Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / A TRADESCOLA ORGANIZA NOVOS CONCERTOS DIDÁCTICOS DE MÚSICA TRADICIONAL PARA ESCOLARES DE FRIOL

A TRADESCOLA ORGANIZA NOVOS CONCERTOS DIDÁCTICOS DE MÚSICA TRADICIONAL PARA ESCOLARES DE FRIOL

Varios

cartaz cdtrad_friol_web - pqA Tradescola achegarase ata Friol, concretamente ao CPI Dr. López Suarez para impartir unha nova xornada de música tradicional que terá lugar o mércores 21 de marzo. Con estas xornadas, que contan coa axuda da área de Cultura da Deputación de Lugo, a Tradescola pretende achegar á comunidade escolar a nosa música e a nosa cultura tradicional, dun xeito ameno e didáctico a través dos concertos impartidos nos distintos centros.

Nesta ocasión realizaranse tres sesións de concertos a partir das 11.00 horas, para os alumnos de infantil, primaria e secundaria, e estarán impartidos polos mestres da Tradescola Jose Manuel López “Josele” Miguel Anxo López “Chino”, Roberto Rodríguez e Bruno Villamor. En todos os concertos amosaránselles aos alumn@s distintos instrumentos, ritmos, bailes e melodías protagonistas da música tradicional e popular galega.

Un dos obxectivos da Tradescola é incrementar a presenza da música e do baile tradicional galego nos distintos ámbitos da sociedade, e a través de actividades como esta, pretendemos non só difundir a cultura tradicional, senón que ademais queremos amosar esta riqueza cultural dunha maneira aberta, chea de contidos e na que todos e todas as escolares poden participar de xeito activo con preguntas e aportacións, contribuíndo e potenciando deste xeito a divulgación da cultura e a súa conservación.