartaz trad_entroido2019Xa estamos no Entroido e na Tradescola, escola de música e baile tradicional galego que xestiona a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s na cidade de Lugo, queremos celebralo cunha nova actividade de difusión e promoción da cultura tradicional propia destas datas!!

O vindeiro martes día 26 de febreiro coñeceremos o Entroido Ribeirao da man dos nosos compañeiros da Asociación Amigos do Entroido Ribeirao que nos ofrecerán unha charla sobre o seu Entroido para que todos os asistentes coñezamos un pouco máis desta parte do noso patrimonio inmaterial. Será no salón de actos da Tradescola (Centro Lug 2 - Rúa Pintor Corredoira 4 - Lugo) a partir das 16.30 horas.(entrada de balde ata completar aforo)

Ao remate da charla, acompañarannos polas rúas de Lugo no Folión que partirá da Tradescola ás 18.00 h. e onde todos os alumnos e alumnas que queiran participar irán marcando os ritmos característicos do Folión. Faranse paradas en distintas rúas e prazas da cidade e realizaranse pequenas intervencións con bailes e cantos típicos do entroido.

Quen queira participar no Folión pode traer bombos, chocas, ou “ferramenta” (sachos, cunchas, latas… o que faga ruido) e acompañar cos toques no Folión. Animádevos a acompañarnos!!!