O espírito tradicional da Agrupación Cultural Moañesa de Música e Danza estréase este fin de semana na súa terra
Xoves, 27 Agosto 2015 09:10
As raíces tradicionais e o espírito folk envolverán Moaña este fin de semana. Despois dun ano de intensos ensaios, progresión e aprendizaxe, a agrupación cultural Moañesa de Música e Danza estrearase o próximo domingo ante o seu público para mostralos a esencial cultural galega. A cita incluirase nun festival que ofrecerá un amplo abano musical e no que a tradición será un factor común.
Esta agrupación naceu oficialmente o ano pasado co obxectivo de recuperar, conservar e difundir o folclore galego. Para iso, os seus compoñentes realizan traballos de recollida e investigación para non desvirtuar a esencia das anteriores xeracións. Na actualidade, contan con dúas seccións principais: unha escola e unha agrupación.
(Prema no título para ler a nova completa)
A música, o canto e o baile son os tres piares esenciais desta nova agrupación que agora se prepara con forza para ensinar ao público todo o que se esconde na tradición galega. Un grupo de baile, as pandereteiras, a charanga popular e a banda de gaitas conforman un grupo que nace con moitas ganas de enxalzar o pasado.
Orixes
Despois dun ano “no forno”, Moañesa de Música e Danza sae á luz cun extenso traballo ás súas costas. A iniciativa xurdiu do primeiro presidente, Juan Pena Costas, e coa axuda dos membros da primeira xunta directiva, Raquel Paredes, Ana Belén Martínez,Verónica Moledo, María Framil, Carmen Fernández e, posteriormente, Francisco Lemos.
Dende o primeiro momento sentáronse as bases do que sería un proxecto “serio e de calidade“, apoiado nun profesorado titulado e unha dilatada experiencia. Os profesionais Xosé Oliveira, Miguel Sotelo e Carmen Álvarez son os encargados de mostrar aos seus alumnos os detalles da música e o baile galego para que o espírito tradicional non se perda e continúe vivo co paso do tempo.