Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / ALALA / FESTA DOS FACHÓNS

FESTA DOS FACHÓNS

ALALA

Esta semana en Alalá....

Aínda que a maior parte das festas en Galicia se celebran no verán, hai outras que conteñen verdadeiros tratados de vellas melodías populares de lareira e taberna: son as festas de inverno. Para vivir en primeira persoa unha das máis espectaculares de Galicia, o Alalá viaxará ata Castro Caldelas, en plena Ribeira Sacra, á festa do lume, do viño e da música, chamada Festa dos Fachóns, e alí estará na compaña dos Guezos, que guiarán aos telespectadores por cada recuncho desta festa que se sabe cando comeza, pero se descoñece cando e como remata.
Na Festa dos Fachóns xa tocaban hai dous séculos os míticos Trabazos de Castro Caldelas, un grupo que aprendeu a solfa na emigración a miles de quilómetros de Galicia e que despois espallaría o seu coñecemento á volta, non só polos fachóns en Castro Caldelas, senón por moitas outras vilas da bisbarra.

O seu legado quedou recollido de dúas formas distintas; por un lado, os Guezos cunha versión moderna con guitarras, baixo, teclado ou sintetizador e, por outro, Os Airiños de Caldelas; un cuarteto de gaita, bombo e dúas gaitas tradicionais da zona de Ourense. Son dúas versións cunha mesma meta, que a música popular sirva para o que sempre serviu, para que bailen e se divirtan vellos e novos, algo que na Festa dos Fachóns está totalmente asegurado.