Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Festivais, Foliadas, Romarías / III Día do Orgullo Gaiteiro

III Día do Orgullo Gaiteiro

Festivais, Foliadas, Romarías



Reprodúcese, de seguido, información relativa ao III Día do Orgullo Gaiteiros a celebrar en Ourense os vindeiros días 15 e 16 de decembro de 2006. Toda a información en www.gomesmouro.tk

Moi boas a tod@s

Compráceme anunciarvos a III Edición do día do Orgullo Gaiteiro, organizada polo Aula de Música Tradicional Gomes Mouro de Ourense, que terá lugar os vindeiros 15 e 16 de nadal, e á que vos agradecería lle dérades á maior difusión posible.

DE ONDE VEN E POR QUÉ O “DÍA DO ORGULLO GAITEIRO”

Do 17 de decembro do ano 1458 data o documento, achado polo escritor e historiador Xesús Ferro Couselo, no que o gaiteiro “Gomes Mouro”, do que a nosa Asociación toma nome, é recibido como veciño da vila de OURENSE. Esa data supón pois a primeira constancia escrita da presenza dun gaiteiro en Ourense (a segunda en toda Galiza), e foi tomada pola Aula desde hai xa varios anos como xornada “reivindicativa” e lúdica arredor da nosa música tradicional.
Esa data sempre fora celebrada dun xeito "informal" pola xente da Aula mais no ano 2004, decidimos oficializala, bautizándoa como o “DÍA DO ORGULLO GAITEIRO”, un día no que fronte á universalización que nos conquista, tan enriquecedora e tan empobrecedora ao mesmo tempo, deixar ben claro que a nosa música segue viva, animando a todos os músic@s tradicionais a facer un exercicio de auto-estima combativa fronte a outras músicas que nos inundan.


Máis información.

Baixo ese pretexto, e combinando actividades divulgativas (charlas,
conferencias, exposicións, etc.), e lúdicas, facemos entrega ademais
do PREMIO-HOMENAXE ORGULLO GAITEIRO GOMES MOURO. O ano 2004 foi entregado dito premio a un músico, modelo musical e
como persoa para moitos de nós, D. Francisco Villarino Ojea, gaiteiro de Escornabois, por toda unha vida dedicada ao mundo da gaita. D.
Francisco (Paco de Escornabois) é o espírito musical do antroido de
Castro de Laza, toda unha vida dedicada ao mundo da gaita e aínda
activo hoxe por hoxe aos seus oitenta e moitos anos. No 2005, o premiado, ou mellor dito “premiados”, constitúen para nós outro deses “eslabóns” anónimos e imprescindíbeis na conservación do
noso patrimonio musical: o grupo de Gaiteiros de Vilar (Calvos de
Randín).

ORGULLO GAITEIRO 2006

Dende a edición deste ano 2006, e como novidade, pretendemos que ese premio sexa “dobre”, recoñecendo así o traballo “actual” e o
traballo “histórico”, dunha persoa, grupo ou institución no ámbito da
música tradicional.

Traballo inútil é tratar de deter a tradición, que como tal, está sempre en continuo movemento, o que é ademais sinal de boa saúde; mais
sí é de recibo, pensamos nós, o deter de vez en cando a roda
implacábel do tempo, nun humilde e sincero acto de agradecemento aos que manteñen en pé algo tan fráxil como é o noso patrimonio musical, sobre todo aos que o fixeron en épocas pasadas, escuras e difíciles. Tamén é importante recoñecer o traballo actual, tan "a contra
corrrente" na maioría das veces. Neste ano corresponden eses premios á senlleira figura “in memoriam” de D.Faustino Santalices , e D.Emilio Españadero e o seu programa da radio galega “Lume na Palleira” (do que se cumplen agora 10 anos).

Gracias a todas as entidades colaboradoras (Ateneo, A Esmorga, La
Caixa, Radio Galega, Asocociación de Gaiteiros Galegos). Que a escuridade non volva nunca, e que o orgullo nos ilumine a todolos galegos e galegas, para saber quén somos e quén queremos ser.
Saúde e música.